Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 27 de novembro de 2014 Páx. 48773

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 148/2014, do 6 de novembro, polo que se modifica o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

O 30.3.2012 publicouse no DOG o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

Logo de transcorreren máis de dous anos desde a entrada en vigor desta norma e de avaliar a súa posta en práctica, observáronse algúns aspectos susceptibles de mellora.

A cuestión máis relevante que se acomete nesta modificación normativa é a da regulación do copagamento dos servizos sociais comunitarios distintos do servizo de axuda no fogar, nomeadamente o copagamento dos servizos sociais comunitarios específicos de atención da primeira infancia en centros e instalacións que posibiliten a conciliación da vida laboral e familiar, recollidos no artigo 26.f) do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo, servizos en que se inclúen os das escolas infantís e puntos de atención á infancia (PAI) de titularidade municipal.

A razón do exposto é que no texto do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, non se introducira, no seu día, unha regulación específica e adecuada do réxime de copagamento dos servizos sociais comunitarios específicos de atención da primeira infancia nas escolas infantís e PAI municipais, e isto implica que se apliquen ao copagamento destes servizos as regras xerais que establece o artigo 62, nos seus números 3, 4 e 5, para a regulación do copagamento dos servizos sociais comunitarios distintos do servizo de axuda no fogar, regras que, por non recoller adecuadamente as especificidades dos servizos prestados en escolas infantís e PAI, non resultan acaídas para regular o copagamento deste tipo de servizos.

Asemade, este proxecto aborda as modificacións normativas para corrixir ou adaptar algunhas outras disposicións do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo, que se revelaron como mellorables e das cales as máis destacadas son as seguintes:

– Modifícanse os artigos 43.1 e 58.6 para os efectos de ampliar o prazo de presentación da xustificación e avaliación da execución do Proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais executado no exercicio inmediatamente anterior e para a presentación do Proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano corrente ata o día 31 de marzo de cada ano, pois que o prazo vixente do 5 de febreiro revelouse como excesivamente curto.

– Modifícase a redacción do artigo 62.1, que fai referencia á regulación do copagamento do servizo municipal de axuda no fogar en réxime de libre concorrencia para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia (prestación básica do servizo de axuda no fogar ou SAF-básico), sen modificar o seu sentido, porque, polas dúbidas suscitadas polas corporacións locais destinatarias da norma, comprobouse que a súa redacción non quedara suficientemente clara.

– Actualízase o anexo IV, sobre prioridades na formulación de programas e proxectos de actuación anual nos servizos sociais comunitarios municipais, reformulándoo dunha maneira máis coherente coa regulación dos servizos e programas sociais básicos e específicos nos capítulos III e IV do propio Decreto 99/2012, do 16 de marzo.

– Así mesmo, de conformidade coas alegacións recibidas no trámite de audiencia, revísase a letra b) do número 2 do artigo 14 para incorporar a expresión «produtos de apoio» como equivalente á de «axudas técnicas» e para incluír a terapia ocupacional entre as atencións e servizos de carácter complementario do servizo de axuda no fogar.

As demais modificacións limítanse a unha palabra ou unha expresión que nalgún precepto se comprobou que quedara pouco clara ou incompleta, a rectificar algunha referencia cruzada errónea e a modificar os intervalos dalgunha das táboas do anexo II e do anexo III que quedaran incoherentes.

En virtude do exposto anteriormente, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de novembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, queda modificado como segue:

Un. Os números 1 e 2 do artigo 14 quedan redactados do seguinte modo:

«1. No servizo de axuda no fogar, de conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso, poderán prestarse os seguintes tipos de atencións de carácter básico:

a) Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no propio domicilio.

b) Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora do contorno das persoas usuarias e da súa familia. Se é o caso, determinadas tarefas domésticas, como lavandaría e alimentación a domicilio, poderán ser facilitadas por servizos específicos.

c) Acompañamento persoal na realización doutras actividades necesarias da vida diaria, tales como apoio en trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial ou similares, así como o seguimento das intervencións realizadas polo sistema sanitario.

d) Ademais, para os supostos expresados no número 3 do artigo anterior, as atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, á mellora da convivencia, da integración na comunidade e mellora da estrutura familiar».

«2. O servizo de axuda no fogar, unha vez garantido o nivel básico de atención, poderá incorporar, ademais, os seguintes tipos de atencións e servizos de carácter complementario:

a) Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.

b) Servizo de préstamo de axudas técnicas ou produtos de apoio para persoas en situación de dependencia ou dependencia temporal. Para estes efectos enténdese por axuda técnica ou produto de apoio calquera dispositivo, equipamento, instrumento, tecnoloxía ou software, fabricado especialmente ou dispoñible no mercado, para previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar deficiencias ou limitacións na actividade e restricións na participación social das persoas.

c) Adaptacións funcionais do fogar.

d) Servizo de podoloxía.

e) Servizo de fisioterapia.

f) Terapia ocupacional».

Dous. O número 3 do artigo 31 queda redactado do seguinte modo:

«3. As deputacións provinciais apoiarán prioritariamente o financiamento do SAF-básico aos concellos e corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, así como o financiamento ás ditas entidades para a contratación de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ao do/da profesional de referencia que se regula no artigo 37».

Tres. As letras a) e b) do apartado 5 do artigo 41 quedan redactados do seguinte modo:

«5. As transferencias de natureza corrente terán por obxecto o cofinanciamento dos gastos derivados do normal funcionamento e desenvolvemento dos servizos sociais comunitarios municipais en cada exercicio orzamentario. Serán financiables os seguintes gastos:

a) Gastos derivados da retribución do persoal empregado público adscrito aos ditos servizos.

b) Gastos derivados das indemnizacións por razóns de servizo (desprazamento) e da formación do persoal técnico empregado público adscrito aos ditos servizos».

Catro. O primeiro parágrafo do número 1 do artigo 43 queda redactado do seguinte modo:

«1. Unha vez finalizado o correspondente exercicio orzamentario e, en todo caso, co día límite do 31 de marzo do exercicio inmediatamente posterior, todas as corporacións locais financiadas consonte o presente decreto deberán presentar ante o órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con atribucións en materia de servizos sociais comunitarios o seguinte:...».

Cinco. Os números 2, 3 e 4 do artigo 47 quedan redactados do seguinte modo:

«2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través do órgano superior competente no sistema galego de servizos sociais, garantirá a renovación do financiamento básico para o funcionamento dos servizos sociais comunitarios a cada unha das corporacións locais de Galicia, tomando como referencia para cada anualidade os servizos sociais comunitarios financiados, efectivamente prestados e correctamente xustificados no exercicio inmediatamente anterior. Para estes efectos, e dentro dos conceptos de gasto corrente financiables consonte o artigo 41.5, renovarase cada anualidade, como financiamento básico dos servizos sociais comunitarios, o correspondente aos seguintes gastos:

a) Os gastos derivados da retribución do seguinte persoal empregado público:

1º. Os traballadores e traballadoras sociais que constitúen o persoal técnico das unidades de traballo social (UTS) de todas as corporacións locais titulares dos servizos.

2º. O persoal técnico das unidades de traballo e educación social (UTES) e das unidades interdisciplinares de intervención social (UNIS) nas corporacións locais de 20.000 ou máis habitantes.

b) Os gastos derivados da prestación do servizo de axuda no fogar, na súa modalidade de prestación básica, polas corporacións locais de 20.000 ou máis habitantes.

c) Os gastos derivados da retribución do persoal empregado público dos centros de servizos sociais comunitarios específicos das corporacións locais de 20.000 ou máis habitantes».

«3. Para a renovación anual do financiamento dos gastos de persoal dos servizos sociais comunitarios, e tomando como referencia o persoal financiado e correctamente xustificado no exercicio inmediatamente anterior, aplicaranse os seguintes módulos económicos:

Categoría profesional

Módulo económico

Titulado/a superior (licenciatura universitaria/grao universitario)

18.062 €

Titulado/a medio (diplomatura universitaria)

15.013 €

Técnico/a grao superior (F.P.)

14.000 €

Gobernante/a

13.521 €

Técnico/a grao medio (F.P.)

13.521 €

Auxiliar administrativo/a

12.029 €

Vixilante

8.416 €

Ordenanza

8.416 €

Limpador/a

8.416 €

En todo caso, a renovación anual deste financiamento queda condicionada á continuidade da prestación dos servizos sociais comunitarios de titularidade municipal nas mesmas condicións de dotación de persoal que no exercicio anterior.

En consecuencia, se unha corporación local decidise reducir o cadro persoal dos seus servizos sociais comunitarios, isto implicaría unha correlativa redución do financiamento autonómico para gastos de persoal dos ditos servizos susceptible de renovación».

«4. Para a renovación do financiamento do servizo de axuda no fogar na súa modalidade de prestación básica, de acordo co expresado na letra b) do número 2 deste artigo, asignaráselle unha contía proporcional ao número de horas/mes de servizo efectivamente prestado e correctamente xustificado no exercicio inmediatamente anterior».

Seis. A letra b) do número 3 do artigo 48 queda redactada do seguinte modo:

«b) A calidade no emprego, a estabilidade laboral das persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios municipais e a implantación de medidas favorecedoras da igualdade e da conciliación da vida familiar e laboral. A calidade no emprego e a estabilidade laboral das persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios municipais valoraranse calculando a porcentaxe que supón o persoal empregado público fixo e inamovible en relación co total do cadro de persoal empregado público adscrito aos servizos sociais comunitarios municipais. A implantación de medidas favorecedoras da igualdade e da conciliación da vida familiar e laboral valoraranse pola acreditación ou non da existencia e da aplicación dun plan local destinado a facelas efectivas en cada corporación».

Sete. O número 2 do artigo 55 queda redactado do seguinte modo:

«2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, sempre que as cantidades obxecto de reintegro e demais circunstancias concorrentes o permitan, a administración financiadora, por razóns de celeridade e economía procesual, poderá aplicar nos supostos citados a compensación de remanentes incorporados no exercicio seguinte que se establece no artigo 52.5, para o que será requisito imprescindible que a corporación local faga constar na correspondente memoria financeira as citadas cantidades como remanentes non executados».

Oito. Os números 4 e 6 do artigo 58 quedan redactados do seguinte modo:

«4. A Xunta de Galicia liquidará e transferirá trimestralmente ás corporacións locais as cantidades que correspondan en función das horas de atención efectivamente prestadas e rexistradas no antedito sistema de información e xestión, unha vez regularizadas as contías, se é o caso, de acordo coas incidencias rexistradas no período trimestral de referencia ou derivadas de períodos anteriores».

«6. Unha vez finalizado o correspondente exercicio orzamentario e, en todo caso, coa data límite do 31 de marzo do exercicio inmediatamente posterior, as corporacións locais financiadas consonte este artigo deberán presentar, de maneira integrada coa documentación correspondente á xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais, a certificación do órgano competente da corporación local acreditativa do gasto realizado para o desenvolvemento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia e achegar os demais datos que se lle requiran en relación coa xestión deste servizo».

Nove. Os números 1, 3 e 5 do artigo 62 quedan redactados do seguinte modo:

«1. Para o servizo de axuda no fogar en réxime de libre concorrencia para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, do 14 de decembro, a corporación local establecerá, mediante a correspondente ordenanza, unha regulación progresiva da participación económica da persoa usuaria no custo do servizo a través do copagamento en función da súa capacidade económica, calculada de acordo co establecido no artigo 60, e consonte a seguinte táboa:

Capacidade económica

Participación no custo do servizo de SAF-básico

Menor ou igual ao 0,80 do IPREM

0

Maior do 0,80 do IPREM e menor ou igual a 1,50 IPREM

Entre o 10 % e o 30 %

Maior de 1,50 e menor ou igual a 2 IPREM

Entre o 20 % e o 50 %

Maior de 2 e menor ou igual a 2,5 IPREM

Entre o 40 % e o 70 %

Maior de 2,5

Entre o 60 % e o 90 %

».

«3. Para o caso de servizos distintos aos referidos nos números 1 e 2 deste artigo e susceptibles pola súa natureza de incorporaren un copagamento, os concellos poderán establecer sistemas de participación das persoas ou unidades de convivencia de conformidade co seguinte:

a) Os servizos prestaranse de forma gratuíta naqueles casos en que a capacidade económica, calculada segundo o disposto no artigo 60 deste decreto, resulte igual ou inferior ao 80 % do indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

b) Para o resto dos supostos cada concello establecerá unha regulación progresiva da participación económica da persoa usuaria no custo do servizo a través do copagamento en función da súa capacidade económica, calculada de acordo co establecido no artigo 60».

«5. En ningún caso se aplicará o copagamento nos seguintes casos:

a) Programa de valoración, orientación e información.

b) Servizo de educación e apoio familiar.

c) Programa básico de inserción social.

d) Servizos sociais específicos de apoio psicosocial e familiar vinculado á atención temperá».

Dez. Engadese un novo número 6 ao artigo 62, que queda redactado do seguinte modo:

«6. Exceptúase do previsto nos números anteriores deste artigo o copagamento dos servizos de atención da primeira infancia en centros e instalacións municipais que posibiliten a conciliación da vida laboral e familiar, como é o caso das escolas infantís de cero a tres anos e dos puntos de atención á infancia. As corporacións locais titulares destes servizos sociais comunitarios específicos poderán implantar neles o copagamento e, se así o fan, deberán establecer e aplicar, como mínimo, un réxime de copagamento equivalente ao do réxime de prezos públicos establecido pola Xunta de Galicia para as escolas infantís de titularidade autonómica que respecte, en todo caso, o disposto nos artigos 18.4 e 56 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia».

Once. O anexo II, Dotación das unidades de actuación de servizos sociais comunitarios básicos por tipo de áreas, queda do seguinte modo:

«Dotación das unidades de actuación de servizos sociais comunitarios básicos por tipo de áreas:

Áreas urbanas: con carácter xeral aplicarase unha ratio de 1 persoa técnica por cada 8.000 habitantes.

Áreas semiurbanas e metropolitanas de servizos sociais:

Concellos de áreas caracterizadas como semiurbanas e metropolitanas:

Número de habitantes

Modelo unidade

Traballadores/as sociais

Educadores/as sociais ou equivalente

Psicólogos/as-sociólogos/as ou titulados/as superiores idóneos/as

Auxiliares administrativos/as

20.000-40.000

UNIS urbana reforzada

3-5

2-3

1

2-3

15.000-20.000

UNIS urbana

2-3

1-2

1

1-2

10.000-15.000

UTES

2

1

*

1

Menos de 10.000

UTS

1-2

**

*

0-0,5

* Determinarase en función da poboación do conxunto da área.

* * Procurarase a xestión conxunta con concellos limítrofes.

Áreas rurais de servizos sociais:

Concellos de áreas caracterizadas como rurais:

Número de habitantes

Modelo unidade

Traballadores/as sociais

Educadores/as sociais ou equivalente

Psicólogos/as-sociólogos/as ou titulados superiores idóneos/as

Auxiliares administrativos/as

12.000-25.000

UNIS rural

2-3

1-2

1

1-2

5.000-12.000

UTES

1-2

1

*

1

Menos de 5.000

UTS

1-2

0**-

*

0-0,5

* Determinarase en función da poboación do conxunto da área.

** Contarán co apoio dos/as educadores/as vinculados/as á área.

Áreas rurais de alta dispersión:

Concellos de áreas caracterizadas como rurais de alta dispersión:

Número de habitantes

Modelo unidade

Traballadores/as sociais

Educadores/as sociais ou equivalente

Psicólogos/as-sociólogos/as ou titulados superiores idóneos/as

Auxiliares administrativos/as

2.000-5.000

UTS

1-2

0**-

*

0-0,5

Menos de 2.000

Asegurarase a presenza regular dun/dunha traballador/a social. Potenciaranse formas flexibles de cooperación entre concellos para compartir profesionais e programas.

Con carácter xeral, potenciaranse formas flexibles de cooperación entre concellos para compartir profesionais e programas, reforzando as dotacións para compensar posibles desequilibrios na oferta territorial de servizos sociais.

* Determinarase en función da poboación do conxunto da área.

** Contarán co apoio dos/as educadores/as vinculados/as á área».

Doce. O anexo III, Criterios para o financiamento do servizo de axuda no fogar (SAF), queda do seguinte modo:

«Anexo III

Criterios para o financiamento do servizo de axuda no fogar (SAF):

A) Garantía de financiamento da renovación anual do servizo de axuda no fogar para persoas valoradas como dependentes con dereito de atención recoñecido na correspondente resolución do programa individual de atención.

Módulo económico aplicable: 9,7 € por hora efectiva de atención xustificada a persoas con PIA de servizo de axuda no fogar.

B) Criterio de referencia para a asignación de incrementos de financiamento no servizo de axuda no fogar –prestación básica en réxime de acceso por libre concorrencia–, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Módulo económico de referencia: 800 € anuais por unidade de convivencia atendida.

Concellos de áreas caracterizadas como urbanas

Ratio de cobertura de referencia: 1 unidade de convivencia atendida por cada 550 habitantes

Concellos de áreas caracterizadas como semiurbanas e metropolitanas:

Número de habitantes

Ratio de cobertura de referencia

Máis de 30.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 500 habitantes

20.000-30.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 450 habitantes

10.000-20.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 400 habitantes

Menos de 10.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 350 habitantes

Concellos de áreas caracterizadas como áreas rurais:

Número de habitantes

Ratio de cobertura de referencia

Máis de 20.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 350 habitantes

12.000-20.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 250 habitantes

Menos de 12.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 175 habitantes

Concellos de áreas rurais de alta dispersión

Ratio de cobertura de referencia: 1 unidade de convivencia por cada 75 habitantes

».

Trece. Modifícase o anexo IV, que queda redactado como segue:

«Anexo IV

Codificación e prioridades na formulación de programas e proxectos de actuación anuais dos servizos sociais comunitarios municipais:

A) En coherencia coa estrutura dos servizos e programas sociais comunitarios básicos e específicos recollidos nos capítulos III e IV do decreto, as corporacións locais titulares dos servizos sociais comunitarios municipais, cando así se lles requira na formulación ou na avaliación do seu proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, ordenarán o seu contido de acordo coa seguinte codificación:

Programas e servizos dos servizos sociais comunitarios básicos:

PB1: Programa de valoración, orientación e información.

PB2: Servizo de axuda no fogar.

PB3: Servizo de educación e apoio familiar.

PB4: Programa básico de inserción social.

PB5: Programa de fomento da cooperación e da solidariedade social.

Programas e servizos dos servizos sociais comunitarios específicos:

PE1: Programa específico de xestión de centros autorizados de inclusión e emerxencia social.

PE2: Programa específico de inclusión social dirixido a persoas sen fogar.

PE3: Programa específico de inclusión social dirixido a persoas inmigrantes.

PE4: Programa específico de inclusión social dirixido a persoas emigrantes retornadas.

PE5: Programa específico de inclusión social dirixido a persoas da comunidade xitana.

PE6: Programa específico de prevención e inclusión social dirixido a persoas en risco de exclusión doutras minorías socialmente vulnerables.

PE7: Programa específico de inclusión social dirixido, de xeito integrado, a persoas en risco de exclusión de varios colectivos socialmente vulnerables diferentes.

PE8: Programa específico de atención a persoas con limitacións na súa autonomía e ás súas persoas coidadoras, mediante servizos de atención diúrna e nocturna.

PE9: Programa específico de atención a persoas con discapacidade.

PE10: Programa específico de apoio psicosocial e familiar vinculado á atención temperá.

PE11: Programa específico de atención a persoas maiores mediante equipamentos e servizos que faciliten a prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal mediante o envellecemento activo e solidario.

PE12: Programa específico de atención á primeira infancia en centros e instalacións que posibiliten a conciliación da vida laboral e familiar.

PE13: Programa específico de asesoramento, atención e orientación a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

PE14: Programa específico de atención a menores de idade en situación de risco ou conflito social.

PE15: Programa específico de aloxamento alternativo.

PE16: Programa específico de convivencia alternativa.

PE17: Programa de xestión doutros equipamentos sociais non residenciais que presten servizos sociais de proximidade (sempre que se xustifique que desenvolven de maneira adaptada ás circunstancias locais os obxectivos dos servizos sociais comunitarios).

B) No proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais poderán incluírse proxectos de actuación de ciclo anual que, de maneira adaptada ás circunstancias locais, desenvolvan ou complementen os programas codificados no punto anterior. Todos e cada un dos citados proxectos de actuación deberán estar referenciados a un dos 22 programas ou servizos listados.

C) En tanto non se dispoña doutra maneira, no Plan estratéxico de servizos sociais ou mediante a orde da persoa titular da consellería competente na materia, consideraranse prioritarios os proxectos de actuación de ciclo anual seguintes:

C.1) Con carácter xeral:

Tipo de proxecto de actuación de ciclo anual

Programa de referencia

Atención psicosocial e familiar vinculada á atención temperá

PE10

Escolas infantís e PAI

PE12

Aloxamento alternativo

PE15

Atencións complementarias ao servizo de axuda no fogar

PB2

Apoio e formación de persoas coidadoras

PE8

Formación e acompañamento para a inserción laboral en coordinación co II Plan de inclusión social

PB4, PE2, PE3, PE4, PE5, PE6, PE7 (débese escoller un segundo os casos)

Prevención de condutas adictivas

PE6

Intervención a favor de persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial

PE9

Prevención da dependencia e promoción da autonomía

PE11

Envellecemento activo e solidario

PE11

Promoción do asociacionismo solidario

PB5

Promoción e formación do voluntariado

PB5

Diagnóstico social participativo

PB5

Educación, sensibilización e dinamización comunitaria

PB5

C.2) En particular, na aplicación dos fondos para o desenvolvemento da comunidade xitana:

Tipo de proxecto de actuación de ciclo anual

Programa de referencia

Proxectos enfocados a facilitar os procesos de erradicación do chabolismo e acceso á vivenda normalizada:

Desenvolvemento de accións acordadas e incluídas no deseño dos itinerarios individuais de inserción sociolaboral e residencial.

Educación social e acompañamento social.

Outras actuacións que favorezan o acceso á vivenda.

PE5

Reforzo extraescolar contra o fracaso, o absentismo e a desigualdade no rendemento académico, que incluirá, entre outros, aqueles que impliquen intervención coas familias do alumnado; ou o reforzo de atención para alumnos ou, selectivamente, alumnas para evitar o abandono prematuro da escolarización obrigatoria.

PE5

Mellora da empregabilidade e a inserción sociolaboral da poboación xitana, principalmente mediante:

A formación adaptada ás características socioculturais da comunidade participante.

O acompañamento dos procesos de inclusión sociolaboral, especialmente das mulleres xitanas, e actividades de intermediación.

PE5

Proxectos enfocados á promoción integral da saúde, entre outros:

Campañas específicas de educación para a saúde e de sensibilización sobre problemáticas sociosanitarias.

Accións de fomento da saúde reprodutiva nas mulleres xitanas.

PE5

Proxectos enfocados a acadar o acceso maioritario da poboación xitana galega aos servizos normalizados, así como o uso adecuado destes, que poderán incluír, entre outras:

As actuacións de reforzo dos itinerarios de inclusión social vinculados á Risga; de mellora da coordinación e eficacia dos recursos sociais que inciden na comunidade xitana.

As accións que procuran o acceso da poboación xitana aos diferentes tipos de bens e servizos.

PE5

Proxectos enfocados á mellora da participación social e á integración intercultural, tales como:

Accións de sensibilización social en que participe a comunidade xitana.

Celebracións abertas de días sinalados para a comunidade xitana.

Obradoiros interculturais de ocio e lecer.

PE5

».

Disposición derrogatoria única. Derrogación xenérica

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que contradigan ou se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Adaptación das ordenanzas locais

As corporacións locais disporán dun prazo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación deste decreto, para a adaptación das súas ordenanzas ao disposto nel.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de novembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar