Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 2 de decembro de 2014 Páx. 49776

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, a instalación eléctrica denominada segunda modificación ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba, situada no termo municipal de Muras (Lugo) e promovida por E.On Distribución, S.L. (expediente 012/2002 AT).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa E.On Distribución, S.L., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Isabel Torres, 25 (PCTCAN), 39011 Santander, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 28.4.2004 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se autorizou administrativamente, se aprobou o proxecto de execución e se declarou a utilidade pública, en concreto, e se fixo pública a declaración de impacto ambiental da instalación eléctrica denominada liña eléctrica de alta tensión (LAT) 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba, no termo municipal de Muras (Lugo) e promovida pola empresa Electra de Viesgo I, S.A. (expediente 012/2002 AT).

Esta instalación eléctrica, cuxa posta en servizo foi autorizada o 3.9.2006 pola Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación e Industria, posúe segundo o proxecto de execución (asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, con data do 24.10.2002 e nº 3702/02) as seguintes características técnicas principais:

• LAT aérea a 132 kV, con orixe na subestación eléctrica de Pena Grande e final na subestación eléctrica de Lomba, de 10.568 m de lonxitude, composta por dous circuítos con dous condutores por fase LA-280 e cable de terra OPGW, sobre apoios metálicos de celosía.

• LAT aérea a 132 kV, con orixe na subestación eléctrica de Leboreiro e final na liña eléctrica subestación Pena Grande-subestación Lomba, de 1.002 m de lonxitude, composta por un circuíto cun condutor por fase LA-280 e cable de terra OPGW, sobre apoios metálicos de celosía.

Segundo. Previamente ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios afectados pola devandita instalación eléctrica, a empresa promotora da liña eléctrica, Electra de Viesgo Distribución, S.L. (anteriormente Electra del Viesgo I, S.A.), presentou ante a Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación, Industria e Comercio as seguintes solicitudes:

• O 14.5.2004 solicitude de levantamento de actas previas dos predios nº 4, 9, 11, 13, 15, 17, 19, 30, 32, 33, 34, 37, 38, 39, 43, 47, 86, 87, 101, 107, 117, 117A, 119, 120, 121, 124, 125, 127, 128, 133, 134, 136, 141, 143 e 144 (LAT Pena Grande-Lomba) e nº 2, 4, 5 e 6 (LAT derivación a Leboreiro).

• O 19.7.2004 solicitude de seguimento de trámites preceptivos, en relación cos citados predios, acompañada de nova planimetría (planos 3.7b, 3.8c e 3.9c visados polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI o 19.7.2004), en relación ao tramo proxectado comprendido entre os apoios nº 19 e 30, xunto coa nova RBDA con data do 16.7.2004, na que se reflicten modificacións nas afeccións dos predios nº 86, 87, 117, 117A, 119, 120, 121, 124, 125, 127 e 128.

Terceiro. Durante o acto administrativo de levantamento de actas previas á ocupación dos predios afectados pola devandita instalación eléctrica, realizado o 18.10.2004 na Casa do Concello de Muras, María Magdalena López Picos formulou unha serie de alegacións en relación cos predios da súa titularidade nº 117A, 119, 121, 125, 128 e 144 (LAT Pena Grande-Lomba) e nº 2 (LAT derivación a Leboreiro).

O 26.10.2004 a Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ditou cadansúa resolución desestimando as alegacións formuladas pola dita alegante nas actas previas á ocupación dos predios nº 2, 117A, 119, 121, 125 e 128, por unha banda, e do nº 144, pola outra.

A dita alegante presentou, con data do 26.11.2004 e do 30.11.2004, senllos recursos de alzada contra as devanditas resolucións do 26 de octubre de 2004, solicitando que se deixasen sen efecto os actos administrativos impugnados e as actas previas á ocupación dos predios en cuestión.

A respecto destes recursos de alzada, o 24.2.2005 a Consellería de Innovación, Industria e Comercio ditou resolución, cuxa parte dispositiva di literalmente o seguinte:

«Desestimar o recurso de alzada interposto por María Magdalena López Picos contra a Resolución da delegación provincial desta consellería en Lugo, do 26 de outubro de 2004, relativa os predios nº 2, 117A, 119, 121, 125 e 128 do expediente 12/2002 AT (RAI-LU-321/04), confirmándoa en todos os seus extremos.

Declarar a inadmisión por extemporáneo do recurso de alzada interposto pola mesma recorrente contra a Resolución da devandita delegación provincial, do 26 de outubro de 2004, relativa ao predio nº 144 do expediente citado no punto anterior (RAI-LU-325/04)».

Cuarto. O 5.7.2006 o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo ditou a Sentenza nº 236/2006, en relación ao recurso contencioso-administrativo nº 2005-221-J interposto por María Magdalena López Picos contra a Resolución do 24 de febreiro de 2005 da Consellería de Innovación, Industria e Comercio (á que se fai referencia no antecedente de feito anterior), cuxa parte dispositiva di literalmente o seguinte:

«Decido que estimo parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto por Jacobo Varela Puga, en nome e representación de María Magdalena López Picos; contra a Resolución do secretario xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, con data do 24 de febreiro de 2005, por delegación do conselleiro, que resolve desestimar o recurso de alzada contra a Resolución da Delegación Provincial desta consellería en Lugo, do 26 de outubro de 2004, relativa aos predios nº 2, 117A, 119, 121, 125 e 128 do expediente 12/2002 AT (RAI-LU-321/04), confirmándoa en todos os seus extremos; e de declarar a inadmisión por extemporáneo do recurso de alzada interposto pola mesma recorrente contra a Resolución da referida delegación provincial, do 26 de outubro de 2004, relativa ao predio nº 144 do expediente citado no punto anterior (RAI-LU-325/04); con respecto á declaración de extemporaneidade do recurso de alzada en relación co predio nº 144; no sentido seguinte:

– O pronunciamento é estimatorio no referente á parte da resolución relativa aos predios nº 2, 117A, 119, 121, 125 e 128; e anulo esta a tal respecto, así como as citacións á acta previa á ocupación e as propias actas, retrotraendo a tramitación do expediente ao momento no que pola beneficiaria se presentou o proxecto reformado, visado polo Colexio Oficial o 19.7.2004, para que, previa a resolución pola que se autorice a variación do proxecto, e a audiencia dos afectados, se cite novamente ás actas previas á ocupación á recorrente.

– E é desestimatorio respecto á declaración de extemporaneidade do recurso de alzada en relación co predio nº 144, ao ser tal pronunciamento conforme a dereito».

Quinto. O 27.2.2007, para poder dar cumprimento ao disposto na Sentenza nº 236/2006 do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, a empresa promotora da liña eléctrica, Electra de Viesgo Distribución, S.L., presentou o proxecto denominado modificado ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba (asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, con data do 23.2.2007 e nº 0703/07).

O 2.4.2007 a Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación e Industria ditou resolución pola que se someteu a información pública para aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada modificado ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba, concello de Muras, e da súa declaración, en concreto, de utilidade pública (expediente 012/2002); publicándose no Diario Oficial de Galicia do 23 de abril, no Boletín Oficial da provincia do 23 de abril e no xornal El Progreso do 17 de abril de 2007, e tamén estivo exposto no taboleiro de anuncios do Concello de Muras.

Así mesmo, practicóuselle notificación individual aos propietarios dos predios afectados que figuran na RBDA recollida na dita resolución de información pública (predios nº 117A, 119, 121, 125 e 128 da LAT Pena Grande-Lomba e nº 2A, 4A e 6 da LAT derivación a Leboeiro).

O 7.5.2007 María Magdalena López Picos presentou escrito de alegacións, no que logo de relatar as deficiencias observadas, solicita o seguinte: que se expliquen os motivos das modificacións respecto do proxecto aprobado o 28.4.2004, que se achegue o plano 3.7b, que se achegue a RBDA con todos os afectados polas modificacións, que se acheguen as separatas para os organismos que informaron o proxecto aprobado e o estudo de impacto ambiental e que se modifique a RBDA coa situación actual dos predios. A respecto deste escrito:

• Déuselle traslado á empresa promotora da liña eléctrica o 18.5.2007, quen presentou a súa contestación o 11.6.2007.

• Desta contestación déuselle traslado á alegante o 13.6.2007, quen presentou novo escrito de alegacións o 26.6.2007, reiterando as súas pretensións.

En atención a estes escritos de alegacións, a Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación e Industria o 16.9.2008 requiriulle á empresa promotora da liña eléctrica, E.On Distribución, S.L. (anteriormente Electra de Viesgo Distribución, S.L.), un anexo ao proxecto modificado que reflicta as coordenadas UTM dos apoios do proxecto inicial e do proxecto modificado, así como as modificacións intermedias en caso de existiren, e un cadro comparativo das diferenzas producidas, xunto con planos que reflictan o trazado das instalacións, os lindeiros das parcelas e o largo de afeccións da liña eléctrica coa identificación dos predios e que evidencien as diferenzas de afeccións.

En resposta a este requirimento, a empresa promotora da liña eléctrica presentou o 16.10.2008 o documento técnico denominado anexo LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba (asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, con data do 10.10.2008 e nº 0703/07).

Sexto. Posteriormente, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria emitiu diversos informes técnicos a respecto da documentación que se lle foi requirindo á empresa promotora da liña eléctrica, que se relacionan a continuación:

• Informe técnico emitido o 2.3.2010, en relación cos escritos de alegacións de María Magdalena López Picos e co proxecto modificado e o seu anexo (aos que se fai referencia no antecedente de feito anterior), no cal se conclúe que resulta preciso requirir á empresa promotora da liña eléctrica unha RBDA completa e actualizada conforme as modificacións xurdidas (con respecto ao proxecto autorizado por Resolución do 28 de abril de 2004) e ao disposto na Sentenza xudicial nº 236/2006. Con base neste informe, o 9.3.2010 cursouse un requirimento á empresa promotora, quen presentou a súa contestación o 15.4.2010.

• Informe técnico emitido o 16.4.2010, no cal se detallan os diversos erros que existen na RBDA do 6.4.2010 achegada como contestación ao requirimento anterior, concluíndo que a empresa promotora deberá achegar a documentación de forma correcta. Con base neste informe, o 22.4.2010 cursouse un requirimento á empresa promotora, quen presentou a súa contestación o 2.6.2011.

• Informe técnico emitido o 26.9.2011, no cal se detallan as deficiencias atopadas na documentación achegada pola empresa promotora como contestación ao requirimento anterior. Con base neste informe, o 24.10.2011 cursouse un requirimento á empresa promotora, quen presentou a súa contestación o 11.11.2011, achegando, en substitución do proxecto modificado e do seu anexo, un novo documento técnico denominado
modificado ao proxecto LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba, no concello de Muras (novembro 2011).

• Informe técnico emitido o 24.8.2012, no cal se detallan as deficiencias atopadas no documento técnico achegado pola empresa promotora como contestación ao requirimento anterior. Con base neste informe, o 19.11.2012 cursouse un requirimento á empresa promotora, quen presentou as súas contestacións con datas do 22.1.2013 e do 16.5.2013, achegando o documento técnico corrixido e cun novo título segundo modificado ao proxecto LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba.

• Informe técnico emitido o 21.2.2013, de carácter favorable desde o punto de vista técnico e para a finalidade pretendida pola empresa promotora de dar cumprimento á Sentenza xudicial nº 236/2006, sobre os seguintes documentos técnicos, achegados pola empresa promotora como contestación ao requirimento anterior:

– Segundo modificado ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba (asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, con data do 10.11.2011 e nº 0703/07).

– Plano I0598-05 04: planta e perfil-tramo a subestación Leboreiro (asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, con data do 5.12.2012 e nº 0703/07).

Sétimo. O 12.9.2013 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria ditou resolución pola que se someteu a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada segundo modificado ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba; publicándose no Diario Oficial de Galicia do 23 de setembro, no Boletín Oficial da provincia do 25 de setembro e no xornal El Progreso do 26 de setembro de 2013; e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Muras por un prazo de vinte días, contados a partir do 18.9.2013.

Así mesmo, practicóuselle notificación individual aos propietarios dos predios afectados que figuran na RBDA recollida na dita resolución de información pública e para os que se detectaron erros e/ou diferenzas entre as superficies inicialmente consideradas no proxecto de execución aprobado e as afeccións definitivas reais (predios nº 4, 86, 87, 117, 117A, 119, 120, 121, 124, 125, 127 e 128 da LAT Pena Grande-Lomba e nº 4 e 6 da LAT derivación a Leboeiro).

O 16.10.2013 María Magdalena López Picos presentou escrito de alegacións, que completou cun novo escrito presentado o 11.11.2013, como contestación a un requirimento que lle cursou o 28.10.2013 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria. Neste escrito, a dita alegante, logo de esgrimir as súas argumentacións, solicita o seguinte: que se expliquen os motivos das modificacións efectuadas con respecto ao proxecto aprobado o 28.4.2004, que se modifique a RBDA e o parcelario coa situación real dos predios entre os apoios 29, 30 e 31, e despois que se emita informe por parte dos servizos técnicos da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, se dea traslado aos organismos afectados e se realice nova información pública e que se lle dea traslado da preceptiva notificación como titular do predio nº 2.

Destas alegacións déuselle traslado á empresa promotora da liña eléctrica o 4.12.2013, quen presentou a súa contestación o 28.2.2014, da que se lle deu traslado á alegante o 11.3.2014.

Oitavo. O 6.6.2014 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria deu traslado á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, para os efectos procedentes, dunha copia do expediente de referencia e dun resumo da súa tramitación con data do 5.6.2014.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas durante o trámite de información pública da instalación eléctrica denominada segundo modificado ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba, da contestación a elas dada pola empresa promotora da liña eléctrica e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• Os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria o 21.2.2013 informaron favorablemente, desde o punto de vista técnico e para a finalidade pretendida pola empresa promotora da liña eléctrica de dar cumprimento á Sentenza xudicial nº 236/2006, os seguintes documentos técnicos: segundo modificado ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba e plano I0598-05 04: planta e perfil-tramo a subestación Leboreiro.

• Respecto da instrución do expediente de referencia, realizada pola Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, os seus servizos técnicos consideran, tal e como se reflicte no seu resumo, con data do 5.6.2014, que tales alegacións e a súa contestación non impiden a continuación do procedemento.

• En canto á necesidade de que a empresa promotora da liña eléctrica explique os motivos da modificación respecto do proxecto aprobado o 28.4.2004, indicar que no seu escrito presentado o 22.1.2013, de contestación a un requirimento do 19.11.2012, se recolle literalmente o seguinte: «que o obxecto do citado expediente é dar cumprimento á Sentenza nº 236/2006 do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, no sentido de regularizar as superficies ocupadas en efecto pola instalación da LAT 132 kV subestación Pena Grande-subestación Lomba, debido a que estas difiren (nalgúns casos) das recollidas no proxecto inicial autorizado e aprobado por esa consellería, incluíndose modificacións posteriores que non foron debidamente aprobadas».

• A RBDA correspondente ao proxecto definitivo denominado segundo modificado ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba, recolle todos os predios afectados por esta instalación eléctrica; non obstante, como anexo á correspondente resolución de información pública só se incorporaron aqueles que se acolleron no seu día ao procedemento de expropiación forzosa. Ademais, só se practicou notificación individual aos propietarios dos predios do dito anexo para os que se detectaron erros e/ou diferenzas entre as superficies inicialmente consideradas no proxecto de execución aprobado e as afeccións definitivas reais (predios nº 4, 86, 87, 117, 117A, 119, 120, 121, 124, 125, 127 e 128 da LAT Pena Grande-Lomba e nº 4 e 6 da LAT derivación a Leboeiro).

• En canto ás alegacións sobre o parcelario entre os apoios 29, 30 e 31, así como da titularidade do predio nº 143 ou do tipo de cultivo dalgúns predios, indicar que o momento procedemental oportuno para o esclarecemento destas cuestións será durante o acto de levantamento de actas previas á ocupación.

• Finalmente, recóllense nos parágrafos seguintes as explicacións dadas pola empresa promotora da liña eléctrica sobre as modificacións realizadas na posición de certos apoios con respecto ao proxecto aprobado o 28.4.2004:

– Apoio nº 22: desprazouse da súa situación orixinal 6,47 m en dirección ao apoio nº 21 sobre o eixo da liña debido á existencia dunha canle de rego.

– Apoio nº 26: desprazouse da súa situación orixinal 14,35 m en dirección ao apoio nº 25 sobre o eixo da liña debido a permutas de terreos entre propietarios afectados, realizadas no período de tramitación do expediente, e coa necesidade de non afectar a un propietario distinto do inicial, que non fose informado de ocupación no período de información pública do proxecto.

– Apoio nº 32: desprazouse da súa situación orixinal 20,92 m en dirección ao apoio nº 33 pola existencia dun cambio de trazado, xurdido na implantación da obra no acceso ao parque eólico de Leboreiro.

– Apoio nº 1 da derivación a Leboreiro: desprazouse da súa situación orixinal 4,12 m en dirección ao apoio nº 2 por necesidade do promotor da liña eléctrica de manter as distancias técnicas e de seguridade co pórtico da subestación.

– Apoio nº 5 da derivación a Leboreiro: desprazouse da súa situación orixinal 4,55 m en dirección ao apoio de entroncamento coa liña principal debido a un ensanchamento do camiño adxacente ao apoio, anterior á implantación e ao inicio das obras de execución da liña.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar administrativamente a instalación eléctrica denominada segundo modificado ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba, situada no termo municipal de Muras (Lugo) e promovida por E.On Distribución, S.L.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación eléctrica, conformado polos seguintes documentos técnicos:

• Segundo modificado ao proxecto da LAT 132 kV D/C subestación Pena Grande-subestación Lomba (asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, con data do 10.11.2011 e nº 0703/07).

• Plano I0598-05 04: planta e perfil-tramo a subestación Leboreiro (asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, con data do 5.12.2012 e nº 0703/07).

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas