Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 10 de decembro de 2014 Páx. 50641

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2014 pola que se acorda a publicación da modificación da normativa sobre permanencia nas titulacións de grao e máster.

Mediante Acordo do 3 de novembro do 2014, o Consello Social da Universidade aprobou modificar a normativa de permanencia nas titulacións de grao e de máster engadindo unha disposición adicional cuarta ao texto desta. Deste xeito introdúcese un mecanismo, distinto ao sistema de renuncias xa previsto na propia normativa, para que nos casos en que circunstancias académicas ou de índole persoal do alumnado o fagan preciso poida solicitar dispensa no límite de convocatorias, eliminando os posibles problemas que poidan xurdir dun cumprimento estrito da normativa que obrigue os alumnos a abandonar os seus estudos.

Por todo o anterior, o Consello Social da Universidade acorda incorporar a modificación aprobada á normativa de permanencia nas titulacións de grao e de máster engadindo á dita normativa a seguinte disposición adicional:

«Disposición adicional cuarta

O alumnado que esgotase as convocatorias previstas no artigo 4, para cada materia, poderá solicitar, por unha soa vez, a dispensa do dito límite atendendo a razóns académicas ou persoais especiais. As peticións poderán ser resoltas favorablemente polo reitor con base nas razóns alegadas polo interesado.

Ao finalizar o ano académico, o reitor informará o Consello de Goberno respecto das dispensas concedidas».

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2014

Juan M. Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela