Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 18 de decembro de 2014 Páx. 51557

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 156/2014, do 4 de decembro, polo que se institúen os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia).

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro (Diario Oficial de Galicia núm. 46, do 6 de marzo), establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar e, en virtude desta normativa, esta consellería é competente, entre outras, nas materias de responsabilidade social empresarial.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, no seu interese por promover e difundir o concepto da responsabilidade social empresarial, de conformidade co establecido no Acordo a prol da responsabilidade social empresarial de Galicia, asinado ao abeiro do proceso de diálogo social en Galicia o 5 de febreiro de 2007, dentro do Acordo sobre un novo marco de relacións laborais en Galicia, así como co previsto no Plan estratéxico galego de responsabilidade social empresarial (2012-2014), que ten entre os seus obxectivos o de fomentar a RSE para incrementar o número de empresas socialmente responsables institúe a convocatoria anual dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia, en diante Premios RSE Galicia, como maneira de poñer en valor e recoñecer publicamente o labor daquelas empresas que adoptan principios e prácticas de responsabilidade social na súa xestión.

O obxectivo destes premios é dar recoñecemento público a aquelas iniciativas e boas prácticas desenvolvidas polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos (social, económico e/ou ambiental) da RSE, como maneira de difundir publicamente o esforzo que neste campo levan a cabo as empresas galegas nas comunidades onde desenvolven a súa actividade e ao mesmo tempo sensibilizar o empresariado galego sobre a importancia de incorporar a RSE na súa xestión, buscando, así mesmo, concienciar a opinión pública sobre a importancia desta forma de xestión empresarial.

Por iso, facendo uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de decembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Institúense os premios RSE Galicia, que están destinados a recoñecer publicamente e premiar aquelas empresas que nas súas políticas e sistemas de xestión implanten e poñan en funcionamento os principios e prácticas de responsabilidade social empresarial.

Artigo 2. Periodicidade e convocatoria

Os premios RSE Galicia terán periodicidade anual. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de traballo realizarase a convocatoria de cada edición e a aprobación das correspondentes bases dos premios.

Artigo 3. Participantes

1. Poderán optar aos premios as empresas públicas ou privadas galegas, ou que conten con centros de traballo en Galicia que, a través das súas políticas e sistemas de xestión, desenvolvan actuacións responsables nos ámbitos social, económico e/ou ambiental, demostrando así o seu compromiso activo coa sociedade, sempre que cumpran os requisitos establecidos na orde de convocatoria.

2. Non poderán optar aos premios as entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 4. Modalidades

Os premios RSE Galicia contarán con catro modalidades ou recoñecementos:

a) Recoñecemento no ámbito social. Teranse en conta aspectos tales como creación de emprego, calidade do emprego, diversidade, igualdade, integración social, formación, acción social, compromiso coa comunidade local ou calquera outro que redunde neste ámbito.

b) Recoñecemento no ámbito ambiental. Teranse en conta aspectos relativos ao impacto ambiental que xera a empresa na súa actividade.

c) Recoñecemento no ámbito económico. Teranse en conta aspectos tales como a innovación, a calidade e a ética empresarial.

d) Recoñecemento no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal. Teranse en conta aspectos que faciliten ao seu cadro de persoal a conciliación, a través de medidas tales como a reorganización de tempos e espazos; recursos e estruturas para o coidado doutras persoas; medidas que posibiliten o seu desenvolvemento persoal; modificación de roles entre mulleres e homes que posibiliten a implicación de ambos coa familia, o fogar ou o traballo, etc.

Artigo 5. Categorías

Os premios RSE Galicia, en función do tipo de empresa que opte a calquera das modalidades dos premios, contarán con tres categorías:

Categoría a). Pequena empresa: para empresas que ocupen ata 50 persoas, inclusive.

Categoría b). Mediana empresa: para empresas que ocupen a máis de 50 e ata 250 persoas, inclusive.

Categoría c). Grande empresa: para empresas que ocupen a máis de 250 persoas.

Artigo 6. Xurado

1. Para os efectos de concesión dos premios actuará un xurado, que estará presidido pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de traballo e economía social, e do que formarán parte, como vogais, a persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, así como representantes da Secretaría Xeral de Política Social, da Consellería de Traballo e Benestar, e das consellerías de Economía e Industria e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que serán designadas polas persoas titulares das consellerías respectivas, así como representantes das organizacións empresariais e sindicais máis representativas de Galicia.

2. Tamén formarán parte do xurado persoas expertas en materia de responsabilidade social designadas pola Presidencia deste.

3. Na composición do xurado procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres, dita composición e o seu funcionamento concretaranse mediante a orde de convocatoria do premio.

Artigo 7. Xestión e concesión

1. A xestión dos premios correspóndelle á dirección xeral competente en materia de traballo e economía social da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Os premios RSE Galicia concederanse por resolución da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar por proposta do xurado. A resolución de concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Características dos premios

1. Os premios RSE Galicia teñen carácter honorífico e carecen de dotación económica.

2. A entidade galardoada poderá facer publicidade da devandita concesión en anuncios, publicacións e memorias, especificando o ano en que foi premiada, así como publicar ou difundir a concesión do premio en calquera medio de comunicación, de acordo coa imaxe gráfica do premio, desenvolvida pola Consellería de Traballo e Benestar.

3. Así mesmo, ante incumprimentos graves das empresas galardoadas, coñecidos con posterioridade a outorgarse o premio correspondente, mediante a apertura e tramitación dun expediente, a Consellería de Traballo e Benestar poderá resolver a retirada da dita distinción.

Artigo 9. Entrega de premios

Os premios serán outorgados no transcurso dun acto público, o cal poderá ser obxecto de difusión nos medios de comunicación social.

Disposición derradeira primeira. Facultades de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de traballo para convocar anualmente mediante orde os premios RSE Galicia e ditar as disposicións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, catro de decembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar