Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 29 de decembro de 2014 Páx. 52987

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2014 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2015 en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 18 de decembro de 2014 acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores de internacionalización, e facultou o director xeral para convocalas para o exercicio 2015, para aprobar os créditos e para publicala no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62, e convocar para o exercicio 2015 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2015. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 3 de febreiro de 2015.

No caso de que en virtude das solicitudes presentadas e resoltas favorablemente se esgote o crédito orzamentario, poderase pechar anticipadamente a convocatoria. O esgotamento do crédito e a non admisión de solicitudes posteriores publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape.

Cuarto

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Importes en euros

Partida orzamentaria: 08.A1.741A

Nº conta:

4705

2015

574.665€

O total do orzamento destas bases, 574.665 €, está cofinanciado con fondos FSE, nunha porcentaxe do 80 %.

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito e modificar a partida orzamentaria, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do
programa operativo FSE Galicia 2007-2013

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, a de promover a creación de empresas nos distintos sectores de actividade económica que teñan maior impacto e vantaxes comparativas para o desenvolvemento da economía galega, promover actividades creadoras de emprego e as que empreguen máis racionalmente recursos internos, favorecer a modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas, proporcionar información sobre os mercados e favorecer acordos coas empresas estranxeiras; así como apoiar e promover calquera tipo de actividades que contribúan á mellora do sistema produtivo de Galicia, especialmente as de maior importancia estratéxica.

O Igape vén desenvolvendo diversos programas de formación de especialistas no comercio internacional. Ademais, co fin de facilitar ao empresariado galego información sobre persoal con formación orientada á internacionalización empresarial, o Igape dispón dunha bolsa de xestores de internacionalización -publicada na súa web-, aberta a este tipo de especialistas (tanto aos formados polo Igape como aos que teñen unha formación similar ou experiencia previa en internacionalización empresarial).

Estas bases teñen por obxecto facilitar a incorporación ao sistema produtivo galego de especialistas deste tipo. A axuda instrumentarase a través de subvencións á contratación realizada por empresas con domicilio social en Galicia, para a realización de actividades relacionadas coa prospección de novos mercados.

Esta iniciativa ten boa aceptación por parte do empresariado galego e o resultado é que grasas a estas bases se contrataron 226 xestores de internacionalización no período 2010-2014. Isto supón un beneficio para as empresas galegas que poden incorporar profesionais formados en materia de internacionalización e tamén unha vantaxe para os profesionais que se incorporan ao mercado laboral.

Nesta convocatoria incorpórase, como novidade, a posibilidade de contratar -mediante contratación de prestación de servizos- un xestor profesional autónomo para a realización de tarefas de internacionalización da empresa. O Igape iniciou en 2014 cursos de capacitación para fomentar o autoemprego e a especialización na prestación de servizos deste tipo.

O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou o Programa Impulsa-Lugo e o Programa Impulsa-Ourense, respectivamente, nos que se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos. Dada a situación económica actual na cal as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e A Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como unha menor implantación de novas iniciativas empresariais, considérase fundamental que o Igape, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axuda ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na súa consecuencia, serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles, por razón de que tendo en conta a pequena contía das subvencións individuais previstas, non semella que as solicitudes presentadas poidan esgotar os créditos reservados; e tendo en conta, ademais, a oportunidade de que a tramitación dos expedientes sexa rápida, pola dificultade de planificar as accións subvencionadas e a urxencia de implementación destas, unha vez que xurda a necesidade.

As convocatorias de axuda serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen como obxectivo final facilitar ás empresas galegas a prospección e acceso a novos mercados poñendo ao seu alcance axudas para a contratación de profesionais especialistas en internacionalización empresarial, conseguindo, ao mesmo tempo, a especialización de cadros de persoal e facilitar o acceso ao mercado laboral dos profesionais.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción establecida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro do expediente completo e ata o esgotamento do crédito, do cal se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As axudas establecidas nestas bases incardínanse no Regulamento (CE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24.12.2013); para as empresas do sector agrícola no Regulamento (CE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24.12.2013), e para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014).

2.4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007); e cumpren os requisitos de elixibilidade da Orde TIN/2965/2008 sobre gastos subvencionables polo FSE.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. As axudas outorgadas ao abeiro destas bases serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para o mesmo concepto subvencionable.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como, se é o caso, das axudas recibidas en réxime de minimis nos tres últimos exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3.3. Estas axudas quedarán sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos nos regulamentos da UE citados no artigo 2.3, e non poderán superar os límites cuantitativos e por actividade establecidos polo dito réxime de minimis.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Poderán ser beneficiarios deste programa de axudas as sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial (en diante, empresas), sexan ou non pemes, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, que teñan como proxecto iniciar ou consolidar a internacionalización da propia empresa solicitante.

4.2. Os solicitantes que non teñan experiencia exportadora previa terán que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas de Igape a partir de 2012. Os solicitantes que teñan un diagnóstico realizado a través de programas de Igape anterior a 2012 deben actualizar a súa información, e os solicitantes que non dispoñan do diagnóstico pero teñan experiencia exportadora previa, deberán acreditar a dita experiencia exportadora que deberá ser validada polo Igape.

A solicitude do diagnóstico, así como a actualización da información do diagnóstico anterior a 2012 ou a validación da experiencia exportadora deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda (a través do procedemento do Igape IG192 - Prestación de servizos: diagnósticos de internacionalización).

4.3. Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014) e que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Artigo 5. Modalidades de contratación, concepto subvencionable, contía e límites de axuda

O beneficiario debe optar por un destes dous tipos de contrato:

5.1. Contrato laboral:

Será subvencionable un máximo de seis meses de salario neto de contrato laboral por conta allea dun xestor de internacionalización.

A contía da axuda para estes tipos de contratos será do 85 % do salario neto correspondente a un máximo de seis meses de contratación. A contratación deberá realizarse dentro do prazo de execución comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 20 de xullo de 2015.

A dita porcentaxe incrementarase en:

• Se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte, engadiranse 5 puntos porcentuais máis.

• Se o xestor que se vai contratar leva –na data da solicitude– 12 meses ou máis en paro, ou se trata dunha muller ou dun discapacitado, engadiranse 5 puntos porcentuais máis. Se o solicitante indica esta condición na solicitude da axuda, debe respectala no caso de que o xestor contratado inicialmente sexa substituído por outro.

O límite máximo de axuda é do 95 % do concepto subvencionable.

O límite máximo de gasto subvencionable é de 1.000 € de retribución neta mensual e un máximo de 1.000 € máis correspondente á paga extraordinaria. Polo tanto, o importe de máximo de gasto subvencionable por beneficiario é de 7.000 €. No caso de contratación a tempo parcial, procederase á pro rata da contía da axuda segundo o tempo de contratación.

5.2. Contrato de prestación de servizos:

Será subvencionable un máximo de seis meses de contrato de prestación de servizos de xestores profesionais autónomos para a realización de tarefas de internacionalización da empresa.

A contía da axuda para estes tipos de contratos será do 60 % do importe sen IVE das facturas mensuais de prestación de servizo. A contratación deberá realizarse dentro do prazo de execución comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 20 de xullo de 2015.

O límite máximo de gasto subvencionable é de 750 € mensuais. Polo tanto, o importe de máximo de gasto subvencionable por beneficiario é de 4.500 €.

Artigo 6. Condicións da contratación

6.1. O xestor:

a) Debe ser elixido polo beneficiario de entre os integrantes na bolsa de traballo denominada xestores de internacionalización, publicada polo Igape na súa páxina web www.igape.es, e que está aberta indefinidamente ás novas incorporacións de persoal que reúna os requisitos exixidos. O solicitante deberá indicar o código do xestor no formulario de solicitude.

b) A contratación dun mesmo xestor só poderá ser subvencionada unha vez por cada solicitante tendo en conta esta e anteriores convocatorias destas axudas.

c) No caso de contratación a tempo parcial ou contratación de prestación de servizos, un mesmo xestor poderá ser obxecto dun máximo de tres contratacións subvencionables na mesma convocatoria.

6.2. O contrato:

a) O obxecto do contrato é a realización –para un centro de traballo en Galicia ou no estranxeiro- de actividades relacionadas coa internacionalización empresarial. No caso de contratos para un centro de traballo no estranxeiro será admitido como subvencionable o contrato realizado por unha sucursal no estranxeiro da beneficiaria ou nunha filial. No caso de que o beneficiario participe nunha porcentaxe inferior ao 100 % da sociedade contratante no estranxeiro, o gasto subvencionable correspondente adaptarase á porcentaxe de participación do beneficiario na dita sociedade.

b) O contrato deberá estar formalizado con anterioridade á resolución de concesión de axuda.

c) No caso de contratos laborais formalizados conforme a lexislación española, o xestor debe ser dado de alta nun grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social.

6.3. O prazo de execución do proxecto subvencionable iniciarase na data de formalización do contrato, que non poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2015, e rematará o 20 de xullo de 2015.

6.4. Só se concederá unha axuda do tipo da descrita nestas bases por solicitante e convocatoria.

Artigo 7. Exclusións

7.1. Exclúese das axudas establecidas neste programa a contratación dun xestor con vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou as súas empresas vinculadas.

7.2. Exclúense os contratos con persoas que tivesen algunha relación laboral co solicitante ou con outras empresas vinculadas nos cinco exercicios anteriores ao da convocatoria (ser bolseiro non se entende como relación laboral).

7.3. A non concorrencia destas exclusións demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Enténdese por vinculación entre empresas: participacións de capital dunha empresa noutra, un accionista común maioritario ou o mesmo representante legal ou administradores comúns.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

8.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8.2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas o órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

8.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán xuntar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estean en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

8.4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

8.5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan puidesen impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

8.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 9. Solicitudes

9.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante, dos datos da persoa elixida e que se vai contratar, das tarefas a que se dedicará o xestor, dos obxectivos xerais e orzamento do proxecto así como de declaracións relativas ao condicionado destas bases, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

9.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

9.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio incluír dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas; concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

9.4. O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

9.4.1. Documentación relativa ás circunstancias do beneficiario:

– Escritura de constitución e modificacións inscrita/s no rexistro competente.

– Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

9.4.2. No caso de que o destino do xestor sexa nunha sucursal ou filial no estranxeiro, documentación que acredite a porcentaxe de participación do beneficiario nela.

9.4.3. Os solicitantes deberán xuntar como documento ao formulario o diagnóstico positivo do potencial de internacionalización, cos requisitos do artigo 4 das bases reguladoras, ou a solicitude ao Igape de realización deste tipo de diagnóstico.

9.4.4. Contrato laboral ou de prestación de servizo asinado entre as partes. O dito contrato debe recoller as medidas de difusión da concesión da axuda establecidas no artigo 16.m).

9.4.5. Modelo de nómina que se aplicará ao xestor (incluída a da paga extra) na cal conste o grupo de cotización, ou factura pro forma da prestación do servizo subvencionable.

9.4.6. Informe de vida laboral completa do xestor (é válido o informe obtido pola internet a través da oficina virtual da Seguridade Social).

9.4.7. Documentación relativa á titulación e ao cumprimento dalgunha das condicións mínimas exixidas ao xestor para formar parte da bolsa de traballo.

9.4.8. No caso de contrato laboral suxeito á lexislación española, declaración asinada polo xestor de que a retribución establecida no contrato é conforme co establecido no convenio colectivo ou táboa salarial vixente aplicable. Para o caso de contratos laborais baixo a lexislación estranxeira, declaración de que o contrato se axusta a tal lexislación e á titulación do traballador.

9.4.9. No caso de que o xestor que se vai contratar sexa discapacitado ou con 12 meses ou máis en paro, xustificante da discapacidade ou certificado de períodos de inscrición como demandante de emprego.

9.4.10. DNI do xestor.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate que non é válida, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

9.5. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 9.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

9.6. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 9.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da liña b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicase no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

9.7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. A efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

9.8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Órganos competentes

A Área de Internacionalización «Galicia@World» será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 11. Instrución do procedemento

11.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape, en función dos datos relativos ao solicitante e dos datos da persoa que se vai contratar declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada.

11.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.4 destas bases resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

11.3. Instruído o procedemento formularase proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se lles deberá notificar aos interesados concedéndoselles un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia, tendo a proposta de resolución formulada o carácter de definitiva.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva.

11.4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Resolución

12.1. Unha vez instruído o expediente, a proposta de resolución será elevada ao titular da Dirección Xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. A resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

12.2. Na resolución de concesión de axuda, farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo de execución establecido para o cumprimento de todas as condicións da axuda e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape, e pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo.

12.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

12.4. Transcorridos 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

12.5. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución do expediente será o 1 de xuño de 2015. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen se ter ditada e notificada resolución expresa, o solicitante poderá ter por desestimada a súa solicitude.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, o director xeral do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Notificacións

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Modificación da resolución

Unha vez firme a resolución de concesión non se admitirán modificacións a ela. O cambio de xestor respecto do inicialmente elixido na solicitude non se considera modificación das condicións da resolución.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Formalizar co xestor un contrato de traballo antes da data de resolución de concesión. Poderase formalizar o dito contrato desde o 1 de xaneiro de 2015. No caso de que na data de solicitude non estea formalizado o contrato do xestor, unha vez estudado o expediente, solicitarase o dito contrato antes de ditar resolución firme. A duración do contrato non poderá ser inferior a seis meses.

b) No caso de rescisión de contrato, contratar un novo xestor para a finalización do prazo de execución do proxecto, nos mesmos termos que a solicitude de contratación inicial, logo de comunicar este feito ao Igape, feito que non supón a modificación da resolución. Débese presentar, así mesmo, a documentación acreditativa da contratación (artigo 9.4 –números 4 a 9–) específica do novo xestor o antes posible, tendo en conta que o prazo de execución máxima da contratación é ata o 20 de xullo de 2015.

c) Comprobar que o xestor contratado realmente cumpre os requisitos mínimos exixidos polo Igape e alegados polo xestor para formar parte da bolsa de traballo xestores de internacionalización.

d) Dedicar o xestor a tarefas de internacionalización. Para estes efectos, o Igape poderá solicitar en calquera momento ás partes informes sobre o cumprimento da finalidade da axuda.

e) No caso de contratos laborais formalizados consonte a lexislación española, dar de alta o xestor nun grupo de cotización 01 ou 02.

f) No caso de contratos laborais a retribución neta do xestor non poderá ser inferior ao establecido no convenio colectivo aplicable en Galicia para a modalidade do contrato laboral correspondente coa súa titulación e coa táboa salarial vixente na data de contratación, tanto se o centro de traballo radica en Galicia como no estranxeiro, consonte o artigo 5 destas bases.

g) No caso de contratación a tempo parcial, fixar un horario laboral que sexa compatible ou facilite a súa contratación simultánea por outras empresas.

h) En xeral, cumprir coa normativa laboral vixente en materia de contratos. Os contratos formalizados en fraude de lei suporán a devolución das cantidades aboadas.

i) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

j) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere o custo elixible do proxecto.

k) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, durante polo menos un período de tres anos a partir do peche do programa operativo FSE Galicia 2007- 2013, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

l) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos FSE.

m) Adoptar as medidas de difusión da concesión da axuda que sexan establecidas na resolución de concesión, que consistirán na mención expresa no contrato do seu financiamento polo Igape, pola Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo do programa operativo FSE de Galicia 2007-2013.

n) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ñ) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

o) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

17.1. Prazo para presentar a solicitude de cobramento: ata o 31 de xullo de 2015.

As datas dos xustificantes de gasto, medios de pagamento e demais documentos xustificativos da realización do proxecto deberán estar comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 20 de xullo de 2015.

17.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

No formulario incorpórase unha enquisa de indicadores de realización e resultados, que deberá ser debidamente cuberta.

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

17.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non ser corrixidas, logo do requirimento formulado para tal fin.

17.4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 9.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude de cobramento normalizado (anexo II) co IDEL, xunto coa documentación establecida no artigo 17.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá presenten coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 17.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A presentación de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

17.5. No caso de que as solicitudes de cobramento non se presenten en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Nóminas (no caso de contratos laborais) nas cales conste o grupo de cotización ou facturas (no caso de contratos de prestación de servizos) correspondentes ao prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

b) Xustificación do pagamento do proxecto, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

ii) Certificación bancaria conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

iii) Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

c) Informe de execución e resultados do proxecto subvencionado onde se detallen os labores realizados polo xestor.

17.7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados, para acreditar a obriga establecida no artigo 16.l): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

17.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

17.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 18. Aboamento das axudas

18.1. Con carácter xeral, o aboamento da axuda realizarase, unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento da contratación e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

18.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

18.3. O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título IV do seu regulamento.

Artigo 19. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

19.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o cal dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

19.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

b) Se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora. Tamén se considerará total o incumprimento da xustificación de polo menos tres meses de contratación subvencionable.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida:

1. No caso de incumprimento da obriga de dar de alta ao xestor nun grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social no caso de contratos laborais formalizados conforme a lexislación española, o prazo de contratación subvencionable iniciarase na data da dita alta.

2. No caso de incumprimento da obriga de contratar un novo xestor para completar o prazo de execución do proxecto, subvencionarase o prazo de contratación subvencionable sempre que o gasto subvencionable sexa igual ou superior ao 50 % da base subvencionable e se xustifiquen polo menos tres meses de contratación subvencionable dun xestor ou varios no caso de substitución que cumpra os requisitos destas bases (no caso de que o Igape comprobe que o xestor contratado non cumpre os requisitos das bases comunicarallo ao solicitante da axuda para que presente un novo contrato cun xestor apto). Neste caso, o prazo de contratación subvencionable –e computable para os efectos do cumprimento– serán os períodos de contratación dun ou varios xestores aptos durante o prazo de execución establecido nas bases e resolución de concesión.

3. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida: non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos FSE (artigo 16.1. destas bases).

4. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida: non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 16.m) destas bases e non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo concepto subvencionable, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Artigo 20. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 22. Comprobación de subvencións

22.1. O órgano concedente comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de tres anos posteriores ao peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

22.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 23. Publicidade

23.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas se poidan impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

23.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

23.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, que, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24.12.2013); no Regulamento (CE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24.12.2013), no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014), no Regulamento (CE) nº 1083/2006, Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE ) nº 1081/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO III
Localizacións preferentes

Axudas do Igape para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013

• Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: municipios da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.

• Municipios da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.

• Municipios da provincia de Lugo.

• Municipios da provincia de Ourense.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file