Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2015 Páx. 839

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 169/2014, do 26 de decembro, polo que se derroga o Decreto 154/1993, do 24 de xuño, polo que se aproba o réxime xurídico básico do servizo público de xestión dos residuos industriais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante o Decreto 154/1993, do 24 de xuño, polo que se aproba o réxime xurídico básico do servizo público de xestión dos residuos industriais na Comunidade Autónoma de Galicia, a Xunta de Galicia establecía o réxime xurídico do servizo público de xestión de residuos industriais na planta de tratamento de residuos industriais de Galicia, sita no concello das Somozas.

Desde maio de 1995, o devandito servizo público vense prestando, baixo a modalidade de xestión indirecta, a través dunha sociedade de economía mixta denominada Sociedade Gallega de Residuos Industriales, S.A., á cal se lle atribuíu a xestión das instalacións do devandito centro.

Desde entón produciuse un considerable incremento na oferta privada de servizos de tratamento de residuos industriais en Galicia, parello ao desenvolvemento industrial desta comunidade e ás crecentes exixencias derivadas da normativa de calidade ambiental, e constitúe na actualidade un sector económico plenamente consolidado na nosa comunidade.

O artigo 7, letra g), da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, atribuíu á Comunidade Autónoma a competencia para declarar como servizo público, de titularidade autonómica ou municipal, todas ou algunhas das operacións de xestión de determinados residuos, declaración que ten un carácter eminentemente facultativo.

Ben que persiste a necesidade estratéxica de que a Xunta de Galicia continúe garantindo unha certa capacidade de tratamento de residuos industriais co fin de afrontar, sobre os principios de autosuficiencia e proximidade, a xestión daqueles producidos como consecuencia de episodios excepcionais de contaminación, proporcionar aqueles procesos que aínda non contan cunha suficiente oferta en Galicia ou mesmo fomentar a innovación e o desenvolvemento técnico nesta materia, o feito de que esta necesidade non responda directamente ao exercicio dunha competencia autonómica específica no marco da vixente Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, xunto co antedito incremento paulatino da oferta por parte do sector privado, dilúen a conveniencia de manter formalmente a condición de servizo público da actividade desenvolvida na planta de tratamento de residuos industriais de Galicia.

Atopándose próximo o fin da vixencia do actual contrato de xestión do servizo público subscrito coa Sociedad Gallega de Residuos Industriales, S.A., a Xunta de Galicia debe abordar a continuidade da actividade da referida planta desde unha nova perspectiva acorde co actual contexto, a través dun contrato sobre as actuais instalacións que manteña a aludida garantía sen provocar distorsións no mercado e na competencia.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de decembro de de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Queda derrogado o Decreto 154/1993, do 24 de xuño, polo que se aproba o réxime xurídico básico do servizo público de xestión dos residuos industriais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria única

O Decreto 154/1993, do 24 de xuño, polo que se aproba o réxime xurídico básico do servizo público de xestión dos residuos industriais na Comunidade Autónoma de Galicia seguirá aplicándose só para os efectos de dar cobertura normativa ao actual contrato de xestión de servizo público subscrito pola Xunta de Galicia coa Sociedad Gallega de Residuos Industriales, S.A. e ate o remate da vixencia do devandito contrato.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel MaríaVázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas