Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2015 Páx. 1670

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de secretario/a xeral do Concello de Lugo entre funcionarios con habilitación de carácter nacional.

De conformidade co disposto nos artigos 27 e 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación, e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

Publicar as bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, do posto de traballo de secretario/a xeral do Concello de Lugo que se achega como anexo a esta resolución, de acordo coas seguintes disposicións:

Primeira. O posto de traballo que se convoca poderá ser solicitado polos funcionarios/as con habilitación de carácter nacional pertencentes á subescala e categoría en que estea clasificado o posto.

Non poderán concorrer á convocatoria os funcionarios/as que se atopen nas situacións previstas nas letras a), b) e c) do artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

Segunda. Os interesados dirixirán as súas solicitudes á Corporación convocante, dentro dos quince (15) días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, xuntándolle á solicitude a documentación acreditativa de reunir os requisitos para o seu desempeño nos termos que figuran na convocatoria.

Terceira. Os aspirantes deberán suxeitarse ás bases da convocatoria publicadas neste diario oficial.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2014

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO

Resolución do alcalde presidente do Concello de Lugo, do 31 do outubro de 2014, pola que se aproba a convocatoria para a provisión do posto de traballo de secretario xeral do Concello de Lugo, mediante libre designación, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional, de conformidade coas seguintes bases:

1. Obxecto:

Constitúe obxecto desta convocatoria a provisión, polo sistema de libre designación, de conformidade co disposto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, e o Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, polo que se modifica a normativa reguladora dos sistemas de selección e provisión dos postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, do seguinte posto de traballo reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional:

– Corporación: Concello de Lugo.

– Denominación do posto: secretario/a xeral do Pleno.

– Nivel do complemento de destino: 30.

– Complemento específico anual: 26.301,36 €.

– Sistema de provisión: libre designación.

2. Requisitos:

Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria ser funcionario/a de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de secretaría e categoría superior.

Os/as aspirantes deberán acreditar, mediante a presentación coa solicitude de participación nesta convocatoria, estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Aquelas persoas aspirantes que non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou equivalente deberán facer unha proba na cal se avaliará co resultado de apto ou non apto o grao de coñecemento de galego, que deberá ser equivalente ao exixido para o Celga 4.

3. Remisión da convocatoria:

A convocatoria será remitida ao órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, conforme o artigo 28 do Real decreto 1732/1994.

4. Presentación de instancias:

As instancias para participar nesta convocatoria dirixiranse ao alcalde presidente do Concello de Lugo e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou nas oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, durante o prazo de quince (15) días naturais contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

Á instancia xuntarase a seguinte documentación:

– Fotocopia do DNI.

– Número de rexistro de persoal.

– Situación administrativa na cal se encontre a persoa solicitante, así como o seu destino.

– Certificado que acredite o coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente.

– Curriculum vitae. Neste currículum constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desenvolvidos na Administración, estudos, traballos e cursos impartidos e recibidos, así como aqueles outros méritos que xulgue oportuno alegar. Ao currículum deberán xuntarse os documentos xustificativos dos méritos que se aleguen, mediante certificacións ou fotocopias compulsadas, pois non serán valorados aqueles que non queden debidamente acreditados, en todos os seus aspectos, dentro do prazo de presentación de instancias.

Terase en conta fundamentalmente a experiencia acreditada de máis de cinco (5) anos en secretaría de entidades locais en municipios de gran poboación ou deputacións provinciais, os cursos superiores de dirección pública local, así como os cursos en materia urbanística.

5. Resolución:

Concluído o prazo, o presidente da Corporación procederá, de ser o caso, logo de constatación dos requisitos exixidos na convocatoria, a ditar a resolución correspondente no prazo dun mes, dando conta ao Pleno da Corporación e traslado desta ao órgano competente da Comunidade Autónoma e á Dirección Xeral de Administración Local para a anotación e publicación conxunta no Boletín Oficial del Estado. Esta resolución motivarase con referencia ao cumprimento, por parte do candidato elixido, dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria e de competencia para proceder ao nomeamento. A praza será adxudicada entre os candidatos que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

6. Toma de posesión:

Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos para os funcionarios con habilitación de carácter nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

7. Recursos:

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso de reposición, ante o alcalde do Concello de Lugo, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous (2) meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

José Clemente López Orozco
Alcalde presidente