Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Mércores, 14 de xaneiro de 2015 Páx. 1775

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 170/2014, do 26 de decembro, polo que se modifica o Decreto 36/2010, do 11 de marzo, polo que se regula o procedemento para o nomeamento do persoal emérito no ámbito sanitario.

O Decreto 36/2010, do 11 de marzo, establece o procedemento para nomear persoal emérito un número taxado de profesionais cunha traxectoria profesional especialmente distinguida, coa finalidade de que tras a súa xubilación poidan manter unha relación activa coa institución sanitaria de adscrición, realizando funcións de consultoría, asesoría e formación.

Transcorridos varios anos da vixencia do citado decreto, resulta oportuno realizar unha modificación puntual relativa ás prórrogas dos nomeamentos do persoal emérito coa finalidade de facilitar a rotación e renovación no exercicio das funcións antes indicadas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e seis de decembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 36/2010, do 11 de marzo, polo que se regula o procedemento para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario

O Decreto 36/2010, do 11 de marzo, polo que se regula o procedemento para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario, modifícase nos seguintes termos:

O artigo 8 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 8. Duración do nomeamento

O nomeamento como persoal emérito farase por un período dun ano. Transcorrido este prazo, e por proposta da xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada a que estea adscrito o persoal emérito, en función das necesidades da institución e coa conformidade da persoa interesada, poderá ser prorrogado o nomeamento, como máximo por outro período de idéntica duración, pola autoridade que conferiu este».

Disposición transitoria única. Prórrogas vixentes con anterioridade á entrada en vigor deste decreto

As prórrogas dos nomeamentos do persoal emérito vixentes no momento da entrada en vigor desta norma extinguiranse na data da súa finalización, sen que poidan ser obxecto de nova prórroga.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao que establece o presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade