Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Mércores, 21 de xaneiro de 2015 Páx. 3181

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros afectados polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca, e se convocan para o exercicio 2015, tramitada como anticipada de gasto.

O Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP), define o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro para o período 2007-2013.

O devandito regulamento tenta adaptar a frota pesqueira comunitaria, de xeito que se poida conceder axuda pública para a paralización definitiva de buques pesqueiros afectados por plans de axuste do esforzo pesqueiro, segundo se establece no artigo 21 do Regulamento (CE) nº 1198/2006. Estes plans de axuste do esforzo pesqueiro refírense a plans de recuperación, plans de xestión, Plan nacional de desmantelamento, medidas de urxencia da Comisión, medidas de urxencia do Estado membro, medidas dos Estados membros dentro das 12 millas mariñas e medidas dos Estados membros aplicables unicamente aos buques pesqueiros que enarboran o seu pavillón.

Ao abeiro do citado regulamento, a Consellería do Medio Rural e do Mar tramita mediante a presente orde o procedemento para a concesión de axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros afectados polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste publicando conxuntamente a convocatoria para o ano 2015 e máis as bases reguladoras co fin de facilitar aos interesados a consulta destas.

De acordo co artigo 55 do Regulamento (CE) nº 1198/2006 e demais normativa de aplicación, para poder acollerse á contribución con cargo ao Fondo Europeo de Pesca os conceptos subvencionados mediante esta orde terán que estar xustificados polos beneficiarios e certificados á Comisión Europea antes do 31 de decembro de 2015.

Segundo a Decisión C (2012)9373 de execución da Comisión que modifica a Decisión C (2007) 6615, a taxa media de cofinanciamento do FEP é dun 75 % en todas as medidas.

O artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva das actividades de pesca de buques pesqueiros afectados polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste, de conformidade co disposto no artigo 23 do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, para o período 2007-2013, así como proceder á súa convocatoria para o exercicio 2015.

Artigo 2. Finalidade das axudas

A finalidade das axudas reguladas nesta orde é axeitar a capacidade pesqueira da frota coa dispoñibilidade dos recursos mariños, mediante a redución do esforzo pesqueiro e, así, lograr un equilibrio sustentable que asegure que a pesca siga sendo unha actividade de desenvolvemento económico para esta comunidade.

A paralización definitiva poderase materializar por despezamento, asignación definitiva a tarefas non pesqueiras, ou reconversión en arrecifes artificiais.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. Para o ano 2015 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. O importe total máximo de concesión destas subvencións neste ano será de 2.000.000,00 de €.

2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2007-2013) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 de decembro de 2015, segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento (CE) nº 1198/2006.

3. O importe fixado nesta convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. Esta convocatoria tramítase polo procedemento anticipado de gasto. A concesión das axudas estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

5. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEP nun 75 % e do Estado membro nun 25 %.

Artigo 4. Requisitos dos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios os propietarios de buques pesqueiros da 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques que cumpran os seguintes requisitos:

a) O buque ten que ter unha antigüidade mínima de dez anos, ter o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e atoparse de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Censo de frota pesqueira operativa.

b) O buque deberá ter unha actividade pesqueira mínima de 90 días de pesca en cada un dos dous períodos de doce meses anteriores á data de solicitude de paralización definitiva ou, alternativamente, 120 días de pesca nos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de paralización definitiva. O órgano xestor das axudas comprobará o cumprimento dos días de actividade pesqueira mediante a consulta dos datos do Centro de Seguimento de Pesca español para buques que dispoñan do dispositivo de localización caixa azul. Se o buque non dispón deste dispositivo, a comprobación realizarase mediante a consulta dos datos dos rexistros oficiais de vendas. Tamén se poderán consultar outros medios que, a xuízo do dito órgano, acrediten suficientemente a actividade pesqueira.

c) O buque non deberá ter sido achegado como baixa para unha nova construción ou modernización.

d) O buque ten que estar afectado polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste.

e) Ao solicitar a axuda, o buque deberá estar libre de cargas e gravames, salvo que a súa cancelación estea suficientemente garantida ou se presente autorización para solicitar esta axuda, expresa e non sometida a condicións, emitida pola entidade crediticia ou pola persoa física ou xurídica titular do dereito garantido.

f) O buque deberá estar en condicións de navegar e realizar a actividade pesqueira nas condicións que exixe a normativa en vigor.

g) Ademais dos anteriores requisitos, deberán cumprirse as condicións recollidas no artigo 23 do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca e no Programa operativo para o sector pesqueiro español.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os solicitantes da axuda, antes de que se dite a proposta de resolución, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente ou calquera outra comprobación ou control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou calquera outro órgano de control competente, tanto nacional como comunitario, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco (5) anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

e) Comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privado.

f) Comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para que foi concedida a axuda.

g) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

h) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Dar a axeitada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

j) No caso das frotas que teñan dereitos de pesca asignados de xeito individual, o propietario do buque que se vaia paralizar deberá comprometerse a traspasar o 100% dos dereitos de pesca a buques con porto base en Galicia ou a buques de empresas que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia. A permanencia do receptor na nosa comunidade autónoma (porto base ou domicilio fiscal) terá que ser por un tempo de cinco (5) anos desde que se realice a transferencia de dereitos. O seu incumprimento implicará o reintegro prorrata temporis da axuda. Para este efecto, para proceder ao pagamento cubrirase o anexo VI desta orde.

k) Con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da axuda, o buque debe estar de alta no Censo de frota pesqueira operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.

Artigo 6. Contía das axudas

1. A contía das axudas será como máximo a seguinte:

a) Prima por despezamento:

Categoría por tonelaxe do buque (GT)

Importe máximo da prima (€)

<10

11.500 × GT + 2.100

≥10<25

5.250 × GT + 65.100

≥25<100

4.410 × GT + 86.100

≥100<300

2.835 × GT +243.600

≥300<500

2.310 × GT + 401.100

≥500

1.260 × GT + 926.100

b) Prima por afundimento para a reconversión en arrecifes artificiais: mesmo baremo que o despezamento.

c) Prima no caso de que o buque se reconverta a tarefas non pesqueiras de carácter non lucrativo: mesmo baremo que o despezamento.

d) Prima no caso de que o buque se reconverta a tarefas non pesqueiras de carácter lucrativo: os importes máximos da prima por despezamento reduciranse nun 50 %.

2. Os importes máximos veranse reducidos nun 1 % por cada ano que sobrepase os vinte anos ata un máximo de 30 anos ou máis.

3. A contribución pública desta axuda poderá chegar ao 100 %.

4. As primas por paralización definitiva non serán acumulables con outra axuda comunitaria. Estas primas reduciranse:

– Nunha parte do importe percibido anteriormente no caso de axuda á modernización. Esta parte calcularase proporcionalmente ao tempo transcorrido desde a data contable do último pagamento da axuda á modernización ata a data de presentación da solicitude da axuda á paralización, dentro do período de cinco (5) anos que preceden a paralización definitiva.

– No caso de perda do buque ou sinistro entre o momento da concesión da axuda e a paralización definitiva real, efectuarase unha corrección financeira equivalente á indemnización pagada polo seguro.

5. Para os efectos do cálculo da prima, tomarase como referencia o arqueo do buque antes das obras de modernización sobre cuberta realizadas segundo o artigo 9 e 10 do Regulamento (CE) nº 1013/2010, sempre que non transcorresen cinco (5) anos entre a data de finalización das obras e a data de solicitude da axuda por paralización definitiva. No caso de que as ditas obras recibisen axuda pública para o seu financiamento, o período de referencia será desde a data do último pagamento da axuda ata a data de solicitude da axuda por paralización definitiva.

Artigo 7. Compatibilidade das axudas

1. As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario, e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento (CE) nº 1198/2006 para a contribución pública.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

Artigo 8. Prazo de presentación da solicitude e documentación necesaria (anexos normalizados e documentación complementaria)

1. Para esta convocatoria de 2015 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

– Anexo I desta orde, relativo ao modelo de solicitude de axuda.

– Anexo IV, de compromiso de retirada da actividade pesqueira.

– Anexo V, de relación de pescadores que formen parte da tripulación do buque obxecto da solicitude de paralización cos NIF e número de afiliación no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, no momento da solicitude da axuda, acompañada da fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol de dotación do buque. No suposto de que no momento da convocatoria das axudas o buque estivese a pescar en caladoiros afastados, presentarase certificación da capitanía marítima coa relación da tripulación enrolada a bordo.

– Só no caso de que o solicitante sexa una pluralidade de persoas físicas:

i) Anexo III.

ii) Anexo VIII (compromiso de execución e de non disolución da agrupación ata que transcorran catro anos desde a concesión da axuda).

7. A documentación complementaria está formada por:

I. Se o solicitante é a persoa física propietaria do buque:

– Copia cotexada do DNI só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).

II. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

– Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

– Certificación rexistral actualizada en que figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes.

– Poder suficiente do representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

– Copia cotexada do DNI do representante só no caso de non autorización do representante ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro de 2008 (DOG núm. 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).

III. Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas, deberán presentar:

– Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da axuda asinado por todos.

– Copia cotexada do DNI de cada un dos propietarios da embarcación só no caso de non cubrir no anexo III a autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).

– NIF da comunidade de bens ou sociedade civil.

– Copia cotexada da escritura de constitución e porcentaxe de participación de cada un dos seus membros, só no caso de non presentar o anexo III. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación.

IV. Se a paralización se vai materializar mediante asignación definitiva a actividades non relacionadas coa pesca:

– Memoria explicativa do destino do buque.

– Estatutos da entidade a que se transfira a propiedade do buque.

V. Outra documentación:

– Se o buque está en réxime de gananciais, autorización do cónxuxe ou parella de feito para a presentación do buque ás axudas de paralización definitiva.

– Certificación do Rexistro de Bens Mobles, Sección de Buques, en que conste a titularidade e o estado de cargas ou gravames do barco.

– Para o caso de que no certificado da alínea anterior consten cargas ou gravames, autorización para solicitar a axuda, expresa e non sometida a condicións, emitida pola entidade crediticia ou pola persoa física ou xurídica titular do dereito garantido.

– Certificación de despachos, expedida pola capitanía marítima correspondente, acreditativa de que o buque foi despachado para a actividade pesqueira.

– Copia certificada e actualizada da folla de asento do buque.

Artigo 9. Tramitación das solicitudes, resolución e recursos

1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Medio Rural e do Mar, como órgano instrutor dos expedientes, elaborará unha listaxe de puntuación provisional con todos os expedientes presentados, que remitirá ás delegacións territoriais para efectos informativos. Posteriormente analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase o interesado para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos e, se así non o fixer, terase por desistido da súa solicitude. Sen prexuízo do anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez instruído o expediente, remitirase a unha comisión de selección formada pola subdirectora xeral de Innovación Tecnolóxica, o xefe do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota e unha persoa funcionaria do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que emitirán un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. Con aqueles expedientes que reúnan os requisitos e a documentación necesarias elaborarán unha proposta de expedientes priorizada e ata onde cheguen a dispoñibilidades orzamentarias. A devandita proposta remitirase á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Acadado o acordo entre ambas as dúas administracións, elevarase á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar para a súa resolución, quen poderá delegar na persoa titular da Secretaría Xeral do Mar.

4. En caso da imposibilidade de asistir dalgún dos membros da comisión de selección, indicada na alínea anterior, poderán ser substituídos por quen designe a persoa titular da Secretaría Xeral do Mar.

5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polos beneficiarios, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo de Pesca, os prazos e modo de pagamento da subvención e o prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

6. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de sete (7) meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación dela. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

8. Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no punto 6 deste artigo, ao interesado non lle é notificada a resolución, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo de tres (3) meses, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados, en ambos os casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

9. Os expedientes que non cumpran os requisitos contidos nestas bases e na normativa de aplicación serán inadmitidos ou desestimados segundo o caso.

Artigo 10. Subrogación

1. Como norma xeral, non se admitirá a subrogación dun novo propietario do barco na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, salvo por falecemento ou incapacidade ou porque o novo propietario sexa resultante dun proceso de fusión, un cambio de denominación da empresa ou transformación do tipo de sociedade. Deberase indicar que o que se subroga debe reunir as condicións para ser beneficiario que se exixiron ao comezo. En todos os casos se deberá contar coa autorización previa da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

Artigo 11. Criterios de selección

1. Os criterios de selección poderanse modificar en cada convocatoria.

2. Para a convocatoria do ano 2015, e só para as axudas destinadas ao caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste, os criterios de selección serán os seguintes:

a) Que a modalidade de pesca sexa o cerco: 35 puntos.

b) Que a modalidade de pesca sexa artes menores: 31 puntos.

c) Que a modalidade de pesca sexa distinta das anteriores: 30 puntos.

d) Idade do buque: 1 punto por ano a partir dos 20 e ata os 30 anos; 0,25 puntos por ano a partir dos 30 e ata os 50 anos.

2. En caso de empate, terán prioridade os buques máis antigos. De persistir o empate, os que capturen maioritariamente especies para as cales exista un plan de recuperación. De persistir aínda o empate, os que empreguen artes menos selectivas.

Artigo 12. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en particular, a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais e o incumprimento dos prazos de materialización da paralización definitiva, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Forma de materialización da paralización definitiva

1. A paralización definitiva das actividades pesqueiras dun buque pesqueiro só poderá lograrse mediante:

a) O despezamento do buque pesqueiro.

b) A reconversión do buque, baixo pavillón dun Estado membro, para a asignación definitiva a actividades non relacionadas coa pesca.

c) Afundimento para crear arrecifes artificiais, logo de avaliación do impacto ambiental e do cumprimento dos obxectivos que se indican no artigo 38, punto 2, letra a) do Regulamento do Fondo Europeo da Pesca.

2. No suposto da letra b) o buque non poderá cambiar ás listas 4 e 7. Neste suposto, coa solicitude da axuda deberá achegarse unha memoria explicativa do destino do buque e os estatutos da entidade a que se transfire a súa propiedade. No documento en que se formalice a transmisión, deberá figurar unha cláusula pola que o adquirente se comprometa a non transmitir a embarcación nin volver a exercer a actividade de pesca.

3. En ningún caso se entenderá a exportación a terceiros países como unha forma válida de materializar a paralización definitiva. No caso de que, unha vez concedida a axuda, o propietario realizase a exportación do buque, entenderase decaído do seu dereito ao cobramento.

4. No caso de que o beneficiario queira modificar a forma de materialización da paralización definitiva respecto da cal conste no compromiso de retirada da actividade pesqueira (anexo IV) deberá obter previamente a autorización da Secretaría Xeral do Mar. Esta autorización solicitarase mediante escrito motivado acompañado do anexo IV debidamente cuberto e da documentación que proceda de acordo co artigo 8 desta orde.

Artigo 14. Xustificación e pagamento da axuda

1. Con carácter xeral, o prazo para a materialización e xustificación do despezamento será o 30 de setembro de 2015. Este prazo será improrrogable. A materialización e xustificación do despezamento fóra de prazo implicará a perda do dereito de cobramento das axudas concedidas.

2. Para o pagamento da axuda é imprescindible a materialización da paralización definitiva do buque e realizarase unha vez presentada en orixinal ou copia cotexada no Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

a) Acreditación da materialización da paralización definitiva:

i) No caso de despezamento:

– Certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa de que o buque foi efectivamente despezado. Se o buque se despeza no estranxeiro, deberá acreditarse mediante certificación dun organismo habilitado para tal fin coa inescusable intervención das autoridades españolas correspondentes (embaixada, consulado ou outras con capacidade para realizala).

– Documentación mediante imaxes de todo o proceso de despezamento, incluído o desmantelamento do casco.

– Xustificante ou xustificantes dos pagamentos efectuados entre a empresa que realice o despezamento e o armador e/ou propietario do buque.

– O buque debe estar dado de baixa no Censo da frota pesqueira operativa.

ii) No caso de reconversión para actividades non relacionadas coa pesca:

– Documento da transmisión, que deberá incluír unha cláusula pola cal o adquirente se comprometa a non transmitir a embarcación nin volver a exercer a actividade de pesca.

– O cambio de lista debe estar materializado.

– O buque debe estar dado de baixa no Censo da frota pesqueira operativa.

iii) No caso de afundimento para reconversión para crear arrecifes artificiais:

– Autorización do órgano que sexa competente.

– Baixa no Censo da frota pesqueira operativa.

b) Acreditación de estar notificada formalmente a todos os tripulantes a concesión da axuda por paralización definitiva do buque, mediante a presentación do documento de comunicación que se une como anexo VII desta orde, debidamente cuberto, acompañándoa coa fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol do buque no momento da concesión da axuda (isto último só no caso de que os tripulantes no momento da solicitude de axuda do buque por paralización definitiva e os tripulantes no momento da concesión sexan distintos).

c) Anexo II, relativo á declaración doutras axudas.

d) Anexo VI (compromiso de dereitos de pesca).

e) Certificación actualizada do Rexistro de Bens Mobles, Sección de Buques, en que conste a titularidade do buque.

f) Calquera outra documentación que se indique na resolución de concesión da axuda.

Artigo 15. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumprir calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Tamén será causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), a comisión polo beneficiario dunha infracción do dereito comunitario e, en especial, das normas da política pesqueira común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Para o procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

5. O beneficiario poderá devolver total ou parcialmente a subvención concedida sen o requirimento previo da Administración mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención. Neste caso, o beneficiario deberá presentar ante o órgano concedente unha copia xustificativa da devolución realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 16. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar, entón, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 18. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado “Relacións administrativas coa cidadanía e entidades” cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña); ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Disposicións adicional única

A competencia para resolver o procedemento de concesión das axudas está delegada na persoa titular da Secretaría Xeral do Mar de acordo co artigo 2, terceiro da Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 30 de marzo de 2012 (DOG do 12 de abril) sobre delegación de competencias.

Disposición transitoria única

Para esta convocatoria do ano 2015, a aqueles solicitantes da axuda que lles fose concedida na convocatoria do ano 2014 e renunciasen, non aceptasen ou fosen declarados decaídos no seu dereito de cobramento, seralles descontado o 35 % dos puntos acadados logo de aplicar os criterios de selección establecidos no artigo 11 desta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, á paralización definitiva dos buques pesqueiros afectados polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste aprobadas pola Orde do 3 de abril de 2014 (DOG núm. 72, do 14 de abril). Non obstante, aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde seranlles aplicables as súas disposicións.

Disposicións derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral do Mar para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposicións derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

P.A. (Decreto 161/2014, do 26.12.2014, DOG núm. 249, do 30 de decembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file