Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Venres, 20 de febreiro de 2015 Páx. 7217

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de actualización das listas de selección temporal da categoría de médico/a de familia e se fai pública a relación provisional de aspirantes en posesión do diploma en puericultura.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 12 de setembro de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 181, do 23 de setembro) iniciouse e reguláronse as bases do procedemento de actualización periódica das listas de selección temporal no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, elaboradas ao abeiro do Pacto do 26 de abril de 2011.

A Comisión Central de Seguimento do Pacto, na reunión que tivo lugar o 13 de setembro de 2012, nos mesmos termos que no pacto anterior, acordou que no suposto de non existir médicos pediatras inscritos nas listas da categoría de pediatra de Atención Primaria que poidan efectuar a cobertura de substitucións ou eventualidades, poderase utilizar por rigorosa orde de prelación os servizos dos/as aspirantes das listas de médico/a de familia que acrediten estar en posesión do diploma de puericultura.

Finalizado o prazo indicado na cláusula quinta da citada resolución e de conformidade co disposto no seu punto noveno, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de actualización periódica das listas de selección temporal elaboradas ao abeiro do Pacto do 26 de abril de 2011 na categoría de médico/a de familia.

Segundo. Publicar, segundo a orde de prelación que ocupan nas listas provisionais, a relación provisional de persoas aspirantes que acreditan estar en posesión do diploma en puericultura.

Terceiro. A lista provisional de admitidos/as e excluídos/as coa asignación aos primeiros da puntuación e a orde de prelación provisionais acadadas atópase publicada, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde
(www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos

Cuarto. De conformidade coa base novena da Resolución do 12 de setembro de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 181, do 23 de setembro) pola que se regulan as bases do procedemento de actualización periódica de listas, contra a resolución provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As persoas que presentando debidamente solicitude de inscrición non consten como admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A aceptación ou rexeitamento das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución desta dirección, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas acadadas polas persoas aspirantes.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2015

P.S. (Artigo 18.3 do Decreto 43/2013 e artigo 9.d) da Orde 5.7.2012)
Mª Jesús Rúa Moure
Subdirectora xeral de Selección e Políticas de Persoal