Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Martes, 24 de febreiro de 2015 Páx. 7698

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 12 de febreiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2015.

A detección das enfermidades animais incluídas nos programas oficiais de loita, control e erradicación pode derivar no sacrificio obrigatorio e destrución dos animais, seguido dunha hixienización das instalacións da explotación, de acordo coa normativa en vigor.

O artigo 21 da Lei 8/2003, de sanidade animal, no que se refire á loita, control e erradicación das enfermidades dos animais, establece que o sacrificio obrigatorio destes ou, se é o caso, a destrución dos medios de produción que se consideren contaminados, dará lugar á correspondente indemnización, en función dos baremos aprobados oficialmente. Igualmente, establece que serán indemnizables os animais que morran por causa directa tras seren sometidos a tratamentos ou manipulacións preventivos ou con fins de diagnóstico, ou, en xeral, os que morran no contexto das medidas de prevención ou loita contra unha enfermidade como consecuencia da execución de actuacións impostas pola autoridade competente.

Con todo, nas explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, dada a súa estrutura produtiva en Galicia, as indemnizacións establecidas non cobren suficientemente as importantes perdas económicas dos produtores naquelas explotacións en que se fai un baleiro sanitario por sacrificio obrigatorio de todos os seus animais, e que se ven obrigadas ademais, a asumir un período de inactividade produtiva ata que os servizos veterinarios oficiais autorizan a reintrodución de animais na explotación. Consecuentemente, resulta pertinente establecer mecanismos de compensación complementaria.

Por outra parte, cómpre ter en conta a dificultade con que se atopan os titulares das explotacións de gando bovino, ovino e cabrún para poder repoñer os animais de similares características aos que foron obrigados a sacrificar, e que, na maior parte dos casos, non hai posibilidade de acadar a reposición total ao mesmo tempo.

Polo tanto, para aqueles casos de explotacións destas especies en que coas indemnizacións por sacrificio obrigatorio non se acada o valor de adquisición de novos animais similares aos sacrificados e, consecuentemente, non resultaría factible repoñer eses animais, considérase necesario establecer axudas para favorecer a reposición do gando sacrificado obrigatoriamente.

Trátase de axudas estatais dirixidas ás pemes dedicadas á produción agrícola primaria, e encádranse dentro do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e cumpren os seus requisitos.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2015:

1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nunha explotación de gando bovino, ovino e cabrún, rexistrada en Galicia, por motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais.

2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados, e os casos de morte/sacrificio deses animais a consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas titulares (físicas e xurídicas) de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición, as persoas titulares (físicas e xurídicas) de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas, en que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, e como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, así como as persoas titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais das ditas especies, por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

3. As persoas solicitantes (físicas e xurídicas) das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas deberán ter a condición de pemes, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

4. No cumprimento do artigo 1.6.b) ii) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, as peme beneficiarias do presente réxime de axudas non terán a consideración de empresas en crise, segundo a definición destas establecida no artigo 2.14 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por mor dos danos ou perdas causadas polas enfermidades animais recollidas na lista da Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) ou nos anexos I e II do Regulamento (UE) nº 652/2014 do Parlamento Europeo e do Consello.

5. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades:

a) Que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarara unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, e en cumprimento do artigo 1.5.a) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

Artigo 3. Requisitos

1. Para poder ter dereito ás axudas reguladas nesta orde é imprescindible:

a) Que as persoas titulares e as explotacións gandeiras afectadas cumpran de forma estrita a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal, e a dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.

b) Que as explotacións gandeiras estean correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia: en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados, no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), establecido polo Real decreto 479/2004, e no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), regulado no Decreto 200/2012, da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. Para as axudas de compensacións complementarias por lucro cesante, ademais, comprobarase:

a) Que sexa efectivo o baleiro sanitario da explotación, co sacrificio obrigatorio da totalidade dos seus animais.

b) Que se cumpra o prazo de tempo para o período de baleiro (ou período de corentena) da explotación, sinalado pola autoridade sanitaria competente, ata que esta autorice a repoboación.

3. Para as axudas á reposición de gando, ademais comprobarase que se cumpren os seguintes requisitos:

a) En todos os casos, ter sacrificado obrigatoriamente aqueles animais de especies susceptibles de padecer a enfermidade, e que foron diagnosticados positivos ou sospeitosos.

b) Ter efectuado previamente, antes da reposición dos animais, a limpeza e desinfección da explotación de acordo coa lexislación vixente e as instrucións da autoridade competente.

c) Cumprir a normativa establecida na Orde do 4 de abril de 1997 pola que se establecen as normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa.

d) En canto aos animais adquiridos polos cales se solicita axuda: os da especie bovina procederán de explotacións con cualificación sanitaria T3 e B4 e libres de encefalopatías esponxiformes transmisibles, e os das especies ovina e cabrúa, de explotacións con cualificación sanitaria M4 e tamén libres de EET.

e) Unicamente se subvencionará a reposición efectuada con animais para manter na explotación un nivel de produción similar ao existente con anterioridade ao sacrificio.

4. Os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural e do Mar, como órganos competentes para a tramitación dos procedementos de concesión das axudas reguladas nesta orde, comprobarán o cumprimento dos requisitos descritos nos tres puntos anteriores.

Artigo 4. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Artigo 5. Inicio dos procedementos: presentación de solicitudes

1. Os procedementos de concesión das axudas iniciaranse por instancia de parte, coa presentación das solicitudes de axuda por parte das persoas interesadas e empregando os seguintes formularios que figuran como anexos nesta orde:

a) Para as axudas de compensacións complementarias por lucro cesante (do capítulo I desta orde): o anexo II para solicitar o período de baleiro da explotación (corresponde ao procedemento MR553A) e o anexo III para solicitar o período de tres meses posterior ao do baleiro (corresponde ao procedemento MR553B).

b) Para solicitar as axudas para a compra de gando bovino, ovino e cabrún para a reposición (do capítulo II desta orde): o anexo IV (corresponde ao procedemento MR550A).

2. Cando as axudas correspondan a unha pluralidade de persoas poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio representante legalmente habilitado, e, no seu defecto, co que figure en primeiro termo. Neste suposto, a presentación da solicitude destes procedementos inclúe un modelo de pluralidade de persoas solicitantes. Para facilitar este trámite, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas este e outros modelos normalizados.

3. Cada solicitude inclúe unha declaración responsable de titularidade de conta bancaria: nela, a persoa solicitante anotará os datos bancarios correspondentes ao titular da explotación, para os efectos de pagamento das axudas e, así mesmo, declarará a súa veracidade.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A tramitación destes procedementos require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude (anexos II, III e IV) inclúen autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión de axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Lugar e forma de presentación das solicitudes e da documentación complementaria

1. Para os formularios de solicitude:

a) As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Para a documentación complementaria:

a) A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

b) A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

d) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 8. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa (emendas, modificacións das solicitudes, alegacións...), que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Desistencia da solicitude de axuda

A persoa interesada que non presente a solicitude (anexos II, III e IV) correctamente cuberta ou non entregue a documentación complementaria que corresponda, ou ben non emenden a falta, os datos ou os documentos erróneos, no prazo de dez días desde o momento en que llo notificase o Servizo de Gandaría, considerarase que desiste da súa solicitude, segundo o establecido no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e logo de ditada resolución para o efecto nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

Artigo 10. Instrución dos procedementos de concesión das axudas de compensacións complementarias e das axudas á reposición de gando

1. Durante a instrución das axudas establecidas nesta orde teranse en conta os seguintes aspectos:

a) A axuda unicamente se concederá en relación coas enfermidades animais que figuran na lista de enfermidades animais elaborada pola Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE), ou as enfermidades dos animais e zoonoses enumeradas nos anexos I e II do Regulamento (UE) nº 652/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

b) A axuda só se pagará en relación con enfermidades animais para as que existan disposicións nacionais ou da Unión Europea, de carácter legal, regulamentario ou administrativo, e como parte dun programa público a nivel da Unión, nacional ou rexional para a prevención, control ou erradicación da enfermidade animal de que se trate.

c) Estas axudas, destinadas a reparar os danos causados por enfermidades animais, limitaranse ás perdas ocasionadas polas enfermidades cuxos brotes fosen oficialmente recoñecidos polas autoridades competentes.

d) Restaranse do importe máximo da axuda: os pagamentos recibidos en virtude de pólizas de seguros e por calquera outra medida para os mesmos custos subvencionables e, así mesmo, os custos que non fosen directamente provocados pola enfermidade animal e que noutras circunstancias a persoa beneficiaria tería efectuado.

e) Non se poderán conceder axudas por medidas cuxo custo, segundo o establecido pola normativa da Unión, deba ser sufragado pola persoa beneficiaria, salvo que ese custo sexa totalmente compensado por exaccións obrigatorias pagadas polas persoas beneficiarias.

f) Estes réximes de axudas pagaranse nun prazo de catro anos, a partir da data en que a enfermidade animal ocasionou o custo ou a perda.

2. Segundo o procedemento de concesión que se iniciase (do capítulo I ou II), e unha vez reunidas as solicitudes das axudas (anexos II, III ou IV) que procedan xunto coa súa correspondente documentación, os servizos provinciais de gandaría remitirán á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria os seus informes para proposta de resolución (un informe para cada solicitude de axuda), xunto con toda a documentación dos expedientes, para a súa supervisión polos órganos xestores da dita dirección. A persoa titular da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria emitirá as correspondentes propostas de resolución, e estas remitiranse á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, para os efectos de resolver as axudas.

3. Os órganos xestores tramitarán durante o ano 2015, ademais das axudas correspondentes a este ano, todas as axudas de compensacións complementarias e as axudas á reposición de gando que quedasen pendentes do ano 2014.

4. O prazo de presentación de solicitudes para as axudas establecidas nesta orde será desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o día 30 de novembro de 2015, incluíndo ambas as dúas datas no cómputo do prazo. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes das axudas reflectidas nesta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, e emitiraa no prazo máximo de cinco meses, contados desde o inicio do procedemento de concesión da axuda. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de axuda.

2. As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaranse na forma prevista no artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Modificación da resolución. A resolución de concesión da axuda poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma axuda outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas) que supere a intensidade máxima establecida para a axuda.

Artigo 12. Recursos

Contra as resolucións expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, poderanse interpor os seguintes recursos:

1. Recurso potestativo de reposición, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se a resolución foi expresa, ou no prazo de tres meses desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a axuda, segundo os artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, e de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo13. Réxime de compatibilidade

1. As axudas de Estado reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda que se poida obter das distintas administracións (da UE, internacionais, nacionais, autonómicas) para a mesma finalidade, sempre e cando a contía en concorrencia de todas elas non supere a intensidade máxima da axuda, a cal para estes dous réximes de axudas é do 100 % dos custos subvencionables, e en cumprimento do establecido nos artigos 8 e 26 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño (DOUE do 1 de xullo de 2014, L 193/1).

2. Para as axudas de compensacións complementarias por lucro cesante (capítulo I desta orde): no suposto de que se engadan varias axudas, o importe acumulado da axuda concedida non poderá exceder nunca o 100 % dos custos reais soportados.

3. Para as axudas para a compra de animais de reposición (capítulo II desta orde): o importe total das axudas de reposición en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas destinadas para o mesmo fin, o custo da reposición.

4. Neste ámbito de acumulación de axudas, os formularios de solicitude recollidos nesta orde (anexo II-procedemento MR553A, anexo III-procedemento MR553B e anexo IV-procedemento MR550A) inclúen unha declaración responsable da persoa solicitante, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade.

Artigo 14. Reintegro

1. O incumprimento pola persoa solicitante de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, a persoa solicitante terá a obriga do reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan (artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións).

Artigo 15. Xustificación das axudas

1. Para as axudas establecidas nesta orde, os servizos provinciais de gandaría realizarán controis na explotación gandeira, se for necesario, e comprobacións nas bases de datos e nos documentos achegados pola Consellería do Medio Rural e do Mar e polas persoas solicitantes.

2. Os expedientes de concesión das axudas establecidas nesta orde, iniciaranse cando as persoas interesadas presenten a solicitude da axuda (anexo II, III, ou IV) e, de ser o caso, a documentación complementaria que corresponda, segundo o procedemento de que se trate (MR553A, MR553B ou MR550A).

3. Nas axudas de compensacións complementarias por lucro cesante, as persoas beneficiarias deberán xustificar:

a) Antes de solicitar o segundo período da axuda (período de postautorización á reintrodución de gando), e só para os casos nos que sexa requirido polo Servizo de Gandaría, que levaron a cabo os labores de hixiene e desinfección da explotación afectada.

b) As clases de pólizas de seguros gandeiros que posúan como persoas titulares aseguradas e, se é o caso, os importes que percibiron polos animais sacrificados por mor do baleiro sanitario e en virtude da póliza.

4. Nas axudas para a compra de animais de reposición, as persoas beneficiarias deberán xustificar:

a) A compra das reses polas cales solicitan axuda mediante documento acreditativo (factura, contrato privado de compravenda...), e que o dito gasto realizado foi efectivamente pagado, mediante un documento de entidade financeira acreditativo dun movemento bancario.

b) Que levaron a cabo a reposición ou incorporación dos animais na súa explotación, só para os casos en que este feito sexa requirido polo Servizo de Gandaría.

Artigo 16. Pagamento das axudas

1. O pagamento das axudas incluídas nesta orde realizarase logo da comprobación do cumprimento das condicións e requisitos establecidos nela.

2. O pagamento das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante e das axudas para a compra de animais destinados á reposición, recollidas nesta orde, estará suxeito ás dispoñibilidades de crédito vixentes.

Artigo 17. Controis

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá realizar os controis administrativos e as inspeccións que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos reflectidos na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción das axudas. A persoa solicitante estará obrigada a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. As persoas solicitantes terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos xestores, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 18. Financiamento

As axudas establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2015 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2014, financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015:

12.22.713E.771.1, cunha dotación de 300.000 € (trescentos mil euros).

Proxecto 2012 00741.

TÍTULO II
Disposicións específicas

CAPÍTULO I
Axudas de compensacións complementarias por lucro cesante

Artigo 19. Contía das compensacións complementarias

1. O importe das compensacións complementarias por lucro cesante en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún será determinado con base nos cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións, que se xuntan como anexo I a esta orde, tendo en conta o período de inactividade da explotación desde o día seguinte a aquel en que sexa efectivo o seu baleiro sanitario (a data real do baleiro é a data de sacrificio do último animal que saíu da explotación), e que fose ordenado pola autoridade competente.

2. Estas axudas constan de dous períodos de tempo na súa tramitación e no seu pagamento:

a) O tempo de baleiro da explotación ou período de corentena (corresponde ao procedemento MR553A).

b) Os tres meses posteriores ao período de baleiro, contados desde o mesmo día en que se autorice oficialmente a reintrodución de animais na explotación (corresponde ao procedemento MR553B).

3. Os cálculos para a determinación das compensacións faranse multiplicando o valor en euros da marxe bruta de cada unidade de produción polo número de unidades de produción que consten como datos oficiais referidos á explotación afectada na Consellería do Medio Rural e do Mar. Resultará así un importe anual que, dividido entre 365 días, determinará o importe diario, que será multiplicado polo número de días de inactividade.

En caso de recuperación parcial da actividade serían descontados, para os días restantes, os importes das unidades de produción correspondentes.

4. Para os casos en que o período de inactividade supoña a perda de posibilidade de percepción do importe total da prima anual, aplicarase para o cálculo o valor da marxe bruta sen prima e incrementarase o importe final co valor total anual da prima.

Sección 1ª. Instrución do procedemento para
os baleiros sanitarios do ano 2014

Artigo 20. As solicitudes nos dous períodos da axuda

Para os casos de baleiros sanitarios decretados pola autoridade competente durante o ano 2014, en que as persoas titulares desas explotacións teñan aínda pendentes de que se emita unha ou ambas as dúas resolucións de aprobación de importes da axuda ao lucro cesante:

1. Para as persoas interesadas que non percibiron o importe correspondente ao tempo de baleiro da explotación: deberán presentar o formulario de solicitude que figura como anexo II desta orde (procedemento MR553A), especificando que corresponde a un baleiro sanitario do ano 2014, e soamente se non o presentaron durante o ano 2014.

2. Para as persoas interesadas que non percibiron o importe correspondente aos tres meses posteriores á autorización de incorporación de gando: deberán presentar, cando dispoñan da dita autorización, o formulario de solicitude que figura como anexo III desta orde (procedemento MR553B), especificando que corresponde a un baleiro sanitario do ano 2014, e soamente se non o presentaron durante o ano 2014.

3. De ser o caso, a persoa interesada presentará ambos os dous anexos (II e III), soamente se non os presentou durante o ano 2014. Así mesmo, terase en conta que a solicitude de cada período da axuda vai ligada (e deberá presentarse, de ser o caso) a cada explotación gandeira (ou código Rega) afectada por un baleiro sanitario.

Artigo 21. Presentación da documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude que corresponda (unha ou ambas as dúas), a persoa interesada deberá achegar a documentación complementaria requirida no artigo 24.1 desta orde, que non fose xa presentada xunto coa solicitude do ano 2014, ou que sufrise modificacións.

2. Neste ámbito, así mesmo, a persoa solicitante terá en conta que tamén é de aplicación o contido do artigo 24.3 desta orde.

Artigo 22. Documentación que achegará a Administración

A Administración actuante xestionará a obtención da documentación establecida no artigo 25 desta orde para achegala, en cada caso, aos respectivos expedientes.

Sección 2ª. Instrución do procedemento para
os baleiros sanitarios do ano 2015

Artigo 23. Disposicións para as solicitudes de axuda

Para os baleiros sanitarios decretados pola autoridade competente durante o ano 2015, as solicitudes de axuda deberanse presentar para cada explotación gandeira (ou código Rega) afectada, e en dous períodos de tempo diferentes:

1. A primeira solicitude, polo tempo de baleiro da explotación: a persoa interesada presentaraa dentro do primeiro mes posterior á data en que se lle notifique a resolución de baleiro/sacrificio decretada pola autoridade competente, despois de ser efectivo o sacrificio do último animal da explotación, e empregará o modelo que figura como anexo II desta orde (procedemento MR553A), especificando que corresponde a un baleiro sanitario do ano 2015.

2. A segunda solicitude, polos tres meses posteriores á data en que se autorice oficialmente a reintrodución de animais na explotación: a persoa interesada presentaraa dentro do primeiro mes posterior á data en que lle sexa entregado o documento oficial que autoriza a incorporación de gando (finalizando neste momento o período de baleiro), e empregará o modelo que figura como anexo III desta orde (procedemento MR553B), especificando que corresponde a un baleiro sanitario do ano 2015.

3. Para ter dereito á totalidade da axuda ao lucro cesante (e para cada explotación), será necesario que a persoa interesada presente a segunda solicitude (ademais da primeira), vaia levar a cabo compras de animais, para repoñer na explotación, nos tres meses ou non.

Artigo 24. Presentación da documentación complementaria

1. Xunto coa primeira solicitude, a persoa interesada deberá achegar, segundo o caso de que se trate, a seguinte documentación complementaria:

a) Copia do NIF da persoa xurídica solicitante e copia do DNI do seu representante, ou copia do DNI da persoa física solicitante. A copia do DNI deberase presentar só no caso de que non se autorice a Consellería do Medio Rural e do Mar para consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Se o/a solicitante é unha persoa xurídica: copias cotexadas do documento de constitución da entidade e dos seus estatutos.

c) No caso de representación (da persoa solicitante): documento acreditativo da representación por calquera medio válido en dereito. O representante deberá ser unha persoa física.

d) Documento acreditativo das pólizas de seguros gandeiros que posúan, e ademais, de ser o caso, se a persoa titular da explotación e asegurada percibiu importes polos animais sacrificados por mor do baleiro sanitario, achegará un documento emitido pola empresa aseguradora xustificativo deles.

2. Con respecto á documentación complementaria que acompañará, de ser o caso, a segunda solicitude: se hai algunha modificación nos documentos presentados coa primeira solicitude e citados no punto 1 anterior, a persoa interesada deberá achegar os novos xunto con esta solicitude.

3. Así mesmo, sempre que se realice a presentación de documentación separadamente dos formularios principais (anexos II e III), a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 25. Documentación que achegará a Administración

Por mor da racionalización administrativa do procedemento de concesión destas axudas, e co fin de reducir as cargas administrativas ás persoas beneficiarias, os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural e do Mar xestionarán a obtención da seguinte documentación e xuntaránllela aos correspondentes expedientes:

1. As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e para acreditar o cumprimento das obrigas por parte da persoa solicitante das axudas respecto ás citadas administracións. A documentación deste punto 1 achegaraa a Administración para todos os expedientes en que a persoa solicitante non denegue expresamente o seu consentimento.

2. Certificado emitido polo xefe do Servizo de Gandaría provincial, que acreditará que a explotación gandeira de que se trate realizou o baleiro sanitario e reflicte a listaxe de animais sacrificados con dereito á axuda ao lucro cesante. Este documento xuntarase ao anexo II e á documentación complementaria correspondente ao período de baleiro da axuda (procedemento MR553A), e non será necesario xuntalo de novo ao expediente do segundo período da axuda ou período de postautorización á reintrodución (procedemento MR553B).

3. De ser o caso, informe/certificado dos dereitos de vacas nutrices e do importe total estimado para a prima anual de vacas nutrices, a que teña dereito a persoa titular da explotación para a campaña correspondente, e ademais acreditará se a persoa produtora/titular percibiu ou percibirá, ou ben non, a dita prima, e será emitido polo correspondente xefe do Servizo Territorial do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) da Consellería do Medio Rural e do Mar.

4. De ser o caso, informe/certificado da cota láctea asignada á persoa titular da explotación para a campaña correspondente, e emitido polo xefe do Servizo de Explotacións Agrarias da respectiva xefatura territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar.

CAPÍTULO II
Axudas para a compra de gando bovino, ovino e cabrún para a reposición

Artigo 26. Contía das axudas para a reposición

As axudas para a compra de animais bovinos, ovinos ou cabrúns destinados á reposición poderán concederse nas contías e cos límites seguintes:

1. 400 euros por animal adquirido da especie bovina e 40 euros por animal comprado para o gando ovino e o cabrún (houbese ou non baleiro sanitario na explotación); estes importes por animal serán incrementados nun 10 % se a explotación pertencía a unha ADSG na data de sacrificio/morte dos seus animais.

Tendo en conta os importes establecidos neste punto, o importe total da axuda será ata un máximo de 20.000 euros por persoa beneficiaria nos casos de baleiro sanitario da explotación, e ata un máximo de 12.000 euros por persoa beneficiaria nos casos en que non se realizase o baleiro sanitario da explotación.

2. Ademais do establecido no punto 1 anterior, poderá concederse unha contía adicional para cada animal bovino comprado nos casos seguintes:

a) Se os animais bovinos sacrificados pertencían a explotacións incluídas en núcleos de control leiteiro oficial, nun importe por animal igual ao resultado de multiplicar:

0,15 euros polos quilos de leite resultantes de aplicar a diferenza entre o rendemento leiteiro medio das lactacións válidas finalizadas de, polo menos, o 60 % das femias da explotación con maior rendemento, e a cantidade de 6.700 quilos.

b) Se os animais bovinos sacrificados tiñan menos de 10 anos de idade na data do seu sacrificio, pertencían a unha raza pura cárnica e estaban inscritos no libro xenealóxico da citada raza, poderase engadir unha contía adicional por animal de:

150 € en animais sacrificados con cualificación morfolóxica de 75 a 79 puntos.

300 € en animais sacrificados con cualificación morfolóxica de 80 a 84 puntos.

450 € en animais sacrificados con cualificación morfolóxica de máis de 85 puntos.

Aplicarase a cualificación morfolóxica que figure na carta xenealóxica do animal.

O límite máximo por persoa beneficiaria, tendo en conta tamén esta contía adicional do punto 2, será de 36.000 euros.

3. O número de reses obxecto da axuda non poderá ser superior, en ningún caso, ao dos animais que figuren asignados a esa explotación na base de datos oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar, e que fosen obxecto de sacrificio obrigatorio/eutanasia ou morresen por enfermidade sometida a un programa ou actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

Sección 1ª. Instrución do procedemento para
as axudas á reposición do ano 2014

Artigo 27. Disposición para as solicitudes da axuda

Para as axudas á reposición do ano 2014 que quedasen pendentes de tramitación e de pagamento (presentase ou non a persoa interesada a solicitude):

As persoas interesadas deberán presentar unha única solicitude de axuda para cada explotación gandeira (ou código Rega) afectada, e para todas as compras de animais realizadas con anterioridade ao ano 2015 que non fosen tramitadas ou pagadas, pero soamente se non fose xa presentada durante o ano 2014. Para iso empregarán o formulario que figura como anexo IV desta orde (corresponde ao procedemento MR550A).

Artigo 28. Presentación de documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude, a persoa interesada deberá achegar a documentación complementaria requirida no artigo 31.1 desta orde, que non fose xa presentada xunto coa solicitude do ano 2014, ou que sufrise modificacións.

2. Neste ámbito, así mesmo, a persoa solicitante terá en conta que tamén é de aplicación o contido do artigo 31.3 desta orde.

Artigo 29. Documentación que achegará a Administración

A Administración actuante xestionará a obtención da documentación establecida no artigo 32 desta orde para xuntala, en cada caso, aos respectivos expedientes.

Sección 2ª. Instrución do procedemento para
as axudas á reposición do ano 2015

Artigo 30. Disposición para as solicitudes da axuda

Para as axudas á reposición do ano 2015, as persoas interesadas presentarán unha solicitude cada vez que demanden a axuda pola compra de animais, para cada explotación gandeira (ou código Rega) afectada, e empregarán o formulario que figura como anexo IV desta orde (procedemento MR550A).

Artigo 31. Presentación de documentación complementaria

1. Xunto coa primeira solicitude correspondente a compras do ano 2015, e despois de ter a explotación autorización para a reintrodución de animais, as persoas interesadas achegarán a seguinte documentación complementaria, segundo o caso de que se trate:

a) Copia do NIF da persoa xurídica solicitante e copia do DNI do seu representante, ou copia do DNI da persoa física solicitante. A copia do DNI deberase presentar só no caso de que non se autorice a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Se o/a solicitante é unha persoa xurídica: fotocopias cotexadas do documento de constitución da entidade e dos seus estatutos.

c) No caso de representación (da persoa solicitante): documento acreditativo da representación por calquera medio válido en dereito. O representante deberá ser unha persoa física.

d) Documento acreditativo das pólizas de seguros gandeiros que se posúan e, ademais, de ser o caso, se a persoa titular da explotación e asegurada percibiu importes polos animais sacrificados en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades animais, achegará un documento emitido pola empresa aseguradora xustificativo deles.

e) De ser o caso, se os animais bovinos sacrificados fosen de raza cárnica e estivesen inscritos no libro xenealóxico da raza, a persoa solicitante presentará unha copia cotexada da carta xenealóxica dos animais sacrificados en que figure a cualificación morfolóxica, que será emitida pola entidade xestora do libro xenealóxico da raza.

f) De ser o caso, xustificantes do valor económico obtido na comercialización dos animais (antes do seu sacrificio obrigatorio), e nos cales figurarán os importes individualizados percibidos por cada animal.

g) De ser o caso, xustificantes do importe percibido polas canais no matadoiro.

h) Facturas ou documentos equivalentes que acrediten a compra dos animais polos cales se solicita a axuda, e nos cales figurarán os importes desagregados pagados por cada animal.

i) Documento da entidade financeira (banco/caixa) que acredite o movemento bancario entre dúas contas bancarias distintas (a do comprador e a do vendedor), e que será o xustificante dos pagamentos das facturas ou documentos de compra das reses de reposición.

2. No caso de presentar máis solicitudes de axuda ao longo do ano, as persoas interesadas achegarán con cada unha delas a seguinte documentación complementaria:

a) As correspondentes facturas ou documentos equivalentes que acrediten a compra das reses polas cales se solicita a axuda, cos importes pagados desagregados por cada animal.

b) Os documentos da entidade financeira (banco/caixa) que acrediten o movemento bancario entre dúas contas bancarias distintas (a do comprador e a do vendedor), que serán os xustificantes dos pagamentos das facturas ou documentos de compra dos animais de reposición.

c) Ademais, a persoa solicitante poderá presentar xunto coas novas solicitudes, se o considera oportuno ou por modificacións na documentación xa presentada, calquera outro documento dos sinalados no punto 1 anterior.

3. Así mesmo, sempre que se realice a presentación de documentación separadamente do formulario principal (anexo IV), a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 32. Documentación que achegará a Administración

Por mor da racionalización administrativa do procedemento de concesión destas axudas, e co fin de reducir as cargas administrativas ás persoas beneficiarias, os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural e do Mar xestionarán a obtención da seguinte documentación e xuntaránllela aos correspondentes expedientes:

1. As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e para acreditar o cumprimento das obrigas por parte da persoa solicitante das axudas respecto ás citadas administracións. A documentación deste punto 1 achegaraa a Administración para todos os expedientes en que a persoa solicitante non denegue expresamente o seu consentimento.

2. Xustificante de pertenza ou non da explotación a unha ADSG (agrupación de defensa sanitaria gandeira), para os efectos do incremento na contía da axuda, de ser o caso, e segundo o artigo 26.1 desta orde. Estes documentos obteranos directamente os servizos provinciais de gandaría.

3. De ser o caso, e para as explotacións con clasificación zootécnica «produción de leite», certificado coas producións leiteiras das vacas, para as explotacións incluídas no control leiteiro oficial, e para os efectos da contía adicional da axuda establecida no artigo 26.2, alínea a), desta orde. O dito certificado será emitido polo xefe do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal da Consellería do Medio Rural e do Mar, o cal tamén certificará as explotacións que non estean en núcleos de control leiteiro oficial.

Disposición adicional primeira

A todos os aspectos non regulados na presente orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda

As axudas de Estado establecidas nesta orde axústanse ao disposto no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión europea (DOUE do 1 de xullo de 2014, L 193/1). En concreto, o principal obxectivo destas liñas de axudas é compensar ás pemes polas perdas que lles causaron as enfermidades animais, tal e como informa o artigo 26 deste regulamento.

A tramitación e o pagamento destas axudas quedará, en todo caso, condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea non formulen obxeccións a estas, e ás posibles observacións e modificacións derivadas de tales pronunciamentos.

Disposición adicional terceira

No caso de que durante a instrución do ano 2014 houbese solicitudes das axudas presentadas en tempo e forma por persoas interesadas (dos procedementos MR553A, MR553B e MR550A), así como informes para proposta de resolución emitidos polos servizos de gandaría provinciais, e ao abeiro da Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 26 de xuño de 2014 que rexía a concesión destas axudas, e que non se puideran tramitar durante o ano 2014, teranse en conta no procedemento de concesión destas axudas para o ano 2015 e ao abeiro desta orde, e para os expedientes dos procedementos MR553A, MR553B e MR550A xa iniciados, sen necesidade de que as ditas persoas interesadas presenten un novo formulario de solicitude normalizada para elas, nin tampouco que os servizos de gandaría provinciais emitan novos informes para proposta de resolución se xa están xerados.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I
Axudas de compensacións complementarias

Marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións (valor en euros/unidade).

Actividade

Unidades

Características

Pdto. bruto

G. variable

Marxe bruta

Cabrún

Nai

Sen primas

102,17

9,62

92,56

Cabrún

Nai

Con primas

106,55

9,62

96,93

Ovino

Nai

Con primas

64,61

9,62

54,79

Ovino

Nai

Sen primas

60,10

9,62

50,49

Vacún carne

Cab

Con dereitos

1.047,00

358,73

688,27

Vacún carne

Cab

Sen dereitos

857,04

358,20

498,84

Vacún leiteiro

Litros/cota/ano

<50.000 l. expl.

0,33

0,15

0,18

Vacún leiteiro

Litros/cota/ano

De 50.001 a 100.000

0,33

0,14

0,19

Vacún leiteiro

Litros/cota/ano

>100.000

0,35

0,15

0,20

Xatos ceba

Praza (1,25 xato)

0-9 meses

854,19

628,81

225,38

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file