Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Xoves, 26 de febreiro de 2015 Páx. 8170

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se modifica a Resolución do 22 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación a prol das entidades galegas no exterior para o exercicio 2015.

A Resolución do 22 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación a prol das entidades galegas no exterior para o exercicio 2015 (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro), no seu artigo 12.1 establece que «Os gastos ou proxectos subvencionados a través da presente convocatoria deberán ser executados e xustificados antes do 30 de setembro de 2015».

Segundo establece o Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración ten entre as súas funcións a incentivación de cantas accións se orienten á potenciación e difusión da galeguidade en calquera parte do mundo, en especial nos lugares onde estean radicadas as comunidades galegas e procurará buscar liñas de cooperación coas distintas entidades que teñan estes mesmos fins, como é a programación de seminarios, mostras, exposicións, encontros e outras actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega así como ao coñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

Ao estar prevista a celebración, para o vindeiro mes de outubro, de eventos de especial relevancia para a promoción e difusión da cultura galega e a potenciación do coñecemento da realidade actual de Galicia no exterior, e co obxecto de posibilitar a participación da colectividade galega a través das súas entidades representativas, faise preciso modificar o devandito prazo de execución e xustificación para as accións do programa 3 «Accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas».

En consecuencia e de conformidade coas facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 22 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación a prol das entidades galegas no exterior para o exercicio 2015

Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 12.1 da Resolución do 22 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación a prol das entidades galegas no exterior para o exercicio 2015, que queda redactado como segue:

«Os gastos ou proxectos subvencionados a través da presente convocatoria relativos aos programas 1 e 2 deberán ser executados e xustificados antes do 30 de setembro de 2015, e os relativos ao programa 3 deberán ser executados e xustificados antes do 30 de outubro de 2015».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2015

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración