Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 2 de marzo de 2015 Páx. 8483

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 32/2015, do 19 de febreiro, polo que se regula a declaración de municipio turístico.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, de conformidade co disposto no artigo 27.21º do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e, polo tanto, a potestade de regular o sector turístico no seu ámbito territorial.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, recolle no título III, nos seus artigos 27 a 30, a declaración de municipio turístico co obxectivo de dotar esta figura dun marco xurídico, así como establece os requisitos mínimos que deberán cumprir os municipios galegos para ser declarados municipios turísticos. A lei tamén fai referencia aos servizos mínimos que deben prestar, así como os efectos que terá a declaración de municipio turístico e os casos en que pode perderse.

Con esta referencia legal, a Xunta de Galicia recoñece o importante papel que xogan os concellos na proxección turística da Comunidade Autónoma, por ser a administración máis próxima á cidadanía e a que recibe os/as turistas e visitantes que se achegan á nosa comunidade.

Así mesmo, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, establece a posibilidade da declaración de municipios turísticos, así como a de realizar convenios coa Xunta de Galicia e de establecer tributos ou recargas específicas de acordo coa lexislación de facendas locais, nos artigos 90 a 92.

A declaración de municipio turístico estaba regulamentada no Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaracións de festas de Galicia de interese turístico.

Este novo decreto engade novas exixencias co propósito de que a declaración de municipio turístico implique para o concello un compromiso real e efectivo dirixido a potenciar o sector turístico no seu termo municipal como área económica, social, cultural e de imaxe.

Así, por unha banda, recóllense os requisitos de inescusable concorrencia para que proceda a declaración e a prestación duns servizos mínimos e, por outra, os elementos de valoración non excluíntes e cunha marxe de discrecionalidade na súa apreciación.

Os requisitos mínimos son só os que se recollen na Lei 7/2011, do 27 de outubro, e, como novidade, estes configúranse de xeito acumulativo e non alternativo a diferenza das anteriores leis de turismo.

Porén, a declaración presupón tamén beneficios para os concellos declarados municipios turísticos tanto no que atinxe á planificación turística como ás liñas de fomento, actividades de promoción ou políticas de implantación ou mellora de infraestruturas e servizos que poidan determinar a administración autonómica ou outras administracións de carácter supramunicipal. Trátase, neste caso, de establecer canles de cooperación interadministrativa que permitan o impulso do sector turístico no ámbito municipal.

Este decreto desenvolve a previsión legal, concretando os requisitos que deben cumprirse para optar á declaración de municipio turístico, os seus efectos, así como o procedemento para a declaración, a súa vixencia e a perda da condición de municipio turístico.

Polo que respecta aos órganos competentes, o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, regula a Axencia Turismo de Galicia como unha axencia pública autonómica, que ten como obxectivo básico impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade. Nace cunha vocación integradora, e deste xeito acádase unha dirección única, coordinada e áxil das competencias turísticas da Comunidade Autónoma, así como dos servizos comúns e transversais destas, o que supón conseguir unha maior eficacia e eficiencia dos recursos públicos.

O decreto conta con vinte e un artigos agrupados en catro capítulos, catro disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O decreto complétase cun anexo relativo ao procedemento para a solicitude de declaración de municipio turístico.

O capítulo I baixo a rúbrica de Disposicións xerais, recolle o obxecto, o ámbito de aplicación do decreto e a finalidade de declaración de municipio turístico, así como a competencia para a declaración de municipio turístico.

O capítulo II establece os requisitos e servizos mínimos para a declaración de municipio turístico, elementos de valoración e efectos da declaración.

O capítulo III regula o procedemento para a declaración de municipio turístico e o capítulo IV a vixencia e a perda da condición de municipio turístico.

As disposicións adicionais primeira, segunda, terceira e cuarta refírense, respectivamente, á zona de grande afluencia turística, ao tratamento dos datos de carácter persoal por parte da axencia, á modificación de formularios co fin de mantelos actualizados de conformidade coa normativa vixente e aos modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa á disposición das persoas interesadas.

O réxime transitorio establece un período de catro anos para a adaptación dos municipios turísticos que non cumpren cos requisitos establecidos neste decreto e, respecto aos expedientes en curso, estes tramitaranse e resolveranse conforme as disposicións vixentes no momento da súa iniciación.

O presente decreto foi sometido ao preceptivo informe do Consello do Turismo de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oído o Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezanove de febreiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto regular os requisitos, os elementos de valoración e os efectos da declaración de municipio turístico, así coma o procedemento para obter tal declaración, a súa vixencia e a perda da condición de municipio turístico.

Artigo 2. Finalidade

A declaración de municipio turístico ten por finalidade o desenvolvemento turístico do termo municipal e a mellora da prestación de servizos destinados, principalmente, a favorecer a afluencia e a visita aos recursos turísticos do concello.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Poderán ser declarados municipios turísticos galegos aqueles municipios que, por contar con recursos ou servizos turísticos de especial relevancia e cumprir os requisitos e servizos mínimos establecidos neste decreto, presenten un gran potencial turístico para Galicia.

Artigo 4. Competencia

A competencia para a declaración de municipio turístico corresponde ao Consello da Xunta, por proposta da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, e as demais funcións relacionadas coa instrución do procedemento serán exercidas pola axencia a través da Dirección de Competitividade.

CAPÍTULO II
Requisitos e servizos mínimos para a declaración de municipio turístico,
elementos de valoración e efectos da declaración

Artigo 5. Requisitos e servizos mínimos para a declaración de municipio turístico

1. De conformidade co artigo 27 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, poderán solicitar a declaración de municipios turísticos aqueles que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a media ponderada anual de poboación turística sexa superior ao 25 % do número de veciños/as.

b) Que o número de prazas de aloxamento turístico e de prazas de segunda residencia sexa superior ao 50 % do número de veciños/as.

c) Que acrediten contar, dentro do seu territorio, con algún recurso ou servizo turístico susceptible de producir unha atracción turística que xere unha cantidade de visitantes cinco veces superior á súa poboación, computada ao longo dun ano e repartida, cando menos, en máis de trinta días.

2. Os municipios turísticos deberán prestar, como mínimo, os servizos previstos no artigo 28 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Artigo 6. Elementos de valoración

Para a declaración de municipio turístico teranse en conta os seguintes elementos de valoración:

1. A existencia dun instrumento de planificación turística aprobado polo pleno do concello, que deberá contar co seguinte contido mínimo:

a) Recursos e servizos turísticos dispoñibles, entre outros:

1º. A cuantificación do emprego turístico directo anual.

2º. Instrumentos para facilitar o acceso aos bens de interese cultural nos termos que exixe a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

3º. Instrumentos para facilitar o acceso en condicións de seguridade e salubridade aos principais recursos turísticos, especialmente ás praias e aos espazos naturais. No caso das praias, será obxecto de valoración positiva a procura da homoxeneización do equipamento así como o seu mantemento e reposición.

4º. Habilitación de zonas de aparcamento no contorno inmediato dos principais recursos turísticos.

5º. Sistemas de accesibilidade aos principais recursos turísticos, no que atinxe tanto ao cumprimento da normativa sectorial en materia de accesibilidade como á información sobre os horarios e tarifas para o acceso aos recursos turísticos.

6º. Materiais promocionais axeitados, como páxina web e folleto, que inclúan os principais recursos turísticos do concello e a información precisa para acceder a estes.

7º. Instalación de paneis informativos nos principais puntos de acceso ao municipio coa información necesaria sobre onde se atopan e como se accede aos principais recursos turísticos, segundo o manual de sinalización turística autonómico.

8º. Creación de produtos turísticos. Plan xeral que, a partir dun diagnóstico, permita poñer en valor os produtos turísticos máis salientables do municipio e determine accións de cooperación con outras administracións públicas e/ou entidades público/privadas para a posta en marcha de produtos turísticos que melloren e incrementen a oferta.

b) Proposta de actuacións para mellorar as carencias detectadas e a calidade do turismo no municipio, así como de actuacións que teñan incidencia na desestacionalización do turismo neste.

c) A valoración económica da proposta, cuantificando a contía imputada ao orzamento municipal e, se é o caso, a previsión doutras formas de financiamento e xustificando os últimos orzamentos aprobados e/ou vixentes dedicados ao turismo directo ou indirecto pola prestación de servizos municipais obrigatorios adicionais que supón a afluencia turística.

2. Catálogos que identifiquen os elementos que, polos seus valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos, arqueolóxicos, tradicionais, etnográficos ou paisaxísticos, se considere conveniente conservar, mellorar ou recuperar como potenciadores dun desenvolvemento turístico endóxeno e sustentable ou como recursos turísticos susceptibles de poñer en valor de cara á configuración de produtos turísticos diversificados.

3. Contar cunha oficina de atención aos/ás consumidores/as e usuarios/as en que se informe debidamente dos dereitos que posúen na súa condición de usuarios/as de produtos ou servizos turísticos e que se recollen na vixente Lei 7/2011, do 27 de outubro.

4. Deseñar e colaborar con administracións e entidades públicas e privadas en accións de formación para os/as profesionais do sector no termo municipal.

Artigo 7. Efectos da declaración

A declaración de municipio turístico producirá os efectos previstos no artigo 29 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Artigo 8. Convenios de colaboración

Os convenios de colaboración que se asinen entre o municipio beneficiario da declaración de municipio turístico e outras administracións públicas e entidades públicas ou privadas que poidan adherirse irán encamiñados a compensar a maior onerosidade na prestación dos servizos e, para tal efecto, establecerán as medidas para acadar, cando menos, os seguintes fins:

a) Mellorar as condicións de salubridade pública, protección civil e seguridade en lugares públicos.

b) Protexer os valores tradicionais e culturais da poboación autóctona.

c) Salvagardar o ambiente e os valores ecolóxicos.

d) Preservar os bens públicos e privados relacionados co turismo municipal.

e) Aumentar, diversificar e mellorar a oferta turística complementaria, así como crear novos produtos.

f) Mellorar a formación dos/as profesionais do sector.

Artigo 9. Información e promoción turística

1. Os municipios galegos declarados turísticos deberán incluír en todo o seu material de información e promoción nun lugar visible a marca turística de Galicia consonte o manual de imaxe corporativa desta.

2. Os municipios galegos declarados turísticos deberán facilitarlle á Axencia Turismo de Galicia, con carácter anual, os datos relativos á afluencia turística rexistrada no seu termo municipal, así como calquera outra información referente á prestación de servizos e demais requisitos e condicións conforme os cales se outorgou esa declaración.

Artigo 10. Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A declaración de municipio turístico galego comportará a súa inscrición de oficio no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Producirase a cancelación da inscrición cando se perda a condición de municipio turístico.

CAPÍTULO III
Procedemento para a declaración de municipio turístico

Artigo 11. Iniciación

1. O procedemento para a declaración de municipio turístico iniciarase por solicitude do concello.

2. A solicitude, segundo o modelo oficial que se recolle no anexo I, será formulada pola persoa titular da alcaldía, logo de acordo plenario adoptado por maioría simple.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Documentación

1. A solicitude de declaración de municipio turístico deberá vir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación municipal do acordo plenario referente á formulación da solicitude.

b) Respecto da poboación e número de prazas:

1º. Certificación municipal do número de veciños/as que conforman o padrón municipal de habitantes.

2º. Certificación municipal acreditativa da afluencia turística anual ao concello, desagregada por meses, e na cal se describirán os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

3º. Certificación municipal do número de prazas de segunda residencia.

4º. Certificación municipal da relación de prazas de aloxamento turístico do municipio, segundo a enumeración que se efectúa no artigo 55 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, ás cales se lles teña outorgado a licenza municipal de apertura cando esta sexa preceptiva.

c) No referente aos recursos turísticos do municipio:

1º. Relación dos recursos ou servizos turísticos susceptibles de produciren unha atracción turística de visitantes.

2º. Certificación municipal acreditativa do número de visitantes atraídos por tales recursos turísticos nunha cantidade cinco veces superior á poboación do municipio. Tal cantidade computarase durante un ano e repartirase, cando menos, en máis de trinta días. Deberán constar os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

d) Certificación ou certificacións municipais acreditativas da prestación dos servizos mínimos a que se refire o número 2 do artigo 5 por parte do municipio, en que se constate o seguinte:

1º. Rede de sumidoiros existente, con descrición da súa cobertura no termo municipal.

2º. Respecto ao tratamento de augas residuais: sistema de depuración utilizado, estacións depuradoras que se atopen en funcionamento e descrición da súa cobertura no termo municipal.

3º. Prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos con descrición da súa cobertura no termo municipal. Especificarase a incorporación ou non do concello ao Plan de residuos da Xunta de Galicia.

4º. En relación coa protección da salubridade pública e da hixiene: servizos que se atopan en funcionamento e medidas adoptadas polo concello, especialmente naquelas datas en que se produce unha maior afluencia turística.

5º. No referente á seguridade cidadá en lugares públicos: existencia ou non dun corpo de policía local, con descrición do seu esquema organizativo, cadro de efectivos e plan de actuación vixente, especialmente nas épocas de maior afluencia turística; e existencia ou non dunha xunta local de seguridade.

6º. En canto á protección civil: sistema organizativo existente e plans municipais homologados.

7º. Respecto da ordenación urbanística: desenvolvemento de políticas activas en infraestruturas e urbanismo para favorecer contornos agradables e turisticamente atractivos, especialmente nos núcleos históricos, conservando os tipos arquitectónicos galegos.

8º. En relación coas funcións ambientais: medidas efectivas adoptadas e efectuadas polo concello en relación cos espazos naturais con algún tipo de protección ambiental do seu termo municipal, así como aqueloutras medidas tendentes á protección, recuperación, conservación e posta en valor do seu patrimonio natural.

9º. En canto á protección dos recursos turísticos do concello: medidas efectivas adoptadas e efectuadas polo concello para a defensa, acondicionamento e restauración do patrimonio cultural e urbano, en relación cos bens que integran o patrimonio cultural de Galicia, segundo a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que así figuren no planeamento municipal ou nas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia correspondente.

10º. Sobre a sinalización turística e de información xeral: xustificación por parte do concello do cumprimento do Decreto 85/2012, do 16 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 138/2008, do 22 de maio, polo que se regula a sinalización turística de Galicia, e se aproba o Manual de sinalización turística de Galicia.

11º. A existencia no concello dunha oficina de información turística, que deberá estar aberta todo o ano e contar con persoal cualificado para desempeñar esta tarefa, así coma un servizo de acceso á internet, de utilización momentánea, na devandita oficina ou noutros puntos de consulta abertos ao público.

12º. Promoción dos recursos turísticos do concello: actuacións en materia de promoción do municipio nos distintos soportes.

e) Se é o caso, documentación acreditativa dos elementos de valoración establecidos no artigo 6.

f) Calquera outro documento que, a xuízo da corporación local, se considere conveniente achegar co fin de xustificar o cumprimento dos requisitos exixidos legalmente para a declaración de municipio turístico.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que presente o/a solicitante supere os tamaños límite establecidos ou estea en formatos non admitidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 13. Emenda, mellora e inadmisión de solicitudes

1. Recibida a solicitude, remitirase á Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia que comprobará o cumprimento dos requisitos e servizos mínimos previstos no artigo 5.

2. Se a solicitude é defectuosa ou a documentación incompleta, a Dirección de Competitividade requirirá o concello solicitante para que no prazo de dez días emende as faltas ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que se ditará nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. De acordo co previsto no artigo 89.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e só no caso de solicitudes manifestamente carentes de fundamento, poderán ser inadmitidas a trámite. Terán esta consideración as solicitudes de municipios que de xeito notorio infrinxan os requisitos, así como os que non presten os servizos mínimos establecidos no citado artigo 5.

4. As resolucións previstas nos números 2 e 3 serán ditadas pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo de proposta emitida pola Dirección de Competitividade.

Artigo 14. Solicitude de informes á Administración xeral da Comunidade Autónoma e entidades do sector público autonómico

1. Examinada a solicitude, así como a presentación da documentación preceptiva, e comprobado que non se trata dunha solicitude manifestamente carente de fundamento, segundo establece o número 3 do artigo anterior, a Dirección de Competitividade remitirá unha copia da solicitude e da documentación presentada ás consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma e entidades do sector público autonómico competentes nas materias de administración local, sanidade, seguridade, protección civil, medio ambiente, cultura, urbanismo e tecnoloxías e servizos da información co obxecto de que emitan informe. Estes informes versarán sobre os aspectos relativos á prestación de servizos do concello, así como sobre os elementos de valoración para a declaración de municipio turístico, que teñan relación coas competencias específicas de cada consellería ou organismo do sector público autonómico.

2. Así mesmo, remitirase copia das solicitudes e da documentación á deputación provincial correspondente, co fin de que emita o seu propio informe en relación coas súas competencias específicas recollidas na normativa vixente reguladora da Administración local.

3. Todos estes informes terán carácter preceptivo e non vinculante, e deberán emitirse no prazo de quince días contados desde a recepción de toda a documentación.

De non se emitiren os informes no prazo sinalado, proseguirase a tramitación do procedemento.

Artigo 15. Informe do Consello do Turismo de Galicia

1. A Dirección de Competitividade trasladará o expediente ao Consello do Turismo de Galicia para os efectos de que emita informe sobre a procedencia da declaración de municipio turístico.

2. O informe deberá examinar a procedencia da declaración segundo os elementos de valoración. Así mesmo, de ser o caso, o informe conterá unha proposta sobre os servizos turísticos municipais que se deban mellorar como consecuencia da declaración.

3. Para o seu asesoramento, o Consello do Turismo de Galicia poderá solicitar a comparecencia do municipio interesado, así como a colaboración da Axencia Turismo de Galicia.

4. O informe, que terá carácter preceptivo e non vinculante para a resolución do procedemento, deberá emitirse no prazo dun mes. De non emitirse no citado prazo, proseguirase a tramitación do procedemento.

Artigo 16. Informe da Dirección de Competitividade

Recibidos os informes, a Dirección de Competitividade analizará o grao de concorrencia dos elementos de valoración recollidos no artigo 6 e emitirá un informe avaliando turisticamente o municipio e no cal se exprese se cumpre o establecido neste decreto. Para desenvolver a súa misión, a dirección contará coa colaboración dos diferentes órganos da Axencia Turismo de Galicia. Igualmente, poderá requirir aclaracións e/ou documentación complementaria, así como os informes de persoas expertas relacionadas co sector turístico ou personalidades de recoñecido prestixio nalgunha das materias fundamentais para a consecución da declaración, así como dos/as técnicos/as que resulten competentes segundo a materia sobre a que se informe.

Artigo 17. Audiencia

Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de ditarse a proposta de resolución, a Dirección de Competitividade porá de manifesto o expediente ao municipio para que, no prazo de dez días, segundo se establece no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, presente os documentos, alegacións ou xustificacións que considere pertinentes.

Artigo 18. Proposta de resolución

Transcorrido o prazo de audiencia e unha vez valoradas pola Dirección de Competitividade as alegacións, documentación e/ou xustificacións presentadas, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia formulará proposta de resolución, estimatoria ou desestimatoria, da solicitude de declaración de municipio turístico, á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que a elevará ao Consello da Xunta, de conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 196/2012, do 27 de decembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Artigo 19. Resolución

1. A declaración de municipio turístico galego efectuarase mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e se notificará ao concello solicitante.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución é de cinco meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique a resolución, entenderase desestimada a solicitude de declaración.

3. Contra este acordo do Consello da Xunta de Galicia, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de conformidade co disposto no artigo 10.1º.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Igualmente, con carácter previo e postestativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Consello da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte á súa publicación, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

CAPÍTULO IV
Vixencia e perda da condición de municipio turístico

Artigo 20. Vixencia da declaración de municipio turístico

A declaración de municipio turístico terá carácter indefinido, non obstante poderá deixarse sen efecto segundo se establece no artigo seguinte.

Artigo 21. Perda da condición de municipio turístico

1. De conformidade co disposto no artigo 30 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, a perda da condición de municipio turístico producirase por algunha das seguintes circunstancias:

a) Se o solicita o concello interesado.

b) Se deixan de darse as circunstancias que o motivaron.

c) Se o concello non presta os servizos mínimos inherentes á condición de municipio turístico.

2. Será competente para declarar a perda da condición de municipio turístico a Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

3. Nos supostos recollidos nas alíneas b) e c) do punto primeiro, a Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia iniciará de oficio o procedemento para declaración de perda da condición de municipio turístico.

No procedemento para a perda de tal condición solicitaranse os informes previstos nos artigos 14 e 15.

Unha vez emitidos os preceptivos informes ou transcorrido o prazo establecido nos citados preceptos sen terse emitido, a Dirección de Competitividade formulará proposta de resolución, dándolle, inmediatamente antes de redactala, audiencia ao concello, de conformidade co disposto no artigo 17.

A resolución deberá ser notificada no prazo de cinco meses, contados desde o acordo de inicio do procedemento, transcorridos os cales caducará o procedemento.

4. No suposto de que solicite a perda da condición de municipio turístico o propio concello, unha vez recibida a solicitude, a Dirección de Competitividade formulará proposta de resolución de perda da condición de municipio turístico.

Transcorrido o prazo tres meses desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro da Axencia Turismo de Galicia sen que lle notifique a resolución, o concello poderá entender estimada a súa solicitude.

Disposición adicional primeira. Zona de grande afluencia turística

A declaración de municipio turístico galego non implica a de zona de grande afluencia turística para os efectos previstos na normativa sectorial pola que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Rexistros cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Mazarelos, 15, 15703, Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a secretaria.turismo@xunta.es.

Disposición adicional terceira. Modificación de formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas

Disposición adicional cuarta. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria primeira. Réxime aplicable aos municipios declarados

1. Os municipios turísticos declarados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto manterán a súa declaración mentres cumpran cos requisitos e servizos mínimos establecidos neste decreto.

2. Establécese un prazo de catro anos para a adaptación daqueles municipios turísticos que non cumpren cos requisitos establecidos neste decreto. Transcorrido este prazo, a Axencia Turismo de Galicia iniciará, de oficio, o procedemento de declaración de perda da condición de municipio turístico segundo o disposto no artigo 21.

Disposición transitoria segunda. Regulación aplicable aos procedementos en curso

Os expedientes de declaración de municipio turístico en curso, na data de entrada en vigor deste decreto, tramitaranse e resolveranse conforme as disposicións vixentes no momento da súa iniciación, sen prexuízo da aplicación do previsto na disposición transitoria primeira.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, os artigos 9 a 21 e a disposición adicional segunda do Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galicia de interese turístico.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de febreiro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente
En substitución por ausencia,
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza (Decreto 26/2015)

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file