Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 4 de marzo de 2015 Páx. 8894

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 33/2015, do 19 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun resto da PO-221 que vai desde o punto quilométrico 2+840, marxe esquerda, da actual PO-221 ata o entroncamento coa PO-226 no seu punto quilométrico 5+310, marxe dereita, cunha lonxitude de 1.504 m, a prol do Concello de Moraña.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable dun treito illado dentro do concello de Moraña que se orixinou polo novo trazado da PO-221, e tendo en conta a racionalidade da explotación da rede, informa favorablemente o cambio de titularidade do resto da PO-221 que vai desde o p.q. 2+840, marxe esquerda, da actual PO-221 ata o entroncamento coa PO-226 no seu p.q. 5+310, marxe dereita, co obxecto de destinar os ditos bens públicos a fins de interese social.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de febreiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Moraña de:

– Resto da PO-221 que vai desde o p.q. 2+840 marxe esquerda da actual PO-221 ata o entrocamento coa PO-226 no seu p.q. 5+310 marxe dereita cunha lonxitude de 1.504 m.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Moraña deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Así mesmo, deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficiais correspondentes para regularizar a titularidade do terreo adxacente obxecto de cesión.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Moraña, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular dos terreos.

Disposición derradeira única

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de febreiro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente
En substitución por ausencia,
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza (Decreto 26/2015)

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas