Antecedentes.
De conformidade co disposto no artigo 68 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou o Plan de xestión da pesca fluvial do couto de Parga.
De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo iniciou o expediente de modificación do couto de Parga, nos ríos Parga e Ladroil.
O expediente de modificación do couto de pesca de Parga, nos ríos Parga e Ladroil, foi sometido a información pública mediante Resolución do 24 de outubro de 2014
(DOG núm. 219, do 14 de novembro). Recibíronse tres alegacións, nunha delas solicitábase o mantemento dun tramo de aproximadamente cinco quilómetros como zona libre ou non acoutada, sen incluír dentro do couto proposto, e nas outras dúas pedíase unha ampliación dos tramos na modalidade de pesca sen morte.
Como consecuencia das alegacións presentadas, o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo, tras o seu estudo, acordou non atender as solicitudes formuladas. No caso da petición do mantemento da zona libre ou non acoutada non se considera conveniente ter en conta esta solicitude debido á excesiva presión de pesca que mantería o río. No caso das dúas alegacións referentes á ampliación dos tramos na modalidade de pesca sen morte non se considera conveniente ter en conta estas alegacións por entender que esta modalidade non ten, de momento, excesiva demanda, e queda xa representada no plan de xestión cun tramo dentro do propio couto e cun tramo libre sen morte nun afluente directo do couto proposto.
No expediente de modificación do couto de pesca de Parga, nos ríos Parga e Ladroil, consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de Lugo, en sesión do 1 de outubro de 2014.
Consideracións legais.
O expediente de modificación do couto de Parga, nos ríos Parga e Ladroil, cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Resolución.
De conformidade con todo o anterior, resolvo modificar o couto de pesca de Parga, nos ríos Parga e Ladroil, cos límites e a normativa que a seguir se establecen:
Concello: Guitiriz.
Ríos: Parga e Ladroil.
Tramos:
Tramo I:
Límite superior no río Parga: ponte de Román.
Límite superior no río Ladroil: ponte Moeiro.
Límite inferior: presa de Parga.
Tramo II:
Límite superior: presa de Parga.
Límite inferior: presa do Club Fluvial.
Tramo III:
Limite superior: presa do club Fluvial.
Límite inferior: ponte de Santo Alberto.
Lonxitude total tramo I e III: 10,8 km.
Lonxitude total tramo II: 0,5 km.
Permisos diarios tramos I e III: 14.
Permisos diarios tramo II: 2.
Xornadas inhábiles do couto: segundo a orde anual de pesca continental.
Réximes de pesca: couto de troita os tramos I e III, e de pesca sen morte o tramo II.
Tamaños mínimos tramos I e III: 21 cm.
Cotas de captura tramos I e III: segundo a orde anual de pesca continental.
Xornadas inhábiles: segundo a orden anual de pesca continental.
De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), inclúense nos coutos de pesca os 100 m finais de todos os afluentes existentes nos tramos acoutados.
Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1, 114 e 115 da
Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, a interposición do recurso de alzada perante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2015
Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza