Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2015 Páx. 9531

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 20 de febreiro de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela sobre situacións fóra de ordenación.

O Concello de Santiago de Compostela remite novamente a modificación puntual referida, en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por ordes da CPTOPT do 3 de outubro de 2007 (aprobación parcial) e 1 de setembro de 2008 (aprobación do documento de cumprimento da orde anterior).

2. A presente modificación puntual foi obxecto de reparo por esta consellería, que resolveu non outorgarlle a aprobación definitiva mediante a Orde do 6 de xuño de 2014.

3. A documentación agora achegada consiste en expediente administrativo (en que se inclúen os informes xurídico municipal do 17 de outubro de 2014 e do secretario do Concello do 20 de outubro de 2014, favorables á aprobación provisional; e o acordo de aprobación provisional polo Concello Pleno do 31 de outubro de 2014) e o proxecto de modificación con data de outubro de 2014, subscrito polos arquitectos do concello Ignacio Soto González e Esther Sánchez Espiñeira e pola xefa da Sección de Xestión Urbanística Pilar Rubín Paz.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por obxecto alterar a normativa urbanística do vixente plan xeral no que atinxe ao réxime aplicable ás situacións fóra de ordenación. O proxecto que agora se presenta foi modificado para adecualo á Orde da CMATI do 6 de xuño de 2014.

2. Os preceptos afectados son os artigos 218 a 220, que regulan especificamente as situacións fóra de ordenación; o artigo 124.1, que regula as actuacións de ampliación en edificios fóra de ordenación; e o artigo 109.2.d) da normativa do plan xeral (non o 109.3.d), que regula os usos comerciais nos locais construídos con anterioridade á entrada en vigor do plan de 1989.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, en relación co cumprimento da Orde da CMATI do 6 de xuño de 2014 e dos aspectos modificados no proxecto respecto desta, púidose comprobar que foron corrixidas todas as observacións formuladas.

Detectouse, porén, un erro material na corrección do artigo 109 sobre o uso comercial, por canto o precepto alterado é o artigo 109.2.d) da normativa, como se establecía no proxecto anterior, e non o 109.3.d), como por erro se sinala no proxecto agora presentado.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, sobre situacións de fóra de ordenación, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Na modificación do artigo 109, enténdese que o precepto alterado é o 109.2.d) da normativa, e non o 109.3.d), como por erro se sinala no proxecto presentado.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas