Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 18 de marzo de 2015 Páx. 10955

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 11 de marzo de 2015 pola que se establece a clasificación inicial dunha nova entidade incluída no ámbito de aplicación do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

As medidas adoptadas pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, para acadar unha maior eficiencia nos recursos públicos e obter unha maior produtividade dos recursos humanos, recollen previsións en relación co réxime económico aplicable aos órganos de goberno ou dirección e co persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e autorizan o Consello da Xunta para a súa adecuación conforme criterios obxectivos.

O Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, proporciona un marco de principios e criterios obxectivos para adecuar os conceptos retributivos e as percepcións económicas que resulten aplicables no sector público autonómico ao persoal incluído no ámbito de aplicación da norma.

O Decreto 119/2012 marca así un importante fito ao disciplinar e ordenar os criterios que deben rexer na fixación das retribucións do persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

A regulación responde aos principios de solidariedade, eficiencia e austeridade, ao que se engade na presente norma o principio de transparencia, e introduce criterios racionais e obxectivos para o axuste das remuneracións do persoal afectado.

En concreto, establécense os criterios para a clasificación en grupos das entidades instrumentais, así como os criterios para a clasificación en niveis dos postos de dirección, e fíxase unha limitación das contías máximas que poden corresponder aos postos no marco desta clasificación. Regúlase, así mesmo, o procedemento para a determinación dos grupos e niveis proporcionando un tratamento uniforme para as distintas entidades do sector público autonómico conforme criterios obxectivos.

O artigo 4 do Decreto 119/2012 establece que as entidades instrumentais do sector público autonómico se clasificarán en catro grupos, definidos conforme criterios obxectivos definidos no mesmo artigo.

Para establecer o punto de partida e facilitar a tramitación e a adecuación das retribucións aos criterios sinalados no decreto, este prevé no artigo 5 que será a consellería competente en materia de facenda a que aprobará mediante orde a clasificación inicial das entidades instrumentais, conforme os criterios establecidos no artigo 4.

Con data do 13 de xuño de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería de Facenda pola que se establece a clasificación inicial das entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, que establece na disposición adicional primeira, a necesidade de ditar unha nova orde para clasificar as novas entidades que pasen a formar parte do sector público autonómico con posterioridade.

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización del sector público autonómico, establece o principio de colaboración interadministrativa que fundamenta a actuación da Axencia Galega de Servizos Sociais que se crea, co fin de asegurar a calidade e a cobertura equilibrada dos servizos sociais comunitarios específicos.

Á vista da nova entidade integrante do sector público autonómico, e de que, conforme o artigo 7.2 do Decreto 119/2012, a ordenación de retribucións prevista nel só se aplica ao persoal directivo que formalice un contrato de alta dirección, procede clasificar, por un lado, a nova entidade que forma parte do sector público autonómico, e tamén determinar as condicións que se aplican aos empregados públicos que pasen a desempeñar como tales postos configurados como de persoal directivo sen someterse a unha relación laboral de carácter especial de alta dirección, por ser xa persoal funcionario de carreira ao servizo do sector público autonómico.

Á vista do exposto anteriormente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde establece a clasificación inicial dunha nova entidade do sector público autonómico, non prevista na Orde do 8 de xuño de 2012, conforme o previsto no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

Artigo 2. Criterios

Os criterios con base nos cales se establece a clasificación da entidade instrumental do sector público autonómico son os seguintes:

a) Natureza xurídica e características da entidade e do sector en que opera.

b) Número de efectivos de persoal.

c) Cifra de negocios.

d) Volume de investimentos.

e) Prelación dos obxectivos no Plan estratéxico de Galicia.

Artigo 3. Datos

Os datos tomados como referencia para esta clasificación son os orzamentos do ano 2015.

No caso das axencias públicas autonómicas ou outros entes instrumentais que tivesen como orixe todo ou parte dun servizo orzamentario tomaranse os correspondentes datos de execución orzamentaria.

Os datos en materia de persoal son os datos medios de contratación que constan en poder da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos para o ano 2015.

Os datos en materia de prelación de obxectivos son os fixados pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos con base na estratexia contida no Plan estratéxico de Galicia, así como na estratexia comunitaria Europa 2020, e que se fundamenta no crecemento sustentable baseado na investigación e o desenvolvemento, e o respecto ao ambiente.

Artigo 4. Clasificación

A clasificación dimanante dos anteriores cálculos é a seguinte:

– Grupo III

Cód.

ENTIDADES DO GRUPO III

307

AXENCIA GALEGA DE SERVIZOS SOCIAIS

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2015

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda