Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 23 de marzo de 2015 Páx. 11378

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 5 de marzo de 2015 pola que se crean determinados ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Escola Galega de Administración Pública, como organismo autónomo adscrito organicamente a esta consellería.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soporte físico, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e no seu punto segundo establece as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante a presente orde da persoa titular de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, créase o ficheiro de carácter persoal dependente da Escola Galega de Administración Pública que figura no anexo desta orde.

Artigo 2. Contido

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros está contida no anexo desta orde.

Artigo 3. Finalidade e uso dos ficheiros

Os datos de carácter persoal, incluídos no ficheiro da Escola Galega de Administración Pública creado por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4. Cesión de datos

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5. Órgano responsable dos ficheiros

A responsabilidade sobre o ficheiro creado por esta orde correspóndelle á Escola Galega de Administración Pública, encadrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

No anexo detállase a unidade ante a que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade

Os ficheiros creados por esta orde atópanse clasificados atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros creados baixo esta orde.

A persoa titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Ficheiros de nova creación baixo a responsabilidade da Escola
Galega de Administración Pública (EGAP)

Denominación do ficheiro

Subvencións

Descrición da súa finalidade e usos previstos

Xestión das relacións administrativas coa cidadanía e organismos públicos ou privados para a concesión de axudas e subvencións

Colectivos sobre os que se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos

Organismos públicos ou privados

Procedemento de recollida de datos

Formularios en papel ou electrónicos

Procedencia dos datos

Organismos públicos ou privados

Estrutura básica do ficheiro. Tipos de datos de carácter persoal (categoría de datos)

Datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, enderezo postal e electrónico, teléfono) datos de circunstancias sociais, datos académicos e profesionais, datos de detalle de emprego, datos económicos, datos de transacción de bens e servizos

Sistema de tratamento

Mixto

Comunicacións ou cesión de datos

Outros órganos da comunidade autónoma

Transferencias internacionais de datos a terceiros países

Non están previstas

Órgano responsable do ficheiro

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

Rúa Madrid, 2-4

15707 Santiago de Compostela

Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

Nivel do ficheiro

Nivel básico