Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 31 de marzo de 2015 Páx. 12536

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 11 de marzo de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual número 14 do Plan xeral de ordenación municipal de Lalín (Pontevedra).

O Concello de Lalín achega a modificación puntual núm. 14 do PXOM, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello de Lalín, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

I.1. O concello de Lalín conta cun PXOM aprobado definitivamente o 5.2.1999.

I.2. Consta Decisión do 25.6.2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento á avaliación ambiental estratéxica (DOG do 16.7.2013).

I.3. A modificación foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno no 31.3.2014 e sometida a información pública dous meses con anuncios nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 9.4.2014; e no DOG do 9.4.2014. Consta notificación aos concellos limítrofes.

I.4. Consta certificado municipal do 17.6.2014 conforme non se presentou ningunha alegación no período de información pública.

I.5. Constan informes municipais respecto da legalidade e calidade técnica da ordenación proposta: técnicos do 21.10.2013, 24.3.2014 e 22.12.2014; xurídico do 22.12.2014; e de Secretaría Xeral do 21.10.2013, 24.3.2014 e 22.12.2014.

I.6. Constan os seguintes informes sectoriais favorables:

– Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), do 5.12.2013.

– Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a sociedade da información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, do 6.5.2014.

– Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento, de novembro de 2013.

– Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, do 20.12.2013 e 30.6.2014.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 25.11.2014.

I.7. Consta sometemento a información pública dos convenios urbanísticos incluídos na MP núm. 14 con publicacións no DOG do 24.4.2014 e nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 24.4.2014, así como comunicación aos interesados.

I.8. A modificación puntual núm. 14 do PXOM foi aprobada provisionalmente polo Pleno da Corporación na sesión do 29.12.2014.

II. Obxecto da modificación:

A modificación afecta un total de nove aspectos do plan xeral, nomeadamente:

14.1. Recoñecemento dunha vía pública en travesía de rúa de García Sánchez no núcleo urbano de Lalín.

14.2. Supresión de paso en planta baixa de edificio sito na rúa B núm. 60 do núcleo urbano.

14.3. Recualificación da parcela situada na avenida de Buenos Aires núm. 176, de solo urbano non consolidado da área de repartición AR-32 a solo urbano consolidado de ordenanza 3.2 (IV) en execución da sentenza 492/2012 do TSXG.

14.4. Reaxuste da delimitación do núcleo rural da Igrexa-Pedrouzos derivado da execución de diversas infraestruturas.

14.5. Reaxuste da delimitación do elemento núm. 3-56 incluído no catálogo de bens protexidos do plan xeral.

14.6. Reaxuste da altura libre mínima para usos permitidos en locais e da largura mínima de pasaxes comerciais de edificacións existentes (artigo 19, punto 3.2., e artigo 128.5 da normativa).

14.7. Ampliación de usos permitidos en equipamento municipal (praza de abastos).

14.8. Condicións de obras complementarias de urbanización en áreas residenciais unifamiliares do solo urbano.

14.9. Colocación de ascensores en patios de edificacións existentes.

III. Análise e consideracións:

1. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG veñen xustificadas na modificación puntual por canto se pretende corrixir erros detectados no PXOM, solucionar eivas por necesidades sobrevidas e cumprimento dunha sentenza xudicial.

2. Ao abeiro das competencias autonómicas establecidas no artigo 85.9 da LOUG verbo da aprobación definitiva do planeamento municipal, considérase suficiente a documentación da modificación puntual, a súa conformidade coa lexislación urbanística e a coherencia cos instrumentos de ordenación do territorio, así como a non incidencia do seu contido e alcance sobre materias de competencia autonómica.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e o artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das xefaturas da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución:

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 14 do PXOM do Concello de Lalín.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas