Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 1 de abril de 2015 Páx. 12786

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 23 de marzo de 2015 pola que se acorda a cesión en propiedade á Universidade de Vigo dos hibridomas Hyb-M26.5 e Hyb M22.8 e o seu saber-facer, copropiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e a Universidade de Vigo.

O Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, dispón no seu artigo 1 que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que poidan corresponderlles aos outros organismos da Comunidade Autónoma.

O dito decreto, no seu artigo 16, establece que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro é un órgano de dirección dependente da Secretaría Xeral do Mar, á cal lle corresponde a investigación mariña, que se desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

O artigo 16.2 do Decreto 132/2014, do 2 de outubro, establece que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, para o exercicio das súas funcións, contará, dependendo funcionalmente da Dirección Xeral, co Centro de Investigacións Mariñas (Cima) que exercerá as funcións relativas á actividade investigadora e, particularmente, as referidas ás áreas de procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía.

Ao Cima correspóndelle a coordinación, programación e xestión das infraestruturas e dos medios dispoñibles, tanto en equipamento como en persoal, dedicados á investigación mariña; á xestión e ao control de gastos de funcionamento e á execución dos proxectos de investigación; ao fomento da coordinación interinstitucional e á integración interdisciplinar para unha optimización do rendemento da investigación mariña en Galicia e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral.

O artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite que os bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia poidan ser cedidos gratuitamente para a realización de fins de utilidade pública ou interese social a outras administracións públicas, sempre que a súa afectación ou explotación non se considerase previsible.

O artigo 83 da Lei 5/2011 establece que á cesión de bens mobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia é competencia do titular da consellería que teña a adscrición do ben.

A extinta Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Universidade de Vigo levaron a cabo de maneira conxunta a execución dos proxectos titulados: Identificación inmunolóxica e bioquímica de larvas de mexillón (Mytilus galloprovincialis), entre o ano 2000 e 2002, e Incorporación de técnicas de inmunodetección na monitorización de larvas de mexillón nas augas costeiras galegas, entre o ano 2005 e 2008.

Ambos os dous proxectos foron desenvolvidos no marco das axudas do programa sectorial do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (PGIDIT), convocadas en 2000 e 2005, e nas cales participaron o Cima (Centro de Investigacións Mariñas) e a Universidade de Vigo.

Como consecuencia dos dous proxectos xa finalizados orixináronse unha serie de resultados que poderían ser susceptibles de explotación: os hibridomas Hyb-M26.5 e Hyb M22.8, produtores monoclonais de rato, e o seu correspondente saber-facer; e resultou que a Consellería do Medio Rural e do Mar é copropietaria ao 50 % coa Universidade de Vigo dos mencionados hibridomas Hyb-M26.5 e Hyb M22.8 e do seu correspondente saber-facer.

O 31 de xullo de 2014, a Universidade de Vigo solicitoulle á Conselleira do Medio Rural e do Mar a cesión gratuíta do 50 % da propiedade dos hibridomas Hyb-M26.5 e Hyb M22.8, así como a cesión gratuíta do seu correspondente saber-facer.

De conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo; os fins de utilidade pública a que se van dedicar os bens cedidos son: o fomento da procura de novos coñecementos e a transferencia destes á sociedade, a creación artística e o desenvolvemento científico e tecnolóxico e a avaliación dos seus resultados, tanto no que atinxe á investigación básica como á aplicada.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, número 15, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acordar a cesión en propiedade á Universidade de Vigo dos hibridomas denominados Hyb-M26.5 e Hyb M22.8 e o seu correspondente saber-facer. Estes hibridomas teñen as seguintes características:

Resultado da fusión de células do bazo de ratos Balb/c inmunizados con larvas en D de mexillón da especie Mytilus galloprovincialis, con células de mieloma NSO.

Artigo 2

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido polo artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, os bens cedidos destinaraos a entidade cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social.

b) Coa cesión outórgaselle á Universidade de Vigo a totalidade da propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Serán de cargo da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento dos bens mobles cedidos.

d) Tanto se os bens cedidos non se aplican aos fins sinalados, como se se descoidan ou se utilizan con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e a copropiedade dos bens reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor de detrimento ou deterioración que sufrisen.

e) A Consellería do Medio Rural e do Mar reserva para si unha licenza non exclusiva, de alcance mundial, gratuíta e a perpetuidade para a realización de actividades de investigación e formación relacionadas co saber-facer obxecto de cesión.

Artigo 3

A cesión formalizarase mediante acta subscrita pola Secretaría Xeral Técnica desta consellería, ou por empregado público en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

Corresponde á Consellería do Medio Rural e do Mar verificar a aplicación dos hibridomas citados no artigo 1 ao fin para o cal son cedidos e, para isto, pode adoptar cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar