Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 6 de abril de 2015 Páx. 12908

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 9 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

A Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 153, do 27 de xuño de 2013, regula o informe de avaliación dos edificios, co obxecto de garantir a calidade e sustentabilidade do parque edificado e como instrumento para orientar e dirixir as políticas públicas nesta materia. Este informe será obrigatorio para os edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva nos termos establecidos na disposición transitoria primeira da citada lei, configurándose ademais como un requisito necesario para o acceso ás axudas públicas destinadas á rehabilitación dos edificios.

O Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante, Plan estatal 2013-2016), establece, no seu capítulo VIII, o programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios. Este programa será xestionado pola Comunidade Autónoma unha vez asinado o convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal 2013-2016, o pasado 5 de setembro de 2014.

O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13 que os programas incluídos no Plan estatal 2013-2016 poderán aplicarse na Comunidade Autónoma de Galicia unha vez asinado o convenio bilateral co Ministerio de Fomento, e desenvolveranse por orde da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en que se regularán os requisitos para acollerse aos ditos programas, así como as bases reguladoras das axudas previstas no Plan 2013-2016 e, de ser o caso, as axudas autonómicas complementarias que se poidan establecer.

A presente orde está estruturada en 3 capítulos, ten 25 artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras, que se axustan ao contido regulado nos artigos 14 e 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No capítulo I establécense as disposicións xerais (artigo 1), no capítulo II (artigos 2 a 19) recóllense o obxecto das bases reguladoras, o contido do informe de avaliación, os requisitos e obrigas das persoas beneficiarias, criterios e procedemento para resolver as axudas, importe destas, o pagamento e xustificación das axudas, procedemento de reintegros, publicidade das axudas e o sistema de compatibilidades. No capítulo III (artigos 20 a 25) realízase a convocatoria destas axudas para o ano 2015.

En consecuencia, e segundo o disposto no artigo 13 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

RESOLVO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da orde

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión de subvencións ao abeiro do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios do Plan estatal 2013-2016, establecidas no Real decreto 233/2013, do 5 de abril.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), consonte o previsto no artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As bases reguladoras terán vixencia ata o 31 de decembro de 2016, data en que remata o Plan estatal 2013-2016.

4. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para a anualidade 2015.

Capítulo II
Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións

1. O obxecto destas bases, de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, é fixar os criterios para a concesión das subvencións previstas no Plan estatal 2013-2016, para o programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios.

2. Estas subvencións están destinadas a cubrir parte dos gastos dos honorarios profesionais derivados da emisión dun informe de avaliación dos edificios que inclúa a análise das condicións de accesibilidade, eficiencia enerxética e do seu estado de conservación.

3. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia competitiva a través de convocatoria pública, seguindo a orde de prelación que resulte da valoración prevista nestas bases, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nas correspondentes convocatorias.

Artigo 3. Contido do informe de avaliación dos edificios

De acordo co artigo 33.2 do Plan estatal 2013-2016, o informe conterá de maneira detallada os aspectos relacionados no seu anexo II, en relación co estado de conservación do edificio, a determinación de se o edificio é susceptible ou non de incorporar axustes razoables en materia de accesibilidade e a certificación de eficiencia enerxética.

Cando no concello onde se sitúa o edificio obxecto deste informe exista unha normativa que desenvolva un modelo propio de inspección técnica de edificios ou instrumento análogo, que inclúa todos os aspectos que forman parte do citado anexo II do Plan estatal 2013-2016, admitirase o dito modelo en substitución deste, sempre que sexa subscrito por técnico competente, se teña formalizado e tramitado de acordo co establecido coa normativa que lle sexa de aplicación e estea actualizado de conformidade con ela. Nos casos en que a información que acheguen só responda parcialmente ao antedito anexo II do Plan estatal 2013-2016, incorporarase directamente e cubrirase o resto.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades de propietarios, legalmente constituídas, así como as persoas propietarias únicas de edificios de carácter predominantemente residencial, que conten co informe de avaliación do edificio antes de que finalice o ano 2016.

Para os efectos desta orde unicamente se considerarán como persoas propietarias únicas dos edificios as persoas físicas titulares do pleno dominio do edificio.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 do xuño, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, nin aquelas ás cales se lles revogase algunha axuda deste ou dos anteriores plans de vivenda por causas que lles foran imputables.

3. As persoas beneficiarias deberán de acreditar que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social.

4. Estes requisitos deberanse de cumprir no momento da presentación das solicitudes.

Artigo 5. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que efectúe o IGVS, así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos como estatais.

c) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Contía das subvencións

De acordo co artigo 35.2 do Plan estatal 2013-2016, a axuda consistirá nunha subvención equivalente a unha cantidade máxima de 20 euros por cada unha das vivendas de que conste o edificio e unha cantidade máxima de 20 euros por cada 100 m2 de superficie útil de local, sen que en ningún caso poida superarse a cantidade de 500 euros, nin o 50 % do custo do informe de avaliación do edificio, sen o IVE.

Artigo 7. Criterios de valoración

1. A valoración das solicitudes efectuarase de acordo cos seguintes criterios e por esta orde:

a) En primeiro lugar terán prioridade os edificios de maior antigüidade.

b) No caso de empate, recoñecerase preferencia en función do maior número de vivendas do edificio, ben se trate de comunidades de propietarios, agrupacións destas ou persoas propietarias únicas.

2. Se persistise o empate, este resolverase atendendo á orde cronolóxica da data de presentación da solicitude de subvención, tendo prioridade as de data anterior sobre as posteriores. Para tal fin considerarase data de presentación da solicitude aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e acompañado da totalidade dos documentos legais e regulamentariamente exixidos.

Artigo 8. Solicitudes de subvención

1. A solicitude destas subvencións formularase conforme o modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta orde e dirixidas á Dirección Xeral do IGVS.

2. Deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, do 22 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade (en diante, DNI) electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 22 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. Para acreditar a identidade da persoa solicitante ou do seu representante deberán asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non facelo deberá xuntar a fotocopia do DNI ou NIE.

Articulo 9. Documentación que se deberá xuntar coa solicitude de subvención

A solicitude de subvención deberá de ir xunto coa seguinte documentación:

a) Documento de identificación fiscal (NIF) da comunidade de propietarios ou da agrupación de comunidades de propietarios. A persoa física, propietaria única do edificio, deberá achegar o seu DNI ou NIE, no caso de non ter asinado a correspondente autorización na súa solicitude.

b) Fotocopia do DNI ou NIE acreditativo da identidade do representante da persoa solicitante, no caso de non ter asinado a correspondente autorización na súa solicitude.

c) Acta de constitución da comunidade de propietarios ou do documento de constitución como agrupación de comunidades.

d) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a da comunidade de propietarios ou da agrupación de comunidades de propietarios, en que se recolla tanto o acordo de solicitar as axudas do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente á comunidade de propietarios ou da agrupación de comunidades de propietarios, conforme o modelo que se xunta a esta orde como anexo II.

e) De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe no nome da persoa propietaria única do edificio.

f) Informe de avaliación do edificio cos contidos que figuran no anexo II do Plan estatal 2013-2016, debidamente cuberto e subscrito por técnico competente, ou documento análogo que inclúa todos os aspectos que forman parte do citado anexo, cuberto e subscrito por técnico competente.

g) Factura de honorarios, orixinal ou copia compulsada, emitida polo profesional ou profesionais que redactaron o informe. A factura incluirá o IVE.

h) Documentación xustificativa do gasto realizado mediante as transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do informe de avaliación, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar estas comprobacións, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter algún documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá de presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. A publicación incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 11. Órganos competentes

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Co obxecto de realizar a selección das persoas beneficiarias constituirase unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

Presidente/a: o/a secretario/a xeral do IGVS.

Vogais:

O/a director/a técnico/a de Fomento, que actuará como secretario/a.

O/a director/a técnico/a de Solo, Edificación e Calidade.

O/a xefe/a do Servizo de Rehabilitación e Renovación Urbana.

O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. En virtude do establecido no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 12 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión, desestimación ou denegación das axudas solicitadas.

Artigo 12. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a convocatoria aprobada por resolución da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. O prazo de presentación de solicitudes será establecido na correspondente convocatoria.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria ou foran presentadas fóra de prazo, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución de desistencia ou inadmisión.

5. As solicitudes presentadas en prazo e completas, e logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, serán preavaliadas polo órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que emitirá informe en que se verifique o cumprimento das condicións impostas para adquirir a condición de persoa beneficiaria da subvención.

6. O órgano instrutor ordenará as solicitudes comprendidas no informe anterior en función da orde de prelación que resulte dos criterios de valoración previstos e remitirá o citado informe á comisión de valoración.

7. A comisión de valoración, tendo en conta os recursos económicos dispoñíbles, elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren os requisitos e a subvención que lles corresponde, de acordo co establecido no artigo 33.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

8. A persoa que exerza a presidencia da comisión de valoración elevará a proposta de resolución de concesión da subvención á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista dela e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá o que, segundo en dereito proceda, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

9. O órgano concedente resolverá, asignando o crédito dispoñible na convocatoria, as solicitudes ordenadas por orde decrecente en función da prelación que resulte dos criterios de valoración previstos nesta orde.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. Mediante a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS acordarase tanto o outorgamento das subvencións coma a súa denegación, de xeito motivado.

2. A resolución ditarase e notificarase nun prazo máximo de tres meses contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra estas resolucións poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro ou conselleira competente en materia de vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 14. Causas de denegación

1. Será motivo de denegación da subvención non cumprir algún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria. O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito é o recollido no artigo 12.9.

3. As persoas solicitantes de subvencións ao abeiro desta orde ás cales lles fosen denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles poderán presentalas novamente, de ser o caso, na seguinte convocatoria.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, por proposta da comisión de valoración, ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención, comunicándolle á persoa interesada a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Artigo 16. Pagamento e xustificación das subvencións

1. A subvención aboarase nun só pagamento, unha vez que sexa recoñecida, polo importe que corresponda da factura ou facturas presentadas no momento da solicitude.

2. Nas facturas figurará desagregado o importe correspondente ao IVE, así como outros posibles impostos e taxas, que non se engadirán para os efectos de establecer o custo subvencionable.

3. O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase mediante transferencia bancaria á conta que, para o efecto, sinale a persoa beneficiaria.

4. O gasto realizado xustificarase mediante as transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do informe de avaliación, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Reintegro da subvención

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o recoñecemento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

2. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: avaliacion.igvs@xunta.es

Artigo 19. Compatibilidade das subvencións

Estas axudas serán compatibles coas procedentes de calquera outra Administración pública ou organismo público para a mesma finalidade, pero en ningún caso o importe das subvencións poderá ser de tal contía que illadamente ou conxuntamente con outras supere o custo total da actividade subvencionada.

Capítulo III
Convocatoria das subvencións para o ano 2015

Artigo 20. Réxime e obxecto

1. A convocatoria das subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios para o exercicio 2015 réxese polo establecido nesta orde e pola demais normativa de aplicación.

2. Estas subvencións están destinadas a cubrir parte dos gastos dos honorarios profesionais derivados da emisión do informe de avaliación dos edificios e que debe achegarse no momento da presentación da solicitude da subvención.

Artigo 21. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.81.451A.780.5 por importe de 1.000.000 de euros e con cargo á anualidade 2015 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, de acordo co estipulado no convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia asinado o 5 de setembro de 2014.

3. No caso de que houbera algunhas perdas das subvencións concedidas, o seu importe poderá reasignarse á concesión de novas subvencións, segundo a orde de prioridade establecida nas bases reguladoras, por resolución da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 22. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 4 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 23. Solicitudes de subvención

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta orde, debidamente cubertas e dirixidas á Dirección Xeral do IGVS.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 24. Requirimentos de emenda

De conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Artigo 25. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou en persoa en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición adicional única. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto no Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal 2013-2016; no Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; no convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia asinado o 5 de setembro de 2014, na Lei 30/1992, do 26 de novembro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei, e na Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file