Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 6 de abril de 2015 Páx. 13016

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 17 de marzo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Vecinais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 16 de marzo de 2015, relativa ao acto de conciliación entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Casas Vellas, Portela, Fontao, Guxinde, Ferreiros de Arriba, Queguas, Venceáns e Vilar e o Concello de Entrimo.

Examinada a solicitude de conciliación formulada pola CMVMC de Casas Vellas, Portela, Fontao, Guxinde, Ferreiros de Arriba, Queguas, Venceáns e Vilar e o Concello de Entrimo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 14 de xaneiro de 2015 a comunidade de Casas Vellas, Portela, Fontao, Guxinde, Ferreiros de Arriba, Queguas, Venceáns e Vilar e o Concello de Entrimo, propietarios dos montes Serra de Queguas e Regueiro e Penedo Pinto, ambos no concello de Entrimo, presentaron un escrito en que solicitaban a modificación da estrema entre os ditos montes, e para tal efecto presentan unha acta de conciliación celebrada ante a xuíza de paz de Entrimo.

O acto de conciliación vén amparado polos certificados dos acordos acadados na asamblea xeral da comunidade do día 13 de decembro de 2014 e na sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Entrimo do día 19 de decembro de 2014.

Segundo. Con data do 22 de xaneiro de 2015 o Servizo de Montes informou que a estrema queda ben definida tanto pola descrición literal da liña como pola representación sobre o plano que se presentou, polo que o seu informe é favorable.

Terceiro. Na acta de conciliación descríbense os lindes entre os montes da maneira seguinte:

Comezando na parte leste, no vértice 1, localizado na paraxe de Chairas de Pacín, segue en dirección NO ata os vértices 2 e 3, coñecidos como Coto do Erbideiro, onde o linde muda de dirección moi lixeiramente, tomando maior dirección O, ata o vértice 5, no lugar Fronte á Capela do Cristo. Entre os vértices 3 e 5, segundo os veciños da comunidade de montes, existen dous marcos, que non foron localizados.

Desde o vértice 5 o linde fai un brusco cambio de dirección, tomando dirección sur, ata o vértice 4, Capela do Cristo, para posteriormente, e tras outro brusco cambio de dirección, seguir de novo a dirección NO que perderá no vértice 5 ata chegar ao vértice 6 (Penedo Pinto), tras cruzar a estrada local que comunica coa Terrachá e seguir logo a pista de acceso ata o Penedo Pinto.

Desde este último vértice segue una liña recta en dirección SE ata a Fonte do Cristo, na estrada local á Terrachá, vértice 7.

Desde aquí o linde segue o camiño que atravesa a Ladeira de Moeiras. Nesta zona a linde e sinuosa tal cal é o camiño, ata chegar ao vértice 8 (Castañeiras Centro), onde toma dirección SO ata o vértice 9 (Castañeiras Fondo), de novo na estrada local que comunica coa Terrachá. A partir de aquí será a esta estrada a que define a parte final do linde do MVMC co monte de U.P. de propiedade municipal.

As coordenadas UTM de cada un dos vértices descritos detállanse na táboa seguinte:

Vertice

Nome da paraxe

X (ED 50)

Y (ED50)

1

Chaira de Pacín

575378.69

4644158.06

2

Coto do Erbideiro (1)

575021.16

4644240.02

3

Coto do Erbideiro (2)

574899.58

4644262.53

4

Monte do Cristo

574208.83

4644104.03

5

Fronte á Capela do Cristo

574239.45

4644332.78

6

Penedo Pinto

573743.23

4644335.48

7

Fonte do Cristo

573902.14

4643986.42

8

Castañeira (Centro)

573555.18

4643806.64

9

Castañeira (Fondo)

573484.60

4643666.33

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 22 de xaneiro de 2015, acordou por unanimidade o día 19 de febreiro de 2015 aprobar o acto de conciliación acadado pola CMVMC de Casas Vellas, Portela, Fontao, Guxinde, Ferreiros de Arriba, Queguas, Venceáns e Vilar e o Concello de Entrimo, de acordo co exposto no feito terceiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989 (citada), nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 17 de marzo de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense