Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 13 de abril de 2015 Páx. 14109

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 27 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se convocan as entidades de carácter ambiental de Galicia para a elección dos vogais titular e suplente representantes das asociacións ecoloxistas galegas no Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten previsto celebrar neste ano 2015 unha nova convocatoria do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, creado ao abeiro do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

A axeitada constitución dos órganos de goberno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia determina a necesidade de renovar o nomeamento dos vogais membros do Pleno do Consello, entre os cales están un representante das asociacións ecoloxistas galegas, recollidas no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental de Galicia, creado polo Decreto 226/2007, do 22 de novembro.

Segundo o establecido no artigo 8.7 do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Galego de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza emprazou, tanto de xeito individual como mediante un anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia número 46, do 9 de marzo de 2015, ás asociacións ecoloxistas galegas inscritas no citado rexistro, co fin de poder facer efectivo o acordo entre elas que permita a designación do vogal representante no Pleno do Consello, antes do 20 de marzo de 2015.

Unha vez transcorrido o prazo establecido sen que se reciba a comunicación deste acordo e ao abeiro do establecido no artigo 8.7. do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Galego de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, convócanse todas as asociacións e entidades recollidas no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental de Galicia o día 16 de abril de 2015 na aula 5 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, en horario das 16.00 ás 18.00 para a elección dos vogais titular e suplente que os represente no Pleno do citado Consello.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2015

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza