Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 13 de abril de 2015 Páx. 14051

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2015 pola que se convoca a xornada denominada Harmonización fiscal.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase a xornada Harmonización fiscal, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

No proceso de construción da Unión Europea asistimos a un avance na integración monetaria, non así noutros ámbitos tales como o da institucionalización política e a harmonización fiscal. O que no seu día se chamou «método Monnet» de construción do proceso de integración europea parece esgotado, pois a técnica funcionalista baseada na idea de que os pequenos pasos na integración dos mercados levaría consigo a integración institucional e política, non funcionou como se esperaba.

As tensións e desequilibrios que os distintos países europeos viviron como consecuencia da última recesión económica, pon en evidencia que só a política monetaria non pode corrixir os shocks idiosincráticos dos países membros. A falta de integración fiscal produce desequilibrios cando temos unha soa moeda e dezaoito políticas fiscais diferentes, o que exacerba o risco de contaxio de tensións que se poidan producir nos mercados de débeda e, con iso, a supervivencia da propia moeda única.

Esta xornada pretende poñer o foco no debate aberto sobre estes aspectos.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A harmonización fiscal europea.

– A harmonización fiscal na UE. O estado da cuestión.

– É posible continuar coa UE sen unha verdadeira unión política?

– Máis alá da Unión Monetaria: a harmonización orzamentaria, fiscal e económica.

– A fraude fiscal na Unión Europea.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Data: 28 de abril de 2015.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 11.00 horas do día 27 de abril de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas; para estes efectos, todos os alumnos deberán identificarse nos preceptivos controis de asistencia. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública