Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 15 de abril de 2015 Páx. 14493

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2015 pola que se aproban os criterios xerais do Plan xeral de control tributario 2015.

O artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece a obriga de elaborar anualmente un Plan de control tributario, con carácter reservado, sen prexuízo da publicidade, a través do Diario Oficial de Galicia, dos criterios xerais que o informan.

Pola súa vez, o artigo 170 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, sinala que no Plan de control tributario se integrarán o plan ou os plans parciais de inspección, os cales terán carácter reservado e non serán obxecto de publicidade ou comunicación.

O obxectivo do Plan de control tributario céntrase na loita contra a fraude fiscal, con fundamento nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, establecidos polo artigo 31 da Constitución española como criterios de contribución ao sostemento dos gastos públicos. Como sinalou a xurisprudencia reiteradamente, non basta con configurar as normas dos distintos tributos de acordo cos principios constitucionais citados, senón que os devanditos principios teñen que cumprirse na práctica cunha correcta aplicación das distintas figuras tributarias.

Desta forma o Plan de control tributario convértese nun instrumento fundamental para conseguir unha efectiva aplicación dos principios expostos, xa que marca as liñas de actuación da Administración tributaria seleccionando aquelas áreas de risco que se consideren de actuación prioritaria para combater a fraude fiscal, tendo en conta a dispoñibilidade de medios materiais e persoais para realizar estas funcións.

Esta misión de aplicación efectiva do sistema tributario para que se dea cumprimento aos principios constitucionais non se limita ás actuacións de loita contra a fraude ou control do cumprimento tributario, senón que debe incluír as actuacións de información e asistencia ao contribuínte, co obxecto de facilitar ao máximo o cumprimento voluntario das obrigas tributarias.

O estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no artigo 16.2.j), que corresponde á Dirección da Axencia aprobar o plan de control tributario anual, e á propia Axencia, as funcións aplicativas dos tributos.

En cumprimento das obrigas establecidas nestas disposicións, procédese á publicación dos criterios e das liñas de actuación que informan cada unha das áreas de control tributario.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2015.

Apróbanse os criterios xerais que informan o Plan xeral de control tributario para 2015 que figuran no anexo á presente resolución.

Segundo. Difundir as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2015.

Ordénase a publicación das citadas directrices xerais no Diario Oficial de Galicia, así como a súa difusión por calquera medio que resulte adecuado para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2015

Ulpiano L. Villanueva Rodríguez
Director da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO
Directrices do Plan xeral de control tributario de 2015

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2015 está composto polas directrices xerais, nas cales se definen as principais áreas de risco así como as liñas xerais de actuación que corresponden, e os plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación, que conforme o disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado, fixándose en cada un deles as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos para alcanzar por cada unha das citadas áreas.

Por tanto, na configuración do plan de control, continuando coa liña iniciada coa creación da Axencia Tributaria de Galicia, tívose en conta a organización da Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia para o control dos tributos cuxa xestión ten encomendada.

O Plan xeral de control tributario desenvolverase tomando como base a distinción entre actuacións de control preventivo e actuacións de control posterior.

Nas primeiras incluiranse, fundamentalmente, as actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios e as de colaboración social. Nas segundas, máximo expoñente da loita contra a fraude fiscal, distínguense tres bloques de actuacións: control extensivo ou de carácter masivo, perseguindo someter a control a totalidade das declaracións presentadas; control intensivo (selectivo) e investigación, dirixidas ao descubrimento e regularización das formas máis graves e complexas de fraude fiscal e economía somerxida que xeran competencia desleal e prexudican empresas e particulares que si cumpren correctamente coas súas obrigas tributarias; e xestión recadatoria.

Estas serán, en definitiva, o reflexo do plan anual de acción da Axencia Tributaria de Galicia, así como dos seus obxectivos e indicadores.

No exercicio das actuacións anteriores, terá atención prioritaria a calidade da información como ferramenta de control, o que exixe a evolución, continua mellora e ampliación das ferramentas e aplicacións informáticas propias da Axencia, de forma que permita realizar o control do cumprimento tributario de maneira máis eficaz e eficiente. O labor investigador corresponderá fundamentalmente á Área de Inspección Tributaria, sen prexuízo de que unha vez detectados os incumprimentos, se proceda á súa regularización a través do control extensivo realizado polas áreas de xestión tributaria e información e asistencia para unha actuación máis eficaz e eficiente, utilizando sempre o procedemento tributario máis adecuado e o persoal máis especializado en función do risco fiscal obxecto de control.

No presente plan explicítase e dáse cumprimento á Resolución número 4 do debate anual de política xeral, aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia, en sesión do 7 de xullo de 2014, que instaba a Xunta a conceder unha importancia prioritaria á loita contra a fraude fiscal e, en particular, a perseguir as distintas formas de fraude, evasión e elusión fiscal practicadas polas grandes empresas e os grandes patrimonios, a través dunha actuación prioritaria e específica.

No presente documento concrétase, por tanto a dita actuación, pero respectando o carácter reservado e non público dos plans concretos que van desenvolver as áreas de xestión tributaria e de inspección tributaria e que, en relación con este ámbito de actuación singular, xa se viñan levando a cabo.

En consecuencia, as directrices do Plan anual de control tributario estrutúranse nos seguintes ámbitos:

1. Control preventivo.

1.1. Información e asistencia aos obrigados tributarios.

As actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios son as reflectidas na sección 2ª do capítulo I do título III da Lei xeral tributaria, como obriga da Administración tributaria tendente a fomentar o cumprimento adecuado das obrigas fiscais e a evitar a fraude fiscal. Dentro desta categoría inclúense aquelas actuacións de control dirixidas a detectar e evitar a realización de actuacións fraudulentas antes da súa comisión. A importancia que a Axencia Tributaria de Galicia lle outorga a estas actuacións de información e asistencia queda patente na súa estrutura orgánica, onde se conta cunha área específica, a Área de Colaboración social, información e asistencia, con presenza tanto a nivel central como periférico. Esta área manterá e mellorará tanto a información existente na súa páxina web como os programas de axuda para a confección de autoliquidacións e xestión de trámites existentes na súa oficina virtual dotándoa con novas funcionalidades. En especial, seguirase aumentando a colaboración social coas administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, sobre todo con aqueles sectores que asesoren ou intermedien nas operacións das cales poidan derivar obrigas tributarias, asinando, se é o caso, os correspondentes convenios de colaboración. Neste último aspecto, profundarase na colaboración e intercambio de información que permitan mellorar os labores de información e asistencia.

Con obxecto de fomentar o cumprimento espontáneo das obrigas fiscais mediante a redución dos custos indirectos no cumprimento das obrigas fiscais e de contribuír á seguridade xurídica, profundarase nas seguintes áreas de actuación:

1. Actuacións vinculantes para a Administración:

1.1. Publicación dos valores de referencia de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. Emprego de medios electrónicos, informáticos e telemáticos: posta en marcha dun novo portal web co obxectivo de dar mellor servizo aos cidadáns, para que dispoñan dun espazo personalizado para o seguimento dos seus expedientes, homoxeneizando os servizos que se prestan e estandarizando a información.

1.3. Aprobación de novos modelos de declaración, adaptados aos últimos cambios normativos e que permitan un maior detalle no tratamento da información que conteñen, ampliando a efectividade dos intercambios de información e o manexo das diversas fontes de datos.

1.4. Aprobación de novos modelos normalizados, para facilitar o exercicio, por parte dos obrigados tributarios, dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, simplificando e reducindo as obrigas de carácter formal.

1.5. Realización de programas de comunicación que fomenten a conciencia fiscal colectiva dos cidadáns.

1.2. Colaboración e intercambio de información.

Neste ámbito, ademais de consolidar e mellorar a colaboración e intercambio de información xa implantada en períodos previos, intensificaranse os labores de captación de información destinados á obtención dos datos tributarios necesarios para a toma de decisións sobre a realización de actuacións de control.

Como en anos precedentes, a colaboración e intercambio de información levaranse a cabo, principalmente, cos seguintes organismos:

1. Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT):

1.1. Planificación coordinada de actuacións e intercambio de información, dentro das liñas establecidas nas directrices xerais do Plan anual de control tributario e alfandegueiro de 2015 da AEAT, na súa epígrafe III, «Colaboración entre a Axencia Tributaria e as administracións tributarias das comunidades autónomas», para a realización, se é o caso, de dilixencias de colaboración mutua en relación con todas as operacións e os negocios xurídicos con transcendencia tributaria.

1.2. Reforzamento dos intercambios de información entre a AEAT e a Axencia Tributaria de Galicia nos supostos recollidos nos artigos 95.1.b) da Lei xeral tributaria con base nos acordos que se adopten no Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria. O obxectivo é fornecer periodicamente a información con transcendencia tributaria coa finalidade de incrementar a eficacia da xestión tributaria, de mellorar a asistencia aos obrigados tributarios e, singularmente, potenciar a loita contra a fraude fiscal e a economía somerxida.

Todo iso con independencia de que a dita información conste en poder doutros órganos, entes ou organismos dos seus respectivos ámbitos territoriais, xa que tanto a AEAT como a Axencia Tributaria de Galicia, ao abeiro do disposto na cláusula novena do Acordo do 9 de abril de 2013 do Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria no que se establecen as condicións xerais para o intercambio de información, comprométense a levar a cabo cantas actuacións sexan necesarias para solicitar deles a información acordada.

1.3. Intercambio de información sobre os datos censuais dos obrigados tributarios a través do censo único compartido, en especial os relativos ao domicilio fiscal e ás súas modificacións para a detección de posibles deslocalizacións.

1.4. Transmisión periódica á AEAT da información contida en declaracións tributarias correspondentes a tributos cedidos, e sobre os valores reais de transmisión de bens e dereitos comprobados no curso de procedementos de control. Esta información pode poñer de manifesto a existencia doutros posibles feitos impoñibles, especialmente, no imposto sobre a renda das persoas físicas e no imposto sobre sociedades. Neste sentido, potenciarase a remisión de información sobre a constitución de rendas vitalicias, operacións de disolución de sociedades e de redución do capital social con atribución de bens ou dereitos da sociedade aos seus socios, préstamos entre particulares, información sobre operacións de xogo e pagamentos orzamentarios.

1.5. Colaboración coa AEAT para facilitar ao colectivo de pensionistas que perciben pensións do estranxeiro a regularización das súas débedas tributarias, así como asistir directamente a estes contribuíntes nas solicitudes de devolución das sancións, recargas e xuros condonados, ao abeiro do disposto na disposición adicional única da Lei 26/2014, do 27 de novembro, ademais da xa habitual colaboración na campaña de declaración do IRPF.

1.6. Subministración de información á AEAT acerca de familias numerosas e de graos de discapacidade recoñecidos na Comunidade Autónoma de Galicia, para a tramitación dos pagamentos anticipados das deducións para iso previstas no artigo 81 bis da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a rendas das persoas físicas, modificada pola Lei 26/2014, do 27 de novembro.

1.7. A AEAT facilitará información específica sobre achegas de activos a sociedades que non supoñan aumento de capital e non consten documentadas en escritura pública.

2. Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e Colexio Notarial, para o intercambio de información sobre operacións susceptibles de tributar no ámbito dos tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia. Neste ámbito, o Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Ilustre Colexio Notarial de Galicia para a aplicación das novas tecnoloxías na xestión tributaria, asinado o 22 de decembro de 2010, seguirá ofrecendo a información necesaria para a verificación das operacións realizadas e a súa tributación. Seguirase profundando no desenvolvemento de aplicacións informáticas que combinen ambas as fontes de información e permitan, dunha maneira automatizada, detectar con fiabilidade os supostos de incumprimentos tributarios, mediante unha selección adecuada de contribuíntes, mellorando desta forma a eficiencia na acción comprobadora.

3. Dirección Xeral do Tráfico: a información que figura no Rexistro Xeral de Vehículos, como rexistro público, é de gran relevancia para a aplicación dos tributos cedidos, tanto para a comprobación de feitos ou bases impoñibles non declarados como para a verificación da procedencia de beneficios fiscais, en particular, os relativos á actividade de compra venda de vehículos usados. Neste ámbito, no ano 2015 poñeranse en funcionamento melloras para a xestión tributaria no marco do convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Tráfico e a Axencia Tributaria de Galicia en materia de intercambio e a cesión mutua dos datos necesarios para o desenvolvemento das funcións e o exercicio das competencias que teñen encomendadas, que entrou en vigor o pasado ano.

4. Dirección Xeral do Catastro: a información contida no catastro inmobiliario resulta de grande importancia, sobre todo para a aplicación dos tributos de base patrimonial, xa que a través deste se poden detectar bens non declarados ou que determinan a obriga de declarar no imposto sobre o patrimonio e no imposto sobre sucesións, así como verificar os cambios de titularidade que poden dar lugar a feitos impoñibles no imposto sobre doazóns ou no ITP-AXD. Ademais, fomentarase a coordinación co catastro para a determinación dos elementos dos bens inmobles que inflúen na determinación do seu valor real, sobre todo naqueles tributos que toman esta contía como base impoñible.

5. Administracións tributarias de tributos locais: reviste grande importancia a colaboración e subministración de información entre os organismos que xestionan tributos locais e autonómicos. É patente a conexión entre determinados tributos que xestionan ambas as administracións e a utilidade de compartir a información de que dispoñen. A Axencia Tributaria de Galicia continuará durante 2015 fomentando este intercambio de información mutuo.

6. A propia Administración pública galega e outras administracións públicas, en especial o Estado, comunidades autónomas e corporacións locais, en relación cos datos que posúan ou operacións en que interveñan e que teñan efectos tributarios: relación de falecidos, vendas de bens, outorgamento de concesións, autorizacións, declaracións responsables, comunicacións e operacións reguladas ou autorizadas por eses organismos con transcendencia tributaria, datos ambientais, etc.

2. Control posterior.

2.1. Control extensivo e intensivo.

As actuacións de control extensivo son aquelas desenvolvidas polos órganos das áreas de xestión tributaria e de información e asistencia, aos cales corresponde o exercicio das funcións atribuídas á xestión tributaria no artigo 117 da Lei xeral tributaria. En desenvolvemento destas funcións efectuaranse controis baseados en procesos (físicos ou informáticos) que se refiren a todas as declaracións presentadas, aínda que tamén a actuacións individualizadas, dirixidas a resolver discrepancias, incoherencias ou situacións en que existen indicios de incumprimentos significativos.

As actuacións de control intensivo (selectivo) e investigación comprenden todas as realizadas pola Área de Inspección Tributaria no exercicio das funcións atribuídas á inspección tributaria no artigo 141 da Lei xeral tributaria. En particular, inclúense actuacións de comprobación e investigación, con obxecto de detectar e regularizar os incumprimentos tributarios que revisten maior dificultade, de obtención de información, de comprobación de valores, de comprobación de beneficios e incentivos fiscais e devolucións, de comprobación limitada, de informe, análise e traslado de información e de colaboración con outras áreas da Axencia e con outras administracións.

Con carácter xeral, nas actuacións de control tributario posterior, comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigas de información non fornecidas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obriga tributaria e á súa cuantificación.

Como se sinalou, estas actuacións de control realizaranse a través dos procedementos de aplicación dos tributos desenvolvidos na Lei xeral tributaria, utilizando aquel que corresponda en función da normativa aplicable e das circunstancias do caso concreto, o que determinará a súa asignación a cada unha das áreas nas cales se estrutura a Axencia.

Nestes procedementos cobra especial importancia pola súa implicación nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados o procedemento de comprobación de valores. Este seguirá desenvolvéndose naqueles casos en que o obrigado tributario non declarase o valor real do ben ou dereito, non utilizase os valores publicados por esta Administración ou, no caso de que o ben obxecto de transmisión non se atope no ámbito obxectivo dos valores publicados, non fixese uso da valoración previa e vinculante a que se refire o artigo 90 da LXT. Para iso utilizarase, dos medios a que se refire o artigo 57 da LXT, o que máis se adapte ás características, tanto do negocio realizado como do ben que hai que valorar.

Para asegurar a correcta aplicación do sistema tributario no exercicio 2015, establecéronse, por unha banda, unhas comprobacións de carácter xeral que afectan todas as figuras tributarias cuxa aplicación corresponde á Axencia Tributaria de Galicia e, por outra, determinadas áreas de risco ou de atención preferente atendendo á natureza e características de cada un dos tributos de referencia, así como ao tipo de control que hai que empregar. Así mesmo, introdúcese un punto que contén as liñas xerais de actuación para o control tributario das grandes empresas e patrimonios.

2.1.1. Xerais.

2.1.1.1. Comprobación das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial aos fornecidos polos índices notariais nos casos en que o acto ou contrato se formalizase en documento notarial, ou ben aos fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

2.1.1.2. Comprobación do valor real dos bens e dereitos transmitidos.

2.1.1.3. Comprobación das declaracións informativas e das declaracións censuais presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, ou ben os fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

2.1.1.4. Comprobación dos puntos de conexión establecidos na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

2.1.1.5. Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa fornecida no exercicio do deber de información ou colaboración.

2.1.2. Preferentes.

2.1.2.1. Investigación dos cambios de titularidade, sobre todo a partir da información existente nos diversos rexistros, de bens inmobles e bens mobles de importante valor.

2.1.2.2. Constitución de concesións ou autorizacións administrativas que impliquen otorgamento de facultades de xestión de servizos públicos ou atribución do uso privativo ou aproveitamento especial do dominio ou uso público.

2.1.2.3. Constitución de arrendamentos de predios urbanos ou dereitos reais de garantía.

2.1.2.4. Adxudicacións en poxas públicas.

2.1.2.5. Comprobacións que deriven de obrigas de información establecidas con carácter xeral, en especial a relativa aos bens e dereitos situados no estranxeiro, a declaración tributaria especial, a declaración anual das operacións realizadas polos empresarios ou profesionais adheridos ao sistema de xestión de cobramentos a través de cartóns de crédito ou de débito, a declaración informativa anual acerca de valores, seguros e rendas, ou a relación das operacións rexistradas no libro-rexistro da Policía, regulado no artigo 91 do Real decreto 197/1988, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de obxectos fabricados con metais preciosos. Para estes efectos, resulta esencial a colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e a AEAT na selección de contribuíntes, tendo en conta que os datos obtidos das actuacións de comprobación e investigación dos impostos estatais xestionados pola AEAT, en especial o IRPF, poden implicar consecuencias, sobre todo no imposto sobre o patrimonio e a súa relación co imposto sobre sucesións e doazóns.

2.1.2.6. En relación coa tributación sobre o xogo, os tributos propios ambientais e as taxas e prezos, analizarase a información de que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario, por exemplo, a fornecida polos órganos competentes en materia de xogo, en materia de ambiente, industria, enerxía e augas ou polos órganos xestores de taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados como á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, xa sexan exencións, bonificacións ou deducións, en especial en colaboración coa AEAT, cando estes beneficios fiscais estean relacionados ou determinados polas capacidades económicas dos usuarios dos servizos gravados.

2.1.2.7. Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, en especial:

2.1.2.7.1. As reducións na base impoñible ou deducións na cota referidas a empresas e vivenda, ou para fomentar a constitución ou adquisición de empresas ou negocios profesionais, tanto das condicións para cumprir no momento da devindicación, como dos comportamentos posteriores a que obriga a norma.

2.1.2.7.2. Os tipos reducidos para fomentar a adquisición de vivendas e actos xurídicos asociados.

2.1.2.7.3. A transmisión de vehículos de transporte usados a favor de empresarios que teñen como actividade habitual a compravenda de vehículos.

2.1.2.8. Verificación da presentación dos documentos mercantís que realizan función de xiro no imposto sobre actos xurídicos documentados.

2.1.2.9. Verificación das operacións en relación coa división da cousa común e extinción do condominio, as operacións de endebedamento e garantía e as súas alteracións, e as de recoñecemento de débeda.

2.1.2.10. Comprobación dos domicilios declarados e as súas modificacións para corrixir deslocalizacións por simulacións de cambios de residencia.

2.1.2.11. Comprobación da masa hereditaria no imposto sobre sucesións, en especial:

2.1.2.11.1. A adecuación da masa coa información contida nos rexistros administrativos e fiscais.

2.1.2.11.2. A comprobación de actos anteriores do causante.

2.1.2.11.3. A adición de bens nos supostos establecidos na norma.

2.1.2.11.4. Comprobación de cargas, débedas e gastos, en especial de débedas e créditos con persoas ou entidades coas cales exista algún tipo de vinculación.

2.1.2.12. Colaboración coa AEAT para o control das declaracións dos premios procedentes do xogo.

2.1.2.13. Verificación do cumprimento dos requisitos para gozar das deducións da cota autonómica do IRPF aprobadas pola Comunidade Autónoma, sobre todo naqueles supostos en que se precisa un recoñecemento administrativo previo para gozar do beneficio fiscal, mediante a confección de rexistros de suxeitos beneficiarios dos citados beneficios fiscais.

2.1.2.14. Comprobación da correcta aplicación da bonificación autonómica no imposto sobre o patrimonio.

2.1.2.15. Verificación dos ingresos que se produzan sen presentación da correspondente autoliquidación, e, se é o caso, inicio dos procedementos sancionadores oportunos.

2.1.3. Grandes empresas e patrimonios.

2.1.3.1. Investigación dos obrigados tributarios que, pola contía do patrimonio persoal ou das súas rendas, teñan obriga de presentar imposto sobre o patrimonio ou poidan concorrer doazóns non declaradas.

2.1.3.2. Verificación dos requisitos previstos no artigo 4.8 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, relativo á exención dos bens e dereitos das persoas físicas necesarios para o desenvolvemento da súa actividade empresarial ou profesional e das participacións en entidades.

2.1.3.3. Verificación dos requisitos previstos nos artigos 7.4 e 8.4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, relativos á redución no imposto sobre sucesións e doazóns pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades.

2.1.3.4. Estudo e comprobación das estruturas empresariais constituídas coa finalidade de poder acceder ao gozo indebido de beneficios fiscais.

2.1.3.5. Comprobación das transmisións ás cales pode aplicarse indebidamente a exención regulada no artigo 108 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

2.1.3.6. Verificación das operacións inmobiliarias realizadas por empresarios a efectos da delimitación da súa tributación por este imposto ou polo IVE, en especial a verificación do cumprimento dos requisitos para a renuncia á exención neste último imposto, prevista no artigo 20.2 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, así como a súa correcta tributación polo tipo incrementado do imposto de actos xurídicos documentados.

2.2. Control en fase recadatoria.

Por último, as actuacións de xestión recadatoria, referidas tanto ás débedas de tributos cedidos e propios, como aos demais ingresos de dereito público e para todos os obrigados ao pagamento.

Como sinala o artigo 2 da Lei xeral tributaria, o fin primordial dos tributos é obter os ingresos necesarios para o sostemento dos gastos públicos, de tal forma que de nada valen os procedementos comprobadores se non se converten en ingresos para as administracións. Así, faise necesaria unha actuación conxunta dos órganos de recadación cos órganos con competencia comprobadora, así como con outras administracións, en especial a AEAT, para determinar, con carácter previo, a situación patrimonial do suxeitos obxecto de comprobación, e dos cales pode resultar unha cantidade para ingresar, mellorando así os niveis de eficiencia e anticipándose á situación futura do procedemento recadador co fin de adoptar, se é o caso, posibles medidas cautelares.

As principais liñas de actuación que se desenvolverán son as seguintes:

2.2.1. Seguimento do procedemento de ingreso mediante as entidades colaboradoras autorizadas, controlando a correcta transferencia dos fondos, así como o envío dos ficheiros de información nos prazos establecidos, e a correcta validación dos documentos cobratorios presentados polos obrigados tributarios.

2.2.2. Coordinación coa AEAT no marco do convenio de recadación subscrito, co fin de mellorar a tramitación dos expedientes xestionados.

2.2.3. Control e seguimento dos expedientes de compensación de débedas a entidades de carácter público.

2.2.4. Control do sistema de compensación de débedas e créditos.

2.2.5. Control e seguimento das débedas pendentes de pagamento nos supostos de sucesores de persoas físicas, xurídicas e entidades sen personalidade.

2.2.6. Control e seguimento dos expedientes de derivación de responsabilidade, dentro do ámbito de todo tipo de débedas de dereito público, atendendo especialmente ás operacións de baleiramento patrimonial.

2.2.7. Control e seguimento dos expedientes de adiamentos e fraccionamentos de pagamento, das suspensións das garantías das débedas que estean en período executivo e dos recursos de reposición contra as providencias de prema e embargo, sobre todo coa finalidade de que estas figuras non sexan utilizadas para conseguir dilacións nos procedementos ou elusións do pagamento.

2.2.8. Control das actuacións das zonas de recadación con especial incidencia nas propostas de insolvencia e a revisión de falidos.

2.2.9. Seguimento dos procesos concursais que conteñan débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia, priorizando estas actuacións en función da súa contía. Este requirimento realizarase especialmente nos supostos en que o proceso concursal conclúa con aprobación do convenio, pero tamén cando este proceso entre en fase de liquidación.

2.2.10. Coordinación cos órganos competentes para a realización de pagamentos orzamentarios da Xunta de Galicia co obxecto da posibilidade de practicar embargos dos dereitos de cobramento a favor de persoas que sexan, así mesmo, titulares de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia.

2.2.11. Realización das actuacións necesarias que posibiliten a colaboración nos procedementos de alleamento forzoso de bens inmobles embargados noutras comunidades autónomas e no embargo de pagamentos orzamentarios efectuados por outras comunidades autónomas.

2.2.12. Control das renuncias ás herdanzas realizadas polos obrigados tributarios que sexan debedores da Comunidade Autónoma de Galicia, por se puidesen prexudicar os intereses de cobramento desta e co fin de iniciar, neste caso, as actuacións procesuais necesarias na vía civil ou penal.