Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 20 de abril de 2015 Páx. 14967

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2015, do tribunal designado para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización dos exercicios.

En sesión celebrada o 1 de abril de 2015, o tribunal designado pola Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 11 de febreiro de 2015, para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada,

ACORDOU:

Primeiro. Os exercicios da primeira convocatoria do ano 2015 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 9 de maio de 2015, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).

Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para a realización das probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:

a) Transporte interior e internacional de viaxeiros/as: todos eles/as ás 9.00 horas.

b) Transporte interior e internacional de mercadorías:

• Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras A-L (ambas as dúas incluídas): 9.00 horas. Non obstante, todos/as aqueles/as aspirantes incluídos/as nesta relación que estean admitidos/as tamén para as probas de viaxeiros/as quedan convocados/as para as 16.15 horas.

• Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras M-Z (ambas as dúas incluídas): 16.15 horas.

Terceiro. Unha vez situados/as os/as aspirantes dentro da aula, non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos, ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/a aspirante á realización das probas. Recoméndaselles igualmente aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da folla xustificativa do pagamento das taxas de exame.

Así mesmo, deberán dispor dun lapis do número 2 e goma de borrar para realizar o exame, de maneira que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.

Quinto. Non se permitirá o acceso á sala onde se realizarán os exercicios con teléfonos móbiles.

Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, agás o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Da mesma forma, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.

Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2015

Antón García Río
Presidente do Tribunal