Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:
Peticionaria: Repsol Butano, S.A., con CIF A28076420 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Enrique Mariñas Romero, 36, 2º, local 1, 15009 A Coruña.
Antecedentes:
A empresa Repsol Butano, S.A. presentou, con data 14 de novembro de 2014, a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas propano canalizado no núcleo de poboación da Pobra de Trives (Ourense), así como a aprobación do correspondente proxecto de execución.
Ante esta solicitude, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución, con data 15 de decembro de 2014, pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.
Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8 de xaneiro de 2015 e, durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Repsol Butano, S.A.
Obxecto da petición: autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no núcleo de poboación da Pobra de Trives (Ourense), de conformidade co proxecto presentado para o efecto, titulado «Proxecto de autorización administrativa e de execución de obra de estación de almacenamento de GLP e rede de distribución para a subministración de gas propano canalizado no termo municipal da Pobra de Trives (Ourense)».
Descrición das instalacións:
• Estación de almacenamento:
Instalarase nunha parcela (referencia catastral: 4392012PG4349S0001ZE) situada nas proximidades da avenida Otero Pedrayo, no núcleo de poboación da Pobra de Trives. Terá unha capacidade de almacenamento de 67,2 m3 e estará composta por dous depósitos aéreos, cunha capacidade unitaria de 33,6 m3, e demais instalacións complementarias de valvularía, regulación e seguridade. As características fundamentais de cada depósito son:
– Marca: Lapesa.
– Modelo: LP 34 A.
– Forma: cilíndrica horizontal.
– Tipo: aéreo.
– Capacidade: 33.600 l.
– Lonxitude: 14.580 mm.
– Diámetro: 1.750 mm.
– Contido: 14.112 kg de propano.
– Presión de deseño: 20 bar.
• Rede de distribución:
A rede de distribución, que partirá da estación de almacenamento, deseñarase para unha presión máxima de operación de 2 kg/cm2, estará formada por tubaxe de polietileno de media densidade SDR-11, en diámetros de 90, 63 e 40 mm, e terá unha lonxitude de 2.947 m. Así mesmo, deseñarase para admitir a distribución tanto de gas propano comercial como de gas natural.
Área de autorización: a solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal da Pobra de Trives, na provincia de Ourense.
Orzamento: cento doce mil seiscentos vinte e oito euros con cincuenta e seis céntimos (112.628,56 €).
O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, e poderán examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria, rúa Curros Enríquez, 1, 4º, 32003 Ourense.
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2015
Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas