Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 27 de abril de 2015 Páx. 15857

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2015/16.

O artigo 55 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, dispón que para acceder aos estudos superiores de Arte Dramática será preciso estar en posesión do título de bacharel ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como superar unha proba específica regulada polas administracións educativas en que o aspirante demostre os coñecementos e habilidades profesionais necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

O artigo 18 da Orde do 30 de setembro de 2010 (DOG do 11 de outubro), pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao, dispón que será competencia da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a convocatoria, organización, desenvolvemento e avaliación das probas de acceso ás ensinanzas de grao en Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2015/16. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas de acceso específicas ás ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2015/16, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Acceso

a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010 para o acceso ás ensinanzas de grao en Arte Dramática, requirirase estar en posesión do título de bacharel ou titulación declarada equivalente, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e superar a proba específica de acceso.

b) Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán realizar a dita proba e, no caso de obter praza, matricularse de forma provisional no prazo establecido, e deberán acreditar a obtención do título de bacharel antes do inicio do curso no mes de setembro; no caso de non acreditalo perderán o dereito á matrícula e á praza.

c) De conformidade co artigo 5.6 do Real decreto 630/2010, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.

Segundo. Órganos competentes para resolver os procesos de admisión

a) Comisión de acceso. Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, formarase unha comisión de acceso que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, cando for o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que consideren adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo desta resolución.

b) Tribunais. Para o desenvolvemento e a avaliación das probas de acceso específicas, a comisión estará asistida por tribunais específicos para cada unha das distintas especialidades, tal e como se recolle no anexo. A Dirección da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia garantirá a actuación destes tribunais e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

Terceiro. Inscrición para realizar as probas

a) A inscrición farase na Secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 16 de xuño, ambos incluídos. Para tal fin, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Para a formalización das solicitudes de admisión, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na Secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

– Título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezanove anos ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude, e quedará condicionada á superación dela.

c) O día 17 de xuño a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia exporá a lista provisoria de admitidos nas probas. O alumnado que non sexa admitido poderá presentar a súa reclamación entre os días 18 e 19 de xuño, ambos incluídos.

d) A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá enviar á comisión, a través do correo electrónico www.asesoria.musica@edu.xunta.es , o día 22 de xuño, a relación de persoas inscritas para realizar as probas de acceso en cada especialidade, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade.

e) A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o día 22 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

Cuarto. Desenvolvemento das probas

a) As probas específicas de acceso comezarán o día 29 de xuño, de acordo co calendario que para tal efecto estableza a comisión de acceso.

b) A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia organizará a distribución horaria e de espazos de actuación de cada tribunal.

c) Proba específica. O sistema de acceso constará dunha única proba, que comprenderá dous exercicios. O primeiro exercicio é común a todas as especialidades e consistirá en dúas probas escritas. A primeira consistirá na análise dun fragmento dunha obra dramática e a segunda consistirá na análise dun fragmento dun ensaio teatral. O segundo exercicio estará referido á especialidade pola cal opten, o que se determina nas epígrafes seguintes:

• Especialidade de Interpretación:

1) Traballo en grupo.

2) Traballo de interpretación.

3) Entrevista persoal.

• Especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia:

1) Proposta de escenificación sobre unha escena extraída das obras de lectura obrigatoria.

2) Descrición dunha escena ou texto a partir dunha situación dramática.

3) Comentario dun texto relacionado coa dirección escénica e a dramaturxia.

4) Proba de dirección de actores.

5) Entrevista persoal.

• Especialidade de Escenografía:

1) Realización dun debuxo do natural.

2) Realización dun deseño de escenografía a partir dun texto proposto.

3) Comentario dun texto relacionado coa escenografía.

4) Entrevista persoal.

d) Finalizadas as probas, cada tribunal fará pública unha acta coa listaxe das puntuacións finais dos aspirantes que obtivesen unha puntuación igual ou superior a 5,00.

e) Para a realización da listaxe tomarase en consideración a nota numérica, con dous decimais, do segundo exercicio. En caso de empate, utilizarase como criterio de desempate a nota obtida na entrevista persoal e, de persistir este, na nota obtida na proba 1) de cada especialidade. En caso de persistir o empate, utilizarase como criterio de desempate a nota obtida do exercicio 2) nas especialidades de Interpretación e Escenografía e no exercicio 4) na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia.

f) Será competencia de cada tribunal a organización das convocatorias das distintas partes que compoñen a proba, e deberanas comunicar aos interesados no momento da presentación.

Quinto. Admisión do alumnado

a) A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia comunicará o día 8 de xullo á comisión a relación de aspirantes que superaron as probas de acceso, ordenados por puntuación e en orde decrecente, segundo as distintas especialidades.

b) A comisión, á vista das listaxes dos aspirantes que superaron a proba de acceso, determinará, en función do número de vacantes, os aspirantes que obtiveron praza, e elevará a proposta á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

c) A listaxe de persoas admitidas será comunicada á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o día 10 de xullo e exposta no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

d) No caso de quedaren prazas vacantes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá establecer un proceso extraordinario de acceso na primeira quincena de setembro.

Sexto. Reclamacións e recursos

a) Os acordos e decisións dos tribunais sobre as probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de dous días hábiles. Este órgano deberá resolver as reclamacións no prazo de dous días hábiles.

b) Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo tribunal, a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada perante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Sétimo. Matrícula

a) O alumnado que obteña praza deberá formalizar a súa matrícula entre os días 13 e 30 de xullo.

b) Para a formalización das solicitudes de matrícula a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na Secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A falta de formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2015/16.

c) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos, e non se cuantifica, para estes efectos, o alumnado repetidor.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO

– Comisión de Acceso:

Presidenta: María Teresa Bárbara Criado.

Secretaria: María Esther González Fírvida.

Vogais:

Afonso Becerra Arrojo.

Ermel Morales Ramón.

María del Carmen Romero Rodríguez.

Suplente: Carmen Abizanda Losada.

– Tribunal primeiro exercicio, común a todas as especialidades:

Presidenta: Carmen Abizanda Losada.

Secretaria: Almudena Pérez de Oliveira.

Vogais:

Damián Francisco Álvarez Villalaín.

Rocío Gómez Arias.

Santiago Prego Cabeza.

Suplente: Roberto Pascual Rodríguez.

– Tribunal do segundo exercicio, especialidade de Interpretación:

Presidente: Ermel Morales Ramón.

Secretaria: Nuria Montero Gullón.

Vogais:

María Francelina Crespo Méndez.

María de los Ángeles Gayoso Diz.

Óscar Codesido Breijo.

Suplentes:

Mónica Groba García.

Francisco Damián Contreras Orero.

– Tribunal do segundo exercicio, especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia:

Presidente: Afonso Becerra Arrojo.

Secretaria: Irene Moreira Fontán.

Vogais:

Julián Herrero Muñoz.

Joan Chiralt Bailach.

Carmen Labella Rivas.

Suplentes:

Xavier Castiñeira Blanco.

María Trinidad Díaz Sánchez.

– Tribunal do segundo exercicio, especialidade de Escenografía:

Presidenta: María del Carmen Romero Rodríguez.

Secretaria: María Jesús Ramos Calvelo.

Vogais:

Carlos Pinilla Trujillo.

Eufrasio Joaquín Lucena Muñoz.

María Esther González Fírvida.

Suplentes:

David Mortol Moreno.

Alejandra Montemayor Suárez.