Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16260

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Cabanas (expediente IN407A 2014/007-1).

Expediente: IN407A 2014/007-1.

Promotora: Eléctrica de Cabanas, S.L.

Denominación da instalación: cambio do CT Fontao intemperie a caseta e soterramento de liñas eléctricas aéreas baixa tensión nas inmediacións do concello de Cabanas.

Concello: Cabanas.

Feitos.

1. O 14.1.2014 Eléctrica de Cabanas S.L., solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG núm. 118, do 23.6.2014 e no BOP núm. 102, do 30.5.2014.

3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6. As características técnicas da instalación son as seguintes:

• Novo centro de transformación e seccionamento de 250 kVA que se situará no núcleo de Cabanas que substituirá a un existente de intemperie (CT Fontao IN407A 2.013/74), alimentado mediante unha liña de media tensión soterrada en simple circuíto en condutor RHZ1/20L 12/20 kV 95 mm2, cunha lonxitude total de 14,65 m e un paso aéreo soterrado no apoio fin de liña da LMT existente derivación CT Fontao (expediente 27.239). No CTS Fontao que se substitúe, situaranse unha cela de protección de liña e unha de protección de transformador.

O orzamento da instalación segundo o proxecto é de 57.560,08 €.

7. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar perante esta xefatura territorial unha solicitude que irá acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipo, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas, na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 100, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 25 de marzo de 2015

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña