Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16221

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2015 pola que se convoca o I Simposio internacional aprendizaxe-servizo na educación superior. Innovación, calidade e institucionalización.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase, en colaboración coa Rede de excelencia Universidade, Innovación e Aprendizaxe na Sociedade do Coñecemento, o I Simposio internacional Aprendizaxe-servizo na educación superior. Innovación, calidade e institucionalización, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

– Analizar as posibilidades de aprendizaxe-servizo no marco do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

– Promover o coñecemento e a reflexión sobre a aprendizaxe-servizo nas universidades de Galicia.

– Estudar posibles estratexias de incorporación e/ou institucionalización da aprendizaxe-servizo na educación superior.

– Coñecer experiencias de aprendizaxe-servizo desenvolvidas ou en desenvolvemento nas universidades de Galicia.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A aprendizaxe-servizo e a innovación na universidade; sentido e posibilidades.

– A aprendizaxe-servizo como innovación educativa de aprendizaxe universitaria. As posibilidades de institucionalización.

– Aprendizaxe-servizo e universidade en Galicia: posibilidades de desenvolvemento.

– Con que experiencia de aprendizaxe-servizo contamos nas universidades do Sistema universitario galego?

3. Destinatarios.

Profesorado das universidades de Galicia, así como persoal en formación (bolseiros FPI, FPU e bolseiros predoutorais e posdoutorais da Xunta de Galicia) e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 27 de maio de 2015.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 8 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do 19 de maio de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41; 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste simposio, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do simposio entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas; para estes efectos, todos os alumnos deberán identificarse nos preceptivos controis de asistencia. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública