Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 30 de abril de 2015 Páx. 16794

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2015.

A responsabilidade social empresarial (RSE) é un movemento que promove nas empresas a conciencia de velar pola satisfacción e cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese con que interactúa, trátase dun un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual que, sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade das empresas. É unha forma de actuar moi eficaz para a mellora do modelo produtivo, xa que combina, ao mesmo tempo, criterios de eficiencia, sustentabilidade e igualdade de oportunidades.

A Xunta de Galicia conta desde hai uns anos cunha estratexia galega, e está en proceso de elaboración dun novo plan estratéxico, e tanto nesta futura estratexia como na anterior o obxectivo final é apoiar e fomentar esta forma de xestión empresarial.

Así mesmo, tendo en conta a relación directa entre RSE e a igualdade de oportunidades no ámbito laboral, nesta orde queren abordarse, de xeito integral, ambos os aspectos, promoción da RSE e promoción da igualdade laboral, para cumprir así, non só coa estratexia galega de RSE, senón tamén coa Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e os seus decretos de desenvolvemento.

Esta orde conta con programas que están cofinanciados co programa operativo FSE Galicia 2007-2013 que recolle, no seu eixe 2, tema prioritario 65, a sensibilización en materia de igualdade na xestión empresarial e a promoción da implantación de sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial nas empresas.

As axudas que recolle a orde agrúpanse en dúas liñas, a liña I: axudas para implantar a RSE, e a liña II: axudas o fomento da igualdade laboral, que, pola súa vez, se desagrega en 3 programas: programa 1: elaboración e implantación de plans de igualdade, programa 2: axudas para investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral, e programa 3: axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.

Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE ás axudas de minimis.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro (DOG núm. 46, do 6 de marzo), establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, e, en virtude desta normativa, esta consellería é competente nas materias de emprego e relacións laborais e, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, correspóndelle, entre outras, a execución das competencias en materia de RSE.

En concordancia con todo isto, a Xunta de Galicia regula e convoca para 2015, a través desta orde, axudas ás pequenas e medianas empresas galegas para implantar a responsabilidade social empresarial e para a igualdade laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto, ámbito de aplicación e financiamento

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o ano 2015, en réxime de concorrencia competitiva, a pequenas e medianas empresas (en diante, pemes), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para implantar a RSE, e para o fomento da igualdade laboral a través da implantación de plans de igualdade, da procura da conciliación da vida familiar e laboral, ou da eliminación da infrarrepresentación feminina.

Artigo 2. Liñas e programas

1. Esta orde cobre as accións que se realicen entre o día 1 de xaneiro e o 15 de setembro de 2015.

2. As actuacións subvencionables desagréganse nas liñas I e II, e nos programas que se especifican a continuación:

a) Liña I. Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas.

Mediante esta liña subvencionarase a formación do persoal das empresas para a adecuada elaboración dunha memoria de RSE.

b) Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral.

Esta liña estrutúrase en tres programas:

1º. Programa 1. Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Polo tanto, este programa non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.

2º. Programa 2. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

3º. Programa 3. Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.

Artigo 3. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión das axudas previstas na liña I e no programa 1 da liña II realizarase, no exercicio 2015, con cargo á aplicación 11.02. 324A 474.0, código de proxecto 2013 00606, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, por un importe total de 248.636 €, que se distribúe do seguinte xeito:

Liña I: 125.000 €.

Liña II, programa 1: 123.636 €.

2. Estas axudas da liña I e do programa 1 da liña II están cofinanciadas nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión dá Comisión Europea do 18 de setembro de 2007, no eixo 2 e tema prioritario 65; este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión.

3. Se non se presenta ningunha solicitude relativa á liña I ou ao programa 1 da liña II, ou o número das efectuadas é escaso, a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a consellería reserva para si a facultade de incrementar o crédito dunha destas dúas liñas co crédito sobrante da outra.

4. Liña II, programas 2 e 3. A concesión das axudas realizarase no exercicio 2015 con fondos propios con cargo á aplicación da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social 11.02.324.A.771.0, con código de proxecto 2015 00515, por un importe total de 41.000 €, que se distribúe do seguinte xeito:

Programa 2: 21.000 €.

Programa 3: 20.000 €.

5. Se non se presenta ningunha solicitude relativa ao programa 2 ou 3 da liña II, ou o número das efectuadas é escaso, a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a consellería reserva para si a facultade de incrementar o crédito dun destes programas co crédito sobrante do outro.

6. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas con domicilio social e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que teñan contratado un mínimo dun 10 % do seu persoal en Galicia e, cando menos, dez persoas.

3. As empresas beneficiarias deben reunir as seguintes condicións:

a) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.

b) Que conten cun número de persoas traballadoras inferior a 250. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras no momento da presentación da solicitude.

c) Non ser entidades sen ánimo de lucro.

d) Atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como, antes das correspondentes propostas de pagamento.

e) Cumprir todos os requisitos exixidos pola normativa en materia de axudas e subvencións e demais normas de aplicación.

f) Cumprir os requisitos específicos exixidos para cada liña das establecidas nesta orde.

4. En todo caso, nas axudas dos programas cofinanciados con FSE respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

5. As empresas que resulten beneficiarias dos programas desta orde que sexan cofinanciados con fondos europeos deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60.d) do Regulamento (CE) núm. 1083/2006, que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

CAPÍTULO II
Liña I. Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas

Artigo 5. Requisitos específicos para as empresas beneficiarias

1. Serán beneficiarias as pemes que, ademais dos requisitos establecidos no artigo 4, formen o seu persoal para elaborar a memoria de RSE con contidos que lle sirvan para elaborar a memoria que terán que presentar a través do programa informático Xunta PRO-RSE, de acordo co que se establece no artigo 37.3 desta orde.

2. Non poderán ser beneficiaras desta liña as empresas que recibiron unha subvención para a mesma actividade ao abeiro das ordes do 3 de xuño de 2013 (DOG núm. 109, do 10 de xuño) e do 12 de xuño de 2014 (DOG núm. 119, do 25 de xuño).

Artigo 6. Actividades subvencionables

1. Terá a consideración de actividade subvencionable a asistencia por parte do persoal da empresa beneficiaria a actividades formativas en materia de elaboración de memorias de RSE ou memorias de sustentabilidade, que cumpran os seguintes requisitos:

a) A formación irá dirixida, exclusivamente, ao persoal da empresa que realice funcións que teñan vinculación coa elaboración da memoria de RSE.

b) Deberá ser impartida por unha entidade pública ou privada dedicada a este fin, que acredite ter experiencia en impartir cursos sobre memorias de RSE. Así mesmo, deberán acreditar que o persoal que vai impartir a formación conta con experiencia en impartir ditos cursos.

c) A formación non poderá ser impartida pola mesma entidade ou empresa que solicita a axuda nin por unha empresa vinculada coa solicitante da axuda.

d) O programa do curso debe recoller contidos específicos sobre a elaboración de memorias de RSE ou memorias de sustentabilidade. Deberá ter unha duración mínima de 30 horas.

e) Os cursos deberán ser impartidos de forma presencial ou por medios telemáticos (en liña), en ambos os casos deberá levarse a cabo un control da asistencia. No suposto de cursos por medios telemáticos deberá realizarse mediante unha plataforma telemática específica na cal se rexistre o acceso de cada alumna ou alumno a esta. Considéranse excluídos os seminarios, xornadas, congresos e similares, así como os cursos realizados na modalidade de a distancia.

2. Só se subvencionarán os gastos realizados e facturados directamente pola propia entidade que imparte a actividade formativa. Non se subvencionará a adquisición de material inventariable.

Artigo 7. Contía das axudas

1. A contía da axuda será de 20 € por hora da actividade formativa, cun máximo de 600 euros por persoa que asista á formación.

2. En ningún caso o importe total por empresa beneficiaria poderá superar os 1.800 euros.

3. Dos gastos subvencionables excluirase o IVE.

Artigo 8. Documentación (procedemento TR357B)

As solicitantes desta liña deberán presentar:

1. Anexo I desta orde, debidamente cuberto.

2. Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa solicitante ou da persoa que a represente legalmente, no caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

3. Copia da escritura de constitución, estatutos ou documentos análogos da empresa solicitante, que acrediten o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude desta subvención.

4. Orzamento detallado dos gastos para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes, sen IVE. No caso de que o importe sexa unha cantidade fixa por persoa formada, deberán indicar o número de persoas e a contía por cada unha.

5. Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2014.

6. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida ao período do mes completo inmediatamente anterior ao da presentación da solicitude.

7. Certificados de débedas expedidos, para a obtención de subvencións, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia no suposto de non autorizar a súa consulta á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.

8. Memoria da actividade formativa para a que se solicita a subvención, en que debe constar: o programa do curso, as horas de duración, as datas e lugar de realización e a entidade formadora que a imparte. Nos suposto de formación telemática ou en liña deberá conter, ademais, unha impresión da páxina de inicio e de todos os contidos da plataforma telemática desde a que se imparta, tendo en conta que a dita plataforma deberá poder facer un control de asistencia. No caso de que a dita plataforma xa estea operativa, deberán enviar un enlace de acceso a esta para os efectos de comprobación da asistencia das persoas beneficiarias da dita formación.

9. Declaración responsable da persoa representante da entidade formadora que acredite, por unha banda, a experiencia desa entidade na impartición de actividades formativas en materia de memorias de RSE ou memorias de sustentabilidade. Na declaración debe constar unha relación dos cursos sobre memorias de RSE realizados nos últimos 3 anos. Por outra banda, a dita declaración deberá conter a relación das persoas que impartirán o curso obxecto da subvención indicando a súa cualificación, en que deberá figurar especificamente as materias de memorias de RSE ou sustentabilidade, aínda que formen parte do contido dunha titulación máis ampla, e/ou experiencia en impartir cursos nesta materia. En ambos os casos, tanto na titulación como na experiencia, deberán indicarse os títulos dos cursos sobre memorias de RSE, entidades que os impartiron ou para as que se impartiron e datas.

10. No suposto de que o curso se imparta en lingua galega deberá achegarse declaración responsable da entidade que o imparte indicando o emprego da lingua galega, para os efectos do artigo 29 desta orde.

CAPÍTULO III
Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral

Programa 1. Axudas para a elaboración e para a implantación
de plans de igualdade

Artigo 9. Requisitos das empresas beneficiarias

1. Serán beneficiarias deste programa as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 4, se atopen nalgún dos supostos seguintes:

a) Empresas que elaboren e implanten dun xeito voluntario un plan de igualdade nos termos exixidos nos artigos 9 e 10 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, para os plans legalmente obrigatorios.

Para estes efectos, enténdese voluntaria a elaboración e implantación do plan aínda que sexa obrigatoria para a empresa por ter acordado ou asinado un compromiso coa representación legal dos traballadores e traballadoras.

b) Empresas que implanten, en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa, un plan de igualdade nos termos exixidos nos artigos 9 e 10 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, para os plans legalmente obrigatorios.

Tanto na letra a) como na b), os plans de igualdade elaborados deberán ser acordados coa representación legal do seu persoal, no caso de habela, ou coas persoas traballadoras, e prever a súa participación no seu desenvolvemento.

2. Para seren beneficiarias destas axudas, as empresas deberán contar cun mínimo de 10 persoas traballadoras. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras por conta allea no momento da presentación da solicitude. O número mínimo de persoas traballadoras deberá quedar acreditado tamén no momento da xustificación da realización da actividade e dos gastos satisfeitos.

Artigo 10. Actividades subvencionables

1. Polo que respecta á subvención para a elaboración e implantación de plans de igualdade, terán a consideración de actividades subvencionables:

a) A realización dunha diagnose da empresa desde a perspectiva de xénero que incluirá necesariamente, respecto ao último ano e diferenciando por sexo, os seguintes aspectos:

1º. Avaliación dos postos de traballo: deberá comprender o sistema de selección e promoción profesional (composición, equilibrada ou non, sistemas de recrutamento, redacción de ofertas de emprego, medidas de acción positiva...), formación (acceso, difusión, realización dentro ou fóra da xornada laboral, facilidades...), prevención de riscos (medidas específicas para traballadoras embarazadas ou en período de lactación, incidencias causadas por enfermidade profesional ou accidente laboral, existencia de salas de lactación e repouso...).

2º. Grupos profesionais: comprenderá a análise da composición do persoal por categorías profesionais e centros de traballo, de ser o caso, desagregando os datos por sexo, tipos de contrato.

3º. Xornada laboral: tipo da xornada (tempo completo/parcial, continuada/partida) e duración en número de horas.

4º. Estrutura salarial e extrasalarial: conterá a análise das retribucións por categoría profesional e sexo, desagregadas por retribucións básicas, complementos, axudas de custo... A dita análise pode levarse a cabo por bandas salariais.

5º. Outras cuestións: medidas de conciliación (análise das responsabilidades familiares do persoal, existencia de flexibilización nos horarios e melloras nos permisos con respecto ao establecido na lexislación vixente, excedencias,...), formas de prevención do acoso sexual e por razón de sexo, comunicación e publicidade (linguaxe estereotipada en páxinas web, comunicacións internas e externas, campañas de publicidade,...)

b) Asistencia a cursos de formación en materia de plans de igualdade. Esta formación estará dirixida ao persoal directivo e/ou mandos intermedios, así como ao persoal da empresa, que formen parte dos órganos de igualdade, integrados por empresa e persoas traballadoras, debidamente constituídos para o efecto, para o desenvolvemento do plan.

c) A contratación de persoal con experiencia e/ou coñecementos en materia de igualdade, co obxecto de asesorar na elaboración e na implantación do plan de igualdade.

d) Os gastos derivados da contratación dunha empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na elaboración e na implantación do plan de igualdade.

Cando a elaboración e implantación dos plans de igualdade se faga a través da contratación de persoal ou a través dunha empresa ou entidade externa, é imprescindible ter formulado unha diagnose previa da situación real da empresa.

2. Para aquelas empresas que resultaron beneficiarias noutras convocatorias desta orde as axudas para os conceptos sinalados nas letras b), c) e d) do punto 1 deste artigo poderán solicitarse tamén para o mantemento do plan de igualdade durante a súa implantación, sempre que se cumpran os requisitos exixidos nesta orde e cos criterios da concorrencia competitiva. O número máximo de convocatorias en que se poderán solicitar estas axudas será de catro, aínda que o prazo de aplicación do plan de igualdade sexa maior.

3. Por cada empresa solicitante só se subvencionará a implantación ou mantemento dun único plan de igualdade.

4. Tanto a diagnose como os plans de igualdade, citados nas anteriores letras c) e d), deberán:

a) Estar individualizados e adaptados ás circunstancias concretas de cada empresa.

b) No caso de que dúas ou máis empresas teñan unha mesma persoa nos seus órganos directivos e, ademais, teñan o mesmo obxecto social, só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa, así mesmo, con estes requisitos, non se outorgarán axudas a empresas cuxas empresas relacionadas, segundo o anteriormente indicado, xa fosen beneficiarias en anos anteriores. Se neste exercicio presentan solicitudes para máis dunha, so se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro administrativo.

5. No suposto da letra b), formación:

a) Só se concederá a subvención se as persoas destinatarias da formación son persoas distintas daquelas que xa recibiron a dita formación en exercicios anteriores, calquera que sexa a modalidade e o programa dos cursos, e formen parte dos órganos de igualdade creados na empresa.

b) A formación que se vai impartir deberá ser progresiva nos seus contidos e para o persoal antes citado.

c) Entenderase como formación, para estes efectos, os cursos presenciais ou impartidos por medios telemáticos (en liña), en ambos os casos debe requirirse un control de asistencia e aproveitamento destes, que teñan unha duración mínima de 30 horas, e que estean directamente relacionados coa realización dun plan de igualdade. Consideraranse excluídos as xornadas, seminarios, congresos e similares, así como os cursos a distancia.

d) Só se subvencionarán os gastos realizados e facturados directamente pola propia entidade que imparte a actividade formativa.

Artigo 11. Plan de igualdade. Condicións

1. De acordo coa diagnose e coa formación impartida, o plan de igualdade, que deberá ter unha vixencia determinada, constará como mínimo dos seguintes contidos:

a) Unha diagnose previa elaborada de acordo co establecido no artigo 10.1, letra a).

b) Obxectivos de mellora coherentes co resultado da diagnose anterior.

c) Medidas e accións concretas adecuadas para a consecución dos obxectivos establecidos.

d) Indicadores e delimitación temporal das actuacións para poder efectuar o seu seguimento e control periódico.

2. Unha vez finalizada a elaboración do plan de igualdade, as empresas terán que solicitar a certificación da implantación do plan ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar, feito que será comunicado pola empresa beneficiaria a esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Artigo 12. Contía das axudas

1. Realización dunha diagnose da realidade da empresa:

A contía da axuda acadará ata o 100 % do gasto necesario e desagregado para a realización da actividade, entendendo por tal o importe que acredite a empresa solicitante mediante certificación, se é esta a que realiza a diagnose con persoal propio, ou ben o importe facturado pola entidade privada que realice o asesoramento. Das contías acreditadas excluiranse o IVE e o IRPF.

A contía máxima da axuda será de 2.000 euros por entidade beneficiaria.

2. Asistencia a cursos de formación:

A contía da axuda será de 20 euros por hora da actividade formativa, cun máximo de 600 euros por persoa que asista á formación.

En ningún caso o importe total por empresa beneficiaria poderá superar os 1.800 euros.

3. Contratación de persoal:

A axuda será como máximo de 1.000 euros/mes e unicamente mentres persista o asesoramento.

Soamente se poderá subvencionar unha contratación por empresa.

Se a persoa contratada é unha muller con especiais dificultades de inserción laboral ou en situación marcada pola desvantaxe social a que se refire a disposición adicional sexta da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, incrementarase nun 100 % a axuda prevista no parágrafo anterior.

Os importes así calculados non poderán superar os salarios netos mensuais das persoas contratadas.

4. Contratación de empresa ou entidade externa:

A contía da axuda acadará ata o 50 % do importe efectivamente satisfeito pola contratación, sen IVE, dunha empresa ou entidade a que se refire este suposto, cun máximo de 2.000 euros. Os orzamentos presentados en ningún caso deberá superar os prezos de mercado existentes no ano 2015.

Artigo 13. Documentación da liña II (procedemento TR357C)

1. Documentación xenérica para todos os programas.

a) Anexo IV desta orde, cuberto en todas as súas epígrafes.

b) No caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, achegarase fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa solicitante ou da persoa que a represente legalmente.

c) Copia das escritura de constitución, estatutos ou análogos da empresa solicitante, que acrediten o seu domicilio social e a potestade para actuar en nome da empresa da persoa solicitante desta subvención.

d) Orzamento detallado dos gastos para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes, sen IVE.

e) Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2014.

f) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida ao período do mes completo inmediatamente anterior ao da presentación da solicitude.

g) Certificados de débedas expedidos, para a obtención de subvencións, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia no suposto de non autorizar a súa consulta a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Documentación específica para o programa 1 (elaboración e implantación de plans de igualdade):

a) Proxecto do plan de igualdade en que consten as liñas xerais deste e o resto das actividades previstas para a súa posta en funcionamento, con expresión dos medios persoais e materiais e de se inclúe ou non todos os centros de traballo da empresa.

b) No caso de estar xa elaborado o plan de igualdade, cos contidos mínimos e demais requisitos exixidos no artigo 11 desta orde, será remitido, a esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, xunto con copia da solicitude de certificación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar.

c) Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 29 e que non quedasen acreditados coa documentación que se indica neste artigo.

d) No caso da elaboración de diagnose previa:

1º. Se a diagnose a realiza a empresa solicitante da axuda con persoal propio, informe cunha declaración responsable en que se acrediten suficientemente os recursos materiais e humanos empregados, especificando a cualificación, na cal deberán figurar específicamente as materias de igualdade, aínda que formen parte do contido dunha titulación máis ampla, e a experiencia, detallando que traballos e as datas en que se realizaron, de cada unha das persoas que farán a diagnose. A dita declaración debe estar asinada pola persoa que represente a empresa que solicita a subvención.

2º. Se a diagnose a realiza unha consultora privada, esta presentará unha declaración responsable da persoa que represente a dita consultora cos medios materiais e humanos de que dispón, indicando a cualificación en que deberán figurar especificamente as materias relativas aos coñecementos en materia de igualdade, aínda que formen parte do contido dunha titulación máis ampla, e/ou a experiencia. Tanto na cualificación como na experiencia deberá figurar a entidade que a impartiu a dita formación ou entidade para a que se fixeron as diagnoses e datas. Esta información deberán figurar de cada unha das persoas que realizaron os ditos traballos de diagnose. Ademais, a declaración responsable deberá indicar unha relación dos traballos de diagnose ou de elaboración de plans de igualdade realizados nos tres últimos anos pola consultora, detallando entidades para as que se realizaron, datas de execución dos traballos e contidos. A declaración ten que estar asinada en relación con todos os seus contidos.

3º. No suposto de que a diagnose se realice en lingua galega deberá achegarse declaración responsable da entidade indicando o emprego da lingua galega, para os efectos do artigo 29 desta orde.

e) No caso de formación:

1º. Programación dos cursos a que se vaia asistir ou, de telos xa realizado, diplomas ou certificacións destes, con indicación do seu contido, datas, horario, lugar de realización e horas de duración. Nos casos de formación telemática ou en liña deberá presentarse, ademais, unha impresión de todos os contidos da plataforma telemática desde a que se imparta. A dita plataforma deberá poder facer un control de asistencia. No caso de que a dita plataforma xa estea operativa, deberán enviar un enlace e clave de acceso a esta para os efectos de comprobación da asistencia das persoas beneficiarias da dita formación.

2º. Declaración responsable da persoa representante da entidade formadora que acredite a súa experiencia en impartir cursos sobre plans de igualdade. Na dita declaración constará: unha relación dos cursos sobre plans de igualdade realizados pola entidade formadora nos tres últimos anos, indicando a entidade para a que se impartiron, as súas datas de execución e contido; una relación das persoas que impartirán estes cursos, especificando a súa cualificación na cal deberán figurar especificamente as materias de plans de igualdade, aínda que formen parte do contido dunha titulación máis ampla, entidade que as impartiu e datas, e/ou experiencia en materia de plans de igualdade, a dita experiencia deberá conter a entidade para a que se impartiron, título, contidos e datas.

A declaración ten que estar asinada en relación con todos os seus contidos.

3º. Acta de constitución do órgano de igualdade creado para o desenvolvemento do plan de igualdade, en que figuren os nomes, DNI e cargos ou postos de traballo que desenvolven, de todas as persoas que a integran, tanto en representación da empresa como das persoas traballadoras.

4º. No suposto de que o curso se imparta en lingua galega deberá achegarse declaración responsable da entidade que o imparte indicando o emprego da lingua galega, para os efectos do artigo 29 desta orde.

f) No caso de contratación de persoal:

1º. Copia do contrato de traballo da persoa ou persoas contratadas.

2º. Currículo da persoa ou persoas contratadas que acredite os seus coñecementos específicos en materia de igualdade, aínda que formen parte do contido dunha titulación máis ampla, os datos da entidade responsable, datas, e/ou a experiencia en materia de igualdade. Neste último caso deberán figurar a denominación dos traballos, os contidos, as entidades para as que os realizou e as datas.

3º. Se a persoa contratada é unha muller con especiais dificultades de inserción laboral ou en situación marcada pola desvantaxe social, a que se refire a disposición adicional sexta da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, terán que achegar a certificación expedida polo organismo público competente que acredite a concreta condición da muller incluída nalgún dos supostos da dita disposición adicional.

4º. Solicitude de certificación de implantación do plan de igualdade, acreditando a súa presentación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar ou, de ser o caso, cando se estea na fase de elaboración do plan, compromiso da empresa de solicitar a dita certificación no momento de iniciar a implantación do plan.

g) No caso de contratación de empresa ou entidade externa:

1º. Declaración responsable da persoa representante da entidade externa que realiza a actividade subvencionable, acreditativa da súa experiencia na elaboración e implantación de plans de igualdade.

Na dita declaración constará unha relación dos traballos de asesoramento para a elaboración e implantación de plans de igualdade realizados nos tres últimos anos, indicando as entidades para as que os realizou, as súas datas de execución e contido. Ademais, deberá indicar os recursos materiais e humanos de que dispón, especificando a cualificación, na cal deberán figurar especificamente as materias de plans de igualdade, aínda que formen parte do contido dunha titulación máis ampla, entidade que as impartiu e datas, e/ou experiencia de cada unha das persoas que realizaron os traballos de asesoramento a que se refire este suposto.

No caso da experiencia deberán figurar a denominación dos traballos, contidos, entidades para as que os realizou e datas.

A declaración ten que estar asinada en relación con todos os seus contidos.

2º. Solicitude de certificación de implantación do plan de igualdade, acreditando a súa presentación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar ou, se é o caso (cando a axuda que se solicita sexa para a elaboración do plan), compromiso da empresa de solicitar a dita certificación no momento de iniciar a implantación do plan.

CAPÍTULO IV
Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral

Programa 2. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar
o dereito á conciliación da vida familiar e laboral

Artigo 14. Requisitos das empresas beneficiarias

Serán beneficiarias destas axudas as empresas que reúnan os requisitos exixidos no artigo 4 e que, de xeito individual ou mancomunado, poñan en marcha as seguintes medidas de conciliación: habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas ou salas de lactación, co fin de garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras da empresa.

Artigo 15. Actividades subvencionables

1. Terán a consideración de actividades subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos e desagregados, e conforme os prezos do mercado, sen incluír o IVE, derivados dos investimentos realizados pola/s empresa/s de xeito individual ou mancomunadamente.

2. Só se subvencionarán os gastos que se consideren imprescindibles para o axeitado funcionamento das instalacións habilitadas.

3. Nas instalacións subvencionadas teranse en conta as necesidades das persoas traballadoras con discapacidade, debendo especificar tal circunstancia na memoria das actuacións.

4. Non se poderá volver solicitar esta axuda económica salvo se, de xeito excepcional e por motivos xustificados, se acredita a necesidade de realizar novas adaptacións nas instalacións.

5. As empresas beneficiarias deberán destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 5 anos, no caso de seren inscritibles nun rexistro público, ou 2 anos para o resto.

6. O incumprimento desta obriga de destino, será causa de reintegro das axudas concedidas, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Se é necesario, as empresas beneficiarias destas axudas xustificarán o cumprimento dos requisitos exixidos para a creación, construción ou modificación substancial dos centros de atención á infancia regulados nos decretos 243/1995, do 28 de xullo, e 329/2005, do 28 de xullo. Isto é unha condición indispensable para permitir o seu posterior funcionamento.

Artigo 16. Contía das axudas

A contía destas axudas acadará ata o 100 % dos gastos necesarios para a realización das actuacións consideradas como subvencionables, excluído o IVE, cun máximo de 6.000 euros por entidade beneficiaria, no caso de habilitar lugares axeitados para repouso de traballadoras embarazadas ou salas de lactación, e un máximo de 10.000 euros cando se trate de habilitar servizos de comedor e gardaría.

Artigo 17. Documentación específica

a) Memoria explicativa e descritiva das actuacións materiais que se vaian realizar, así como o número de persoas traballadoras da empresa a que vaia beneficiar a dita actuación por teren as características ou situacións a que vaia dirixida a dita actuación, no caso de que sexan gardarías, número de nenos e nenas que acollerá e xustificante do cumprimento dos requisitos exixidos para a creación, construción ou modificación substancial dos centros de atención á infancia regulados nos decretos 243/1995, do 28 de xullo, e 329/2005, do 28 de xullo.

b) Planos ou bosquexo da situación e fotografías do local que vai ser obxecto das actuacións para as que solicita a axuda.

c) No caso de que sexa necesaria polas súas características, solicitude de autorización para a creación das instalacións obxecto do investimento, acreditando a súa presentación ante o organismo competente. Se non é necesaria a dita autorización, deberán achegar unha declaración responsable da persoa representante da empresa explicando os motivos da dita exención.

d) Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 29 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.

e) As entidades que soliciten máis dunha liña ou máis dun programa da liña II, unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, todas as solicitudes deberán presentarse xunto coa documentación específica para o programa ou epígrafe de axuda respectivo.

CAPÍTULO V
Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral

Programa 3. Axudas para investimentos tendentes á eliminación
da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados
predominantemente por homes

Artigo 18. Requisitos das empresas beneficiarias

Serán beneficiarias destas axudas as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 4, no momento da solicitude conten cun máximo do 10 % de mulleres no seu cadro de persoal e sempre que concorran os requisitos seguintes:

1. Que se trate dun sector de actividade en que sexa habitual a infrarrepresentación laboral feminina. Para estes efectos, a Orde do 25 de novembro de 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, publicou unha relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 234, do 7 de decembro).

2. Que a empresa se comprometa a incrementar a porcentaxe de representación feminina, ben por incluílo no seu plan de igualdade ou ben por propia iniciativa.

Artigo 19. Actividades subvencionables

1. Terán a consideración de subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos, sen IVE, para a adaptación das instalacións ou o investimento noutros medios materiais da empresa, tales como vestiarios ou baños, para adecuala ás novas necesidades resultantes da contratación de mulleres.

2. Non se poderá volver solicitar a axuda económica establecida neste suposto salvo se, de xeito excepcional e por motivos xustificados, se acredita a necesidade de realizar novas adaptacións nas instalacións ou outros medios materiais da empresa.

3. As empresas beneficiarias destas axudas deberán destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 5 anos, no caso de seren inscritibles nun rexistro público (artigo 29.4.a) Lei 9/2007), ou de 2 anos para o resto.

4. O incumprimento desta obriga de destino, será causa de reintegro das axudas concedidas, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Contía das axudas

1. A contía destas axudas acadará ata o 100 % dos gastos efectivamente satisfeitos e desagregados, sen incluír o IVE, e conforme os prezos do mercado, necesarios para a realización das actuacións consideradas como subvencionables, cun máximo de 15.000 euros por entidade beneficiaria no suposto de que o compromiso de contratación supoña un incremento de entre un 5 % e un 10 % da representación feminina da empresa, cun mínimo dunha traballadora, se se trata de empresas de menos de 50 persoas traballadoras, ou cun mínimo de 3 traballadoras, no caso de empresas de máis de 50 persoas traballadoras.

2. O importe máximo acadará os 17.000 euros por entidade beneficiaria no suposto de que o compromiso de contratación supoña un incremento de máis do 15 % da representación feminina da empresa, cun mínimo de dúas traballadoras, se se trata de empresas de menos de 50 persoas traballadoras, ou cun mínimo de seis traballadoras, no caso de empresas de máis de 50 persoas traballadoras.

Artigo 21. Documentación específica

a) Memoria das actuacións materiais que se van realizar xustificando a súa oportunidade en virtude das novas necesidades derivadas da contratación de persoal feminino.

b) Planos ou bosquexo da situación e fotografías do local que vai ser obxecto das actuacións para as que solicita a axuda.

c) Compromiso do máximo órgano de representación da empresa solicitante da subvención no que conste a vontade de contratar a traballadoras, no número ou porcentaxes requiridas, con indicación do prazo máximo de execución dese compromiso, que non poderá ser superior ao 31 de decembro do exercicio en curso.

d) Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 29 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.

CAPÍTULO VI
Competencia e procedemento

Artigo 22. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de subvencións previstas nesta orde, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Artigo 23. Solicitudes

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nas distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha destas liñas e, de ser o caso, por cada un dos programas.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de conformidade ao establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Prazo de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará nun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia.

2. Para este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG.

3. Se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 25. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 26. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es .

Artigo 27. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais da Subdirección Xeral de Traballo da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

3. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, unha vez recibida a documentación que se relaciona no artigo 23, recadará informe á Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar para os efectos de determinar se as actividades que se vaian realizar poden ser subvencionadas, de acordo cos requisitos exixidos nesta orde de convocatoria e na normativa específica de igualdade.

4. O procedemento de concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Avaliación das solicitudes

1. Unha vez instruídos os expedientes pasarán para o seu exame á Comisión de Avaliación que informará o órgano instrutor. Este órgano elevará a proposta á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, será quen resolva poñendo fin á vía administrativa.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, que a presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e un xefe ou unha xefa de sección do Servizo de Relacións Laborais, que actuarán como vogais, e unha persoa funcionaria designada pola presidencia da comisión, que actuará como secretario ou secretaria. Poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa funcionaria da Unidade Administrativa de Igualdade, que actuará con voz e sen voto.

3. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a persoa que exerza a presidencia, ou persoa en que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída por un funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral Traballo e Economía Social.

4. A Comisión de Avaliación, de xeito motivado, poderá requirir das entidades solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 29. Criterios de avaliación

A valoración das solicitudes presentadas, dentro de cada liña e de cada programa, efectuarase de acordo cos criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

a) Criterios de avaliación para a liña I, RSE:

1º. Polo número de horas de formación, sempre que sexa superior ao mínimo establecido nesta orde. Máximo 30 puntos. A puntuación máxima obterase nos cursos de máis de 50 horas.

2º. Polo número total de persoas traballadoras da empresa beneficiaria destas subvencións. Máximo 30 puntos. A puntuación máxima obterase con máis de 100 persoas traballadoras.

3º. A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa beneficiaria, é dicir, a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total de cadro de persoal da empresa, sempre que esta sexa superior ao 20 %. Máximo 20 puntos. A puntuación máxima obterase cunha taxa de estabilidade superior ao 80.

4º. Pola proporción entre homes e mulleres que traballan na empresa, incluíndo o persoal de alta dirección. Máximo 20 puntos. A puntuación máxima estará en función do equilibrio entre ambos os sexos, é dicir, cun 50 % a un 60 % de homes ou mulleres na empresa.

b) Criterios de avaliación para todos os supostos da liña II, igualdade:

1º. Polo número total de persoas traballadoras da empresa beneficiaria destas subvencións. Máximo 30 puntos. A puntuación máxima obterase con máis de 100 persoas traballadoras.

2º. Polo número de novas contratacións que se produzan ou que se comprometan como consecuencia destas accións, ata 25 puntos. A puntuación máxima outorgarase para as contratacións indefinidas. Xustificarase con declaración responsable da persoa representante da empresa do compromiso de contratación ou con copia compulsada do contrato, no caso de que xa sexa efectiva.

3º. Pola proporción entre homes e mulleres traballadores, incluíndo o persoal de alta dirección. Máximo 20 puntos. A puntuación máxima estará en función do equilibrio entre ambos os sexos, é dicir, cun 50 % a un 60 % de homes ou mulleres na empresa.

4º. Pola aplicación destas medidas en materia de igualdade en empresas de menos de 50 persoas traballadoras. 5 puntos.

c) Criterios de avaliación específicos para a liña II, programa 1, implantación de plans de igualdade:

5º. Pola incorporación nos plans de igualdade de medidas de apoio á inserción, permanencia e promoción laboral das mulleres en xeral e das que sofren violencia de xénero en particular, ou pola contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, en cumprimento do establecido no artigo 36.2 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Máximo 10 puntos. A puntuación máxima obterase coa contratación efectiva. Deberán acreditar a referida incorporación no plan cunha declaración responsable das medidas adoptadas ou do compromiso de adopción desas medidas e, no caso de contratación efectiva, copia compulsada do contrato.

6º. Pola contratación de persoas expertas para todas as fases da implantación do plan de igualdade. Máximo 10 puntos. A puntuación máxima obterase con máis dunha contratación. Deberá acreditarse con copia compulsada do contrato.

d) A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, dentro dunha mesma liña e dun mesmo programa, segundo os créditos previstos no artigo 3 desta orde, establecéndose unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración fixados nas letras a), b) e c), e adxudicarase a aquelas propostas que obtivesen maior puntuación, co límite máximo do crédito orzamentario existente para cada liña de subvencións.

e) No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterios de desempate, en primeiro lugar, a orde establecida nos propios criterios de valoración sinalados e, en segundo lugar, o emprego da lingua galega na realización das liñas e programas subvencionados. No caso de persistir, terase en conta a data de presentación da solicitude.

Artigo 30. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás entidades interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contados desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As empresas comunicarán a resolución administrativa sobre as axudas solicitadas ás persoas representantes das persoas traballadoras ou a estas directamente se non hai esa representación, indicando a actividade que se subvenciona e a contía das axudas concedidas.

5. As resolucións que se diten neste procedemento deberán comunicar ás empresas beneficiarias das axudas o importe destas e informar sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

6. Nas resolucións de concesión das subvencións cofinanciadas con fondos europeos, comunicarase a obrigatoriedade da contabilidade separada ou dun código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional, en cumprimento do artigo 60 do Regulamento (CE) núm. 1083/2006, que regula as funcións da autoridade de xestión, e que na súa letra d) establece que a dita autoridade deberá asegurarse, cando se emita a resolución de concesión, de que as beneficiarias das operacións manteñen o dito sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado.

7. Por estar as axudas da liña I e do programa 1 da liña II cofinanciadas polo FSE, na resolución de concesión destas, informarase a empresa beneficiaria de que a axuda está cofinanciada polo P.O. FSE Galicia 2007-2013, con indicación do concreto eixe e tema prioritario en que se enmarca a axuda e a porcentaxe de cofinanciamento. Así mesmo, informarase de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación e que a Autoridade de Xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15.2.2007).

Artigo 31. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. No momento da xustificación, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá solicitar informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan ou da realización dos cursos que se vaian subvencionar.

3. O pagamento efectuarase a favor das empresas beneficiarias, de xeito nominativo e único, pola súa totalidade e logo de que acrediten os gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

4. En todo caso, a forma de xustificación deberá axustarse ao previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo esta normativa, e entre outros aspectos, considérase que en ningún caso serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 32. Documentación acreditativa

De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, na data límite do 15 de setembro de 2015 (agás que na resolución de concesión se estableza, motivadamente, unha data posterior), da documentación que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

1. Documentación xenérica:

a) Documento acreditativo de que a empresa comunicou a resolución administrativa sobre as axudas solicitadas ás persoas representantes legais dos traballadores e traballadoras. No suposto de empresas que non conten con representantes legais dos traballadores, a comunicación debe realizarse ás persoas traballadoras da empresa. Para deixar constancia de que a dita comunicación foi recibida polas persoas destinatarias, estas deberán identificarse nela co seu DNI, nome, apelidos e sinatura.

b) Copia dos documentos TC2 da empresa solicitante referidos ao mes da presentación da solicitude.

2. Documentación específica:

a) Para a liña I, RSE:

1º. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo II desta orde.

2º. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo III desta orde.

3º. Diplomas ou certificación da entidade impartidora da formación acreditativos da asistencia e superación dos cursos obxecto de subvención. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

4º. Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento con selo da entidade bancaria. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

5º. Documentación acreditativa do control da realización da actividade formativa:

No suposto de cursos presenciais: orixinal ou fotocopia compulsada dos documentos acreditativos do control de asistencia presencial de cada alumno/a ao curso.

No suposto de cursos por teleformación (en liña): control de acceso de cada alumno/a á plataforma de teleformación e enlace e clave de acceso á dita plataforma.

6º. Declaración responsable das persoas participantes na formación, en que conste que recibiron a formación obxecto da subvención e que foron informadas de que a subvención é confinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do P.O. FSE Galicia 2007-2013, tema prioritario 2.65, nunha porcentaxe do 80 %.

7º. Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Para estes efectos, deberán achegar un extracto da contabilidade da entidade beneficiaria que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, con indicación de que son cofinanciados polo Fondo Social Europeo, as datas, importes e os números dos asentos contables.

b) Para todos os supostos das axudas previstas da liña II, programa 1, elaboración e implantación de plans de igualdade:

1º. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo V desta orde.

2º. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo VI desta orde.

3º. Certificación do órgano de representación da empresa en que se acredite que esta segue a ter o mínimo exixido de 10 persoas traballadoras. Nesta certificación constarán o nome, apelidos e número de DNI das referidas persoas traballadoras.

4º. TC2 correspondente ao mes anterior á finalización do prazo de xustificación.

5º. Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Para estes efectos, deberán achegar un extracto da contabilidade da entidade beneficiaria que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, con indicación de que son cofinanciados polo Fondo Social Europeo, as datas, importes e os números dos asentos contables. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

c) Para as actividades da liña II, programa 1, a) diagnose:

1º. No caso de realizar a actividade con persoal propio, deberán achegar certificación asinada pola persoa responsable da empresa e pola persoa traballadora en que se detalle a distribución diaria do horario dedicado, separado por meses, de cada persoa encargada de levar a cabo os traballos, así como o importe correspondente a esas horas (desagregando a Seguridade Social e o IRPF); xustificante de pagamento da Seguridade Social polo período e polas persoas correspondentes selado pola entidade bancaria (orixinal ou copia compulsada); nómina asinada polo traballador ou traballadora e xustificante do ingreso da referida nómina selado pola entidade bancaria (orixinal ou copia compulsada). Ademais, na dita certificación deberán especificar os contidos dos traballos realizados por cada unha das persoas encargadas deles, así como a motivación que fundamente a distribución horaria dedicada e non outra diferente.

2º. No caso de que a actividade a realice unha entidade externa, factura polo importe do asesoramento realizado e xustificante do seu pagamento selado pola entidade bancaria. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

3º. Copia da diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero que foi obxecto de subvención, elaborada segundo os requisitos exixidos nesta orde. Neste documento deberán figurar os logotipos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

d) Para as actividades da liña II, programa 1, b) formación:

1º. Documentación acreditativa do control da realización da actividade formativa:

No suposto de cursos presenciais: orixinal ou fotocopia compulsada dos documentos acreditativos do control de asistencia presencial de cada alumno/a ao curso.

No suposto de cursos por teleformación (en liña): control de acceso de cada alumno/a á plataforma de teleformación e enlace e clave de acceso á dita plataforma.

2º. Diplomas ou certificación da entidade impartidora da formación acreditativos da asistencia e superación dos cursos obxecto de subvención. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

3º. Declaración responsable das persoas participantes na formación en que conste que recibiron a formación obxecto da subvención, e que foron informadas de que a subvención é confinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do P.O. FSE Galicia 2007-2013, tema prioritario 2.65, nunha porcentaxe do 80 %.

4º. Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento selados pola entidade bancaria. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

e) Para as actividades da liña II, c) contratación de persoal:

1º. Copia do contrato de traballo e alta na Seguridade Social e nóminas dos meses para os cales se lle concedeu a subvención, así como xustificantes de pagamento destas selados pola entidade bancaria. Os documentos deberán ser orixinais ou copias compulsadas.

2º. O plan de igualdade, xa elaborado, que deberá incluír a diagnose previa, segundo os requisitos exixidos nesta orde. Deberán figurar os logos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

3º. Xustificante de ter solicitado a acreditación da implantación do plan de igualdade á Unidade Administrativa de Igualdade.

f) Para as actividades da liña II, programa 1, d) contratación de empresa ou entidade externa:

1º. Factura do asesoramento e xustificante do seu pagamento selado pola entidade bancaria (orixinais ou copias compulsadas).

2º. O plan de igualdade, xa elaborado, que deberá incluír a diagnose previa, segundo os requisitos exixidos nesta orde. Deberán figurar os logos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

3º. Xustificante de ter solicitado a acreditación da implantación do plan de igualdade á Unidade Administrativa de Igualdade.

g) Para as actividades da liña II, programa 2, investimentos para a conciliación da vida familiar e laboral:

1º. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo V desta orde.

2º. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo VI desta orde.

3º. Facturas dos investimentos e xustificantes do seu pagamento selados pola entidade bancaria (orixinais ou copias compulsadas)

4º. Fotografía/as do investimento realizado.

5º. Se é necesario, resolución do organismo competente sobre a autorización de creación das instalacións obxecto do investimento. No caso de que non sexa necesario deberán indicalo por escrito.

h) Para as actividades da liña II, programa 3, investimentos para a eliminación da infrarrepresentación feminina:

1º. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo V desta orde.

2º. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo VI desta orde.

3º. Facturas e xustificantes do seu pagamento selados pola entidade bancaria (orixinais ou copias compulsadas)

4º. Fotografía/s do investimento realizado.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a empresa beneficiaria da subvención teña presentado a documentación exixida, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

4. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a empresa beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

CAPÍTULO VII
Obrigas, compatibilidade, seguimento e control

Artigo 33. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia

1. A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

2. As axudas recollidas nesta orde son compatibles coas concedidas por outros entes públicos ou privados, tendo en conta que, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axudas previstos nesta orde.

3. Os gastos cofinanciados polos fondos comunitarios non poderán acollerse a axudas procedentes de ningún outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 34. Obrigas das beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

a) Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

b) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro da liña I e do programa 1 da liña II desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, a dispoñibilidade dos documentos xustificativos. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

e) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, funcións para as que poderá designar, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, a técnicos ou funcionarios da dita consellería; ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da comunidade autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea. Ademais, deberán achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como cofinanciadas polo FSE, nos termos establecidos no Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) núm. 1803/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. As medidas de difusión consistiran en:

1º. Para a liña I e para a letra b) do programa 1 da liña II: a empresa beneficiaria informará as persoas participantes na formación de que esta está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do P.O. FSE Galicia 2007-2013, tema prioritario 2.65. Naqueles cursos que se realicen de forma exclusiva para atender esta orde deberán figurar os logotipos da Consellería de Traballo e Benestar e do FSE indicando o cofinanciamento.

2º. Para as letras a), c) e d) do programa 1 da liña II: na diagnose e no plan de igualdade deberán figurar os logotipos da Consellería de Traballo e Benestar e do FSE indicando o cofinanciamento.

Artigo 35. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 36. Revogación e reintegro

1. No caso de que a beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Traballo e Benestar iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total da actividade para a que se concedeu a subvención ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impediran dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

c) O incumprimento das obrigas sinaladas no artigo 32, parágrafos 3 e 4, desta orde dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

d) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

e) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 37. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das liñas de actuación.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para a liña I, RSE:

a) Para os efectos de poder comprobar a efectividade da formación recibida, as empresas beneficiarias estarán obrigadas a elaborar a súa memoria de RSE, a través do programa informático Xunta PRO-RSE. Este programa é unha ferramenta de xestión da RSE, a nivel usuario, que facilita de xeito gratuíto a Consellería de Traballo e Benestar a través da páxina web http://rse.xunta.es .

b) Unha vez elaborada deberán presentar dita memoria, á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, no prazo do primeiro trimestre do ano natural seguinte a aquel en que se solicitou a axuda. A falta de presentación desta memoria dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro das axudas percibidas, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para a liña II, programa 1:

a) As empresas que reciban unha axuda pública para calquera dos supostos da liña II, programa 1, relativos á implantación do plan de igualdade, estarán obrigadas a elaborar e presentar, perante a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e dentro do mes de xaneiro seguinte á finalización do ano natural en que se solicitou a axuda económica, un informe no cal se especifiquen as accións que se fixeron para continuar co proceso de implantación do plan de igualdade, logo da realización das actividades subvencionadas. O dito informe incluirá, pola súa vez, outro informe asinado pola representación sindical das persoas traballadoras, que porá de manifesto a evolución da aplicación do plan de igualdade durante ese período e que, en defecto de representación sindical, será asinado polas propias persoas traballadoras.

b) Se o informe non se presenta no prazo sinalado por causas debidamente xustificadas, poderáselle conceder unha prórroga non superior a un mes e logo de solicitude da empresa interesada. A falta de presentación do citado informe ou o incumprimento dos fins para os cales foron concedidas as axudas dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro total ou parcial das axudas establecidas nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Para levar a cabo un correcto control anual do desenvolvemento do plan de igualdade, as empresas achegarán, á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, a certificación da implantación do plan expedida, logo de solicitude e unha vez rematada a súa elaboración, pola Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar.

5. Para a liña II, programa 2:

No caso de ser empresas beneficiarias das axudas ao investimento para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, achegarán a resolución do organismo competente sobre a concesión da autorización de apertura das instalacións obxecto do investimento, sempre que fose necesario o devandito requisito. No caso de que non sexa necesario deberán indicalo por escrito.

6. Para a liña II, programa 3:

No caso de ser empresas beneficiarias das axudas para favorecer a eliminación da infrarrepresentación feminina, deberán presentar, á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, copia compulsada do contrato ou contratos das traballadoras cuxo compromiso se formalizou no momento da concesión da axuda. O prazo para a dita presentación será o do primeiro trimestre do ano natural seguinte a aquel en que se solicitou a axuda. A falta de presentación desta documentación dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro das axudas percibidas, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 38. Axudas baixo condicións de minimis

1. Os incentivos establecidos nesta orde están sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo tanto non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros cando se trate dunha empresa que opere no sector de transporte por estrada.

2. O artigo 1.1 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, establece o ámbito de aplicación desta disposición normativa indicando expresamente os sectores que quedan excluídos deste.

3. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda pública correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea (artigo 5, número 2, do Regulamento (UE) 1407/2013, do 18 de decembro).

Disposición adicional Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas empresas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación do/a conselleiro/a.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file