Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 30 de abril de 2015 Páx. 16785

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada dos alumnos e alumnas de terceiro curso de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2014/15.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, dispón no seu artigo 20.3 que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas ao finalizar o terceiro curso de educación primaria, segundo dispoñan as administracións educativas, na cal se comprobará o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación co grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática. De resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis adecuadas.

O Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no artigo 12.7 que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todos os alumnos e as alumnas ao rematar o terceiro curso de educación primaria, segundo dispoña a consellería con competencias en materia de educación, e que de resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis adecuadas, que se fixarán en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais que permitan solventar as dificultades, en colaboración coas familias e mediante recursos de apoio educativo.

De acordo coa disposición derradeira primeira do citado Decreto 105/2014, do 4 de setembro, corresponde no curso escolar 2014/15 aplicar por primeira vez a avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no artigo 22, atribúelle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, entre outras competencias e funcións, a organización de probas específicas que deriven da normativa xeral ou específica, nos niveis educativos non universitarios de Galicia.

Por todo o exposto,

Resolvo:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as condicións polas que se realizará no curso 2014/15 na Comunidade Autónoma de Galicia a avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria, establecida no artigo 20.3 da Lei orgánica 2/2006, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

2. Esta avaliación realizarase en todos os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia que na data de realización da proba impartan ensinanzas correspondentes a terceiro curso de educación primaria.

Segundo. Finalidade da avaliación individualizada

A avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria ten como finalidade comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

Esta avaliación ten carácter informativo e orientador. Completa a información que reciben os alumnos, as familias e os centros e orienta as decisións na elaboración de plans de mellora. En consecuencia debe servir para:

1. Achegar información individualizada de cada alumno ou alumna avaliado sobre o seu progreso no grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática, e contribuír á detección de dificultades na aprendizaxe.

2. Achegar información e orientar os centros educativos para que, en función dos resultados obtidos polo seus alumnos e alumnas, cada centro adopte as medidas necesarias que redunden na mellora do proceso educativo.

3. Achegar información ás familias e á Administración educativa sobre o progreso de aprendizaxe do alumnado que contribúa a orientar a toma de decisións e o establecemento de medidas encamiñadas á mellora educativa.

Terceiro. Competencias obxecto de avaliación

1. As probas da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria avaliarán o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación co grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

2. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables para o terceiro curso de educación primaria que figuran nos anexos I e III do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Comisión de coordinación da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria

1. No proceso de realización desta avaliación colaborarán os equipos directivos e o profesorado dos centros docentes. Non obstante, coa finalidade de garantir un adecuado desenvolvemento dela, nos centros educativos que impartan ensinanzas de terceiro curso de educación primaria constituirase unha comisión de coordinación da avaliación individualizada do devandito curso formada por:

a) O director ou directora do centro, que a presidirá.

b) O xefe ou xefa de estudos, de ser o caso.

c) O xefe ou xefa do departamento de orientación, de ser o caso.

d) Un titor ou titora de terceiro curso de educación primaria, nomeado/a pola dirección do centro.

2. Corresponden a esta comisión as seguintes funcións:

a) Informar a comunidade educativa do centro sobre o sentido e a finalidade da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria.

b) Planificar e facilitar as condicións e medios materiais para o desenvolvemento da avaliación de forma adecuada.

c) Custodiar os materiais da proba de avaliación e garantir a debida confidencialidade.

d) Seleccionar os mestres e mestras responsables da aplicación da proba e os encargados da corrección da proba e da gravación dos datos, de acordo ao disposto no puntos sexto e sétimo desta resolución.

e) Adoptar todas as medidas necesarias para a realización da avaliación ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e, para aquelas situacións extraordinarias para as cales se formule dúbida, resolver se ao alumno ou alumna se lle debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada.

f) Coordinar a realización da avaliación no centro.

g) Garantir o rigor e a obxectividade na aplicación e na corrección da proba.

h) Colaborar coa Administración educativa e cos servizos de inspección naqueles aspectos do proceso para os cales sexa requirida.

3. Esta comisión constituirase coa entrada en vigor da presente resolución e comunicarase á inspección educativa correspondente.

Quinto. Características xerais da proba

1. A Administración educativa proporcionará aos centros docentes os materiais necesarios e o soporte informático para que poidan realizar a avaliación individualizada.

2. A proba estará constituída por cadernos de alumnado para cada unha das competencias obxecto de avaliación e cuestionarios de contexto dirixidos ao profesorado, á dirección do centro, ao alumnado e ás súas familias.

Os cuestionarios de contexto poderán realizarse en formato dixital.

3. No desenvolvemento do proceso desta avaliación, os centros educativos contarán co apoio da plataforma informática avaldia.

Sexto. Aplicación da proba

1. A proba aplicarase en todos os grupos de terceiro curso de educación primaria e desenvolverase conforme as instrucións que dite a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Procurarase que as probas sexan aplicadas por mestres e mestras que impartan docencia aos alumnos e alumnas avaliados en áreas que non sexan lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura, e matemáticas. Cando isto non sexa posible correspóndelle á comisión de coordinación de avaliación establecida no punto cuarto desta resolución seleccionar os mestres e mestras responsables de aplicar a proba.

Sétimo. Corrección da proba e gravación dos datos

Con carácter xeral, as probas deberán ser corrixidas e gravadas por mestres e mestras do centro que impartan en educación primaria as áreas de lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura, ou matemáticas, pero que non impartan docencia aos alumnos e alumnas avaliados. De non poder ser así, correspóndelle á comisión de coordinación da avaliación do centro, seleccionar os mestres e mestras responsables da corrección das probas e da gravación dos datos.

Neste proceso aplicaranse os criterios de corrección e puntuación establecidos para cada competencia avaliada.

Oitavo. Datas de aplicación, de corrección e de gravación

1. A aplicación das probas da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria realizarase os días 27 e 28 de maio.

2. Os centros educativos disporán ata o día 5 de xuño inclusive para a corrección da proba e a gravación dos datos.

Noveno. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

1. Estableceranse as medidas máis axeitadas para que as condicións de realización da avaliación individualizada de terceiro curso se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

2. Con carácter xeral, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que requira unha atención educativa diferente á ordinaria por presentar necesidades educativas especiais, dificultades específicas de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), altas capacidades intelectuais, por se incorporar tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, realizará a mesma proba que o resto do alumnado, e estableceranse as medidas necesarias para que as condicións de realización da avaliación se adapten ás súas necesidades. As medidas poderán consistir na adaptación de tempos para a realización da proba, a presentación da proba en formatos adaptados e a posta á disposición do alumnado de medios materiais e axudas técnicas que precisen.

O alumnado que leve escolarizado no sistema educativo galego menos dun curso escolar completo e cuxa competencia lingüística non sexa suficiente para a comprensión da proba contará co asesoramento lingúístico necesario do seu profesorado, e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.

3. O alumnado que teña autorizada unha adaptación curricular será avaliado de acordo con esa adaptacion, polo que os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe que figuren na súa adaptación curricular serán os referentes para a dita avaliación e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.

4. A elaboración, aplicación e corrección das probas adaptadas a cada alumno ou alumna a que se refire o punto anterior, así como a elaboración do correspondente informe individualizado, será responsabilidade do titor ou titora, contando co asesoramento do resto do equipo docente, da persoa responsable da orientación educativa no centro e coa colaboración do profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe.

5. Para aquelas situacións extraordinarias en que se formule dúbida sobre a aplicación da proba de avaliación ao alumno ou alumna, correspóndelle á comisión de coordinación da avaliación establecida no punto cuarto desta resolución, oído o titor ou titora do alumno ou alumna, resolver se se debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada. De ser o caso, esa decisión farase constar mediante dilixencia no informe do dito alumno ou alumna.

Décimo. Informes

1. Os centros educativos obterán un informe de resultados de cada alumno ou alumna que realizou a proba xeral en que se recollerá información sobre os seus resultados globais nas destrezas e competencias avaliadas.

2. O titor ou titora deberá informar os pais, nais ou titores legais dos alumnos e alumnas dos resultados da avaliación individualizada de terceiro curso en relación co grao de adquisición das competencias avaliadas e das medidas adoptadas.

3. Os centros educativos obterán un informe de centro en que se recollerá información sobre resultados de centro e de grupo en cada unha das destrezas e competencias avaliadas.

Décimo primeiro. Datos de carácter persoal

O tratamento dos datos de carácter persoal aterase ao disposto na disposición adicional vixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os datos de carácter persoal serán incluídos nun ficheiro denominado avaliación do sistema educativo cuxa finalidade é xestionar os plans e probas que se realizan para contribuír a mellorar a calidade e equidade da educación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: sxt.cultura.educacion@xunta.es.

Décimo segundo. Análise dos resultados nos centros educativos

Os centros educativos, a través dos seus órganos colexiados, realizarán unha análise dos resultados obtidos polo seu alumnado na avaliación individualizada de terceiro curso de primaria e unha reflexión interna para establecer as accións de mellora pertinentes, que serán incorporadas á súa programación xeral anual.

De resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis adecuadas. Estas medidas fixaranse en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais que permitan solucionar as dificultades, en colaboración coas familias e mediante recursos de apoio educativo.

Décimo terceiro. Control do proceso

A Administración educativa supervisará a aplicación e a corrección das probas da avaliación individualizada.

A Administración educativa, a través da inspección educativa, requirirá, dunha mostra significativa de centros, os materiais da avaliación individualizada, co fin de realizar unha segunda corrección que contribúa ao control da calidade do proceso.

Correspóndelle á inspección educativa velar polo correcto desenvolvemento da avaliación individualizada nos centros educativos e facer o seu seguimento, participar na corrección de contraste e asesorar aos centros na toma de decisións posteriores á realización da proba.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa