Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 8 de maio de 2015 Páx. 18429

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se anuncia a convocatoria dos concursos correspondentes á XXVII Cata dos viños de Galicia, á XVII Cata das augardentes de Galicia, á IV Cata dos licores de herbas e de café de Galicia e das augardentes de Galicia envellecidas, e a II Cata das augardentes de herbas de Galicia, e se dá publicidade ás súas respectivas bases.

A Consellería do Medio Rural e do Mar ten encomendadas, entre outras funcións, actuacións relacionadas coa política alimentaria, dentro das cales se enmarcan as de defensa e promoción dos produtos agroalimentarios con distintivo de calidade.

Nos últimos anos, os concursos para premiar a calidade dos produtos agroalimentarios teñen experimentado un importante auxe na súa realización e difusión, o que sen dúbida contribúe á promoción e ao aumento do prestixio destes produtos entre os consumidores. Ademais, a realización deste tipo de certames tamén ten efectos positivos en relación coa mellora das condicións de produción e elaboración polo interese dos participantes en acadar un recoñecemento público, e máis no caso de determinados premios que xa están moi consolidados no calendario anual de celebracións.

Consciente desta importancia, a Xunta de Galicia leva anos organizando este tipo de certames, de xeito que, dentro do sector dos viños e as bebidas espirituosas, xa se levan celebrado vinte e seis edicións da Cata dos viños de Galicia e dezaseis da das augardentes de Galicia. Máis recente é a Cata dos licores de herbas e de café de Galicia e das augardentes de Galicia envellecidas, da cales se celebraron tres edicións. Este ano convócase por segunda vez a Cata das augardentes de herbas de Galicia.

Para a organización deste evento, a Consellería do Medio Rural e do Mar conta coa colaboración do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, así como coa dos cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas galegas e coa do Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Esta colaboración concrétase, entre outras cuestións, na elaboración das bases destes concursos, que garanten unha participación non discriminatoria e en pé de igualdade dos interesados, así como o anonimato das mostras e un sistema de cualificación obxectivo baseado no criterio imparcial de expertos de recoñecido prestixio que forman parte dos xurados de cata.

Por outra parte, para o caso concreto dos viños, o Real decreto 1679/1999, do 29 de outubro, establece as normas básicas reguladoras dos concursos de viños oficiais e oficialmente recoñecidos que teñen lugar no territorio do Estado español, así como as distincións outorgadas ás partidas ou lotes de viños que resulten premiados en tales concursos e a súa posterior utilización. A Resolución do 18 de decembro de 2014, da Dirección Xeral da Industria e Mercados Alimentarios (BOE núm. 316, do 31 de decembro), pertencente ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, publicou o calendario de concursos de viños que terán lugar durante o ano 2015 no territorio nacional, que inclúe os recoñecidos para a Comunidade Autónoma de Galicia, entre os cales se encontra a XXVII Cata dos Viños de Galicia. De acordo co establecido no artigo 5.1 do citado real decreto, procede dar publicidade á convocatoria deste concurso no Diario Oficial de Galicia.

Aproximándose as datas nas que tradicionalmente se ven desenvolvendo este evento, é preciso realizar a convocatoria destes concursos e dar publicidade ás súas correspondentes bases.

Por iso, de conformidade coas competencias que teño atribuídas de acordo co Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria,

RESOLVO:

Anunciar a convocatoria dos concursos correspondentes á XXVII Cata dos viños de Galicia, á XVII Cata das augardentes de Galicia, á IV Cata dos licores de herbas e de café de Galicia e das augardentes de Galicia envellecidas, e á II Cata das augardentes de herbas de Galicia, que se desenvolverá na Comunidade Autónoma de Galicia no vindeiro mes de xuño, e dar publicidade ás súas bases, que se atopan, xunto cos correspondentes boletíns de inscrición, na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar, no seguinte enderezo electrónico:

http://www.medioruralemar.xunta.es/areas/alimentacion/cata_de_vinos_e_de_augardentes/

De acordo coas citadas bases, as solicitudes relativas aos viños con denominación de orixe e ás augardentes e licores presentaranse na sede do consello regulador correspondente. Para o caso dos viños da terra enviaranse á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, sita na avenida do Camiño Francés, 10, en Santiago de Compostela. O prazo de presentación das solicitudes de participación será de sete días contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2015

Patricia Ulloa Alonso
Directora xeral de Produción Agropecuaria