Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 15 de maio de 2015 Páx. 18985

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de maio de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios e se procede á súa convocatoria (ED106A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, «Do uso do galego no ensino», establece que «o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos» e que «as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino».

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, polo que se regula o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, no seu artigo 13.3 establece que «os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos a que se refire o punto 2 do mencionado artigo (impartidos en lingua galega e en linguas estranxeiras) terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a consellería competente en materia de educación fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes».

Pola súa parte, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece no artigo 7.2 que a Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado o 21 de setembro de 2004, define como obxectivo para a área do ensino «garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos que fagan atractivo o proceso da aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz».

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, regula o réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por último, o procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

Tendo en conta o dito marco legal, faise pública esta convocatoria, mediante a cal se pretende fomentar a elaboración e a publicación de recursos didácticos curriculares en lingua galega e favorecer o tecido da industria editorial galega.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Capítulo I
Obxecto

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios destes para os niveis non universitarios, segundo establece a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE).

Artigo 2. Orzamento

O financiamento das axudas farase con cargo ao crédito da partida orzamentaria 09.30.151A.470.1, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, por unha contía máxima total de 170.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán solicitar estas subvencións as empresas mercantís do sector editorial, sexan persoas físicas ou xurídicas, sempre que, estando legalmente constituídas, cumpran os requisitos establecidos nesta orde e non estean nalgún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e elaboren os recursos didácticos curriculares obxecto desta orde.

Artigo 4. Recursos didácticos subvencionables

1. Será subvencionable a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes, realizados en soportes impresos ou dixitais.

A elaboración de material didáctico para a formación regrada de adultos en lingua galega deberá incorporar as directrices do Marco común europeo de referencia para as linguas. Este texto pode ser consultado na páxina web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Marco_textoI.pdf .

2. Para os efectos desta norma, considérase recurso didáctico complementario calquera tipo de material educativo que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos contidos nos currículos oficiais das ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Requisitos

1. As empresas solicitantes deberán dispor dun departamento de edición na Comunidade Autónoma de Galicia, que acreditarán coa correspondente copia da alta na epígrafe de «edición de libros» do imposto de actividades económicas, só no caso de que non autoricen a súa consulta.

2. Os materiais ou proxectos propostos deberán cumprir os seguintes requisitos:

Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e nas normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003). Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria nos cales, cando menos, o 60 % da proposta se realice en lingua galega e nos cales as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego, única lingua que se terá en conta para a valoración e subvención correspondente destas publicacións.

– Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, e de 500 os editados en soporte dixital ou audiovisual. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito, e de se editar nalgún soporte tanxible (pen-drive, CD, DVD ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

– Os materiais terán que estar destinados á venda e haberá que acreditar o correspondente número de ISBN e a referencia do depósito legal definitivo. O depósito legal terá unha data posterior ao 31 de decembro de 2013. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

– As obras en formato electrónico ou noutros soportes análogos ou similares non terán que acreditar a existencia do depósito legal, polas súas características e por non existir regulación legal neste sentido. Así pois, nestes casos, a data de obtención do ISBN definitivo deberá ser posterior ao 31 de decembro de 2013.

Artigo 6. Exclusións

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, mesmo cumprindo os requisitos exixidos no artigo precedente, os seguintes recursos:

1. A edición de material didáctico para o nivel universitario.

2. Libros de creación literaria, dicionarios e enciclopedias.

3. Os libros de bibliófilo.

4. As publicacións de difusión gratuíta.

5. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre as súas persoas subscritoras.

6. As obras que non sexan primeira edición.

7. Os proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunha das tres últimas convocatorias, con independencia do soporte ou formato no que se presenten.

Capítulo II
Da convocatoria pública

Artigo 7. Prazo

A presentación de solicitudes rematará no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Considerarase último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 8. Solicitudes

1. As entidades incluídas no artigo 3 que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde e que poderán obter, así mesmo, no enderezo da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es e no da web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://xunta.es/linguagalega .

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Á solicitude xuntarase a seguinte documentación:

5.1. Documento acreditativo da personalidade do solicitante, que será:

– Se se trata dunha persoa física, a fotocopia compulsada ou cotexada do DNI, NIE ou equivalente, só no caso de non autorizar a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.

– Se a empresa for unha persoa xurídica, a fotocopia compulsada da escritura de constitución e de modificación, se é o caso, inscrita no Rexistro Mercantil, cando este requisito for exixible conforme a lexislación que lle fose aplicable. Se non o for, a acreditación da capacidade de obrar realizarase mediante a escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional en que consten as normas polas cales se regula a súa actividade, inscritos, se é o caso, no correspondente rexistro oficial.

5.2. Xustificación da representación con que actúa a persoa asinante da solicitude:

– Cando a persoa asinante da solicitude actúe en nome dunha persoa xurídica, a fotocopia compulsada dos estatutos ou dos acordos sociais dos cales se deduza a antedita representación ou do poder notarial correspondente, debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda.

5.3. Copia compulsada ou cotexada do NIF da editorial ou documento equivalente, só no caso de non autorizar a súa consulta.

5.4. Copia da alta no imposto de actividades económicas na epígrafe de «edición de libros», só no caso de que non autoricen a súa consulta.

5.5. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, coa persoa autora ou tradutora da obra, que respectará o establecido no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

5.6. Un exemplar completo da maqueta definitiva das obras para as cales se solicita subvención, ou ben os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos ou soportes informáticos, recursos multimedia ou electrónicos, así como unha memoria explicativa na cal se recollan as características técnicas, a temporalización da edición e as persoas destinatarias a que vai dirixido o citado material.

5.7. No caso de que as obras estean xa editadas, achegarase un exemplar de cada título e nas publicacións electrónicas a clave para a súa lectura, con todos os manuais e o software que as acompañe. Deberán ter un depósito legal posterior ao 31 de decembro de 2013. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

5.8. Unha certificación do editor pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 1 de setembro de 2015 como data límite (anexo III).

5.9. Unha certificación do importe que se solicita, desagregado por conceptos, referido ao orzamento do custo de execución da obra, no cal ademais deberá constar expresamente a tiraxe de exemplares. No caso das publicacións electrónicas, cando non exista ningún soporte tanxible, achegarase unha estimación das licenzas que se prevé comercializar.

5.10. Deberá achegarse unha descrición da obra para a cal se solicita a subvención (anexo II ).

5.11. De acordo co artigo 6.1 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, declaración do conxunto de todas as axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, suxeitas ao citado regulamento ou a outros regulamentos de minimis (anexo I).

6. As publicacións trimestralizadas consideraranse como un único proxecto subvencionable. Tratarase igualmente a edición de cadernos, separatas, unidades didácticas e demais publicacións que se precise adquirir conxunta ou separadamente co libro de texto durante o mesmo curso académico e que se precisen para desenvolver o currículo. Polo tanto, terán que se presentar como unha soa solicitude de subvención.

7. Así mesmo, cando unha empresa editorial presente varias solicitudes da mesma obra ou publicación, en distintos soportes e/ou formatos, considerarase como un proxecto global e concederáselles unha única subvención, que determinará a aplicación dos criterios de valoración e concesión, ao conxunto de todos os formatos ou soportes en que se achegue a obra subvencionable.

8. A documentación especificada nos puntos 5.1 a 5.4 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de achegar varias solicitudes de subvención.

9. Desestimaranse as solicitudes que non se axusten estritamente aos requisitos das epígrafes anteriores e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

10. Se a solicitude non reunir os datos de identificación ou algún dos previstos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, requirirase a entidade ou o solicitante, de conformidade co establecido no artigo 71 da dita lei, para que nun prazo de 10 días emende as faltas ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido na súa petición, cos efectos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 10. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxpl.secretaria@xunta.es .

Artigo 11. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III
Da instrución do procedemento

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no articulado básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu desenvolvemento, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos desta convocatoria serán analizadas pola comisión de valoración que se creará para tal fin, segundo os criterios de concesión e de valoración establecidos neste mesmo artigo.

2. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o/a titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, que poderá delegar nun/nunha funcionario/a da secretaría xeral.

Secretario/a: un membro da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con voz pero sen voto.

Vogais:

– Unha persoa experta en didáctica proposta pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Unha persoa técnica con amplos coñecementos no eido da edición en galego, proposta pola Asociación Galega de Editores.

– Dous funcionarios/as ou dous técnicos/as da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As persoas vogais e o/a secretario/a serán nomeados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. A Comisión de Valoración ten atribuídas as seguintes funcións:

– Informar e valorar as solicitudes, de conformidade cos criterios de valoración establecidos nesta convocatoria. Para isto, poderán contar cos informes técnicos dunha comisión de persoas expertas en deseños curriculares nomeada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– Propoñer a adxudicación das subvencións.

4. A comisión quedará validamente constituída coa presenza do/a presidente/a, do/a secretario/a e da metade dos seus membros, conforme o establecido no artigo 26.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e no artigo 19.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

No non previsto nesta convocatoria o funcionamento da comisión axustarase ao réxime establecido no capítulo II do título II da dita Lei 30/1992 e no título I, capítulo I, sección 3ª da Lei 16/2010.

Artigo 14. Criterios de concesión e valoración das propostas

1. Consideraranse criterios de concesión da subvención os seguintes:

a) Calidade da obra:

1. Adaptación dos materiais ao currículo oficial establecido. Valorarase a coherencia da proposta curricular, considerando a relación entre os criterios de avaliación, os estándares de aprendizaxe, os contidos e o desenvolvemento das competencias clave, de 0 a 35 puntos.

2. Tipo de actividades. Valorarase de 0 a 10 puntos a súa adecuación á diversidade de aptitudes e intereses do alumnado, e que promovan a adquisición das competencias, a investigación, o traballo de grupo, a lectura comprensiva e mais a reflexión crítica, a iniciativa e a creatividade, así como a adquisición de hábitos intelectuais.

A obtención de 0 puntos en calquera das epígrafes 1 e 2 anteriores impedirá continuar o procedemento de valoración para os efectos de concesión desta subvención.

3. Motivación. Valorarase de 0 a 5 puntos se o material ten en consideración os intereses do alumnado galego, as súas ideas previas, a súa idade; se é atractivo visualmente e se propón formas variadas e orixinais de introducir as unidades e os contidos a elas asociados.

Os proxectos que correspondan a material complementario deberán acadar 5 ou máis puntos na epígrafe 2, e un mínimo de 3 no punto 3, para ser susceptibles de ser subvencionados.

4. Tratamento dos valores democráticos. Valorarase de 0 a 5 puntos se de maneira transversal aos obxectivos, competencias e contidos abordados o material promove a igualdade, tolerancia, solidariedade e xustiza, a resolución pacífica de conflitos, a convivencia, os hábitos saudables, a sensibilidade cara á protección do medio natural, entre outros valores de similar natureza.

5. Adecuación da linguaxe ao nivel académico do alumnado. Valorarase de 0 a 5 puntos.

6. Adecuación á realidade cultural e social de Galicia. Valorarase de 0 a 15 puntos que o material proxecte unha imaxe de Galicia de Comunidade con pasado, con presente e con futuro, rural e urbana, e non se restrinxa a aspectos folclóricos ou costumistas.

7. Calidade lingüística. Valoraranse de 0 a 15 puntos os seguintes aspectos: a redacción e coherencia dos textos, a ausencia de castelanismos e de formas verbais incorrectas e a correcta colocación dos pronomes.

Unha puntuación inferior a 8 puntos na epígrafe 7 suporá que quedará excluído do procedemento de valoración para os efectos de concesión desta subvención.

b) Orixinalidade da obra:

1. Obras de creación propia. Valoraranse con 10 puntos.

2. Obras de refundición ou adaptación. Valoraranse con 5 puntos.

3. Tradución. Valoraranse con 3 puntos.

As obras comprendidas no punto 2 da alínea b) anterior terán que incorporar contidos relacionados coa realidade social e cultural de Galicia. Para estes efectos, considerarase adaptación todas aquelas modificacións do texto orixinal para adecualas ás particularidades sociais, culturais, económicas, históricas, políticas, xeográficas, deportivas, etc. de Galicia.

Para ser obxecto de subvención será preciso acadar unha puntuación global mínima do 50 % do resultado da suma das alíneas a) e b).

A puntuación que se asigne a cada proxecto obterase coa aplicación proporcional dos tramos do baremo anteriormente descrito, do cal resultará que cada unha das subvencións propostas se determinará establecendo a proporción entre os puntos conseguidos e a dotación económica total da convocatoria.

Artigo 15. Proposta de resolución

1. A Comisión de Valoración realizará un informe coa relación de solicitantes, especificando a súa puntuación de acordo cos criterios establecidos na convocatoria. Así mesmo, o órgano instrutor do procedemento formulará o correspondente informe proposta de concesión das subvencións e a súa contía que, xunto co informe da Comisión, elevará á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quen resolverá, por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o estipulado na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012, de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 27, do 8 de febreiro).

2. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificarase aos interesados propostos como beneficiarios. Segundo dispón o artigo 6.1 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, na citada resolución comunicaráselle ao beneficiario o importe da axuda (expresado como o seu equivalente de subvención bruta), e o seu carácter de minimis.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días naturais para a non aceptación desta, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

Capítulo IV
Terminación do procedemento

Artigo 16. Resolución

1. O prazo máximo para a resolución de concesión non poderá exceder os cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co establecido na disposición adicional da Orde de 25 de xaneiro de 2012, de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 27, do 8 de febreiro), ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Transcorrido o prazo máximo para resolver o procedemento, entenderase que a concesión da subvención é desestimatoria, e por tanto o silencio administrativo terá carácter negativo.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios e xustificación de custos

1. O prazo para xustificar as subvencións concedidas remata o día 30 de setembro de 2015.

2. Co límite da dita data, os beneficiarios ou beneficiarias das axudas deberán remitir á Secretaría Xeral de Política Lingüística a seguinte documentación:

2.1. Un exemplar da obra editada.

2.2. Unha certificación da tiraxe, expedida pola persoa editora ou representante da editorial. No caso dos formatos electrónicos, tendo en conta que non sempre contan con soporte tanxible, esta certificación expresará o número de licenzas que se comercializaron ou que se espera comercializar, se as houber.

2.3. Acreditación da existencia do correspondente depósito legal. Para estes efectos, abondará cunha certificación emitida polo impresor ou, se é o caso, por quen represente legalmente a empresa, en que se exprese a posesión do depósito legal definitivo. No caso das obras que xa se presentaron editadas a esta convocatoria non se precisa xustificar este aspecto, por telo acreditado coa documentación que achegaron coa solicitude.

Así mesmo, cos materiais que non dispoñen de depósito legal, polas súas características e por non existir regulación legal neste sentido, acreditarase que a data de obtención do ISBN definitivo é posterior ao 31 de decembro de 2013, agás que xa se tivese xustificado na fase da solicitude.

2.4. Anexo IV: declaracións complementarias do conxunto das axudas, incluídas as de minimis.

2.5. Os xustificantes dos gastos e pagamentos realizados para a edición da obra, de acordo coa resolución de concesión, e nos termos expresados na proposta presentada, xunto a unha relación detallada e numerada destes, por un importe mínimo equivalente ao da subvención concedida (excluído o IVE).

Os gastos e pagamentos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, pagados, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada. Así mesmo, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42 e 49 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En concepto de nóminas e Seguridade Social só se admitirá un máximo do 30 % do total da contía da subvención concedida, para o cal haberá que achegar, ademais das nóminas correspondentes, unha certificación en que se faga constar expresamente a parte proporcional que se dedicou á realización da obra, en tempo e en custo. No caso das publicacións electrónicas a porcentaxe citada poderá chegar ao 100 % do importe da subvención.

3. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Nas publicacións subvencionadas constará o carácter público do financiamento da Xunta de Galicia, empregando para iso os logotipos aprobados polo Manual de identidade corporativa, que poderán consultar no seguinte enderezo: www.xunta.es/inicio-identidade-corporativa . O texto que se incluirá deberá ser: «Subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Secretaría Xeral de Política Lingüística». A utilización indebida e/ou incorrecta deste texto será motivo de perda da subvención.

Artigo 18. Pagamento

1. A subvención concedida aboarase mediante un pagamento único unha vez que se achegue a xustificación correcta.

2. Se o importe xustificado for inferior ao da subvención concedida, esta minorarase porcentualmente.

3. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se a calidade e a tiraxe definitiva certificada non concordaren co inicialmente declarado na solicitude.

4. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) núm. 407/2013 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013), deberase garantir que, no caso de recibir o beneficiario ou beneficiaria outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e con independencia de que a axuda concedida polo Estado membro estea financiada total o parcialmente mediante recursos da Unión. O período dos tres exercicios fiscais determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 3 do citado regulamento.

Así pois, os beneficiarios ou beneficiarias deberán comunicar calquera axuda obtida baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

5. Esta subvención é compatible con calquera outra axuda para o mesmo proxecto co límite do 100 % do investimento. No caso de que se lle conceda outra subvención para o mesmo proxecto no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 11.d) e no 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o importe da subvención se minorará cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada.

Artigo 19. Perda da subvención

Calquera alteración dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional única. Comisión de Valoración

Se cando a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puider asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a execución, desenvolvemento e resolución desta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben interpor directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file