Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 19 de maio de 2015 Páx. 19514

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 73/2015, do 7 de maio, polo que se regula a profesión de guía de turismo de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, de conformidade co artigo 27.21 do Estatuto de autonomía de Galicia, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e, por tanto, a potestade de regulamentar o sector turístico no seu ámbito territorial.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, fixa o marco legal para o exercicio da profesión de guía de turismo e recolle no seu artigo 36 e no seu título VI, artigo 90, a regulación da profesión de guía de turismo. O número 4 deste último precepto remite a un desenvolvemento regulamentario a determinación das condicións de acceso, ámbito de actuación e demais requisitos necesarios para o exercicio desta profesión. En cumprimento deste mandato legal, apróbase este decreto.

O réxime de habilitación previa establecido para o acceso ao exercicio da profesión de guía de turismo, previsto no artigo 90 da lei, que se desenvolve no presente decreto, está xustificado na defensa, protección e promoción do patrimonio cultural e natural, entendendo que constitúen «razóns imperiosas de interese xeral» que avalan a súa necesidade, así como a súa proporcionalidade, de acordo co exixido na Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos do mercado interior, na Lei 17/2009, do 23 de novembro, así como na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

Así mesmo, a dita regulación legal recolle os principios de liberdade de establecemento e de libre prestación de servizos de acordo co establecido na Directiva 2005/36/CE, do 7 de setembro de 2005, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais, e no Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro de 2005, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro de 2006, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais, así como a determinados aspectos do exercicio da profesión de avogado, que prevalece sobre a Directiva 2006/123/CE, de acordo co previsto no artigo 3 desta última directiva.

En efecto, as actividades dos guías de turismo están estreitamente sometidas á Directiva 2005/36/CE, do 7 de setembro de 2005, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais, dado que a actividade realizada polos/as guías de turismo, de acordo co anexo VIII do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, ten a consideración de profesión regulada non titulada para cuxo exercicio se exixe, en virtude de disposición legal, regulamentaria ou administrativa estar en posesión dunha cualificación profesional, definida como a capacidade para o acceso a unha determinada profesión ou ao seu exercicio, que vén acreditada oficialmente por un título de formación, por un certificado de competencia, por unha experiencia profesional formalmente recoñecida, ou ben polo concurso de máis dunha de tales circunstancias, segundo o previsto no artigo 5 do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro.

As modificacións máis salientables que se recollen no presente decreto son:

1. Para obter a cualificación profesional para o exercicio da profesión de guía de turismo, mantense o réxime de habilitación previa pero introducindo como novidade un procedemento de habilitación directa, sen necesidade da superación de probas específicas, baseada na posesión de determinados títulos.

2. A ampliación do ámbito de aplicación da norma, que comprende tanto a liberdade de prestación de servizos como de establecemento.

3. A duración indefinida da habilitación, que xa non precisa a súa validación cada cinco anos.

4. No que se refire á prestación de servizos ou ao establecemento e ao posible recoñecemento de cualificacións profesionais, establécense réximes distintos segundo a procedencia do/a guía de turismo (doutra comunidade autónoma, da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou dun terceiro país).

5. Co obxecto de garantir a calidade e unha axeitada prestación dos servizos que comprende a actividade profesional dos/as guías de turismo, prevese a organización ou homologación por parte da Axencia Turismo de Galicia de cursos de formación, a asistencia aos cales é voluntaria.

Polo que respecta á competencia para outorgar a habilitación de guía de turismo de Galicia, esta atribúese no presente decreto á Dirección da Axencia Turismo de Galicia, entidade creada polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, para impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo, de acordo co disposto na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Este decreto consta de 36 artigos agrupados en cinco capítulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria, dúas disposicións derradeiras e tres anexos.

O capítulo I regula as disposicións xerais relativas ao obxecto e ámbito, definición da profesión de guía de turismo e as exclusións.

O capítulo II regula o réxime de establecemento e estrutúrase en catro seccións.

A sección primeira regula a habilitación de guía de turismo, que ben poderá ser de forma directa ou coa superación das correspondentes probas de habilitación. Tamén se recoñece que os guías de turismo legalmente establecidos en calquera outra parte do territorio nacional poidan exercer libremente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

A sección segunda ocúpase do recoñecemento de cualificacións profesionais, de conformidade co previsto no Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro e, pola súa vez, subdivídise en 2 subseccións onde se regulan os aspectos substantivos e o procedemento para o recoñecemento.

A sección terceira é a relativa á inscrición de oficio no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia e posterior expedición do carné de guía turístico da Comunidade Autónoma de Galicia.

E a sección cuarta establece a posibilidade de modificación da habilitación por ampliación de idiomas.

O capítulo III recolle o réxime de prestación ocasional ou temporal de servizos por guías de turísticos establecidos noutros estados membros da Unión Europea ou signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.

O capítulo IV regula os dereitos e deberes dos guías de turismo.

O capítulo V ocúpase da calidade dos servizos.

As disposicións adicionais refírense aos datos de carácter persoal e á modificación de formularios.

O réxime transitorio establece a conservación de todos os dereitos dos guías de turismo habilitados ao abeiro da normativa anterior, polo que este decreto non terá carácter retroactivo. Así mesmo, dispón que se habilitarán de oficio os guías de turismo especializados de Galicia de ámbito provincial ou autonómico como guías de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola disposición derrogatoria única queda derrogado o título II e as disposicións transitorias do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.

As disposicións derradeiras recollen, por unha banda, a habilitación da persoa titular da consellería competente en materia de turismo para o desenvolvemento do decreto e, por outra, a súa entrada en vigor.

O decreto complétase con tres anexos, o anexo I, que recolle o modelo de solicitude para a habilitación directa como guía de turismo de Galicia e ampliación de idiomas; o anexo II, que recolle o modelo de solicitude para o recoñecemento de cualificacións profesionais, e o anexo III, onde se recolle a declaración para a prestación ocasional ou temporal de servizos por parte de guías turísticos establecidos noutros Estados membros da Unión Europea ou signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.

Este decreto foi sometido ao informe preceptivo do Consello do Turismo de Galicia. Así mesmo, na elaboración desta norma tivéronse en conta as asociacións, entidades e organizacións afectadas e os interesados mediante a súas achegas no trámite de audiencia e de exposición pública.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de do dous mil quince,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto deste decreto é a regulación da profesión de guía de turismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

De acordo co disposto no artigo 90 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, considéranse guías de turismo os/as profesionais que, debidamente habilitados/as, prestan de xeito habitual e retribuído servizos de asistencia, acompañamento e información en materia cultural, artística, histórica e xeográfica aos/ás usuarios/as turísticos/as nas súas visitas a museos e demais bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 3. Exclusións

Non teñen a consideración de actividades profesionais propias dos/as guías de turismo as seguintes:

a) Os servizos de mero acompañamento e asistencia proporcionada a grupos de usuarios/as turísticos/as fóra dos lugares comprendidos no artigo 2.

b) As actividades que realicen ocasionalmente e sen percibir retribución específica por iso os/as profesionais do ensino con ocasión de visitas formativas dirixidas a grupos de alumnos/as ou os/as funcionarios/as e persoal ao servizo da Administración pública con motivo de visitas de carácter institucional.

c) As realizadas polos/as empregados/as de museos ou monumentos histórico-artísticos que no seu interior faciliten información sobre estes aos/ás visitantes, sen percibir retribución por este concepto e sen que ofrezan os seus servizos mediante anuncio ou publicidade.

CAPÍTULO II
Réxime de establecemento

Sección 1ª. A habilitación de guía de turismo

Subsección 1ª. Requisitos

Artigo 4. Habilitacións

Para o exercicio da profesión de guía de turismo é imprescindible contar coa correspondente habilitación expedida pola Axencia Turismo de Galicia, de acordo cos requisitos e procedemento regulados neste capítulo, sen prexuízo do establecido no artigo 9 e no capítulo III.

Artigo 5. Requisitos para a obtención da habilitación por superación de probas específicas

1. Poderá obter a habilitación como guía de turismo quen supere as probas de habilitación que convoque a Axencia Turismo de Galicia.

2. Poderán concorrer ás probas de habilitación de guías de turismo previstas no número anterior os/as que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos estados membros da Unión Europea, signatario do Acordo sobre Espazo Económico Europeo ou de calquera outro dos estados a que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras. Así mesmo, poderán participar nas probas os cidadáns estranxeiros con residencia legal en España.

b) Ser maior de idade.

c) Posuír algún dos seguintes títulos:

1º. Ciclo formativo de grao superior de formación profesional ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

2º. Grado ou diplomatura universitaria ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

3º. Máster oficial universitario, licenciatura ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

4º. Gran diploma de xestión e dirección de empresas hoteleiras.

5º. Diploma de xestión de empresas hoteleiras.

6º. Diploma superior en xestión hoteleira.

d) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poida ser incompatible coas funcións de guía de turismo.

e) Acreditar o dominio das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e dalgunha lingua estranxeira, salvo que se opte por realizar a correspondente proba de idiomas nos termos recollidos no artigo 11.

Non será precisa a acreditación da lingua oficial do país de orixe do/a solicitante.

Artigo 6. Requisitos para a obtención da habilitación directa

Así mesmo, poderán acceder directamente á habilitación de guía de turismo nos idiomas oficiais do seu país de orixe e nos que acrediten os/as que, reunindo os requisitos previstos nas alíneas a), b), d) e e) do número 2 do artigo anterior, posúan algún dos seguintes títulos:

1º. Técnico superior en guía, información e asistencia turísticas ou equivalente ou homologado.

2º. Grao ou diplomatura en turismo ou equivalente ou homologado.

Artigo 7. Natureza e vixencia da habilitación

1. A habilitación en ningún caso terá a consideración de título senón de cualificación profesional para o exercicio da actividade que se regula neste decreto.

2. A habilitación obtida terá carácter indefinido, salvo renuncia do/a seu/súa titular, revogación ou suspensión do exercicio da actividade acordados polo órgano competente de conformidade co procedemento establecido.

Artigo 8. Efectos da resolución

A resolución de habilitación producirá efectos desde a súa notificación ao interesado ou, se for o caso, desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Guías de turismo establecidos noutras partes do territorio nacional

Os/as guías de turismo que exercen a súa actividade legalmente noutra comunidade autónoma poderán desenvolvela libremente na Comunidade Autónoma de Galicia sen necesidade de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas desta comunidade.

Subsección 2ª. Procedemento de habilitación por superación de probas específicas

Artigo 10. Convocatoria das probas de habilitación

1. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia convocará periodicamente as probas para obter a habilitación de guías de turismo.

2. Nesa convocatoria determinaranse os requisitos que deben reunir os/as interesados/as recollidos no artigo 5.2, modelo da solicitude de participación e taxas correspondentes, forma e prazo de presentación da solicitude, documentación que deben presentar para poderen participar nas probas e, se for o caso, a documentación que exima da realización das probas de idiomas consonte o disposto no artigo 12, a composición do tribunal cualificador, o procedemento selectivo que se vai seguir, o taboleiro de anuncios ou medios de comunicación en que se practicarán as sucesivas comunicacións aos solicitantes e calquera outra circunstancia que se considere necesaria.

Artigo 11. Programa das probas

1. O programa que rexerá as probas publicarase, xunto coa convocatoria dos correspondentes exames, mediante resolución da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. As probas versarán, polo menos, sobre os seguintes temas:

a) Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos, preparación e desenvolvemento de itinerarios turísticos.

b) Coñecementos histórico-artísticos, xeográficos, culturais e ambientais do Estado español e, en especial, de Galicia.

c) Coñecementos normativos e socioeconómicos do Estado español e, en especial, da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Módulo de coñecemento de idiomas, acreditando o dominio das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e, como mínimo, dun idioma estranxeiro dos que se determinen na resolución de convocatoria.

3. En ningún caso se establecerá un número máximo de habilitacións que se poidan outorgar nin se condicionará o resultado dos exames ao número global de guías habilitados/as.

Artigo 12. Exencións das probas lingüísticas

1. Quedarán exentos de presentarse á proba de idioma estranxeiro os/as nacionais dos países en que a lingua oficial sexa a solicitada para o exame e os que acrediten, mediante certificación expedida polo organismo competente, un nivel de coñecemento equivalente, como mínimo, ao nivel B2 (avanzado), segundo o previsto no Marco común europeo de referencia para as linguas.

2. Quedarán eximidos, así mesmo, da proba de galego os/as que acrediten un nivel de coñecemento correspondente ao certificado de coñecemento da lingua galega 4 (Celga 4), de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, mediante a presentación do certificado de superación das correspondentes probas, a validación por este expedida pola autoridade competente ou a acreditación de estar en posesión dun dos certificados equivalentes a que fai referencia a disposición adicional segunda da citada orde.

3. Están exentos da proba de castelán os/as nacionais españois e os que sexan titulares do diploma de español de nivel, como mínimo, B2, de conformidade co disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, que regula os diplomas de español como lingua estranxeira, ou equivalente, de conformidade co disposto nas disposicións adicionais segunda e cuarta do dito real decreto.

Artigo 13. Relación de admitidos e excluídos

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web e no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia a relación provisoria de admitidos e excluídos, con indicación do motivo da súa exclusión.

2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da citada lista, para poderen emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

3. Finalizado o prazo e examinadas as alegacións e/ou documentación achegada, publicarase a resolución que aprobe a relación definitiva de admitidos e excluídos para a realización das probas nos lugares mencionados no punto 1.

Artigo 14. Resolución

1. Celebradas as probas e despois da proposta do tribunal cualificador, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará resolución pola que se habiliten como guías de turismo as/os aspirantes que superasen as probas, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo de resolución do procedemento será de 6 meses desde a data de convocatoria das probas.

3. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e publique resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimada a súa solicitude de habilitación.

Subsección 3ª. Procedemento de habilitación directa

Artigo 15. Solicitude e documentación

1. De conformidade co previsto no artigo 6, as persoas interesadas que reúnan os requisitos previstos nel, poderán solicitar en calquera momento a habilitación como guía de turismo, mediante solicitude axustada ao modelo que figura como anexo I (TU951A) dirixida á Axencia Turismo de Galicia, xunto co título académico, documentos acreditativos do coñecemento das linguas conforme o previsto no número 2, documento acreditativo de non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poida ser incompatible coas funcións de guía de turismo, consonte ao disposto na alínea e) do anexo VII do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, e unha fotografía de tamaño carné.

2. O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante certificación expedida polo organismo competente, dun nivel equivalente, como mínimo, ao nivel B2 (avanzado), segundo o previsto no Marco común europeo de referencia para as linguas.

O coñecemento de galego acreditarase mediante o certificado de coñecemento da lingua galega 4 (Celga 4), de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, a validación por este expedida pola autoridade competente ou a acreditación de estar en posesión dun dos certificados equivalentes a que fai referencia a disposición adicional segunda da citada orde.

O coñecemento do castelán acreditarase mediante o diploma de español de nivel, como mínimo B2, de conformidade co disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, que regula os diplomas de español como lingua estranxeira, ou equivalente, de conformidade co establecido nas disposicións adicionais segunda e cuarta do dito real decreto.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es ), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase electronicamente nas condicións previstas no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada nas ditas condicións.

Artigo 16. Instrución

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos neste decreto requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cumprirase o trámite de audiencia a favor dos interesados conforme o establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Examinadas as alegacións que, se for o caso, se presentasen, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución e elevaraa á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 17. Resolución

1. Verificada a documentación e acreditados os requisitos indicados, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará e notificará a resolución de habilitación, no prazo máximo de 3 meses contados desde a data de presentación da solicitude conforme o establecido no número 3 do artigo 15.

2. Transcorrido o dito prazo, o/a interesado/a poderá entender estimada a súa solicitude e reclamar a expedición do carné acreditativo da habilitación.

3. Se a resolución for denegatoria, deberá ser motivada e poderá ser impugnada nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sección 2ª. Recoñecemento de cualificacións profesionais

Subsección 1ª. Requisitos

Artigo 18. Requisitos para a habilitación de guía de turismo por virtude do recoñecemento de cualificacións profesionais dos nacionais de Estados membros da Unión Europea ou signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo

1. De conformidade coas previsións do artigo 21 do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, poderán acceder á habilitación de guía de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia mediante o recoñecemento das súas cualificacións profesionais e nas mesmas condicións que as persoas que obteñan as habilitacións previstas na sección anterior os/as nacionais dos Estados membros da Unión Europea ou signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo que:

a) Posúan o certificado de competencias ou o título de formación exixidos por outro Estado membro para acceder a esa mesma profesión no seu territorio ou exercela nel, ou

b) Exercesen a tempo completo a profesión durante dous anos, no transcurso dos dez anos anteriores, noutro Estado membro en que a dita profesión non se atope regulada, sempre que estean en posesión dun ou varios certificados de competencia ou dun ou varios títulos de formación. Os dous anos de experiencia non poderán exixirse cando o solicitante acredite unha cualificación profesional adquirida a través da superación dunha formación regulada das definidas no artigo 8 do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, e que corresponda aos niveis de cualificación previstos nos números 2, 3, 4 e 5 do artigo 19 do mesmo real decreto.

2. Os certificados de competencia ou títulos de formación deberán:

a) Ter sido expedidos por unha autoridade competente dun Estado membro, designada conforme as disposicións legais, regulamentarias ou administrativas do devandito Estado.

b) Acreditar un nivel de cualificación profesional equivalente, como mínimo, ao nivel inmediatamente anterior ao establecido no artigo 19.3 do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro.

c) Acreditar a preparación do/a titular para o exercicio da profesión de guía de turismo.

3. Segundo o establecido no artigo 71 do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, as persoas beneficiarias do recoñecemento das súas cualificacións profesionais deberán posuír os coñecementos lingüísticos dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma galega. Estes coñecementos deberán acreditarse mediante proba de aptitude ou, se for o caso, segundo se dispón nos números 2 e 3 do artigo 12.

4. A habilitación de guía de turismo expedirase nos idiomas estranxeiros que se acrediten de conformidade co disposto no artigo 12.1.

Subsección 2ª. Procedemento

Artigo 19. Solicitudes, documentación e emenda

1. A presentación das solicitudes, que se axustarán ao modelo que figura como anexo II (TU951B), deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es ), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. Á solicitude debidamente cuberta xuntaráselle a seguinte documentación e información:

a) Documentación acreditativa da nacionalidade da persoa interesada.

b) Copia autenticada do certificado de competencias ou título de formación exixido para o acceso á profesión de guía de turismo no Estado membro de orixe da Unión Europea ou signatario do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, así como, se é o caso, certificado da experiencia profesional da persoa interesada.

Para a acreditación da experiencia profesional exixirase, en todo caso, a presentación de documento oficial emitido por unha autoridade competente do Estado de orixe que certifique o exercicio da profesión.

c) Se for o caso, documentación acreditativa do coñecemento do castelán e do galego, falado e escrito, e do idioma estranxeiro.

d) Unha fotografía tamaño carné.

4. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que emende a falta ou presente os documentos preceptivos, e para tal efecto concederase un prazo de dez días, conforme o previsto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que poñerá fin ao procedemento.

Artigo 20. Instrución e resolución sobre recoñecemento de cualificacións profesionais

1. A instrución do expediente de recoñecemento da cualificación profesional corresponde á Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia, a cal procederá á cualificación xurídica da documentación presentada para determinar a súa validez e comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos para o recoñecemento.

2. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, daráselle trámite de audiencia á persoa interesada, de conformidade co disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. A proposta de resolución conterá un dos seguintes pronunciamentos:

a) Recoñecer as cualificaciones profesionais e habilitación como guía de turismo á persoa solicitante, se se estimar que a formación ou experiencia do peticionario cobre os contidos formativos exixidos, segundo se establece no Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro.

b) Exixir as medidas compensatorias, se se estimar que a formación ou experiencia da persoa peticionaria non cobre os contidos formativos exixidos. Na proposta determinaranse os contidos que se deberán acreditar mediante a superación dunha proba de aptitude ou a realización dun período de prácticas.

c) Desestimar a solicitude, se se considerar que non se cumpren os requisitos previstos nesta norma.

4. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia deberá ditar e notificar a correspondente resolución sobre recoñecemento da cualificación profesional no prazo máximo de catro meses computados desde que a solicitude tivo entrada no órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se tivese notificado a citada resolución, entenderase estimada a solicitude de recoñecemento para exercer a actividade de guía de turismo en Galicia.

5. Se a resolución establece a necesidade de medidas compensatorias, deberá motivarse a necesidade destas medidas e recoller a lista de materias sinaladas no artigo 11.2, sobre as cales versarán a proba ou as prácticas, e que non se consideren cubertas polo certificado de competencia, título de formación presentado pola persoa solicitante ou pola súa experiencia profesional.

Artigo 21. Elección da medida compensatoria no procedemento de recoñecemento

1. Cando a resolución determine a exixencia de medidas compensatorias, a persoa interesada poderá optar entre a realización dunha proba de aptitude ou a realización de prácticas tuteladas.

2. A persoa solicitante deberá comunicar, no prazo de 15 días, a súa decisión á Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que adoptará as medidas encamiñadas á efectividade da opción.

Artigo 22. Proba de aptitude

1. A proba de aptitude estará formada por preguntas tipo test, preguntas breves e preguntas de desenvolvemento, que versarán sobre cuestións teóricas e prácticas.

2. Por resolución da Dirección da Axencia Turismo de Galicia establecerase o lugar e data de celebración da proba.

3. Para a realización das probas e a avaliación do seu resultado constituirase una comisión de valoración formada por un número impar de membros nomeados pola Dirección da Axencia Turismo de Galicia entre persoas con coñecementos nas materias obxecto das probas.

O funcionamento da comisión de valoración rexerase polo previsto para os órganos colexiados no título I, capítulo I, sección 3ª, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A persoa aspirante será cualificada como apta ou non apta. A comisión de avaliación formulará proposta de recoñecemento das cualificacións profesionais dos/as aspirantes declarados/as aptos/as.

5. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará e notificará a correspondente resolución no prazo de dez días contados desde que se formule a proposta de recoñecemento das cualificacións pola comisión de avaliación.

Artigo 23. Período de prácticas

1. Se o interesado optar polo período de prácticas, estas realizaranse na forma e tempo que se determine por resolución da Dirección da Axencia Turismo de Galicia e baixo a supervisión dun titor designado nela.

Para tal fin facilitarase ao/á interesado/a unha credencial provisional para o desenvolvemento das prácticas.

2. A duración das prácticas non poderá ser inferior a tres meses nin superior a un ano.

3. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia establecerá na resolución a forma de desenvolvemento e os criterios de avaliación das prácticas.

4. Os titores deberán presentar informe das prácticas realizadas e a súa avaliación.

5. Á vista da documentación acreditativa das prácticas e do informe do titor, a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado desde a finalización das prácticas, ditará e notificará a correspondente resolución de recoñecemento de cualificacións profesionais.

Sección 3ª. Inscrición no Rexistro de Empresas de Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia e expedición do carné de guía

Artigo 24. Inscrición no Rexistro de Empresas de Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Os/as guías de turismo, unha vez obtida a necesaria habilitación ou recoñecemento profesional como guía de turismo, inscribiranse de oficio no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo dun mes desde a notificación ou, de ser o caso, publicación da resolución de habilitación ou recoñecemento profesional.

2. A inscrición conterá os datos persoais, os relacionados coa actividade que desenvolve, a data de habilitación ou recoñecemento e os idiomas acreditados, ademais do contido mínimo exixido no Decreto 82/1987, do 26 de marzo.

Artigo 25. Actualización dos datos rexistrais

Co obxecto de manter actualizados os datos rexistrais, o/a titular da inscrición deberá comunicar á Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo de 10 días, o cesamento da actividade, con indicación do seu carácter temporal ou definitivo, así como calquera outra modificación dos datos con que conste inscrito, de conformidade co disposto no artigo 13 do Decreto 82/1987, do 26 de marzo, polo que se crea o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26. Carné de guía de turismo

1. Despois da habilitación ou recoñecemento profesional e subseguinte inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección da Axencia Turismo de Galicia expedirá no prazo dun mes contados desde a data de inscrición a acreditación mediante o carné de guía de turismo, que levará incorporada a fotografía do interesado e no cal constarán, como mínimo, os seguintes datos: número de habilitación, apelidos, nome e documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiros/as e idiomas acreditados.

2. Esta acreditación deberá exhibirse de forma visible durante o exercicio profesional.

Sección 4ª. Modificación da habilitación por ampliación de idiomas

Artigo 27 . Ampliación directa

1. Os guías de turismo con habilitación en vigor expedida por esta comunidade autónoma poderán, en calquera momento, solicitar a ampliación da súa habilitación a outros idiomas mediante a solicitude que se axustará ao modelo que figura como anexo I (TU951A) dirixida á Dirección da Axencia Turismo de Galicia acompañada dos documentos acreditativos do nivel de coñecemento exixido consonte o previsto no artigo 15.

A solicitude presentarase de conformidade co disposto no artigo 15.3.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que emende a falta ou achegue os documentos preceptivos e para tal efecto concederáselle un prazo de dez días, conforme o previsto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que poñerá fin ao procedemento.

3. Se a solicitude reúne os requisitos exixidos e os documentos acreditativos do nivel de coñecemento do idioma para o cal se solicita a ampliación da habilitación son conformes co establecido neste decreto, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará e notificará a resolución de modificación da habilitación por ampliación de idiomas no prazo de tres meses contados desde a data de presentación da solicitude.

4. Transcorrido o dito prazo, o/a interesado/a poderá entender estimada a súa solicitude e reclamar a expedición do carné correspondente.

Artigo 28. Ampliación mediante superación de probas

En cada convocatoria especificarase a posibilidade de que os/as guías de turismo de Galicia con habilitación en vigor amplíen a súa habilitación a outros idiomas que se especifiquen na resolución da convocatoria, distintos dos que consten nela, para o que deberán superar as correspondentes probas.

CAPÍTULO III
Prestación ocasional ou temporal de servizos por parte de guías turísticos establecidos noutros Estados Membros da Unión Europea ou signatarios do
Acordo sobre o espazo Económico Europeo

Artigo 29. Libre prestación de servizos

1. Os nacionais dos Estados membros da Unión Europea ou signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo que se atopen legalmente establecidos noutro Estado membro como guías de turismo e se despracen de xeito ocasional ou temporal para exerceren en Galicia a profesión de guía de turismo poderán prestar libremente os seus servizos sen máis limitacións que a obriga de presentar a declaración a que se refire o artigo seguinte.

2. No suposto de que a profesión de guía non estea regulada no Estado membro de establecemento, deberá acreditarse, ademais, o exercicio da profesión nel durante, polo menos, 2 anos dentro dos últimos dez.

Artigo 30. Declaración previa á prestación de servizos

1. Con carácter previo ao primeiro desprazamento, o/a guía legalmente establecido/a noutro Estado membro da Unión Europea ou signatario do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo Espazo Económico Europeo deberá dirixir á Axencia Turismo de Galicia unha declaración, nos termos e condicións previstos no artigo 13 do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, de acordo co modelo recollido no anexo III (TU952A), sempre que tal declaración non se tivese realizado previamente noutra comunidade autónoma.

2. A presentación das solicitudes realizarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es ), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A declaración renovarase anualmente nos supostos en que o prestador de servizos teña a intención de continuar a prestación de servizos temporal ou ocasionalmente en Galicia en períodos anuais sucesivos e así o comunique á Axencia Turismo de Galicia a través do modelo que figura como anexo III (TU952A).

Artigo 31. Documentación adicional con ocasión do primeiro desprazamento

1. De conformidade co artigo 13.4 do Real decreto 1387/2008, do 8 de novembro, con ocasión do primeiro desprazamento, a persoa interesada deberá achegar, xunto coa declaración a que se refiren os artigos anteriores, os seguintes documentos:

a) Documentación que acredite a nacionalidade do prestador de servizos.

b) Certificado acreditativo de que o declarante está establecido legalmente nun Estado membro da Unión Europea ou signatario do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo para exercer nel as actividades de que se trate, así como da inexistencia de prohibición ningunha no momento de formular a declaración que lle impida exercer a profesión no Estado de orixe, nen sequera temporalmente, expedido pola autoridade competente do país de procedencia.

c) Proba das cualificacións profesionais.

d) No caso de que a profesión non estea regulada no Estado de establecemento, documento acreditativo da prestación de servizos durante un mínimo de dous anos no curso dos dez anteriores.

2. No caso de modificación substancial das situacións ou circunstancias recollidas nos documentos sinalados no número anterior, o prestador de servizos deberá remitir á autoridade competente unicamente os documentos referidos á dita modificación.

CAPÍTULO IV
Dereitos e deberes dos guías de turismo

Artigo 32. Dereitos dos/as guías de turismo

Son dereitos dos/as guías de turismo:

a) Realizar as tarefas de información e interpretación segundo o seu propio criterio, axustada en todo caso aos coñecementos técnicos e científicos na materia.

b) Ser incluídos/as nas listas e publicacións de profesionais que elaboren as administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, os organismos autónomos dependentes delas ou as demais entidades que constitúen o sector público autonómico.

Artigo 33. Deberes do/a guía de turismo

Durante o desenvolvemento das súas actividades profesionais os guías de turismo deberán:

a) Prestar unha información ampla, veraz e obxectiva.

b) Actuar en todo momento con dilixencia, asegurando ao/á usuario/a turístico/a a atención e asistencia debidas.

c) Levar en lugar ben visible o carné de guía de turismo.

CAPÍTULO V
Calidade dos servizos

Artigo 34. Avaliación da calidade dos servizos

O sector público autonómico adoptará as medidas necesarias para fomentar que os colexios profesionais e asociacións de guías de turismo ou as súas federacións establezan medidas que aseguren a calidade dos servizos, en particular a través dun dos métodos seguintes:

a) A certificación ou avaliación das súas actividades por parte de organismos independentes ou acreditados.

b) A elaboración da súa propia carta de calidade ou a participación en cartas ou etiquetas de calidade elaboradas por organismos profesionais a nivel comunitario.

c) Outros sistemas de calidade implantados por organismos oficiais ou asociacións representativas do sector.

Artigo 35. Requisitos de calidade na prestación dos servizos

1. Ao realizar excursións que inclúan visitas aos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, as axencias de viaxes ou entidades organizadoras estarán obrigadas a utilizar os servizos dun guía de turismo que cumpra os requisitos previstos neste decreto para o establecemento ou para a prestación de tales servizos, por cada grupo de ata setenta viaxeiros ou por cada unidade de transporte.

2. As axencias de viaxes e outras entidades organizadoras de excursións deberán elaborar e conservar nos seus arquivos, á disposición da inspección de turismo, relación das visitas e excursións organizadas con indicación do/a guía ou guías que teñan prestado servizo en cada unha delas, e do número de usuarios/as.

Artigo 36. Cursos de formación

1. A Axencia Turismo de Galicia, co obxecto de garantir a axeitada prestación dos servizos que comprende a actividade profesional dos/as guías de turismo, organizará periodicamente ou homologará cursos de formación.

2. Os cursos versarán sobre recursos, manifestacións, festas, tradicións, folclore, espazos xeográficos determinados, itinerarios ou similares, así como sobre aspectos relacionados coas dinámicas de grupo, animación sociocultural, técnicas de comunicación e atención ao/á turista ou outras materias que se consideren de interese.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación dos procedementos regulados neste decreto cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Rexistros», cuxo obxecto é xestionar polos procedementos regulados nesta disposición, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta axencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: secretaria.turismo@xunta.es .

Disposición adicional segunda. Modificación de formularios

1. Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

2. O anexo III actualizarase, cando resulte necesario, de conformidade co disposto na disposición derradeira quinta do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro.

Disposición transitoria única. Réxime aplicable aos guías habilitados ao abeiro da normativa anterior

1. Os guías habilitados ao abeiro da normativa anteriormente vixente conservarán todos os seus dereitos.

2. Procederase de oficio á habilitación dos guías de turismo especializados de Galicia de ámbito provincial ou autonómico como guías de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia estendéndose para os de ámbito provincial a súa habilitación ao ámbito autonómico.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o título II, artigos 31 ao 41, e as disposicións transitorias do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitacións

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de Turismo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para ditar as disposicións precisas no desenvolvemento deste decreto, no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de maio de dous mil quince

Alberto Núñéz Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file