Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 21 de maio de 2015 Páx. 20050

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se delegan determinadas funcións en materia de transporte sanitario no xefe ou xefa do Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria.

O Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, establece na letra f) do artigo 19.1 como competencia propia dos xefes territoriais da Coruña, Lugo e Ourense as funcións que lle outorga o Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa en materia de centros, servizos e establecementos sanitarios.

Entre tales normas está o Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario (DOG núm. 69, do 14 de abril) que atribúe no seu artigo 10 ao órgano competente da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade que corresponda, segundo o lugar en que se domicilie a autorización de transporte sanitario na cal pretendan ampararse, a competencia para outorgar ou denegar a certificación técnico-sanitaria solicitada.

Cómpre arbitrar medidas que eviten atrasos ou demoras na tramitación dos expedientes e, consecuentemente, esta Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Coruña considera oportuno delegar determinadas funcións en materia de transporte sanitario no/na xefe/a do Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria, co obxecto de acadar unha maior simplificación e axilización dos procedementos administrativos.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren o artigo 19 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, e conforme o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo 1

Deléganse no/na xefe/a do Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria desta xefatura territorial as seguintes facultades:

a) Outorgar ou denegar as certificacións técnico-sanitarias solicitadas, unha vez vista a documentación presentada, cos informes que considere pertinentes, e comprobado o cumprimento das condicións e requisitos que lle sexan de aplicación, establecidos no Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario.

b) Outorgar a certificación técnico-sanitaria provisional a que se refire o artigo 10 do citado Decreto 52/2015.

c) Renovar anualmente as certificacións técnico-sanitarias a partir de cumprirse o segundo ano de antigüidade do vehículo, logo da pertinente verificación.

d) A revogación da certificación técnico-sanitaria, no caso de que se produza o incumprimento dos requisitos establecidos no artigo 9 do Decreto 52/2015.

Así mesmo, delégase a recualificación do vehículo de acordo coa súa finalidade, o que dará orixe á obtención dunha nova certificación axustada á nova función asignada, sempre que isto cumpra os requisitos establecidos no dito decreto que lle sexan de aplicación, o que suporá a revogación da certificación anteriormente concedida.

Artigo 2

As resolucións administrativas que se adoptan por delegación indicarán expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 3

Exclúense da delegación recollida nesta resolución os supostos referidos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 27 de abril de 2015

Cristina Pérez Fernández
Xefa territorial da Coruña