Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase unha xornada sobre sustentabilidade financeira e reforma das entidades locais, conforme as seguintes bases:
1. Obxectivos.
O obxectivo principal desta xornada é formular posibles liñas de reforma das entidades locais, desde unha perspectiva financeira.
2. Contidos.
Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:
– Sustentabilidade financeira e Administración local, en especial o problema da planta local.
– Situación financeira e proxectos de reforma das entidades locais.
– Marco constitucional do control financeiro sobre as entidades locais.
– Estado e comunidades autónomas ante a Administración local: desenvolvemento autonómico da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.
– Situación financeira e proxectos de reforma local en Alemaña.
3. Destinatarios.
Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e interesados en xeral.
4. Desenvolvemento.
Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Data: 11 de xuño de 2015.
Horario: mañá e tarde.
Duración: 7 horas lectivas.
5. Número de prazas.
Limitado pola capacidade do local.
6. Inscrición.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/
O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 9 de xuño de 2015.
Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos:
981 54 62 41 / 981 54 62 39
7. Modificacións.
A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.
8. Certificado de asistencia oficial.
Ao final da xornada entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas; para estes efectos, todos os alumnos deberán identificarse nos preceptivos controis de asistencia. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2015
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública