Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 1 de xuño de 2015 Páx. 21314

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regula a convocatoria e selección de centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para participar en actividades de inmersión lingüística en lingua inglesa dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

O Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras pretende, entre outros obxectivos, desenvolver unha serie de accións de formación en linguas estranxeiras conducentes a mellorar a competencia nelas por parte do alumnado.

Máis concretamente, intenta que ao remate da súa educación e formación escolar obrigatoria, mellore a competencia lingüística nunha lingua estranxeira, basicamente en lingua inglesa.

Por este motivo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizará unha serie de actividades de formación que se desenvolverán durante o curso escolar, nun centro residencial situado en Galicia, en réxime de internado onde se estimulará a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite o ámbito escolar, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa.

Estas actividades consisten en estadías dunha semana de duración, organizadas en cinco quendas, que se realizarán entre os meses de novembro e decembro de 2015.

O programa das actividades procurará, por unha banda, a inmersión en lingua inglesa do alumnado, de xeito que lle permita desenvolver nun contorno real a súa comunicación, e, por outra, complementar esta formación con actividades de carácter cultural.

De acordo co anteriormente exposto, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular a convocatoria e selección de centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para participar en actividades de inmersión en lingua inglesa dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o ano 2015.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos que se impartan ensinanzas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 3. Obxectivos e programa das actividades

As actividades ás que se refire esta resolución desenvolveranse de acordo co obxectivo e o programa que se especifican no anexo II.

Artigo 4. Duración e datas de realización das actividades

1. Estas actividades realizaranse en réxime de internado, en períodos semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá.

2. Levaranse a cabo durante os meses de novembro e decembro de 2015, de acordo co seguinte calendario:

a) 1ª quenda: do 1 ao 7 de novembro, para alumnado de 6º de primaria.

b) 2ª quenda: do 8 ao14 de novembro, para alumnado de 1º de ESO.

c) 3ª quenda: do 15 ao 21 de novembro, para alumnado de 2º de ESO.

d) 4ª quenda: do 22 ao 28 de novembro, para alumnado de 3º de ESO.

e) 5ª quenda: do 29 de novembro ao 5 de decembro, para alumnado de 4º de ESO.

Artigo 5. Organización das actividades

1. A xestión e a organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas para o efecto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A empresa ou as empresas coas que se contraten estas actividades ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

2. Os centros educativos seleccionados solicitarán e custodiarán as autorizacións dos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado, segundo o modelo que figura no anexo V.

3. Os centros que resulten seleccionados enviarán ao Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa a listaxe de alumnado participante, antes do día 31 de outubro de 2015. No caso de producirse, con posterioridade, algún cambio nesa listaxe, deberá comunicarse, o antes posible e por correo electrónico, ao enderezo: asesoria.linguasestranxeiras@edu.xunta.es .

4. As familias ou, se é o caso, os centros educativos encargaranse do traslado do alumnado ao centro residencial no que se realizarán as actividades así como da súa recollida ao remate delas. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os centros educativos non asumirán os gastos derivados destes desprazamentos.

5. O alumnado que contraveña calquera das normas da residencia será expulsado inmediatamente. No caso de expulsión serán os pais, nais ou titores legais os que se fagan cargo do traslado do ou da menor.

Artigo 6. Financiamento das actividades

O custo total de cada actividade inclúe:

1. Os monitores ou as monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

2. Os gastos de docencia e o material escolar.

3. As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

4. Os gastos de mantenza e aloxamento.

5. O certificado de realización da actividade.

6. O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 7. Solicitudes e documentación

1. Para participar nesta convocatoria, os centros educativos deberán presentar a seguinte documentación:

a) A solicitude, no modelo que se xunta como anexo I desta resolución.

b) Certificación da aprobación polo Consello Escolar da participación nestas actividades, segundo o modelo que figura no anexo III.

c) Proxecto de participación, cun máximo de cinco folios, segundo o modelo que figura no anexo IV.

d) Características do centro segundo o modelo que figura no anexo VI.

2. Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e/ou alumnas, todos do mesmo nivel educativo.

3. As solicitudes deberán presentarse, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.es ), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na citada sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo a Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou de quen a represente. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 18 de setembro de 2015.

Artigo 8. Criterios de selección dos centros

Os centros serán seleccionados conforme os seguintes criterios e puntuación:

1. Por formar parte da Rede de centros plurilingües, 2 puntos.

2. Por contar con seccións bilingües, ata 2 puntos. 0,20 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2014/15.

3. Pola participación no programa CUALE durante o curso 2014/15, ata 2 puntos. 0,20 puntos por cada modalidade.

4. Centros en cuxo contorno sociocultural predominen familias de baixo nivel cultural ou economicamente desfavorecidas, minorías étnicas, inmigrantes de lingua materna distinta á do centro, entre outros; ata 2 puntos.

5. Non ter participado neste programa no ano 2014, 2 puntos.

6. Centros situados en concellos rurais que non participen na Rede de Centros Plurilingües ou non sexan centros con seccións bilingües, ata 2 puntos, segundo o establecido a seguir:

a) Concellos de menos de 1.000 habitantes, 2 puntos.

b) Concellos de entre 1.001 e 3.000 habitantes, 1,50 puntos.

c) Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes, 1 punto.

d) Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes, 0,50 puntos.

Artigo 9. Comisión de selección

1. Baixo a presidencia da persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado constituirase unha comisión de selección que se encargará de valorar as solicitudes.

2. A comisión estará integrada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, a persoa titular da xefatura do Servizo de Formación do Profesorado, a persoa titular da xefatura do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, e unha persoa asesora da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que realizará as funcións de secretaria. As persoas subdirectoras poderán ser substituídas por xefes/as de servizo, se é o caso.

3. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos no artigo 8.

4. A percepción de asistencias destas comisións atenderá á categoría correspondente, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 10. Procedemento de selección dos centros

1. A comisión de selección realizará unha preselección dos centros docentes solicitantes segundo a puntuación obtida conforme os criterios que figuran no artigo 8 desta convocatoria. En caso de empate entre os centros, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no criterio 1 do artigo 8.

b) Maior puntuación no criterio 2 do artigo 8.

De manterse o empate, terá preferencia o centro que teña maior puntuación no criterio 6 do artigo 8.

2. Finalizada a preselección, a comisión fará pública a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ( http://www.edu.xunta.es ), na internet.

3. Nesta resolución figurarán os centros seleccionados, xunto coa quenda que lles corresponde, os centros que quedan como suplentes e os centros excluídos.

4. A exposición abrirá un prazo de cinco días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que resolverá a relación final dos centros seleccionados.

5. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada pola comisión de selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas e/ou modificar o nivel ao que vai dirixida algunha destas quendas.

6. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o centro solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: dxefpie@edu.xunta.es .

Artigo 12. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file

ANEXO II
Obxectivo e programa das actividades

1. O obxectivo principal deste programa é proporcionar ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística que lles permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa, a través de actividades non só académicas senón tamén de carácter cultural e/ou deportivo, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo dos alumnos e das alumnas.

2. O desenvolvemento das actividades terá lugar en períodos semanais. O comezo da actividade terá lugar un domingo pola tarde e a saída o sábado seguinte pola mañá.

3. As actividades desenvolveranse entre os meses de novembro e decembro de 2015.

4. O contido dos cursos inclúe un programa de actividades académicas, deportivas, de tempo libre e obradoiros. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado e a motivación pola comunicación en lingua inglesa, facendo uso de medios tecnolóxicos que favorezan a devandita aprendizaxe.

5. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa; promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e coñecemento do contorno.

ANEXO III
Aprobación polo Consello Escolar da solicitude de participación
na convocatoria de actividades de inmersión lingüística dirixidas a alumnado
de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria

Don/dona………………………………………………, en calidade de secretario/a do Consello Escolar do centro educativo……............................................

Código…………………….. do municipio de…………………………

Fai constar:

1. Que o Consello Escolar do centro coñece o contido e características da resolución para a participación do centro educativo na convocatoria de actividades de inmersión lingüística dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

2. Que o Consello Escolar, na sesión do día... de... de 2015.

□ Mostrouse favorable a participar na convocatoria de actividades de inmersión lingüística, co seguinte resultado:

Resultado da votación:

– Número de integrantes do Consello Escolar con dereito a voto:

– Número de integrantes do Consello Escolar con dereito a voto presentes na votación:

– Número de votos favorables á presentación da solicitude de participación:

– Número de votos contrarios á presentación da solicitude de participación:

– Número de votos en branco:

– Número de votos nulos:

E, para que conste, asínoo no lugar e na data indicados.

...................................................., ........... de........................................ de...........

Visto e prace

Presidente/a do Consello Escolar Secretario/a

Asdo.: Asdo.:

ANEXO IV
Guión para a elaboración do proxecto

1. Breve xustificación da solicitude de participación nas actividades.

2. Nivel e nº de alumnado para o que se solicita a participación nas devanditas actividades.

3. Relación de niveis e áreas ou materias do centro solicitante que se imparten en lingua inglesa.

4. Participación en programas relacionados co Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras:

a) Rede de centros plurilingües.

b) Seccións bilingües (indicar o número de seccións).

c) CUALE (indicar o número de modalidades do programa).

5. De ser o caso, situación do contorno sociocultural no que predominen familias de baixo nivel cultural ou economicamente desfavorecidas, minorías étnicas, inmigrantes de lingua materna distinta á do centro, entre outros.

6. De ser o caso, centros situados en localidades rurais que non participen na Rede de Centros Plurilingües ou non sexan centros con sección bilingües.

ANEXO V
Autorización do pai, nai ou titor/a legal do alumnado

Don/dona..........................................................................................., como pai/nai/titor/a legal do/a solicitante, autorizo a (nome e apelidos do/a alumno/a)............................................, a participar nas actividades de inmersión lingüística dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria e organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o ano 2015. Así mesmo, comprométome ao seu traslado ao lugar de Galicia onde se realicen as actividades e a súa recollida ao remate delas.

En................................................... o.......... de....................................... de 2015

ANEXO VI
Características do centro

Risque o recadro que corresponda segundo as características do centro. Unha copia deste anexo será enviado á Inspección Educativa.

1. Porcentaxe de inmigrantes, de minorías étnicas e/ou culturais que acolle o centro:

□ Ata o 10 %.

□ Entre o 11 % e o 25 %.

□ Entre o 26 % e o 50 %.

□ Máis do 51 %.

2. O centro ten alumnos e alumnas inmigrantes de lingua materna distinta á do centro:

□ Ata o 10 %.

□ Entre o 11 % e o 25 %.

□ Entre o 26 % e o 35 %.

□ Máis do 35 %.

3. Perfil socioeconómico da zona de influencia do centro:

□ Alto.

□ Medio-alto.

□ Medio-baixo.

□ Baixo.