Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 2 de xuño de 2015 Páx. 21553

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 27 de maio de 2015 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2015.

O 23 de marzo do 2015 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto lei 4/2015, do 22 de marzo, para a reforma urxente do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

Na súa disposición transitoria primeira, punto 2, establece que os órganos que tivesen aprobado convocatorias de subvencións pendentes de resolver na data de entrada en vigor do presente real decreto lei anularán as disposicións que sexan contrarias ao previsto en relación coas materias sinaladas nas letras a), b) e c) do punto 1 da dita disposición transitoria, así como o límite do 10 % no financiamento de custos indirectos.

Pola súa vez, o punto 1 establece que mentres non se desenvolvan regulamentariamente as iniciativas de formación profesional para o emprego sinaladas no artigo 9, manteranse vixentes as previstas no Real decreto 395/2007, do 23 do marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, e na súa normativa de desenvolvemento, salvo no relativo ás seguintes previsións:

a) O réxime de concorrencia competitiva aberta só a entidades de formación acreditadas e/ou inscritas no correspondente rexistro, nos supostos en que así está previsto conforme a o artigo 7.3. Estas entidades, ademais de cumprir coas obrigacións establecidas no artigo 17, non poderán subcontratar con terceiros a execución da actividade formativa que lles sexa adxudicada, non considerándose subcontratación, para estes efectos, a contratación do persoal docente.

b) O financiamento só de accións formativas realizadas a partir da súa concesión ou adxudicación.

c) O pagamento anticipado das subvencións, se o houber, conforme o recollido no segundo parágrafo do artigo 7.6.

Na data de entrada en vigor do real decreto lei, a Consellería de Traballo e Benestar tiña publicada e pendente de resolver a Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2015.

Polo tanto, resultáballe de aplicación o previsto na disposición transitoria primeira punto 2, debendo procederse a anulación das disposicións da convocatoria que sexan contrarias ao previsto nas letras a), b) e c) do punto 1, así como o límite do 10 % no financiamento de custos indirectos.

Analizado o contido das letras a), b) e c), conclúese que non hai colisión co real decreto nas letras b) e c), por canto o financiamento das accións formativas se realiza a partir da súa concesión ou adxudicación e o pagamento anticipado previsto non contradí o disposto no artigo 7.3.

Respecto da letra a), enténdese que non se poden manter as vías de convenio de colaboración e compromiso de contratación porque non se prevé a súa resolución pola vía da concorrencia competitiva. Así mesmo, na vía de convenios de colaboración, non se limita a condición de beneficiarios ás entidades de formación acreditadas e/ou inscritas no correspondente rexistro.

En canto á vía ordinaria, enténdese que procede a modificación da orde de convocatoria establecendo a atribución da resolución de concesión dos fondos correspondentes a todas as aplicacións orzamentarias ás xefaturas territoriais, co obxecto de homoxeneizar o procedemento de resolución calquera que sexa o perfil das entidades beneficiarias.

Igualmente, procede a modificación do punto relativo á porcentaxe de imputación dos custos asociados para axustalo ao 10 % establecido no real decreto.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. A Orde do 30 de decembro de 2014 queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo1, que queda redactado como segue:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, correspondentes ao exercicio de 2015, xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, a través das súas xefaturas territoriais.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Dous. Modifícase o artigo 2, que queda redactado como segue:

Artigo 2. Vías de programación

As accións formativas pódense solicitar pola seguinte vía de programación:

Vía ordinaria de programación: poderán participar os centros e entidades colaboradoras acreditados no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, que poderán solicitar calquera dos certificados de profesionalidade en que estean acreditadas na data de publicación da orde (procedemento TR301K).

O financiamento desta vía ordinaria elévase a:

– 8.809.305,00 euros, para a aplicación orzamentaria 11.03.323A.481.0.

– 10.900.000,00 euros, para a aplicación orzamentaria 11.03.323A.471.0.

– 3.800.000,00 euros, para a aplicación orzamentaria 11.03.323A.460.1.

Tres. Modifícase o título II, capítulo I, eliminando o título da Sección 1ª.

Catro. Engádese un novo número 6 ao artigo 4, coa seguinte redacción:

6. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

– Non se solicitaron nin se concederon ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

– Se se solicitou e/ou concedeu outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2º.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que os lugares de impartición dos cursos son aptos para esa finalidade.

g) Que coñece as estipulacións da presente orde, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

Cinco. Engádese un novo artigo 4 bis, coa seguinte redacción:

Artigo 4 bis. Autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude inclúe autorización expresa a Dirección Xeral de Emprego e Formación para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos nesta orde de convocatoria.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Seis. Modifícanse os números 1, 2 e 3 do artigo 5, que quedan redactados como segue:

1. Os órganos instrutores do procedemento serán as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concreción que se establece no parágrafo seguinte:

Os expedientes remitiránselle á comisión de valoración para o seu informe que, xunto coa proposta de resolución realizada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente, será elevada ante a persoa titular da xefatura territorial para a súa resolución, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

3. Para os efectos do previsto neste artigo, as comisións de valoración estarán compostas polos seguintes membros:

a) Pola persoa titular da xefatura de Servizo de Emprego e Formación, que a presidirá, e por dous vogais, dos cales un actuará como secretario, designados de entre o persoal da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar pola persoa titular da xefatura territorial.

b) Se, por calquera causa, no momento en que as comisións de valoración teñan que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non pode asistir, será substituído pola persoa que, para o efecto, designe a persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar

Sete. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:

Artigo 6. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas da vía de programación ordinaria, logo do informe da comisión de valoración, do cumprimento do trámite de audiencia, cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle ás persoas titulares das xefaturas territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. As resolucións dos expedientes comunicaranse ao Consello Galego de Formación Profesional.

3. As resolucións deberán ser notificadas aos interesados e deberán ditarse no prazo de cinco meses contados desde a presentación da solicitude.

Transcorrido o citado prazo sen que recaía resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

4. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

5. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente a contía total concedida e incorporará, de ser o caso, as condicións, o compromiso de inserción do alumnado asumido, as obrigacións e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria, así como a prohibición de subcontratación.

6. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oito. Engádese un novo artigo 6 bis, coa seguinte redacción:

Artigo 6.bis. Publicidade das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas e indicación a convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

4. Os beneficiarios das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e mais no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

5. A aceptación da subvención supón a inclusión da entidade beneficiaria na lista de beneficiarios publicada de conformidade co artigo 7 do Regulamento (CE) 1828/2006.

Nove. Modifícase o artigo 7, que queda redactado como segue:

Artigo 7. Execución das accións formativas

A execución das accións será realizada directamente polo centro ou entidade beneficiaria, sen que poida subcontratala con terceiros. Para estes efectos, a contratación de persoal docente para a impartición da formación subvencionada por parte do beneficiario non se considera subcontratación.

Dez. Suprímese a Sección 2ª Vía de programación dos convenios de colaboración (procedemento TR301O).

Once. Suprímese a Sección 3ª Vía de programación dos compromisos de contratación inmediata (procedemento TR301P).

Doce. Suprímese a Sección 4ª Disposicións comúns ás tres vías de programación.

Trece. Modifícanse os números 2, 3, 8, 12, 13, 18, 19 e 20 do artigo 29, que quedan redactados como segue:

2. Como mínimo cinco días antes do inicio do curso:

Introducir na aplicación informática na ficha de SIFO de inicio os seguintes datos:

– Planificación temporal.

– Programa completo, agás naquelas especialidades que teñen programación modular.

– Enderezo completo.

– Profesorado.

Documentalmente: remitirase á xefatura territorial correspondente a seguinte documentación:

– A planificación temporal dos módulos do curso, indicando a previsión das visitas didácticas ao longo do curso.

No caso de accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade:

– Planificación didáctica, elaborada segundo o anexo III da Orde ESS/1987/2013, do 10 de outubro.

– Programación didáctica de cada módulo formativo e, se é o caso, unidades formativas, utilizada como guía de aprendizaxe e avaliación, elaborada segundo o anexo IV da Orde ESS/1987/2013, do 10 de outubro.

– Planificación da avaliación, elaborada de acordo co anexo V da Orde ESS/1987/2013, do 10 de outubro.

– Instrumentos da avaliación válidos e fiables, cun sistema de corrección e puntuación obxectivos.

– A relación dos docentes que van impartir o curso. Farase constar a súa formación metodolóxica e relación dos módulos que impartirá cada un deles.

Cada módulo formativo do certificado de profesionalidade poderá ser impartido, como máximo, por dous formadores, que deberán acreditar o cumprimento dos requisitos que se establezan para cada módulo formativo no real decreto que regule o correspondente certificado de profesionalidade.

Os docentes encargados da impartición do módulo de formación sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica deberán acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero.

– A documentación acreditativa da formación e experiencia do profesorado, cando esta non estea en poder da Consellería de Traballo e Benestar.

– A identificación do persoal de dirección, seguimento e control da actividade docente.

– O seguro de accidentes dos participantes.

– Claves de acceso á correspondente plataforma, se é o caso.

– A documentación en que se reflicta a metodoloxía utilizada para o cálculo e imputación dos gastos e a porcentaxe que se imputa, cando se trate dunha imputación parcial de gastos directos ou dunha imputación de gastos comúns a varias actividades.

3. Remitir á correspondente xefatura territorial.

a) No momento da solicitude de candidatos/as á oficina de emprego.

As datas de inicio e de finalización do curso que se deberán introducir na aplicación informática SIFO.

b) O día de inicio de cada curso:

Documentalmente:

– Certificación xustificativa do comezo do curso e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos sinalados no punto anterior.

c) Nos 10 días lectivos seguintes ao inicio do curso:

Documentalmente:

– As datas de inicio e remate do curso, así como o horario de imparticion.

– O enderezo completo do lugar de impartición.

– Copia simple do DNI dos/as alumnos/as.

– A solicitude de anticipo, de ser o caso.

d) Mensualmente:

– Partes diarios de asistencia asinados polos alumnos e o docente

Este documento deberán ser o xerado pola aplicación SIFO unha vez cuberta a información necesaria, e deberá arquivarse os orixinais asinados, separadamente, por cada curso.

e) No prazo de 15 días desde o remate de cada curso:

– Completar a información relativa á finalización do curso na aplicación SIFO.

– Proceder á xustificación dos custos de cada curso, mediante a seguinte documentación, que deberá presentarse selada e asinada:

– Solicitude de liquidación final.

– Certificación do gasto.

– Relación de nóminas e facturas.

Os tres documentos anteriores deberán xerarse na epígrafe de Solicitude de pagamentos do SIFO.

– Orixinal ou fotocopia compulsada das facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables ao curso, segundo se detalla no capítulo V.

– Amortizacións, de ser o caso.

– Declaración complementaria do conxunto de todas as axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución) para a mesma acción formativa ás distintas administracións públicas competentes ou a calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

– Extractos do libro maior en que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa.

– Declaración responsable das empresas coas cales teñan vinculación.

Exceptúanse do cumprimento deste prazo de 15 días as entidades que teñan un mínimo de 15 cursos programados, que poderán presentar a xustificación dos gastos de todos os cursos de maneira conxunta.

A data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2015, agás os que rematen con posterioridade por autorización do órgano competente, en que a data límite de xustificación será o día seguinte ao da finalización do curso.

8. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa, e someterse ás actuacións de avaliación, seguimento e control, internas e externas, segundo o Plan anual de avaliación previsto no artigo 18.2 do Real decreto 34/2008 que regula os certificados de profesionalidade.

12. Comunicar ás xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos cursos programados, no prazo de cinco días desde que se produza.

13. Solicitar ás xefaturas territoriais, con cinco días de antelación, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos cursos.

18. Remitir un informe individualizado de cada alumno/a cualificando os progresos acadados en cada un dos módulos profesionais da acción formativa, segundo o modelo especificado no anexo VI da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 10 de outubro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, e o reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

19. Remitir a acta da avaliación dos alumnos, segundo o modelo especificado no anexo VII da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 19 de outubro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, e o reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación, así como a documentación que se requira para os procesos de seguimento e control da calidade das accións formativas, segundo o establecido nos artigo 14 e 18 do Real decreto 34/2008 que regula os certificados de profesionalidade e nos capítulos I e II do título III da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

20. Solicitar á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente autorización previa para a realización de viaxes didácticas. Esta solicitude deberá ser presentada con quince días hábiles de antelación á súa realización.

Catorce. Modifícase o número 3 do artigo 34.I, que queda redactado como segue:

3. Os gastos de amortización de equipos didácticos e plataformas tecnolóxicas, aulas, talleres e demais superficies calculados con criterios de amortización aceptados nas normas de contabilidade. Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e imputaranse polo número de participantes no caso de uso individual dos equipos ou plataformas.

No suposto de que se imputen gastos de amortización de plataformas tecnolóxicas deberanse achegar as claves de acceso á correspondente plataforma antes do inicio da acción formativa.

A cifra máxima para reflectir nesta epígrafe non poderá superar o 10 por cento dos custos totais aprobados para a acción formativa. Os gastos de amortización deberán corresponderse con bens amortizables rexistrados na contabilidade do beneficiario da subvención.

Non se imputarán gastos de amortización de bens adquiridos con subvencións ou axudas públicas.

Os gastos de amortización subvencionados referiranse exclusivamente ao período subvencionable.

A amortización realizarase seguindo as normas de contabilidade xeralmente aceptadas, para tales efectos será admisible a aplicación do método de amortización segundo as táboas oficialmente establecidas polo Real decreto 1777/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do imposto de sociedades.

A xefatura territorial poderá exixir a xustificación das amortizacións, así como unha planificación da vida útil do ben.

Quince. Modifícase o número 3 do artigo 34.II, que queda redactado como segue:

3. Outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxaría, correo, limpeza e vixilancia asociados á execución da actividade formativa.

A suma dos custos asociados non poderá superar o 10 % do custo total da actividade formativa realizada e xustificada.

Dezaseis. Modifícase o número 1 do artigo 35, que queda redactado como segue:

1. Ata o 25 por 100 do total do orzamento de gastos do curso, en concepto de anticipo, no momento en que a xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar reciba a certificación de inicio do dito curso e a solicitude de anticipo. As entidades lucrativas deberán constituír garantía a favor da Consellería de Traballo e Benestar (Xunta de Galicia), mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, segundo establece o artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Dezasete. Modifícase o número 1 do artigo 36, que queda redactado como segue:

1. O incumprimento das obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

Dezaoito. Suprímese a letra d) do artigo 40.1.

Dezanove. Modifícanse os números 2 e 4 do artigo 40, que quedan redactados como segue:

2. Gastos de medios didácticos, materiais didácticos e bens consumibles.

– Fotocopias compulsadas das facturas acompañadas dos seu correspondente xustificante de pagamento.

– Recibo detallado e asinado polo alumnado do material dun só uso que lle fose entregado de xeito individualizado e cuxo custo sexa imputado. No caso de materiais de traballo funxibles, a xefatura territorial que corresponda poderá exixir que se achegue memoria xustificativa en que se detallen as actividades desenvolvidas e a súa relación cos consumos imputados.

4. Gasto de alugamento e arrendamento financeiro.

Para cada concepto incluído deberanse presentar:

– Fotocopias compulsadas das facturas correspondentes e do contrato de arrendamento, así como os seus xustificantes de pagamento.

Vinte. Modifícase o artigo 42, que queda redactado como segue:

Artigo 42. Xustificación dos custos de avaliación e control da calidade da formación

Os custos de avaliación e control, cando se refiran a persoal propio, xustificaranse segundo os criterios e directrices definidos para as retribucións dos docentes internos.

Cando se refiran a persoal alleo, xustificaranse segundo os criterios e directrices definidos para o persoal externo docente.

Vinte e un. Modifícase o artigo 45, que queda redactado como segue:

Artigo 45. Liquidación

Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Emprego e Formación, nas respectivas xefaturas territoriais, emitirá certificación para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

Vinte e dous. Modifícase o título do título III, que pasa a denominarse como segue:

Título III. Normas relativas á execución das accións formativas

Vinte e tres. Modifícanse as letras a) e e)i. do artigo 48. 1, que quedan redactadas como segue:

1. Os/as alumnos/as que asistan aos cursos de formación profesional para o emprego deberán ser seleccionados a través do seguinte procedemento:

a) Con 15 días hábiles de antelación á realización da proba de selección, as entidades beneficiarias solicitarán directamente á oficina de emprego que corresponda, mediante o impreso normalizado establecido para o efecto, unha lista de persoas desempregadas que se adecuen ao perfil requirido para a realización de cada curso, en función dos requisitos de acceso do/a alumno/a ao curso especificado no certificado de profesionalidade ou ben no programa do curso aprobado polo Consello Xeral da Formación Profesional.

e) No caso de que transcorran 15 días naturais desde a petición de candidatos/as por parte do centro ou entidade de formación e a oficina de emprego non remita demandantes, ou os enviados sexan insuficientes e non se cubran as prazas con persoas ocupadas, sempre co límite do 25 % de participación de persoas traballadoras ocupadas, deberase realizar a correspondente convocatoria pública mediante anuncio nun dos xornais de maior tiraxe da provincia. Estes anuncios deberán cumprir cos seguintes requisitos:

i. Todas as convocatorias públicas para a selección de alumnos que se fagan mediante anuncio en prensa deberán publicarse en domingo. Excepcionalmente, estes anuncios poderán publicarse en día distinto a domingo, logo de autorización da correspondente xefatura territorial.

Vinte e catro. Modifícase o número 4 do artigo 48, que queda redactado como segue:

4. Os cursos en que, malia intentarse completar o número de alumnos/as, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ao 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos/das alumnos/as, poderán ser cancelados polo órgano competente da Consellería de Traballo e Benestar. No caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, calculada de acordo co principio de proporcionalidade, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 5 desta orde e aprobada polo respectivo xefe/a territorial por delegación da persoa titular da consellería.

Vinte e cinco. Modifícase o número 3 do artigo 49 , que queda redactado como segue:

3. Os centros e entidades impartidoras deberán remitir ás xefaturas territoriais correspondente, xunto co resto da documentación exixida nesta orde, a folla de control de asistencia debidamente asinada polos técnicos de seguimento que visiten o curso. No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder dos técnicos coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

Vinte e seis. Modifícase o artigo 50, que queda redactado como segue:

Artigo 50. Especialidades formativas

1. Os cursos serán de carácter presencial e a súa duración e horario non se poderá modificar respecto do solicitado no anexo II, salvo autorización expresa da persoa titular da xefatura territorial.

2. As especialidades formativas poderán programarse ben completas, ben por módulos formativos no caso de especialidades incluídas polo Servizo Público de Emprego Estatal na programación modular. Nas especialidades formativas que dean lugar á obtención de novos certificados de profesionalidade, cando se programen todos os módulos dun certificado deberase incluír, obrigatoriamente, o módulo de prácticas non laborais en empresas, e non se poderá impartir o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas se non vai asociado a algún outro módulo formativo do curso.

3. Todas as especialidades formativas que se impartan dentro da programación de formación para o emprego deberán estar incluídas no Ficheiro de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal e comprenderán as especificacións técnico docentes e o contido formativo axeitado, de acordo co nivel e co grao de dificultade establecido.

4. O programa que se impartirá en cada curso será o previamente incluído no Ficheiro de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal, salvo nos cursos de especialidades formativas correspondentes a novos certificados de profesionalidade que aínda non o teñan aprobado

Vinte e sete. Suprímese o número 5 do artigo 51.

Vinte e oito. Modifícase o número 9 do artigo 51, que queda redactado como segue:

9. Os módulos transversais deberanse impartir ao final da acción formativa e o módulo de igualdade será o último en impartirse. A persoa titular da xefatura territorial correspondente poderá autorizar a modificación da orde de impartición.

Vinte e nove. Modifícanse os números 3 e 6 do artigo 52, que quedan redactados como segue:

3. Dentro da programación de formación profesional para o emprego financiada con fondos públicos, o alumnado que resulte seleccionado para un curso non poderá asistir en ningún caso a outro simultaneamente. Tampouco poderá causar baixa nun curso para acceder a outro, salvo autorización expresa do/da respectivo/a xefe/a territorial, por causas excepcionais debidamente xustificadas.

6. Será causa de exclusión incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes ou non seguir o curso con aproveitamento segundo criterio do seu responsable.

A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia. Os/as alumnos/as disporán dun prazo de tres días hábiles para presentar no centro colaborador os xustificantes das súas faltas de asistencia. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presenten, a falta será considerada como sen xustificar. As faltas de asistencia por actividade laboral, cun máximo de cinco ao mes, xustificaranse cunha copia do contrato de traballo.

Igualmente, será causa de exclusión incorrer en cinco incumprimentos horarios nun mes, sen xustificación. Enténdese por incumprimento horario tanto o atraso na hora de entrada como o adianto na saída ou as ausencias durante parte das horas lectivas.

Mediante resolución da persoa titular da xefatura territorial correspondente os/as alumnos/as, logo de audiencia, poderán ser excluídos das accións formativas, por petición das entidades de formación, cando non sigan con suficiente aproveitamento a acción formativa ou dificulten o seu normal desenvolvemento. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderán interpoñer recurso de alzada.

Trinta. Modifícase o número 1.2 do artigo 54.1, que queda redactado como segue:

1.2. O procedemento a seguir para a súa xestión é o seguinte:

Con dez días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas, o centro impartidor presentará a correspondente comunicación á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar, para o que deberá xuntar a seguinte documentación:

– Convenio asinado entre o centro impartidor e a/s empresa/s ou organismo público onde se realizarán, ou, no seu defecto, documento acreditativo do responsable da empresa ou organismo público en que se faga constar a súa autorización para realizalas.

– Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

– Datas, lugar de realización, horario e duración.

– Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes do alumnado que cubra os riscos do curso. Deberá incluír os riscos do traxecto ao lugar de realización das prácticas e contraerase estritamente durante o período de duración das prácticas.

– Documento que acredite a contratación por parte do centro ou entidade impartidora dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da realización das prácticas en empresas. Non se admitirán pólizas con franquías.

– Licenza municipal de apertura da actividade de que se trate, ou, no seu defecto, declaración responsable do seu representante legal en que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se van desenvolver as prácticas no caso de empresas, ou calquera outro documento acreditativo da idoneidade dos locais para a realización das prácticas, no caso de centros públicos.

– Xustificación de que a empresa en que se realizarán as prácticas cumpre coa normativa de prevención de riscos laborais.

A entidade beneficiaria deberá introducir no SIFO os datos relativos ao alumnado que desenvolva o módulo de prácticas.

Trinta e un. Modifícanse as disposicións adicionais quinta e sexta, que quedan redactadas como segue:

Quinta. Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nas persoas titulares das xefaturas territoriais provinciais da Consellería de Traballo e Benestar, no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Sexta. En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o Real decreto lei 4/2015, do 22 de marzo, para a reforma urxente do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, así como a súa normativa de desenvolvemento, e, de ser o caso, a Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, e a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o resto da normativa que lle sexa de aplicación.

Artigo segundo. En cumprimento do disposto no artigo 42 da lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, as solicitudes presentadas con anterioridade á aprobación desta orde, correspondentes aos procedementos das vías de programación dos convenios de colaboración e dos compromisos de contratación inmediata, resolveranse declarando a desaparición sobrevida do obxecto do procedemento.

Artigo terceiro. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar