Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 5 de xuño de 2015 Páx. 21883

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo do 21 de xullo de 2014, da Conferencia Sectorial de Igualdade, polo que se aproba o Protocolo de derivación entre as comunidades autónomas para a coordinación das súas redes de centros de acollida para as mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

De conformidade co disposto no artigo 15.5 do Regulamento da Conferencia Sectorial de Igualdade, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do 21 de xullo de 2014, da Conferencia Sectorial de Igualdade, polo que se aproba o Protocolo de derivación entre as comunidades autónomas para a coordinación das súas redes de centros de acollida para as mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2015

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO
Acordo do 21 de xullo de 2014, da Conferencia Sectorial de Igualdade,
polo que se aproba o Protocolo de derivación entre as comunidades autónomas para a coordinación das súas redes de centros de acollida para as mulleres
vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas

A violencia contra as mulleres constitúe unha das principais causas de violación dos dereitos humanos contra as mulleres, pois afecta dereitos tan básicos como a integridade física, a seguranza, a liberdade ou a igualdade, e é susceptible de acadar todas as mulleres, sen prexuízo da maior vulnerabilidade dalgúns grupos específicos.

Como proclama a exposición de motivos da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a violencia contra as mulleres maniféstase como o símbolo máis brutal da desigualdade existente na nosa sociedade. A Constitución española recolle no seu artigo 15 o dereito de todos á vida e á integridade física e moral; pola súa banda, os poderes públicos, en virtude do artigo 9.2, están obrigados a adoptar medidas de acción positiva para que estes dereitos sexan reais e efectivos, removendo os obstáculos que impiden ou dificultan a súa plenitude.

As medidas postas en marcha para erradicar a eiva social que supón a violencia contra as mulleres, medidas preventivas, educativas, sociais, asistenciais, civís e penais, contribuíron a adoptar políticas adecuadas cun enfoque integral e multidisciplinar, ben que o problema da violencia contra a muller está aínda lonxe de se ter resolto e o seu tratamento exixe unha resposta continua e sostida por parte dos poderes públicos que, por unha banda, contribúa a manter os efectos positivos das políticas adoptadas ata a data e, por outra, aborde novos aspectos susceptibles de mellora.

Para iso, é preciso situar a muller no centro das políticas públicas de erradicación da violencia de xénero co fin de atender as súas necesidades reais, alentala a saír do círculo da violencia e acompañala no proceso de recuperación, restituíndoa no pleno exercicio dos seus dereitos e axudándoa a construír a súa autonomía nunha vida plena e libre de violencia.

No marco dun Estado composto, as competencias relativas á loita contra a violencia de xénero e outras formas de violencia sobre a muller encóntranse distribuídas en diferentes niveis territoriais e institucionais; a maior parte das competencias corresponden ás comunidades autónomas, cuxos organismos competentes xestionan os recursos de asistencia e protección ás vítimas nos seus respectivos territorios. O obxectivo da eficiencia na xestión dos recursos e a eficacia na busca de solucións require, ineludiblemente, da colaboración interinstitucional entre as instancias implicadas.

Unha das medidas que contribuíron de maneira máis significativa a ofrecer ás mulleres unha saída á violencia foi, sen dúbida, a aprobación da Lei 27/2003, do 31 de xullo, reguladora da orde de protección. A protección dispensada supuxo, en primeiro lugar, que as mulleres non tivesen que abandonar os seus fogares para escaparen da violencia, facilitando o proceso de recuperación en beneficio propio e, de ser o caso, dos seus fillos e fillas. Non obstante, pode haber casos en que continúe sendo necesario proporcionar á muller un espazo en que instalarse de maneira temporal, xa sexa pola ausencia dun domicilio propio, por razóns de seguranza da vítima ou por exixencias do propio proceso de recuperación.

De entre os recursos existentes para atender estas necesidades de protección e asistencia ás mulleres vítima de violencia de xénero, así como outras manifestacións da violencia contra as mulleres, sinálanse os centros de acollida que, de diversa titularidade e características, se estenden por todo o territorio nacional conformando unha rede de feito. As necesidades de protección e seguranza da muller comportan en ocasións a conveniencia de afastarse do seu agresor e comezar un proceso de recuperación e empoderamento de tipo multidisciplinar fóra do ámbito da comunidade autónoma de residencia. Para iso, faise necesario avanzar na colaboración entre as comunidades autónomas para a coordinación e posta en común das súas respectivas redes de acollida.

Este proceso entronca con diferentes iniciativas que nos últimos anos foron postas en marcha con éxito por distintas comunidades autónomas, en particular o convenio entre as comunidades autónomas para a coordinación das súas redes de centros de acollida á muller vítima de violencia de xénero, ao cal se foron adherindo outras comunidades autónomas, así como coas propostas e reivindicacións que desde diversos foros se lanzaron para contribuír á mellora da xestión deste tipo de recursos.

O 17 de xuño de 2013, as comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade acordaron, na Conferencia Sectorial de Igualdade, iniciar os traballos que permitan pór en rede os centros de acollida de todas as comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla a través da coordinación destes recursos en beneficio das vítimas da violencia de xénero e dos menores ao seu cargo, co fin de mellorar a súa protección e seguranza, a maximización dos recursos e a mellora dos procedementos en todo o territorio nacional.

Froito deste traballo, e como mostra do compromiso das comunidades autónomas asinantes por asumir e desenvolver este marco de colaboración e en virtude do disposto no artigo 5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 15 do Regulamento de organización e funcionamento da Conferencia Sectorial de Igualdade, as comunidades autónomas de La Rioja, Galicia, Andalucía, Principado de Asturias, Cantabria, Rexión de Murcia, Valencia, Aragón, Castilla-La Mancha, Canarias, Navarra, Extremadura, Illes Balears, Madrid, Castilla y León, a cidade con estatuto de autonomía de Ceuta e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, na reunión da Conferencia Sectorial de Igualdade do 21 de xuño de 2014,

ACORDAN:

Primeiro. Obxecto

Apróbase o Protocolo de derivación entre as comunidades autónomas para a coordinación das súas redes de centros de acollida para as mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas, que pretende cumprir cos seguintes obxectivos:

– Coordinación das redes dos recursos de acollida para as mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

– Determinación das causas que poden motivar a derivación dunha usuaria a un centro de acollida doutra comunidade autónoma.

– Establecemento dunha listaxe común da documentación exixible para tramitar o ingreso nos centros de acollida.

– Desenvolvemento dun modelo de comunicación directa entre os organismos competentes nesta materia para todo o relativo ao proceso de admisión, incluídas as causas para a motivación en caso de denegación.

– Fixación duns criterios comúns sobre a asunción de gastos derivados do traslado ou os que se produzan como consecuencia das xestións derivadas da súa situación.

Segundo. Conceptos

Para os efectos deste protocolo, entenderase por comunidade de orixe a comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía asinante do protocolo que solicite a derivación, e entenderase por comunidade de acollida a comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía asinante do protocolo á cal se solicite a derivación. O organismo con competencia nos recursos de atención e acollida das comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía designado por cada unha delas será quen realice a solicitude e autorización de ingreso no recurso.

Terceiro. Primeiro acceso

O primeiro acceso da muller á rede de centros de acollida será sempre a través da comunidade de orixe.

A derivación poderase solicitar para mulleres que estean acollidas nun recurso de atención e acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero en que se iniciase unha primeira intervención que permita valorar unha planificación a medio e longo prazo da cal forme parte o traslado aos recursos doutra comunidade autónoma.

Cuarto. Condición de vítima de violencia de xénero

A comunidade de orixe acreditará a condición de vítima de violencia de xénero nos termos establecidos pola Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, en diante Lei integral, mediante:

– Resolución xudicial pola cal se outorga a orde de protección ou se acorda medida cautelar a favor da vítima relativa a causa criminal por violencia de xénero.

– O informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de que a demandante é vítima de violencia de xénero, ata que se dite a resolución xudicial procedente.

– Excepcionalmente, en situacións urxentes de perigo ou risco para a vida da muller vítima de violencia de xénero, como nos casos de valoración policial de risco elevado, abondará con que a comunidade de orixe lle envíe á de acollida un informe do centro da muller, servizo social, organismo de igualdade ou equivalente.

A través do informe valorarase a situación de perigo ou risco para a vida, motivando por qué se considera conveniente o seu traslado a esa comunidade e non a outra.

Cando a comunidade de acollida sexa o Principado de Asturias ou Andalucía, procederá a admisión de forma excepcional unicamente cando se interpuxese a denuncia e exista unha valoración policial de risco alto.

Quinto. Motivos de traslado

A comunidade de orixe deberá valorar as circunstancias existentes para propor un traslado, determinando se se dan razóns para presentar unha solicitude de derivación motivada. Consideraranse motivos que xustifiquen o traslado algún dos seguintes:

– A seguridade da muller e/ou dos e das menores ao seu cargo.

– A recuperación social a medio e longo prazo, cando concorra algunha das seguintes circunstancias que a condicionen gravemente: reagrupación familiar debidamente xustificada, necesidade derivada da súa formación ou educación ou da dos seus fillos e fillas que non se poida realizar na súa comunidade autónoma ou atender unha oferta de traballo debidamente acreditada.

Sexto. Solicitude de traslado e dispoñibilidade das prazas

Serán os organismos competentes da comunidade de orixe os que se porán en contacto cos da comunidade de acollida para realizar unha primeira información do caso que permita ao persoal técnico da comunidade de destino valorar a idoneidade do traslado e a dispoñibilidade de prazas adecuadas ás súas circunstancias.

Para iso, utilizaranse os medios necesarios que garantan a máxima rapidez de xestión. Para facilitar este proceso, cada comunidade designará unha persoa responsable e indicará os seus datos.

Sétimo. Información sobre o novo recurso

Será obriga da comunidade autónoma de orixe, en colaboración coa de destino, darlle a coñecer á muller as características do centro, o seu regulamento interno e os dereitos e as obrigas que asume co traslado.

No caso de que así se requira na normativa correspondente, exixiráselle compromiso escrito ao respecto.

A comunidade de acollida facilitaralle á de orixe canta información lle requira aquela, para efectos de lle facilitar á muller unha información o máis precisa posible.

Oitavo. Documentación necesaria

No caso de que a valoración técnica aconselle o traslado, iniciarase a derivación e a comunidade de orixe procederá a enviar a seguinte documentación:

– Solicitude da interesada.

– Documento que acredite a condición de vítima de violencia de xénero, de conformidade co disposto no ordinal cuarto.

– Informe social que se deberá axustar ao modelo que se xunta como anexo I.

– Compromiso asinado pola comunidade de orixe de volver acoller a muller durante os seis meses seguintes á derivación, no caso de que o novo recurso non se adecue ás súas necesidades.

Achegarase, ademais, o DNI/NIF ou NIE e, de ser o caso, o pasaporte e o libro de familia. O resto da documentación descrita nos puntos anteriores que non se poida presentar no momento do traslado remitirase unha vez que a muller se instale no recurso.

Noveno. Tramitación do ingreso

Cada comunidade autónoma, de acordo coa súa normativa interna, respectando os tempos acordados polo persoal técnico e que xulguen máis adecuado ao caso, tramitará o ingreso baseándose nos principios de celeridade, seguridade e confidencialidade, e comunicarallo á comunidade autónoma de orixe a través de medios telemáticos, sempre que sexa posible, e atendendo ás normas de protección de datos de carácter persoal.

Décimo. Denegación motivada de acceso

En caso de denegación de acceso aos recursos de acollida, motivaranse as causas. Poden ser causas de denegación:

– A falta de prazas dispoñibles adecuadas ás circunstancias do caso. Neste caso, a comunidade de orixe poderá solicitar á de acollida que a informe sobre a existencia de prazas dispoñibles no futuro.

– Non reunir os requisitos exixidos para a derivación no punto cuarto.

– Ter sentenza firme que acorde un réxime de visitas cando o traslado supoña un obstáculo para o seu cumprimento.

– Valoración técnica motivada.

Décimo primeiro. Prazos de tramitación

As solicitudes de derivación resolveranse o antes posible e non máis tarde de 15 días desde a recepción da solicitude, baseándose nun plan de actuación entre o persoal técnico das comunidades autónomas de orixe e de acollida.

Décimo segundo. Traslado á comunidade de acollida

O traslado será organizado de común acordo polas comunidades de orixe e de acollida, garantíndose a seguridade da muller e das e dos menores ao seu cargo. Cando a muller careza de medios económicos suficientes para facer fronte aos gastos de traslado, estes serán asumidos pola comunidade de orixe.

Excepcionalmente, as comunidades autónomas poderán acordar, segundo as circunstancias específicas de cada caso ou o modelo de xestión do centro, un réxime distinto de repartición dos gastos derivados do traslado.

Décimo terceiro. Atención pola comunidade de acollida

A comunidade de orixe deberá incluír no informe de derivación unha proposta de intervención, detallando se o traslado se solicita con carácter temporal ou indefinido. A proposta será valorada pola comunidade de acollida, e esta última poderá introducir as modificacións que considere pertinentes. A comunidade de acollida encargarase de levar a cabo as actuacións para a atención integral como vítima de violencia de xénero coa muller e os e as menores ao seu cargo. Para estes efectos, deberase tramitar a escolarización inmediata dos fillos e das fillas, tal e como establece o artigo 5 da Lei integral.

Décimo cuarto. Desprazamentos por xestións derivadas

As actuacións que poidan resultar necesarias para a realización destes desprazamentos faranse de forma coordinada entre a comunidade de orixe e a de acollida. Cando a muller e/ou os e as menores ao seu cargo teñan que trasladarse á comunidade de orixe por motivos xudiciais ou por outra causa de obrigado desprazamento debidamente xustificado, será informada a comunidade de orixe e esta facilitaralles o aloxamento e a protección que requiran ou se considere necesario, pola súa conta. Cando a muller careza de medios económicos suficientes para facer fronte aos gastos deste traslado, a comunidade de orixe asumirá os gastos destes desprazamentos como consecuencia das xestións derivadas da súa situación (comparecencia en xulgados, réxime de visitas de menores, etc.).

Décimo quinto. Seguimento da intervención

A comunidade de orixe fará un seguimento da situación da muller na comunidade de acollida e a súa evolución. Cando conclúa a intervención no recurso de acollida, a comunidade de acollida comunicarallo á comunidade de orixe para analizaren conxuntamente as actuacións realizadas coa muller e cos e coas menores ao seu cargo.

No caso de que se precise continuar a intervención coa muller e menores ao seu cargo, a comunidade de orixe e a de acollida valorarán conxuntamente se é pertinente o retorno á comunidade de orixe.

Se, unha vez finalizada a súa estadía no centro, a muller decide fixar a súa residencia na comunidade de acollida, garantirase que recibe unha información adecuada e suficiente dos recursos aos cales ten dereito e aplicaráselle o sistema de axudas económicas e demais recursos existentes, de acordo cos criterios fixados na normativa reguladora da comunidade autónoma, sen prexuízo do seguimento e das intervencións posteriores que se deban realizar con ela.

Décimo sexto. Abandono do centro

Cando a intervención desde o centro finalice, xa sexa pola consecución dos obxectivos marcados, por saída voluntaria da muller ou por outra causa, a comunidade de acollida comunicarao á de orixe da forma máis inmediata posible.

Décimo sétimo. Revogación da derivación

Se, durante a súa estadía no recurso de acollida, se desvelan datos que non se comunicasen no informe de derivación (tales como situacións de enfermidade mental, discapacidade, adiccións, etc.) e que poidan interferir na calidade da intervención que se lle presta á usuaria de maneira negativa, isto podería constituír motivo para revogar a estadía da muller na comunidade de acollida.

Se a muller non se adapta á normativa de funcionamento interno do centro ao cal foi derivada ou a incumpre, a comunidade de acollida derivará o caso de novo á comunidade de orixe.

Décimo oitavo. Seguimento do protocolo

Cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía designará unha persoa para integrar o grupo de seguimento deste protocolo. Corresponde ao dito grupo contribuír á revisión e mellora da aplicación deste protocolo, así como solicitar os datos relativos á súa execución, e dar conta dos resultados acadados á Conferencia Sectorial de Igualdade. Ademais, o grupo de seguimento manterá actualizados un catálogo de recursos de acollida e un compendio de normativa autonómica existente na materia.

Décimo noveno. Eficacia

Este acordo producirá os seus efectos desde o día seguinte ao da súa aprobación na Conferencia Sectorial de Igualdade.

Vixésimo. Publicación

O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade dará publicidade a este acordo no Boletín Oficial del Estado e as comunidades autónomas, nos seus respectivos diarios oficiais.

Madrid, 21 de xullo de 2014

ANEXO I
Informe técnico de solicitude de traslado aos recursos de atención integral
e acollida da Comunidade Autónoma de Galicia

(Xuntar a este informe a solicitude escrita de traslado da muller, que debe incluír
os motivos que a levan a solicitar o traslado a outra comunidade autónoma
e os obxectivos que se propón acadar na comunidade autónoma que solicita)

• Centro/servizo/institución que demanda o traslado:

• Profesional de referencia:

• Data:

• Enderezo: correo electrónico, teléfono

1. Datos da muller.

• Nome e apelidos:

• DNI/NIE/NIF/pasaporte:

• Data de nacemento:

• Estado civil:

2. Datos dos menores que a acompañan.

• Nome e apelidos:

• DNI/NIE/NIF/pasaporte:

• Data de nacemento:

• Relación co agresor:

3. Motivo do traslado.

(Non son excluíntes).

• Razóns de seguridade.

• Agrupamento/apoios familia de orixe.

• Afastamento físico e psíquico da situación de maltrato.

• Outros (especifíquense).

4. Avaliación do risco individualizado.

• Valoración policial do risco (só se se coñece e é relevante).

• Número de ingresos en casa de acollida, especialmente os relacionados cunha situación de emerxencia ou risco para a muller e/ou os seus fillos.

4.1. Situación de maltrato.

• Relación co agresor.

• Tempo de convivencia co agresor.

• Tempo de relación co agresor.

• Tempo que leva sufrindo maltrato.

• Fillos/as co agresor.

• Tipo de maltrato e indicadores deste.

4.2. Percepción de risco por parte da vítima (non son excluíntes).

• A muller deposita a súa seguridade en forzas de seguridade, casa de acollida, nela mesma, noutros/as...

• Minimiza o dano sufrido.

• Dá importancia á situación de maltrato sufrida.

• Cre que ela controla a situación.

• Cre que el pode cambiar.

• Percíbese como vítima de violencia de xénero.

• Ten contacto directo con el.

• Ten contacto indirecto con el (a través de familia, amigos/as, fillos/as...).

• Frecuenta lugares comúns co agresor por forza maior.

• Frecuenta lugares comúns co agresor por decisión propia.

4.3. Situación subxectiva respecto ao maltrato por parte da muller (non son excluíntes).

• Desculpa o agresor.

• Dálle pena o agresor.

• Preocúpase polo agresor.

• Quere coidar do agresor (ou que o coiden terceiras persoas, familiares...).

• Non quere facerlle mal.

• Perdóao.

• Cúlpase ou responsabilízase do ocorrido.

• Ségueo querendo.

• Cre que o agresor a quere.

• Atribúelle intencionalidade ao agresor da violencia recibida.

• Xustifica a violencia (bebe, está mal da cabeza, todas as parellas discuten, el non é malo...).

• Culpa outros/as dos feitos violentos (sogros/as, amigos de bar...).

• Cre que o traizoa se decide romper a parella.

• Cre que o traizoa se decide denuncialo.

4.4. Avaliación do risco individualizado dos menores que acompañan a muller.

5. Situación/estado psicolóxico.

• De ser o caso, valoración psicolóxica do estado actual da interesada e medios utilizados (que, no caso de dispor de psicóloga ou equipo derivante, debería ser elaborado e subscrito por ela).

• Situación/estado psicolóxico dos menores que acompañan a muller.

6. Situación sociofamiliar.

6.1. Composición da familia de procedencia.

Nome e apelidos

Parentesco

Data de nacemento

Estado civil

Ocupación

6.2. Persoas a cargo que se trasladarían coa muller.

Nome e apelidos

Parentesco

Data de nacemento

Estado civil

Ocupación

6.3. Descrición da relación da muller coas persoas ao seu cargo coas cales se traslada.

6.4. Outros familiares ou adultos de apoio ao grupo familiar.

6.5. Historia familiar (secuencia cronolóxica significativa da evolución familiar).

6.6. Situación laboral.

• Profesión.

• Situación laboral no momento en que se solicita o traslado (ocupación, xornada laboral, tempo que leva no traballo).

• Experiencia laboral.

• Xestións pendentes respecto á súa inserción laboral.

• Actitude na busca de emprego (ou no desenvolvemento deste, se xa o tiver).

• Situación laboral das persoas a cargo, se proceder.

6.7. Situación formativa.

• Estudos (formación regrada).

• Expectativas formativas.

• Actitude en relación coa formación.

• Estudos das persoas a cargo.

6.8. Situación económica.

• Ingresos económicos mensuais e/ou anuais con que conta a unidade muller e procedencia.

• Propiedades ao seu nome ou en cotitularidade.

• Xestión do diñeiro e actitude ante esta.

6.9. Situación sanitaria (da muller).

• Cobertura sanitaria.

• Enfermidades: diagnóstico de enfermidades que padeza e a posoloxía da súa medicación, en particular existencia de enfermidades infectocontaxiosas e pautas que cómpre seguir. De ser o caso, trastornos psíquicos que padeza que poidan afectar a convivencia no centro.

• Tratamentos farmacolóxicos no momento en que se solicita o traslado.

• Discapacidade. Dependencias.

• Xestións sanitarias pendentes no momento en que se solicita o traslado.

• Especifíquese se necesitou apoio psiquiátrico ou psicolóxico nalgunha ocasión (tipo de apoio, en cantas ocasións; especifíquese diagnóstico psiquiátrico, tratamentos farmacolóxicos e psiquiátricos ata esa data).

• Actitude relacionada co coidado da súa saúde. De ser o caso, consumo de substancias estupefacientes ou abuso de alcohol.

6.10. Situación sanitaria dos menores a cargo.

6.11. Situación legal.

• Interpón denuncia/s.

• Asistencias médicas por agresión, parte de lesións.

• Orde de protección/orde de afastamento/medidas cautelares e civís.

• Trámites de separación ou divorcio.

• Trámites de custodia de menores.

• Trámites pendentes relativos a documentación.

• Réxime de visitas cos fillos e fillas en común co agresor. Onde se fan, frecuencia.

• TAMVX.

• Uso que realiza dos dispositivos de seguridade asignados. Utilización dos dispositivos de seguridade nalgunha ocasión. Motivos.

• Residencia do agresor (especifíquese se está no mesmo municipio que a casa onde se encontra a vítima ou non).

• Outros asuntos legais pendentes (proba de paternidade, permiso de residencia, permiso de traballo).

• Nome e datos de contacto da persoa letrada que a asiste en cada procedemento, xunto co número de procedemento e o xulgado competente.

6.12. Apoios formais e informais.

• Relación da muller con outros servizos comunitarios (servizos sociais municipais, asociacións de lecer e tempo libre...).

6.13. Autonomía persoal da muller.

• Habilidades sociais, resolución de conflitos e asertividade, empatía…

• Desenvolvemento na xestión de trámites.

6.14. Autonomía persoal das persoas que acompañan a muller.

• Habilidades sociais, resolución de conflitos, asertividade, empatía…

6.15. Adaptación e evolución na casa de acollida de procedencia (da muller e dos menores a cargo).

• Participación en actividades e programas.

• Normas, rutinas, organización diaria.

• Relación co resto das persoas usuarias do centro.

6.16. Xestións pendentes (da muller e das persoas a cargo. Se se poden resolver na comunidade autónoma á cal se dirixen ou se, pola contra, necesitan retornar á de procedencia; neste caso, o centro/servizo/institución que deriva comprométese a facilitar as xestións pendentes da muller ou das persoas a cargo na comunidade autónoma de procedencia).

7. Intervencións e actuacións realizadas na comunidade autónoma de orixe.

• No propio centro de acollida.

• Noutros servizos da comunidade autónoma.

8. Intervencións e actuacións realizadas coas persoas que acompañan a muller na comunidade autónoma de orixe.

• No propio centro de acollida.

• Noutros servizos da comunidade autónoma.

9. Proposta de intervención prevista no ordinal décimo terceiro.

10. Observacións. Outros datos de interese.