Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 5 de xuño de 2015 Páx. 21940

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2015 pola que se dá publicidade do esgotamento do crédito e do acordo do Consello de Dirección de desistencia dos procedementos de adxudicación de préstamos para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), convocados polas resolucións do 16 de marzo de 2009 (DOG número 58, do 25 de marzo) e do 22 de marzo de 2011 (DOG número 63, do 30 de marzo).

Tendo en conta a existencia de razóns de interese público para desistir dos procedementos de adxudicación dos contratos con cargo aos fondos do préstamo global subscrito entre o Igape e o Banco Europeo de Investimentos (BEI) con data do 30 de xaneiro de 2009, en virtude da incompatibilidade das condicións, finalidades e orientación das novas liñas de préstamos a instrumentar polo Igape coas sinaladas nos procedementos de adxudicación pendentes de resolución por falta de crédito dispoñible, o Consello de Dirección do Igape –na súa xuntanza do día 28 de maio de 2015– acordou, por unanimidade dos membros asistentes, a desistencia do Igape nos citados procedementos de adxudicación, ao abeiro dos artigos 42 e 87.2 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común e do artigo 155 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, de aplicación supletoria en virtude do número 2 do artigo 4 do citado real decreto lexislativo.

Para os efectos do seu xeral coñecemento, en virtude das facultades que teño conferidas

RESOLVO:

1. Publicar o esgotamento do crédito e o desestimento do Igape nos procedementos de adxudicación de préstamos a cargo dos fondos do préstamo global subscrito entre o Igape e o BEI, segundo as convocatorias publicadas mediante a Resolución do 16 de marzo de 2009 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que establece un programa de préstamos para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) (DOG núm. 58, do 25 de marzo) e a Resolución do 22 de marzo de 2011 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba o Programa de préstamos do Igape para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) (DOG núm. 63, do 30 de marzo de 2001).

2. Na súa virtude, procederá o arquivamento dos expedientes de solicitude pendentes de resolver das convocatorias sinaladas no número 1 anterior, do cal será notificado individualmente cada solicitante, quen, se é o caso, poderá cubrir unha nova solicitude adaptada ás novas condicións da convocatoria que, para tal efecto, sexa aprobada e publicada.

A presente resolución terá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica