Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 8 de xuño de 2015 Páx. 22043

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de maio de 2015 pola que se modifica a Orde do 17 de decembro de 2013 pola que se regulan a composición e o funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos.

Mediante Orde do 17 de decembro de 2013, da Consellería de Sanidade, reguláronse a composición e o funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos como instrumento para asegurar que os casos de tuberculose resistentes a fármacos sexan controlados de maneira altamente eficaz, coa finalidade de evitar que sexan transmitidos a outras persoas e garantir o adecuado tratamento das persoas enfermas.

Desde a súa creación, esta comisión revisou os casos de tuberculose resistente diagnosticados na Comunidade Autónoma. A posterior análise da información rexistrada amosa que as resistencias primarias á isoniacida, fármaco fundamental na pauta de tratamento da tuberculose se dan en todas as áreas sanitarias aínda que con porcentaxes diferentes.

Para un mellor control destes casos, é importante que na composición da comisión estean representadas todas as áreas, fundamentalmente aquelas con maior nivel de resistencias. No entanto, coa composición actual algunha área carecía de representantes, e con esta modificación na composición da orde trátase de posibilitar a representación de todas as áreas de Galicia, identificando o máis rápido posible os casos con resistencias e posibilitando que se poida dar unha resposta satisfactoria ás necesidades que se presenten. Esta composición poderá ser modificada en función das necesidades.

En consecuencia, de conformidade coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 17 de decembro de 2013 pola que se regulan a composición e o funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos

O ordinal 4º da alínea d) do número 1 do artigo 2 da Orde do 17 de decembro de 2013 pola que se regulan a composición e o funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos queda redactado da seguinte maneira:

«Catro persoas representantes do colectivo médico das unidades de Prevención e Control da Tuberculose (UTB) de Galicia, propostas pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, logo de consulta coas persoas responsables das ditas unidades».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade