Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 16 de xuño de 2015 Páx. 23851

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de xuño de 2015 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento de proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención das drogodependencias na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria.

A Estratexia nacional sobre drogas 2009-2016, cos seus correspondentes plans de acción, recolle a prevención do consumo de drogas como un ámbito clave. Concretamente, o Plan de acción 2013-2016 desta estratexia pon en valor a dimensión da saúde pública como compoñente social nas políticas de drogas. Isto supón unha firme aposta para mellorar as intervencións e garantir a súa calidade a través da actividade coordinada entre todas as administracións que, pola súa vez, contan coa colaboración imprescindible das organizacións non gobernamentais. Este plan prevé seis ámbitos de intervención de acordo cos obxectivos marcados na estratexia nacional. O maior peso recae no ámbito da redución da demanda, que conta con 36 accións. Dentro dese ámbito a prevención é o tema privilexiado, con 17 accións, entre as cales se destacan as dirixidas a sensibilizar e informar os distintos sectores sociais sobre os riscos a que pode conducir o consumo de drogas; e outras dirixidas á prevención nos ámbitos educativo e escolar.

O Plan de trastornos adictivos de Galicia 2011-2016 recolle, así mesmo, dez liñas estratéxicas de actuación, entre as cales destaca a diminución da prevalencia dos consumos de bebidas alcohólicas, tabaco ou drogas ilícitas; a regulación e control da oferta de bebidas alcohólicas e tabaco a menores; a prevención das adiccións sociais e condutas relacionadas e a diminución de riscos e redución de danos asociados ao uso e abuso de drogas. Concretamente, as cinco primeiras liñas estratéxicas establecen as actuacións clave e as persoas responsables de desenvolvelas, e son os concellos e entidades cidadás, é dicir, as entidades privadas que traballan en materia de drogodependencias as que terán competencia no desenvolvemento de campañas e actos de sensibilización social sobre as consecuencias do uso e abuso de drogas e outras adiccións sociais e condutas relacionadas, e na elaboración de guías e materiais de sensibilización social nos ámbitos escolar, familiar, xuvenil e laboral. Faise especial fincapé na necesidade de ter en conta as evidencias científicas existentes para o deseño das políticas e programas en materia de prevención.

Para o desenvolvemento deste plan tívose en conta a investigación socioepidemiolóxica do consumo de drogas. En Galicia, esta investigación faise de forma continuada desde o ano 1988 con estudos bianuais. O último estudo do Consumo de drogas en Galicia, ademais da análise de prevalencias, factores de risco e protección e doutras variables sociolóxicas, describe o mapa de risco epidemiolóxico atendendo á ordenación das diferentes áreas sanitarias de Galicia.

O mapa establece dous índices de risco: o índice do risco absoluto, en función da presenza significativa das trece drogas estudadas en cada unha das áreas, e o índice de risco relativo, que pondera a incidencia de cada droga polo peso da poboación de cada área de saúde; isto permite establecer unha orde de prioridade. Así, cun risco alto atópanse as áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, cun risco medio-alto atópanse as de Ourense, Ferrol, Pontevedra e Lugo e cun risco menor as do Salnés, Cervo-Burela, O Barco de Valdeorras e Monforte de Lemos.

Así pois, resaltando a importancia de promover a participación social e a cooperación institucional coas entidades privadas que traballan no ámbito da prevención e, de acordo cos obxectivos estratéxicos do plan, esta orde pretende fomentar e dar continuidade ás políticas de prevención de drogodependencias e doutras condutas adictivas.

A orde conta cun total de 27 artigos, unha disposición adicional e tres disposicións derradeiras. Ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas, e poderán concorrer á concesión das ditas subvencións todas aquelas entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o eu labor no eido da prevención das drogodependencias na Comunidade Autónoma de Galicia e que pretendan desenvolver, individualmente ou agrupadas, un proxecto obxecto da presente orde.

Na súa virtude, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e en consonancia coas facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, nos seus artigos 34 e 38,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas que se desenvolvan en Galicia nos anos 2015, 2016 e 2017, en consonancia coas áreas de actuación prioritarias establecidas pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán concorrer todas aquelas entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia que desenvolvan o seu labor no eido da prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas e presenten e promovan, individualmente ou asociadas, un proxecto de prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas, obxecto da presente orde.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada entidade privada, agás no caso de agrupacións de entidades, no cal se asignará unha única subvención para realizar o proxecto común. Nestes casos, as asociacións integrantes da agrupación nomearán, no momento de presentar a solicitude, un/unha representante único/a do proxecto conxunto que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Consellería de Sanidade.

No caso de que algunha entidade privada formule solicitude colectiva e individual ao mesmo tempo, soamente se terá en conta a colectiva.

Artigo 3. Requisitos

Serán requisitos para optar a unha subvención para os proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas:

1. A presentación dun proxecto de actuación para os anos 2015, 2016 e 2017 orientado ao fomento de estilos de vida saudables para a prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas. Este proxecto denominarase xenericamente para os efectos desta convocatoria «Proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas».

2. Para as entidades das clases 1, 3 e 4, este proxecto de prevención incluirá os programas definidos nos apartados 1, 2 e 3 do artigo 4 que a entidade solicitante coide oportunos, ata un máximo de 15, dentro dos cales necesariamente se incluirá como mínimo un do ámbito escolar, outro do familiar e outro do xuvenil.

3. No caso das entidades de clase 2 o proxecto contará, exclusivamente, cos catro programas enumerados no artigo 4.4.

4. A creación ou existencia dunha unidade/servizo de prevención de condutas adictivas. Este requisito non será de aplicación no caso das entidades privadas que pretendan desenvolver programas e actividades de diminución de riscos e redución de danos na rúa e espazos abertos, aos cales se refire o artigo 4.4.

5. Esa unidade/servizo estará constituída, polo menos, por un/unha profesional con titulación universitaria e formación específica en drogodependencias e outras condutas adictivas, que actuará como representante técnico/a do proxecto ante a Consellería de Sanidade.

6. Contar coa infraestrutura física axeitada e necesaria para o desenvolvemento das funcións, programas e actividades que debe desenvolver.

7. Estar inscrita, no momento da solicitude de subvención, no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

8. O proxecto presentado deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes, e poderá ser de carácter municipal ou abranguer varios concellos para os cales se presenta un proxecto común. As entidades pertencentes ás clases 1 e 2 quedarán exentas de cumprir este requisito. A acreditación da poboación destinataria dos proxectos da clase 3 farase mediante certificado municipal da poboación que abrangan. Para a acreditación da clase 4 revisarase o padrón municipal que figure no Instituto Galego de Estatística na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

9. As entidades solicitantes deberán manifestar obrigatoria e expresamente a clase a que optan, segundo o indicado no artigo 8. Se unha entidade privada se asocia con outra co fin de desenvolver un proxecto común nun mesmo ámbito territorial de actuación, nomearán entre elas a entidade privada responsable, interlocutora e receptora da subvención ante a Consellería de Sanidade para todos os efectos.

10. As intervencións que se desenvolverán neste proxecto preventivo non poderán dirixirse á poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares desenvolvidas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.

11. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

12. Presentar a solicitude no prazo e forma que establece o artigo 11.

13. No suposto de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades será suficiente con que os requisitos anteriores sexan cumpridos, polo menos, por unha delas.

Artigo 4. Contidos dos proxectos

De acordo co establecido na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre Drogas:

1. Serán programas de carácter básico os seguintes:

a) Ámbito escolar: «PPCDE/Saúde na escola» e «Non pasa nada ¿pasa algo?».

b) Familiar: «Máis que un teito», «En familia todos contan» e «Entre todos».

c) Xuvenil: «Activa» e «Cambio de sentido».

2. Serán programas de carácter complementario «Ao alcance», «Penélope» e «Cine e saúde».

3. Serán programas de carácter libre:

a) Todos os incluídos na carteira de servizos e non mencionados nos números 1 e 2 deste artigo.

b) Calquera outro que a entidade solicitante considere oportuno desenvolver na súa área de actuación.

Poderanse presentar ata un máximo de cinco programas de carácter libre.

4. Serán programas e actividades de diminución de riscos e redución de danos dirixidos a drogodependentes en situación de emerxencia social, os seguintes:

a) Programa de captación de persoas drogodependentes e intervención na rúa.

b) Programa de centro de encontro e acollida, coa infraestrutura física indispensable para o seu desenvolvemento.

c) Programa de diminución de riscos e redución de danos propiamente dito: intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos etc.

d) Programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.

Será obrigatorio prever a perspectiva de xénero en todos os programas e actividades que se planifiquen.

Artigo 5. Funcións da unidade/servizo de prevención de condutas adictivas

1. Atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación en relación coas drogas no seu ámbito territorial de actuación.

2. Planificar, programar, coordinar, executar e avaliar programas de prevención de drogodependencias nos diferentes ámbitos de intervención: educativo, familiar, xuvenil, laboral, poboacións vulnerables (preferentemente comunidade xitana), programas en clave de xénero e outras actividades transversais de información-sensibilización, así como formación de mediadores/as sociais e sanitarios/as.

3. Mecanizar todos os programas preventivos realizados, así como cada unha das variables que conforman o Sistema de información da Consellería de Sanidade na área da prevención das drogodependencias, a través da aplicación informática XESAPI (Xestión do Sistema de avaliación de programas de prevención).

4. Ser un nexo de unión e coordinación entre a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública e aquelas entidades que potencialmente poidan estar implicadas co proxecto de prevención, tales como entidades locais, centros escolares, sociais, sanitarios, entidades veciñais ou de calquera outro tipo.

5. Difundir á sociedade por todos os medios ao seu alcance as estratexias preventivas que se estean realizando no seu territorio, así como os resultados alcanzados con elas.

6. Detectar no seu ámbito posibles incumprimentos da normativa sobre promoción, publicidade, venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco.

7. Atender ás indicacións da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública derivadas dos principios e directrices do Plan de trastornos adictivos da Xunta de Galicia 2011-2016 en materia de prevención; en concreto, no que poida referirse á realización conxunta de proxectos piloto en materia de innovación e xestión da saúde pública.

8. Elaborar os informes que permitan un correcto seguimento e avaliación dos proxectos segundo os procedementos que determine a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

Artigo 6. Dispoñibilidade orzamentaria

1. A contía total das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde aos proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas ascende a 1.203.000,00 euros, e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1002.413A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en tres anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2015: 336.000,00 €.

b) Ano 2016: 578.000,00 €.

c) Ano 2017: 289.000,00 €.

2. Estas contías poderíanse ver incrementadas, se for o caso, a través das oportunas modificacións orzamentarias por maior dispoñibilidade de crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias expostas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, incluíndo a dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado, e en todo o demais aplicarase o disposto no mencionado artigo.

3. En calquera caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento da súa resolución. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, estarán suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.

4. O ritmo de execución das actividades ao longo do período subvencionable deberá axustarse á dispoñibilidade orzamentaria de cada anualidade, tal e como se detalla no artigo 24.

Artigo 7. Normas xerais sobre as subvencións

1. A contía solicitada será, como máximo, o 95 % do orzamento do proxecto, correspondéndolle á entidade solicitante a achega mínima con fondos propios do 5 % restante en concepto de cofinanciamento. En ningún caso, a contía da subvención solicitada poderá ser superior ao crédito orzamentario dispoñible na súa clase.

2. A contía subvencionable en ningún caso superará a contía solicitada nin o 95 % do orzamento do proxecto. Ademais, o importe máximo desta subvención non poderá superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

3. A entidade solicitante poderá establecer un esforzo de cofinanciamento superior ao mínimo establecido no número 1 deste artigo. A porcentaxe de cofinanciamento sinalada no anexo I será vinculante e establecerá o límite máximo da contía dos pagamentos regulados no artigo 24 desta orde. Deste xeito, na solicitude deberá especificarse a contía total do proxecto que se vai desenvolver, resultado de sumar a subvención que se solicita e a contía do cofinanciamento que a entidade solicitante achega ao proxecto.

4. No caso de proxectos presentados de forma agrupada, serán excluídos ou non admitidos de inicio aqueles en que se detecte que non hai realización conxunta de actividades ou servizos e que, polo tanto, supoñan actuacións independentes en cada integrante da agrupación.

5. Poderán subvencionarse os programas e actividades recollidas no proxecto e desenvolvidos entre o 1 de xuño de 2015 e o 30 de xuño de 2017.

6. Só se subvencionará un proxecto presentado individualmente ou por unha agrupación de entidades. Por iso, só se poderá concorrer a unha das clases especificadas no artigo 8 da presente orde. No caso de entidades cuxa área de actuación se enmarque en varios concellos, asignarase unha única subvención para realizar un proxecto común.

7. Dentro de cada clase os proxectos serán seleccionados segundo a puntuación que acaden en aplicación dos criterios de baremación especificados no artigo 9.

8. Só serán seleccionados para a definitiva adxudicación da contía subvencionable aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 45 puntos da puntuación máxima teórica de 100 puntos que se poden acadar na fase de baremación.

9. Para o procedemento de selección de proxectos e asignación de contías aplicarase o procedemento especificado nos puntos 5 e 6 do artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no previsto nas presentes bases.

10. Se dous ou máis proxectos acadan a mesma puntuación na fase de baremación, o desempate resolverase seguindo os seguintes criterios:

a) O que empregue a lingua galega tanto na redacción como no desenvolvemento das actividades propostas.

b) O que obteña maior valoración no número 1 do artigo 9.

c) O que obteña maior valoración no número 9 do artigo 9.

d) O que obteña maior valoración no número 6 do artigo 9.

e) De persistir empate resolveríase por sorteo simple.

11. A subvención que se concederá para cada proxecto será aboada de conformidade co establecido no artigo 24 relativo a pagamento e xestión económica.

Artigo 8. Clases e contías das subvencións

1. Clase 1.

Proxectos de prevención de drogodependencias dirixidos a comunidades étnicas con especial risco.

Destínase a esta clase o 4,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 6.1 (48.120,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de dous proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 25.000,00 euros.

2. Clase 2.

Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva nun programa de intervención precoz con drogodependentes en situación de emerxencia social con carácter, cando menos, supraprovincial.

Destínase a esta clase o 26,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 6.1 (312.780,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de dous proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 156.000,00 euros.

3. Clase 3.

Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos nos cales as entidades solicitantes pretendan desenvolver plans comunitarios de prevención das drogodependencias.

Destínase a esta clase o 24,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 6.1 (288.720,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de cinco proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima a solicitar será de 57.000,00 euros.

4. Clase 4.

Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva nun ou varios concellos.

Destínase a esta clase o 46,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 6.1 (553.380,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de nove proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 61.000,00 euros.

Artigo 9. Criterios de baremación

Os criterios de baremación que serán aplicados á hora de seleccionar os proxectos presentados e que permitirán facer a proposta razoada das contías subvencionadas son os seguintes:

1. Calidade técnica, rigor metodolóxico e definición dun proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas: ata 56 puntos.

a) Para as clases 1, 3 e 4, os proxectos especificados nos artigos 4.1, 4.2 e 4.3 valoraranse da forma seguinte:

1º. Ata 6 puntos por cada programa de carácter básico.

2º. Ata 3 puntos por cada programa de carácter complementario.

3º. Ata 1 punto por cada programa de carácter libre.

b) Para a clase 2, os proxectos especificados no artigo 4.4 valoraranse da forma seguinte:

1º. Ata 12 puntos polo programa de captación de persoas drogodependentes e intervención na rúa.

2º. Ata 17 puntos polo programa de centro de encontro e acollida, coa infraestrutura física indispensable para o seu desenvolvemento.

3º. Ata 15 puntos polo programa de diminución de riscos e redución de danos propiamente dito: intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos, etc.

4º. Ata 12 puntos polo programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.

Para a avaliación dos programas individuais e o cálculo da súa puntuación, cada un deles computará nun índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo de 6 puntos alcanzables por cada programa básico, 3 puntos por cada programa complementario e 1 punto por cada programa libre. Este cálculo farase efectuando a conversión das unidades en puntos mediante regra de tres simple.

2. Grao de interacción da entidade coas estruturas do seu contorno (implicación e coordinación coa Administración local e os recursos escolares, sociais, sanitarios e sociosanitarios do seu ámbito de actuación), definido na memoria explicativa e acreditado coas oportunas xustificacións dos organismos referidos: ata 7 puntos.

3. Co fin de fomentar a agrupación de entidades, incentivaranse aqueles proxectos que promovan o asociacionismo mutuo presentando un proxecto común. Así, ao proxecto que agrupe dúas ou máis entidades daráselle 5 puntos.

4. Experiencia no desenvolvemento de programas de prevención de drogodependencias, expresada en anos de colaboración coa Consellería de Sanidade ou co Servizo Galego de Saúde:

a) Tempo de colaboración igual ou superior a 15 anos: 7 puntos.

b) Tempo de colaboración entre 10 e 14 anos: 5 puntos.

c) Tempo de colaboración entre 5 e 9 anos: 3 puntos.

d) Tempo de colaboración entre 1 e 4 anos: 1 punto.

No caso das agrupacións de entidades, a puntuación que se lle asignará será a da entidade con maior tempo de colaboración.

5. Segundo o índice de risco epidemiolóxico (IRE) de consumo de alcohol e outras drogas do espazo xeográfico en que desenvolven o proxecto:

a) Se está definido como alto: 3 puntos.

b) Se está definido como medio-alto: 1 punto.

6. Tendo en conta a formación profesional e xornada laboral do persoal con que vaia contar a entidade privada ou agrupación de entidades para levar a cabo o proxecto e tomando como referencia o convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, puntuarase ata un máximo de 10 puntos de acordo coa seguinte puntuación:

a) Persoal contratado a xornada completa:

Por cada titulado/a superior, 2 puntos; por cada titulado/a de grao medio 1 punto; e por especialistas e persoas encargadas, 0,5 puntos. Ata un máximo de 7,5 puntos.

b) Persoal colaborador a xornada completa:

Por cada titulado/a superior, 1 punto; e cada por titulado/a de grao medio, 0,5 puntos. Ata un máximo de 2,5 puntos.

Para os efectos da valoración das xornadas laborais definidas neste punto, considerarase xornada completa a de 7,5 horas diarias ou de 37,5 horas semanais. A valoración correspondente ás xornadas parciais calcularase de forma proporcional en función da xornada declarada para cada un dos niveis profesionais, segundo as puntuacións expresadas nas partes anteriores.

7. Porcentaxe de cofinanciamento do proxecto asumido pola entidade solicitante:

a) ≥46 %: 7 puntos.

b) ≥ 31 % e <46 %: 5 puntos.

c) ≥16 % e <31 %: 3 puntos.

d) ≥7 % e <16 %: 1 punto.

8. Número de concellos en que se desenvolve o proxecto presentado. Este criterio será de aplicación só ás clases 1 e 4. A valoración farase do seguinte xeito:

a) Se abranguen 5 ou máis concellos: 5 puntos.

b) Se abranguen entre 4 e 3 concellos: 2 puntos.

c) Se abranguen só 2 concellos: 1 punto.

9. Experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de diminución de riscos e redución de danos no consumo de drogas, e de prevención no eido das enfermidades transmisibles como o VIH ou a hepatite. Este criterio será de aplicación só á clase 2. Esta experiencia valorarase con 5 puntos.

10. Poboación que abrangue o proxecto presentado. Este criterio será de aplicación só na clase 3. A valoración farase do seguinte xeito:

a) Se abranguen máis de 40.000 habitantes: 5 puntos.

b) Se abranguen entre 30.001 e 40.000 habitantes: 2 puntos.

c) Se abranguen entre 20.001 e 30.000 habitantes: 1 punto.

Artigo 10. Cálculo das contías das subvencións

1. Os posibles excedentes derivados da non selección de ningún proxecto nunha ou en varias clases redistribuiranse entre as demais do seguinte xeito:

a) No caso de non resultar seleccionado ningún proxecto nas clases 1 e/ou 2, o orzamento global destinado a esa ou esas clases repartirase entre as clases 3 e 4 nunha proporción de 30 % e 70 %, respectivamente.

b) De ser a clase 3 a que non teña seleccionado ningún proxecto, o excedente pasaría integramente á clase 4. Do mesmo xeito, se a clase que non ten ningún proxecto seleccionado é a 4, o excedente pasaría integramente á clase 3.

c) De quedar vacantes ambas as clases 3 e 4 o excedente repartiríase a partes iguais entre as clases 1 e 2.

2. Para realizar a asignación económica descrita neste artigo realizarase en primeiro lugar o cálculo das contías da clase 1 e, cando esta estea rematada, procederase co das clases 2, 3 e 4 sucesivamente.

3. O mecanismo de asignación dentro de cada clase farase do seguinte xeito:

a) Dividirase o crédito orzamentario dispoñible na clase entre o total de puntos dos proxectos seleccionados, así obterase o valor en euros de cada punto. A contía que se asignará a cada proxecto obterase de multiplicar o valor en euros de cada punto polos puntos obtidos por cada proxecto.

b) Se despois destes cálculos, a contía resultante fose superior á solicitada, asignaráselle esta última de acordo co establecido no artigo 7.2, xerándose en consecuencia un resto orzamentario coa diferencia entre ambas as cantidades.

c) Os posibles restos que poidan ter xurdido en aplicación do exposto no punto anterior reasignaranse entre os proxectos que aínda non alcanzasen o 100 % da cantidade solicitada. Esta reasignación faríase calculando un novo euro/punto de acordo coa suma das puntuacións destes proxectos que aínda non acadaron o 100 % da contía solicitada e o resto orzamentario dispoñible. Se finalizadas estas operacións segue existindo algún resto orzamentario, volverá repartirse de acordo coa metodoloxía expresada neste parágrafo ata que este resto se esgote ou que todos os proxectos teñan asignado o 100 % solicitado.

4. De darse o caso de que todos os proxectos dunha clase acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este sumaríase integramente á cantidade que se repartirá na seguinte.

5. De darse o caso de que todos os proxectos de clase 4 acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este quedará sen asignar.

Artigo 11. Documentación, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. Documentación.

a) Se a solicitude é presentada por unha única entidade privada, a documentación que hai que presentar será a seguinte:

1º. Anexo I, de solicitude da subvención (deixando en branco a parte relativa á aceptación do nomeamento como representante e interlocutora única).

2º. Memoria explicativa do proxecto, que se axustará ás características definidas no artigo 12.

3º. Copia do NIF da entidade privada solicitante, no caso de que non se autorice a súa consulta á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

4º. Copia do DNI da persoa representante no caso de que non se autorice a consulta dos datos de identidade da entidade privada no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) No caso de que a solicitude sexa presentada por unha agrupación de entidades privadas, unha delas actuará como representante única e o resto darán o seu consentimento para que así sexa. En virtude do anterior, neste caso, presentarase a seguinte documentación:

1º. Anexo I, de solicitude da subvención, cos datos da entidade privada que actuará como representante e interlocutora única.

2º. Anexo II, de declaración de axudas e consentimento. Presentarase un exemplar cuberto por cada unha das demais entidades privadas solicitantes da subvención, no cal se dará o consentimento para que a entidade privada que asina o anexo I actúe como representante.

3º. Memoria explicativa do proxecto, que se axustará ás características definidas no artigo 12 desta Orde.

4º. Copia do NIF de todas as entidades privadas solicitantes, no caso de que non se autorice a súa consulta á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

5º. Copia do DNI da persoa representante no caso de que non se autorice a consulta dos datos de identidade da entidade privada no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Tanto no caso de presentacións individuais como agrupadas, as entidades solicitantes poderán presentar calquera outra documentación que acredite, complemente ou verifique o exposto na memoria explicativa. Esta documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. Lugar de presentación.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Memoria explicativa do proxecto de prevención

A memoria explicativa do proxecto seguirá as seguintes directrices:

1. Características técnicas.

a) Se a presentación é electrónica, o formato do arquivo será de texto ou PDF.

b) O documento estará formateado con marxes de 2 cm, letra tipo arial, tamaño 11 puntos e interliñado sinxelo.

2. Estrutura. A memoria contará con dúas partes:

a) Descrición xeral do proxecto. Esta parte contará cun encabezamento co nome da entidade solicitante e a denominación do proxecto. A continuación incluirá, nun espazo máximo de 5 páxinas, as seguintes epígrafes:

1º. Descrición detallada da unidade ou servizo de prevención: localización, infraestrutura física e de medios técnicos dispoñibles e descrición de todo o persoal que a compón (con información sobre número, vinculación contractual, titulación e xornada laboral).

2º. Financiamento, orzamento e sustentabilidade do proxecto.

3º. Avaliación de necesidades da poboación destinataria do proxecto.

4º. Descrición das áreas de actuación.

5º. Descrición do grao de interacción da unidade con outras entidades, recursos ou grupos de interese do seu contorno implicados na prevención das drogodependencias.

b) Descrición de cada programa. A continuación incluirase unha parte individual para cada un dos programas que compoñen o proxecto preventivo que incluirá, nun espazo máximo de tres páxinas por programa, as seguintes epígrafes:

1º. Nome do programa.

2º. Xustificación da necesidade da intervención.

3º. Poboación obxectivo.

4º. Modelo teórico de referencia.

5º. Finalidade, metas e obxectivos.

6º. Actividades e metodoloxía.

7º. Cronograma da intervención.

8º. Axuste ou adaptación da intervención á poboación obxectivo (se procede).

9º. Equipo que desenvolverá a intervención.

10º. Materiais que se utilizarán.

11º. Monitorización e avaliación.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. Coas solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado «Relacións comerciais e económicas con terceiros» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Sanidade-Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Artigo 15. Emendas da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase a entidade interesada para que, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude e procederase conforme o establecido no devandito artigo.

Artigo 16. Instrución e comisión de valoración

1. Órganos competentes.

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública que, a través da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, en concreto, do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Comisión de valoración.

Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación das solicitudes establecidos no artigo 9 da presente orde, avaliará os proxectos das entidades solicitantes e emitirá o correspondente informe coa puntuación acadada polos proxectos presentados, realizará a selección e emitirá informe ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan o/a presidente/a, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza de secretario/a e, polo menos, a metade dos seus membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación ten que examinar as solicitudes, algún dos membros que a compoñen non pode asistir, será substituído da forma que se establece máis adiante neste mesmo artigo.

Para o seu funcionamento, a comisión rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigos 22 ao 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativo aos órganos colexiados.

A comisión de valoración, facendo a motivación oportuna poderá requirir ás entidades solicitantes das axudas, información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

A comisión de valoración estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

1º. A persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, ou persoa en quen delegue de igual rango.

2º. Un/unha técnico/a do devandito servizo, que actuará como secretario/a.

3º. Os/as técnicos/as do devandito servizo que, para o efecto, designe o/a presidente/a da comisión como avaliadores/as, se é o caso.

Na composición da comisión de valoración, procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da comisión de valoración, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública formulará a proposta de resolución debidamente motivada.

4. A proposta de resolución non crea ningún dereito a favor da entidade beneficiaria proposta mentres non se lle notificase a resolución de concesión.

Artigo 17. Resolución

1. A proposta de resolución será elevada polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva. A dita resolución deberá conter, de maneira expresa, a relación de entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

2. As resolucións de concesión de subvencións serán motivadas e notificaranse ás entidades beneficiarias no prazo de cinco meses contados desde a publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Notificación e publicación

1. A resolución definitiva deberá ser notificada ás entidades interesadas de forma individualizada de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. A notificación de forma individualizada farase sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia deberá conter a relación de entidades solicitantes ás cales se conceden, desestiman e non conceden, subvencións para os respectivos proxectos, con indicación da norma reguladora, a súa correspondente contía e as causas de denegación, se é o caso.

3. De conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 13.3 e 4 da Lei 4/2006, do 30 de xullo, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Sanidade publicará na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

4. Conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar á modificación da resolución de concesión.

5. De conformidade coa normativa vixente infórmase as entidades interesadas, da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. A aceptación ou renuncia da subvención farase mediante a presentación do formulario normalizado proposto no anexo III, ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a conselleira de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 20. Recursos

1. Contra a resolución do procedemento que pon fin á vía administrativa, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade interesada.

2. Igualmente procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, de 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa; se non for así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, poderase requirir previamente ao órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderíase rexeitado se non for contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 21. Subcontratación

Enténdese que unha entidade subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En ningún caso o beneficiario concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que recibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación, segundo establece o artigo 27.7.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Conceptos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 7.5. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

a) Gastos de persoal, ás retribucións en nómina sumaránselles os gastos de seguridade social correspondentes á empresa e o seu total constituirá o gasto subvencionable por custos de persoal laboral.

b) Axudas de custo por mantenza e desprazamento, debidamente xustificadas en relación co proxecto.

c) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización social do proxecto, gastos de material preventivo ou divulgativo.

d) Gastos xerais derivados do mantemento do servizo tales como os correspondentes a alugueiros dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.

e) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.

f) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a súa preparación ou execución.

g) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando a entidade/s beneficiaria/s desta axuda os aboe efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptible de recuperación ou compensación.

h) Non obstante, en ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

2. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 23. Xustificación

1. As entidades beneficiarias remitirán nas datas sinaladas no artigo 24 á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública a seguinte documentación, co fin de realizar as propostas de pagamento da subvención concedida:

a) Declaración da/s entidade/s peticionaria/s da subvención en que figure o conxunto das subvencións e axudas solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Nesta declaración farase referencia tanto ás efectivamente percibidas como ás aprobadas ou concedidas e ás pendentes de resolución, así coma calquera outro ingreso ou recurso financeiro que teña como finalidade o financiamento das actuacións obxecto da subvención. Esta declaración farase mediante a presentación do anexo IV.

b) Informe de actividades:

1º. Na xustificación do segundo e terceiro pagamento: memoria intermedia de actividades. Este informe incluirá unha relación detallada dos programas realizados no período de tempo obxecto de xustificación.

2º. Na xustificación do pagamento final: memoria dos programas e actividades realizadas no período obxecto da subvención. Será presentada segundo o sistema de información e avaliación de programas de prevención de drogodependencias con que conta a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública (XESAPI).

c) Resumo de gastos, en que figurará a suma de cada concepto derivado do desenvolvemento do proxecto, debidamente asinado polo/a tesoureiro/a da entidade e co visto e prace do/a presidente/a da entidade, gastos que terán que ser iguais ou superiores ao importe do proxecto subvencionado. En todo caso, a forma de xustificación deberá atender o previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, comprendendo a totalidade dos gastos dos programas e actividades desenvolvidas e deberán acreditar os gastos da subvención outorgada. Ademais, observarase o previsto no artigo 29.2 desa mesma lei con relación ao concepto de gasto realizado.

2. Segundo o artigo 7.5, as actuacións que se subvencionan deberán efectuarse desde o 1 de xuño de 2015 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento que soporten as ditas actuacións poderán referirse a gastos xerados a partir dese momento. A documentación xustificativa dos gastos e pagamentos serán presentados pola beneficiaria na forma que se especifica no artigo 24, coa finalidade de ser realizado pola Comunidade Autónoma o correspondente recoñecemento da obriga.

3. A xustificación acreditará expresamente o destino e importe dos gastos efectivamente realizados con cargo a cada programa ou axuda. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, acreditarase na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades.

4. Para poder efectuar os pagamentos previstos deberanse acreditar os gastos efectuados mediante xustificacións orixinais ou copias compulsadas de facturas ou documentos con valor probatorio equivalente, nóminas ou boletíns de cotización á Seguridade Social.

5. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente, e nelas constará:

a) Número de factura.

b) Nome e apelidos ou denominación social, número de identificación fiscal e enderezo, tanto do/a expedidor/a como do/a destinatario/a.

c) Descrición da operación, e a súa contraprestación total, indicando o tipo impositivo aplicado.

d) Lugar e data da súa emisión.

6. A estas xustificacións deberá xuntárselle unha relación en listaxe simple consecutiva, ordenadas segundo os conceptos de gasto a que se atribúen (persoal, materiais, ou gastos xerais de mantemento e xestión) e dentro destes, correlativas segundo a súa data de emisión.

7. Nesta relación figurará para cada un dos conceptos o número de orde da factura, o número de factura, a data de emisión, o/a provedor/a, a descrición do gasto, o programa a que se atribúe e o importe da factura.

8. Tanto a presentación das facturas como a demais documentación xustificativa dos gastos e a súa relación ordenada son requisitos imprescindibles para a tramitación do mencionado pagamento e devolverase toda a xustificación que non o cumpra.

9. O pagamento final da subvención correspondente quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión.

10. Ao remate do proxecto, xunto coa memoria dos programas e actividades obxecto do período correspondente, xuntarase copia de todos os materiais divulgativos xerados.

11. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total do proxecto que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 24. Pagamento e xestión económica

1. O cálculo dos pagamentos definidos neste artigo farase tomando como referencia:

a) A contía dos gastos declarados pola entidade solicitante en cada unha das xustificacións presentadas.

b) A porcentaxe de cofinanciamento comprometida no anexo I, que marcará as contías a asumir por parte da entidade solicitante e da Consellería de Sanidade.

2. Os pagamentos reduciranse proporcionalmente con respecto á contía concedida (sempre que estea garantida a consecución do obxecto da subvención):

a) Se o gasto xustificado é inferior á contía que resulta de sumarlle a cada un dos tres pagamentos á conta a parte correspondente do cofinanciamento comprometido no anexo I.

b) Se se produce a concorrencia con outras subvencións ou axudas.

3. O recoñecemento da obriga e o pagamento posterior da subvención á entidade beneficiaria farase sempre que esta xustifique, de acordo coa normativa aplicable, a realización do obxecto da subvención, o cumprimento das condicións e as súas finalidades.

4. Todo pagamento da subvención outorgada exixe a acreditación de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e farase efectiva do seguinte xeito:

a) Anualidade de 2015.

Primeiro pagamento, de carácter anticipado, equivalente ao 27,93 % da contía total da subvención outorgada, en concepto de gastos de preparación, posta en marcha e execución inicial de actividades do proxecto.

Este pagamento de carácter anticipado efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, logo da aceptación da subvención concedida, e deberá ser xustificado posteriormente con ocasión da presentación da xustificación do segundo pagamento.

b) Anualidade de 2016.

Segundo pagamento, a conta, equivalente ao 24,02 % da contía total da subvención outorgada, en concepto de gastos de continuación do proxecto de prevención. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 23.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

Este segundo pagamento liberarase despois da debida xustificación dos gastos executados correspondentes a actividades desenvolvidas entre o 1 de xuño de 2015 e o 31 de maio de 2016. A solicitude deste pagamento deberá presentarse antes do 30 de xuño de 2016.

Terceiro pagamento, a conta, equivalente ao 24,03 % da contía total da subvención outorgada, en concepto de gastos de continuación do proxecto de prevención. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 23.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

Este terceiro pagamento liberarase despois da debida xustificación dos gastos executados correspondentes a actividades desenvolvidas ata o 31 de outubro de 2016. A solicitude deste pagamento deberá presentarse antes do 15 de novembro de 2016.

c) Anualidade de 2017.

Pagamento final, á conta, equivalente ao 24,02 % da contía total da subvención outorgada. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 23.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

Este pagamento final liberarase despois da debida xustificación dos gastos executados correspondentes a actividades desenvolvidas entre o 1 de novembro de 2016 e o 30 de xuño de 2017. A solicitude deste pagamento deberá presentarse antes do 31 de xullo de 2017.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Serán obrigas das entidades beneficiarias as recollidas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Quedarán tamén obrigadas a dar a adecuada publicidade e difusión, por calquera clase de medio, escrito ou audiovisual, da participación da Xunta de Galicia nas actividades que se desprendan do proxecto subvencionado.

3. Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da subvención.

4. Deberán cumprir as condicións exixidas para a concesión da subvención. No caso de posible incumprimento, aplicarase o criterio de proporcionalidade previsto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para determinar a cantidade que finalmente teña que percibir ou, se é o caso, a cantidade que se debe reintegrar.

5. Calquera outra das obrigas establecidas na normativa vixente en materia de subvencións.

Artigo 26. Revogación e reintegro das axudas

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola entidade beneficiaria ou solicitante, xunto cos xuros de demora.

Artigo 27. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional única. Modelos normalizados da sede electrónica da Xunta de Galicia

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselle o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

A Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
SA463FG.pdf
missing image file
SA463FG.pdf
missing image file
missing image file
missing image file