O día 19 de setembro de 2014 foi publicada no DOG a Resolución do 8 de setembro de 2014, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de xullo de 2014, polo que se aproba o Código ético institucional da Xunta de Galicia.
O Código ético establece os criterios básicos de conduta e responsabilidade profesional no funcionamento da Administración autonómica. Así mesmo, recolle as pautas, os criterios, as regras e as orientacións que se deben observar na actuación das autoridades e demais persoal ao servizo do sector público autonómico, así como a aplicación do réxime disciplinario e de responsabilidade que proceda.
Posteriormente, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 29 de xaneiro de 2015, aprobou o Programa de impulso democrático de Galicia 2015/16, que responde ao compromiso do Goberno galego de avanzar na rexeneración democrática e de garantir unha maior transparencia no marco dun Goberno autonómico máis aberto e participativo.
En execución do dito programa, a Xunta de Galicia desenvolverá nos anos 2015/16 diferentes medidas, estruturadas en doce eixes de actuación.
O eixe 6 do dito programa refírese ao impulso e seguimento das medidas do Código ético institucional da Xunta de Galicia e, en concreto, o seu número 4 incide na materia de mostras de cortesía e/ou atencións protocolarias. Así, dispón a creación dun rexistro para o oportuno inventario, localización e seguimento das atencións de cortesía social e institucional recibidas tanto polas autoridades como polo resto do persoal autonómico, así como dos obsequios oficiais ou de carácter protocolario que se poidan recibir en exercicio de misións institucionais cando, polas súas características, se deban integrar no patrimonio da Comunidade Autónoma.
En virtude do anterior, e de conformidade co disposto no Programa de impulso democrático de Galicia 2015/16,
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto e adscrición
1. A presente resolución ten por obxecto a creación e posta en funcionamento do Rexistro de Regalos no marco do Código ético institucional da Xunta de Galicia.
2. Este rexistro consistirá nunha base de datos en que figurará o inventario dos regalos recibidos polos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación do dito código e a través do cal se efectuará o seu seguimento e localización.
3. O Rexistro adscribirase á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, agás nos ámbitos sanitario e educativo, en que a adscrición será aos respectivos órganos internos sinalados por estas consellerías.
Segundo. Contido do Rexistro
1. O Rexistro conterá, polo menos, os seguintes datos:
a) O cargo ou posto do destinatario do regalo.
b) Unha breve descrición do regalo recibido.
c) A data e as circunstancias da recepción.
d) A persoa física ou xurídica remitente.
e) O carácter e o valor do regalo, indicando se ten a consideración de mostra ou atención de cortesía social e institucional, de obsequio oficial ou de carácter protocolario.
f) As devolucións practicadas.
g) O destino final dado ao regalo en función da súa natureza, que poderá ser:
– Organizacións non gobernamentais ou similares.
– Integración no patrimonio da Comunidade Autónoma.
2. Ademais do anterior, anotaranse no Rexistro as consultas formuladas polos destinatarios dos regalos cando existan dúbidas razoables sobre o seu importe, así como a resolución destas por parte dos órganos competentes, de conformidade co disposto no Código ético institucional.
Terceiro. Notificacións ao órgano competente
Os suxeitos incluídos no ámbito de aplicación do Código ético institucional da Xunta de Galicia deberán notificar aos órganos competentes previstos no número 1.3 desta resolución os seguintes feitos, co obxecto de proceder á súa anotación no Rexistro:
a) No suposto da recepción de regalos de valor superior a 90 euros e que non teñan o carácter de obsequios oficiais ou carácter protocolario:
a.1. As devolucións practicadas de conformidade co punto V do Código ético institucional.
a.2. A imposibilidade de levar a cabo a devolución de conformidade co punto V.a) do Código ético institucional.
b) A recepción de obsequios de carácter oficial ou protocolario que se poidan intercambiar ou recibir en exercicio de misións institucionais entre gobernos e todo tipo de autoridades, así como as atencións enmarcadas en actos públicos ou promocionais, cando o seu importe sexa superior aos 90 euros, de conformidade co disposto no punto V.b.2) do Código ético institucional.
Cuarto. Modelos para consultas e notificacións
Para efectuar as consultas e notificacións previstas nesta resolución, utilizaranse os anexos do Código ético institucional da Xunta de Galicia dispoñibles no enderezo:
http://cpapx.xunta.es/codigo-etico
Quinto. Transparencia
1. Do contido do Rexistro darase conta ao Parlamento de Galicia no informe anual de seguimento que elaborarán os órganos que teñen atribuído o control e a xestión do cumprimento das obrigas do Código ético institucional da Xunta de Galicia, de conformidade co previsto no punto VII do dito código.
2. O informe anual previsto no punto anterior estará á disposición da cidadanía no Portal de transparencia e goberno aberto, previsto no eixe 2 do Programa de impulso democrático da Xunta de Galicia 2015/16, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 29 de xaneiro de 2015.
Sexto. Publicidade
Esta resolución será de aplicación desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2015
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa