Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 6 de xullo de 2015 Páx. 27991

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 93/2015, do 18 de xuño, polo que se autoriza o cambio da denominación da Escola de Negocios Caixanova, centro adscrito á Universidade de Vigo que, por cambio de titularidade, pasa a denominarse Escuela de Negocios Afundación.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece, con carácter xeral, o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 445/2009, do 23 de decembro, aproba a adscrición da Escola de Negocios Caixanova (resultado da fusión da Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra), á Universidade de Vigo e autoriza a implantación das ensinanzas conducentes ao título de grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE).

As entidades Caixa Galicia e Caixanova fusiónanse dando lugar á Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra.

A Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social modifica os seus estatutos, tal e como consta na escritura notarial do 26 de xuño de 2014, e pasa a ser unha fundación ordinaria denominada Fundación Galicia Obra Social.

A Fundación Galicia Obra Social (en diante, Afundación) ten a súa orixe na transformación da Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra, que, previa segregación do ámbito financeiro en favor de NCG Banco, S.A., mantén a xestión da obra benéfico-social que, na actualidade, continúa desenvolvendo.

Con data do 28 de abril de 2015 a Universidade de Vigo solicita a modificación da denominación da Escola de Negocios Caixanova, centro adscrito á Universidade de Vigo que, por cambio de titularidade, pasa a denominarse Escuela de Negocios Afundación, e remite o correspondente acordo do Consello de Goberno e informe favorable do seu Consello Social, unha vez concedida a conformidade do cambio de titularidade pola Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 5 e 8 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e modificacións posteriores.

Con base no recollido no artigo 3.2.c) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, corresponde ao Consello Galego de Universidades emitir informe sobre a proposta de creación, modificación ou supresión de centros universitarios, de institutos universitarios de investigación ou de calquera estrutura docente ou investigadora no territorio de Galicia.

Na súa virtude, en aplicación da normativa vixente, unha vez aprobado polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo o 27 de marzo de 2015, e recibido informe favorable do seu Consello Social o 15 de abril de 2015; logo do informe favorable do Consello Galego de Universidades, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xuño de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Cambio da denominación

Autorízase o cambio da denominación da Escola de Negocios Caixanova, centro adscrito á Universidade de Vigo que, por cambio de titularidade, pasa a denominarse Escuela de Negocios Afundación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria