Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 7 de xullo de 2015 Páx. 28245

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2015, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se conceden a autorización administrativa previa e de construcción dunha instalación eléctrica no concello de Monforte de Lemos (expediente IN407A 2015/25-2, 8219 AT).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa e de construcción da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: A Batundeira 2, Velle, Ourense.

Denominación: modificado LMT derivada Reigada.

Situación: concello de Monforte de Lemos.

Antecedentes:

Primeiro. Con data 21 de xuño de 2012, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica da liña de media tensión derivada Reigada, no concello de Monforte de Lemos, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE 27 de decembro, núm. 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xunta a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE do 28 de novembro, núm. 285), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve. Este expediente tramitouse co número 008/2012 AT.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta Xefatura Territorial de Economía e Industria do 6 de marzo de 2013. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso de Lugo do 13 de marzo de 2013, no BOP de Lugo do 1 de abril de 2013 e no DOG do 27 de marzo de 2013, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Monforte de Lemos. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Por resolución do 6 de maio de 2013 desta xefatura territorial autorízase e apróbase o proxecto de execución e declárase a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica LMT derivada Reigada, coas seguintes características técnicas principais:

1. Líña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 715 m con orixe no apoio proxectado nº 1, sobre a LMT aérea existente ao CT Reigada e final no apoio nº 7 proxectado, en condutor LA-56, sobre apoios de formigón (7).

2. Liña de media tensión soterrada a 20 kV cunha lonxitude de 611 m con orixe no paso aéreo-soterrado no apoio proxectado nº 7 e final no CTC Reigada, en condutor RHZ1.

Cuarto. Con data 17 de abril de 2015 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presenta o modificado ao proxecto LMT derivada Reigada co obxecto de incluír nel as modificacións nos trazados das instalacións proxectadas motivadas pola construción da estrada conexión porto seco de Monforte coas estradas LU-933 e CN-120, treito porto seco-LU-933 e da glorieta da conexión do porto seco coa estrada LU-933. Así, o 6 de maio de 2015 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. desiste do proxecto anterior, LMT derivada Reigada expediente 008/2012 AT, solicitando que se manteña unicamente a declaración de utilidade pública autorizada naquel para a tramitación do proxecto modificado. Neste sentido, xunto coa solicitude do 17 de abril, a empresa formula declaración responsable de que o novo proxecto non modifica nin aumenta as afeccións do proxecto inicial para os predios obxecto de expropiación, polo que o procedemento expropiatorio derivado da declaración de utilidade pública dese proxecto rematou o día 5 de xuño de 2015 co aboamento dos prezos xustos aos afectados.

Quinto. O proxecto modificado someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta Xefatura Territorial de Economía e Industria do 7 de maio de 2015. Esta resolución foi publicada no BOP de Lugo o 22 de maio de 2015 e no DOG do 19 de maio de 2015. Tramitáronse ademais as correspondentes separatas co Concello de Monforte de lemos e coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que non puxeron ningún condicionado ao proxecto.

A instalación eléctrica denominada modificado LMT derivada Reigada presenta as seguintes características técnicas:

1. Liña de media tensión soterrada a 20 kV derivada Reigada (tramo I) con orixe en conexións coa LMT soterrada existente procedente da saída MOF 802 e final no paso aéreo a soterrado proxectado sobre apoio de formigón nº 0, cunha lonxitude de 39 metros, en condutor RHZ1-240.

2. Liña de media tensión aérea a 20 kV con orixe nun paso aéreo a soterrado proxectado sobre apoio de formigón nº 0 e final nun paso aéreo a soterrado proxectado sobre apoio de formigón nº 5 cunha lonxitude de 574 metros en condutor tipo LA-56.

3. Liña de media tensión soterrada a 20 kV derivada Reigada (tramo II) con orixe no paso aéreo a soterrado proxectado, sobre apoio de formigón nº 5 e final no centro de transformación Reigada, cunha lonxitude de 816 metros, en condutor RHZ1-95.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, (BOE núm. 310), do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e de acordo coa Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54) esta xefatura territorial resolve:

Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción das ditas instalacións, mantendo a declaración de utilidade pública contida na Resolución do 6 de maio de 2013 e cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran neste proxecto modificado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente, independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial e outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra esta resolución cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; os interesados tamén poderán interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente ao seu dereito.

Lugo, 16 de xuño de 2015

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo