Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 8 de xullo de 2015 Páx. 28306

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 3/2015, do 12 de xuño, de creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia.

Exposición de motivos

De conformidade co disposto no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da devandita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 11, a creación de colexios profesionais, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, farase por lei do Parlamento galego.

Ao abeiro desta normativa, as persoas representantes da Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas presentaron solicitude de creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia.

O Real decreto 433/1998, do 20 de marzo, establece o título universitario oficial de diplomado en Nutrición Humana e Dietética e as directrices xerais propias dos plans de estudos conducentes á súa obtención. Conforme o devandito real decreto, o título terá carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, e as ensinanzas conducentes á súa obtención deberán proporcionar unha formación apropiada nas bases teóricas e nas técnicas de elaboración dos réximes alimenticios adecuados á nutrición humana.

A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, en relación coas profesións sanitarias tituladas establece, no artigo 2, que son profesións sanitarias tituladas e reguladas aquelas cuxa formación pregraduada ou especializada se dirixe específica e fundamentalmente a dotar as persoas interesadas dos coñecementos, habilidades e actitudes propias da atención da saúde e que están organizadas en colexios profesionais oficialmente recoñecidos polos poderes públicos, de acordo co previsto na normativa específica aplicable; e inclúe expresamente entre as profesións sanitarias de nivel diplomado a profesión de dietista-nutricionista, para cuxo exercicio habilita o título de diplomado ou diplomada en Nutrición Humana e Dietética.

A mesma lei, no artigo 7.2.g), sinala como funcións dos e das dietistas-nutricionistas o desenvolvemento de actividades orientadas á alimentación da persoa ou de grupos de persoas, adecuadas ás súas necesidades fisiolóxicas e, se é o caso, patolóxicas, de acordo cos principios de prevención e saúde pública.

Mediante Resolución do 5 de febreiro de 2009, da Secretaría de Estado de Universidades, publícase o Acordo do Consello de Ministros do 23 de xaneiro de 2009 polo que se establecen as condicións a que se deberán adecuar os plans de estudos conducentes á obtención de títulos que habiliten para o exercicio da profesión regulada de dietista-nutricionista. O dito acordo ten por obxecto, en virtude do disposto no artigo 12.9 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, determinar as condicións a que se deben adecuar os plans de estudos conducentes á obtención de títulos universitarios oficiais de grao que habiliten para o exercicio da profesión regulada de dietista-nutricionista.

En cumprimento do previsto no ordinal cuarto do devandito acordo, posto en relación coa disposición adicional novena do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, pola Orde CIN/730/2009, do 18 de marzo, establécense os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de dietista-nutricionista.

Considérase que existen razóns de interese público concorrentes na creación deste colexio profesional, determinadas pola profesión obxecto de colexiación como profesión sanitaria regulada e titulada dirixida á cidadanía no seu conxunto, porque promove hábitos de vida saudables e exerce un importante labor nas actividades orientadas á alimentación de persoas e grupos de persoas, adecuadas ás súas necesidades fisiolóxicas e, se é o caso, patolóxicas, de acordo cos principios de prevención e saúde pública.

A creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia constitúe un instrumento de garantía na adecuación do exercicio profesional ás normas e regras que aseguren a protección dos dereitos e intereses das persoas consumidoras e usuarias dos servizos dos seus colexiados e colexiadas, ordenando o exercicio da profesión e o seu control deontolóxico, así como as eventuais responsabilidades en que poidan incorrer os e as profesionais no desenvolvemento da súa actividade.

Polo exposto, e considerando que existen razóns de interese público que xustifican a necesidade e oportunidade de creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia, procédese mediante esta lei á creación do dito Colexio.

A lei consta dunha exposición de motivos; cinco artigos, relativos ao obxecto, ámbito territorial, ámbito persoal, colexiación e fomento do galego; dúas disposicións transitorias e unha disposición derradeira.

O anteproxecto de lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

1. Créase o Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia como corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar para o cumprimento dos fins que lle son propios.

2. O Colexio terá plena capacidade de obrar desde o momento en que se constitúan os seus órganos de goberno.

Artigo 2. Ámbito territorial

O ámbito de actuación do Colexio é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Ámbito persoal

O Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia agrupa as profesionais e os profesionais que estean en posesión do título universitario oficial de diplomado ou diplomada en Nutrición Humana e Dietética, obtido de conformidade co disposto no Real decreto 433/1998, do 20 de marzo, polo que se establecen o título universitario oficial de diplomado en Nutrición Humana e Dietética, así como o de graduado ou graduada en Nutrición Humana e Dietética, e as directrices xerais propias dos plans de estudos conducentes á súa obtención, ou os títulos que habiliten para o exercicio da profesión de dietista-nutricionista, de conformidade co Acordo do Consello de Ministros do 23 de xaneiro de 2009 e coa Orde CIN/730/2009, do 18 de marzo, ou outro título estranxeiro equivalente debidamente homologado pola autoridade competente.

Artigo 4. Colexiación

O exercicio da profesión de dietista-nutricionista con domicilio profesional único ou principal na Comunidade Autónoma de Galicia requirirá a incorporación ao Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia cando así o estableza unha lei estatal.

Artigo 5. Uso do galego nas comunicacións

O Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións, tanto internas como externas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na regulación de normalización lingüística.

Disposición transitoria primeira. Comisión xestora

1. A Asociación Galega de Dietistas-Nutricionistas designará unha comisión xestora que actuará como órgano de goberno provisional do Colexio, coas funcións establecidas na normativa transitoria desta lei.

Na designación das persoas integrantes da comisión xestora procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

2. A comisión xestora, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, elaborará e aprobará, con carácter provisional, uns estatutos do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia. Nos citados estatutos deberá regularse a convocatoria e o funcionamento da asemblea colexial constituínte, na cal terán dereito a participar todas e todos os profesionais que, conforme o disposto na presente lei, poidan adquirir a condición de colexiados ou colexiadas. A convocatoria da asemblea constituínte deberá anunciarse, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión de Galicia.

3. A comisión xestora elaborará un censo de persoas profesionais que reúnan os requisitos de titulación establecidos no artigo 3 da presente lei e constituirase en comisión de habilitación para os efectos de resolver as solicitudes de colexiación.

Disposición transitoria segunda. Asemblea constituínte e estatutos definitivos

1. A asemblea constituínte, no prazo de seis meses desde a aprobación dos estatutos provisionais, elaborará e aprobará os estatutos definitivos do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia e elixirá os membros dos órganos colexiais.

2. Os estatutos definitivos, logo de seren aprobados pola asemblea, remitiranse á consellaría competente en materia de colexios profesionais para os efectos da súa aprobación definitiva, tras a cualificación da súa legalidade, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente