Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 10 de xullo de 2015 Páx. 28826

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para a mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 182/2004, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e se procede á súa convocatoria no ano 2015.

A igualdade entre mulleres e homes é un dos principios fundamentais do dereito comunitario. Os obxectivos da Unión Europea en materia de igualdade entre mulleres e homes están baseados en garantir a igualdade de oportunidades e de trato entre ambos os sexos e en loitar contra toda discriminación baseada no sexo, equiparando a defensa dos dereitos das mulleres coa defensa dos dereitos humanos.

A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario para a Xunta de Galicia, e tivo o seu reflexo na aprobación de normas e na implantación de plans que definen e recollen estratexias globais para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres en condicións de igualdade en todos os ámbitos da sociedade.

Neste ámbito, promoveuse a implantación de centros de información á muller en colaboración coas entidades locais, como administracións máis próximas e achegadas á cidadanía, co obxectivo de avanzar na eliminación das desigualdades entre mulleres e homes e para previr a violencia de xénero no ámbito territorial. Estes centros acreditados ante a Administración autonómica, configúranse como servizos de información, asesoramento xurídico e psicolóxico e de orientación laboral e profesional, con especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.

Neste sentido, a rede de centros de información á muller constitúe un instrumento fundamental para a implantación de políticas de igualdade eficaces e eficientes na Comunidade Autónoma, pois facilita un acceso máis rápido e eficaz a estes servizos e proporciona un espazo que orienta, informa e asesora as mulleres en materia de igualdade e dereitos e promove a súa participación activa en todos os ámbitos, nun marco de proximidade e de interacción entre veciñas e veciños, no ámbito da colaboración e da coordinación.

Para a consolidación e reforzamento dos centros e para contribuír a que oferten servizos de calidade nun contorno adecuado, considérase necesario incidir na mellora do equipamento que permita, non só desenvolver dun xeito normal as súas actividades cotiás, senón que tamén favoreza o traballo en rede e a utilización de ferramentas TIC e, pola súa vez, pode servir para promover as competencias dixitais das persoas usuarias e serlles de utilidade para facilitar o acceso ao servizo, o que adquire unha especial relevancia nas zonas rurais con poboación dispersa.

Con esta finalidade, de acordo co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia; se procede a esta convocatoria de axudas, enmarcadas dentro do programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixe 6 infraestruturas sociais, tema prioritario 79, que ten como referencia, entre outras, a igualdade entre mulleres e homes na sociedade galega mediante axudas para infraestruturas sociais, polo que esta convocatoria está cofinanciada nun 80 % con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e nun 20 % con cargo a fondos FCI.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, axústanse ao disposto na normativa de aplicación recollida no artigo 1.3 desta resolución.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2015 de subvencións dirixidas a entidades locais de Galicia para a mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM).

2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

4. As solicitudes, tramitación e concesión das axudas previstas nesta resolución axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2015; no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, observarase o disposto no Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e na Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo).

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións reguladas nesta resolución concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.760.0 (código de proxecto 2015 00149) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2015, por un importe total máximo de douscentos corenta e sete mil seiscentos trinta euros con vinte e sete céntimos (247.630,27 €).

A citada aplicación está dotada nunha porcentaxe do 80 % con fondos Feder incluídos no programa operativo Feder (2007-2013), eixe 6 , tema prioritario 79.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o cal poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Compatibilidade

O importe máximo das axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias; estas axudas serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo elixible e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas, na normativa nacional e comunitaria aplicable.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

Estas axudas son incompatibles con outras axudas cofinanciadas con fondos europeos ao estar dentro do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dado que, de conformidade co establecido no artigo 54.5 do Regulamento (CE) 1083/2006, os gastos cofinanciados por un fondo non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións as entidades locais de Galicia titulares de centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento.

2. Para poder ser beneficiaria destas axudas, a entidade, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, debe ter cumprido o requisito da remisión das contas xerais do exercicio 2013 ao Consello de Contas de Galicia e ter presentada a memoria de funcionamento anual do CIM correspondente ao ano 2014 ante a Secretaría Xeral da Igualdade,

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Axudas para o equipamento dos CIM

1. Serán subvencionables a realización de investimentos nos CIM para a adquisición de equipamento informático (ordenadores, monitores, impresoras e similares), para a adquisición de equipamento de oficina (fotocopiadora, fax e similares) e mobiliario (mesas, cadeiras e similares).

Non serán subvencionables os gastos de material para o normal funcionamento dos equipamentos informáticos, ofimáticos, transmisión e outros, a adquisición de soportes e memorias externas e de gravación en xeral, os paquetes estándar de software e similares.

2. O orzamento máximo que unha entidade pode presentar para optar a esta axuda é de 36.000 €, para o caso de que sexa superior, o órgano instrutor requirirá a solicitante para que reaxuste o orzamento.

3. Só serán subvencionables os investimentos realizados entre o 1 de xaneiro de 2015 ata o 30 outubro de 2015.

4. A contía máxima da subvención por entidade beneficiaria será de 9.000 € cando se trate dun CIM con xestión individualizada e de 18.000 € cando se trate dun CIM con xestión compartida para a prestación do servizo en varios concellos, segundo os datos que constan nos expedientes do programa de apoio aos centros de información ás mulleres tramitados ao abeiro da convocatoria de 2014, aprobada por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 30 de abril de 2014 (DOG núm. 86, do 7 de maio), e sempre que se faga constar no modelo de solicitude que se mantén a xestión compartida.

5. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución, na normativa xeral de subvencións ou na normativa específica que regula os fondos Feder, en ningún caso serán subvencionables os gastos que reúnan algunha das seguintes características: ser bens funxibles, non seren susceptibles de inclusión en inventario, seren gastos previsiblemente reiterativos e outros relacionados na normativa como non subvencionables.

Artigo 6. Solicitudes, prazo e documentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 10 de agosto de 2015.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Documentación que se debe presentar:

a) Anexo I: solicitude debidamente cuberta e asinada pola persoa que teña a representación da entidade local solicitante.

b) Anexo II: memoria e orzamento desagregado do proxecto de investimento para o equipamento do CIM, asinada pola persoa que teña a representación da solicitante.

c) Anexo III: certificado do órgano competente en que se faga constar o compromiso de achegar o importe do orzamento necesario para completar a realización do proxecto de investimento para o que se solicita subvención.

d) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da dita lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 9. Instrución do procedemento e Comisión de Avaliación

1. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, da Secretaría Xeral da Igualdade, a instrución do procedemento de concesión de subvencións.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Avaliación.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, coa seguinte composición:

– Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue.

– Secretaría: o/a xefe/a do Servizo de Planificación e Programación, con voz pero sen voto.

– Vogalías: o/a xefe/a do Servizo de Fomento, o/a xefe/a do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional, e o/a xefe/a do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas. E unha persoa da Dirección Xeral de Administración Local con rango de subdirector/a.

Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a Comisión de Avaliación non pode asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola súa presidencia.

A Comisión de Avaliación poderá requirirlles ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 10, a Comisión de Avaliación emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada. Proporá a concesión de subvención por orde de puntuación e polo importe solicitado co límite da contía máxima da axuda que corresponda, ata esgotar o crédito dispoñible.

No caso de empate, para desempatar terase en conta, en primeiro lugar, a porcentaxe de autofinanciamento e, en segundo lugar, a data de presentación da solicitude.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola Comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Artigo 10. Criterios de avaliación

A Comisión valorará os expedientes, consonte os seguintes criterios:

a) As solicitudes presentadas por entidades locais titulares dun CIM con xestión compartida para a prestación do servizo en varios concellos, segundo o que determina a convocatoria, poderán obter unha puntuación de 30 puntos:

a.1) Pola xestión compartida: 10 puntos.

a.2) Polo número de concellos participantes no CIM en virtude da xestión compartida e a repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total: ata 10 puntos en total.

a.3) Pola presentación dunha memoria de aforro de custo en equipamento respecto da prestación do servizo de modo individual: 10 puntos.

b) Distribución poboacional, segundo cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2014, fonte do IGE: ata 20 puntos. De acordo co seguinte: ata 5.000 habitantes, 20 puntos; de 5.001 ata 10.000 habitantes, 15 puntos; de 10.001 a 20.000 habitantes, 10 puntos; e, máis de 20.000 habitantes, 5 puntos.

c) En función da finalidade, xustificación e valoración da necesidade do investimento para o bo funcionamento do CIM: ata 15 puntos.

d) Polo nivel de autofinanciamento: ata 15 puntos. De acordo co seguinte: ata o 15 %, 3 puntos; superior ao 15 % e ata o 25 %, 7 puntos; superior ao 25 % e ata o 50 %, 10 puntos; e, superior ao 50 %, 15 puntos.

e) Pola presentación de facturas pro forma polo importe total do proxecto de investimento: 5 puntos.

f) Pola adhesión a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero: 10 puntos.

g) Polo compromiso de colaboración e coordinación nas actuacións e no traballo en rede a través da aplicación informática CIM desenvolvida pola Secretaría Xeral da Igualdade: 5 puntos.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta do órgano instrutor e despois da fiscalización pola Intervención Delegada, a resolución destas axudas.

2. O prazo para resolver será de catro meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase rexeitada.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6 b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo os obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 14. Prazo e xustificación da subvención

1. Conforme o establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para cobrar as axudas concedidas ao abeiro desta resolución, as entidades beneficiarias deberán presentar, con data limite do 30 de outubro de 2015, a documentación acreditativa da realización do proxecto de investimento en equipamento e xustificar a totalidade do orzamento; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minguada na mesma proporción.

En todo caso non xerarán dereito ao cobramento da subvención as xustificacións que non alcancen como mínimo o 60 % do orzamento das actuacións subvencionables.

Para o dito fin, terá que presentarse o seguinte:

a) Solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que ten a representación da entidade, na cal deberá facerse constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o importe desagregado do total do investimento realizado segundo as fontes de financiamento, de acordo co disposto no artigo 28, números 5 e 6, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (no modelo anexo IV).

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación (no modelo anexo V).

Deberase cumprir o disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modificado pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas). Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Dado que as actuacións que se levarán a cabo son susceptibles de cofinanciamento europeo con fondos Feder, por medio do programa operativo Feder (2007-2013), co obxecto de facilitar o labor das auditorías, os beneficiarios deberán achegar, xunto coa xustificación, copia compulsada do expediente de contratación, de acordo co establecido no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

c) Certificación dos gastos realizados, cunha relación ordenada das facturas ou documentos con valor probatorio equivalente segundo o concepto a que se atribúe (no modelo anexo V). E os orixinais das facturas ou dos documentos con valor probatorio equivalente do total dos investimentos realizados xunto cos xustificantes bancarios ou dos documentos acreditativos que acrediten o seu aboamento. No xustificante bancario deberá constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación, o 30 de outubro de 2015.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados, e asinados polo beneficiario.

Os orixinais das facturas ou documentos equivalentes serán selados pola Secretaría Xeral da Igualdade cun selo que indicará o procedemento para o cal se presentan e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada.

d) Memoria explicativa do proxecto de investimento efectivamente realizado en relación coa axuda concedida, xunto coas fotografías do equipamento adquirido nas cales se deixe constancia do cumprimento das obrigas de información e publicidade derivadas do seu financiamento público.

e) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (no modelo anexo VI).

f) Declaración complementaria e actualizada na data da xustificación do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (no modelo anexo VII).

2. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación for incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 15. Pagamento

1. As entidades beneficiarias das subvencións deberán solicitar o aboamento da axuda coa data limite do 30 de outubro de 2015.

2. O importe da subvención farase efectivo nun pagamento único, logo da acreditación da realización do proxecto subvencionado e da presentación da documentación xustificativa sinalada no artigo anterior.

Así mesmo, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

Artigo 16. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, a actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 17. Obrigas das beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e coas obrigas exixidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal fosen concedidos.

2. Acreditar ante o órgano concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinen a concesión ou desfrute da axuda.

3. Manter o investimento durante cinco anos, segundo o previsto no artigo 57 do Regulamento (CE) 1083/2006.

4. Levar un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta resolución e deberán conservar a documentación xustificativa dos ditos gastos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo de 2006.

5. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

6. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

7. Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e da Secretaría Xeral da Igualdade, para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación. En particular, queda sometida ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

8. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Na publicidade deberan figurar todas as especificacións exixidas na normativa indicada e, neste caso, deberá colocarse unha placa ou un adhesivo nos equipamentos subvencionados cos logos e lendas de obrigada inclusión (emblema da Unión Europea, referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), declaración do fondo: «Unha maneira de facer Europa» e imaxe corporativa da Xunta de Galicia), segundo o modelo que se estableza na páxina web do órgano concedente.

Artigo 18. Reintegro das axudas e sancións

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorran calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19. Publicidade

Por tratarse de fondos susceptibles de cofinanciamento Feder, dentro do programa operativo 2007-2013, a aceptación da subvención supón a súa publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006, do 8 de decembro, da Comisión.

Artigo 20. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI427D, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan ou da da Secretaría Xeral da Igualdade http://www.igualdade@xunta.es , do teléfono 981 54 53 51, no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.es ou presencialmente.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo: igualdade@xunta.es

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2015

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file