Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 22 de xullo de 2015 Páx. 30589

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

No marco establecido nos artigos 40 e 49 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE), e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral supón máis dificultades como son as persoas con discapacidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

De conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba a unidade administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo. Así mesmo, mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación. Segundo o disposto no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das subvencións á contratación indefinida de traballadores e traballadoras con discapacidade, reguladas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, e na Orde do 13 de abril de 1994, que desenvolve o capítulo II do mencionado real decreto, no Real decreto 290/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os enclaves laborais como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade, e no Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

O artigo 37 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, establece que será finalidade da política de emprego aumentar as taxas de actividade, de ocupación e inserción laboral das persoas con discapacidade, así como mellorar a calidade do emprego e dignificar as súas condicións de traballo, combatendo activamente a súa discriminación. Para iso, as administracións públicas competentes fomentarán as súas oportunidades de emprego e promoción profesional no mercado laboral e promoverán os apoios necesarios para a busca, obtención, mantemento do emprego e retorno a este.

As persoas con discapacidade poden exercer o seu dereito ao traballo a través do emprego ordinario, nas empresas e nas administracións públicas, incluídos os servizos de emprego con apoio; do emprego protexido, en centros especiais de emprego e en enclaves laborais e do emprego autónomo.

O acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. A Consellería de Traballo e Benestar, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e na execución das políticas activas de emprego, aposta por un mercado laboral accesible, inclusivo e de calidade e establece accións específicas para a inserción deste colectivo, que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción e permanencia no mercado de traballo.

No deseño e xestión das políticas activas de emprego débese ter en conta a diversidade e a pluralidade que caracteriza a poboación con discapacidade, que se debe atender de forma diferente segundo as demandas e as necesidades que cada grupo de persoas traballadoras con discapacidade presenta. Dentro do conxunto das persoas con discapacidade existen grupos que, debido á súa tipoloxía concreta, como por exemplo parálise cerebral ou trastornos do espectro autista, ou ao seu grao de discapacidade, se encontran con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo. Esta realidade exixe a adopción de medidas específicas, que se poderían considerar de acción positiva dentro do grupo das persoas con discapacidade, xa que se trata de tratamentos máis intensos e diferenciados para estimular a empregabilidade destes grupos de traballadores e traballadoras con discapacidade que teñen máis dificultades de inserción laboral.

Nesta orde agrúpanse os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulando nos seus capítulos II e III, respectivamente, os programas de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

No Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria a Xunta de Galicia incrementa os importes das axudas pola contratación indefinida, previstas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, coa finalidade de favorecer especialmente o emprego das mulleres con discapacidade, das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral, e o emprego das persoas con discapacidade nas pequenas empresas e naquelas con centros de traballo no rural galego.

Este programa mellórase na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a subvención pola contratación temporal de persoas con discapacidade, sempre que a duración do contrato sexa de polo menos doce meses e coa subvención para a contratación de persoas con discapacidade no marco do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, sempre que sexan proxectos subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar. Estas melloras configúranse como un programa autonómico nesta materia que a Xunta de Galicia incluíu no Plan anual de políticas de emprego para o ano 2015.

As subvencións pola contratación das persoas con discapacidade establecidas nesta orde, en concorrencia coas bonificacións das cotas á Seguridade Social, resultan un apoio á obrigación legal sobre a cota de reserva a favor das persoas con discapacidade.

O artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, establece que todas as empresas que empreguen 50 ou máis persoas traballadoras cumpran coa cota de reserva, de forma que entre o seu cadro de persoal polo menos o 2 % sexan persoas con discapacidade. Non obstante, excepcionalmente as empresas quedan exentas do cumprimento da cota de reserva para persoas con discapacidade mediante a adopción das medidas alternativas reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril, e aprobadas na Comunidade Autónoma de Galicia pola Consellería de Traballo e Benestar. O incumprimento da cota de reserva ou da aplicación das súas medidas alternativas de carácter excepcional está tipificado como unha infracción grave en materia de emprego, segundo o previsto no artigo 15.3 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Mediante o Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III desta orde, desenvólvese na Comunidade Autónoma de Galicia o programa estatal establecido no Real decreto 870/2007, do 2 de xullo (BOE nº 168, do 14 de xullo). Esta norma establece os contidos esenciais do programa, como son a definición das accións que constitúen un proxecto de emprego con apoio, así como as persoas destinatarias finais e as entidades promotoras daquelas. Tamén regula a subvención de custos laborais e de seguridade social derivados da contratación de preparadores laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.

Unha das medidas que pode favorecer de modo máis importante a inserción das persoas con discapacidade grave no mercado de traballo ordinario é o emprego con apoio. Este consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, preparadores laborais especializados ás persoas traballadoras con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral que realizan a súa actividade en empresas normalizadas, do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos similares. Nos resultados do programa resulta fundamental o papel das entidades promotoras que poñen en marcha estes proxectos de emprego con apoio e das empresas do mercado ordinario que realizan a contratación das persoas con discapacidade grave grazas a esta nova fórmula de apoio a través dos preparadores laborais.

As bases reguladoras do Programa de integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento de concesión das subvencións do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo queda sometido ao réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Capítulo I
Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto, finalidade e financiamento

1. Coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nas empresas ordinarias con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2015, das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos seguintes programas:

a) Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (capítulo II).

b) Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (capítulo III).

2. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

3. Os programas regulados nesta orde están financiados con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

A concesión das subvencións previstas para o ano 2015 nesta orde estará limitada á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas ao programa regulado no capítulo II desta orde.

No exercicio económico 2015 as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias recollidas na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, e coa seguinte distribución inicial de importes de créditos por programas:

Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (capítulo II desta orde).

Aplicacións orzamentarias

Importe crédito (en euros)

11.02.322C.470.0, código de proxecto 2014 00511

1.000.000,00

11.02.322C.481.2, código de proxecto 2014 00511

     50.000,00

Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (capítulo III desta orde).

Aplicacións orzamentarias

Importe crédito (en euros)

11.02.322C.470.0, código de proxecto 2014 00511

  10.000,00

11.02.322C.481.2, código de proxecto 2014 00511

170.000,00

De producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada programa procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito doutro programa.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 2. Persoas ou entidades beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde as que se establecen para cada programa regulado nos seus capítulos II e III, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.

2. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos puntos 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en virtude da cal se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.

3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos puntos 2 e 3 anteriores, para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 3. Persoas destinatarias finais e definicións

1. As persoas destinatarias finais dos programas regulados nesta orde serán as persoas con discapacidade desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas, así como as persoas traballadoras con discapacidade, incluídas as procedentes de centros especiais de emprego.

2. Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

I. Persoas con discapacidade, aquelas que teñan recoñecida pola Administración competente unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

A comprobación da condición de persoas con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, soamente neste suposto deberá achegarse a resolución de recoñecemento da discapacidade.

De acordo co disposto no artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, considerarase que presentan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE núm. 300, do 16 de decembro de 2006):

a) Resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecendo a condición de pensionista por incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez.

b) Resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do Ministerio de Defensa recoñecendo unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Nestes casos, para a determinación do tipo de discapacidade psíquica, terase en conta a incapacidade en que o certificado do organismo competente para o seu recoñecemento, o Instituto Nacional da Seguridade Social, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou o Ministerio de Defensa recolla a concorrencia de parálise cerebral, de enfermidade mental ou de persoa con discapacidade intelectual.

Así mesmo, nestes casos a acreditación do grao de discapacidade superior ao 33 % realizarase mediante a resolución ou o certificado de recoñecemento do órgano competente da Administración autonómica que corresponda.

II. Persoas desempregadas, aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras con discapacidade, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, a comprobación de carecer de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social, das persoas traballadoras que se incorporan á empresa polas que se solicita a subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

III. Persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral, aquelas que se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

IV. Persoas traballadoras con discapacidade procedentes dun centro especial de emprego, aquelas persoas con discapacidade que prestando servizos nun centro especial de emprego sexan contratadas por nunha empresa ordinaria, sempre que non transcorresen máis de dez días naturais entre a data de baixa no centro especial de emprego e a data de alta na empresa ordinaria.

3. Para os efectos das axudas previstas no capítulo II desta orde, entenderase por concello rural aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes. Para computar o número de habitantes dos concellos galegos tomaranse como referencia as cifras de poboación referidas ao 1 de xaneiro de 2014 resultantes da revisión do padrón municipal, publicadas polo Instituto Nacional de Estatística e declaradas oficiais mediante o Real decreto 1007/2014, do 5 de decembro (BOE núm. 308, do 22 de decembro).

Artigo 4. Normativa aplicable

As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, e na Orde do 13 de abril de 1994, que desenvolve o capítulo II deste real decreto; no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional; no Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo e nesta orde.

Artigo 5. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalles:

a) Ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, cando se trate de solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no capítulo II desta orde, referidas a centros de traballo radicados na respectiva provincia.

b) Á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social cando se trate de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III desta orde.

Artigo 6. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia da persoa solicitante ou da persoa representante que actúe con poder suficiente.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos rexistros da Xunta de Galicia ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Os prazos de presentación de solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no capítulo II desta orde, serán os seguintes:

a) As solicitudes de axudas á contratación deberanse presentar ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2015.

b) As solicitudes de axuda pola adaptación de postos de traballo deberanse presentar antes do inicio desta adaptación, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2015.

c) As contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2014 e a data de publicación desta orde poderanse acoller ás súas axudas, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a contratación ou se tivese iniciado a execución do proxecto de investimento. O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

No caso das solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, entenderase que a persoa ou entidade solicitante desiste da súa solicitude cando o traballador ou traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta circunstancia ao órgano ante o que solicitou a axuda.

3. O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III desta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. As solicitudes e os anexos dos programas están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar no seguinte enlace: http://traballo.xunta.es/axudas-e-subvencions .

Para cubrir as solicitudes de subvención poderase empregar a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de axudas e subvencións.

5. Ás solicitudes das persoas ou entidades interesadas xuntaranse os documentos sinalados nos capítulos II e III desta orde, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso o solicitante poderase acoller ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Consentimentos, autorizacións e datos de carácter persoal

1. A presentación da solicitude de subvención pola persoa ou entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento. Neste caso deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Conforme o previsto no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a obriga de presentar as ditas certificacións poderá ser substituída pola declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Mediante a presentación da solicitude de subvención a persoa ou entidade interesada dá expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o Cixtec como responsable dos ficheiros, con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa ou entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que, de acordo co establecido nos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión da convocatoria, o programa, o crédito orzamentario a que se imputan, a persoa ou entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención.

4. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa solicitante ou representante da entidade pode autorizar expresamente a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade. En caso de non prestar a autorización deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante ou representante da entidade solicitante.

5. A presentación de solicitudes ao abeiro desta orde supón a existencia de autorización expresa de todas as persoas traballadoras con discapacidade da empresa, para a cesión de datos á Consellería de Traballo e Benestar, relativos ao tipo e grao de discapacidade.

6. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a: lopd.traballo@xunta.es .

A presentación da solicitude supón a cesión de datos persoais á Consellería de Traballo e Benestar por parte da entidade solicitante, polo que esta é responsable de informar a persoa traballadora sobre a existencia e finalidade da cesión así como da obtención do seu consentimento.

Coa finalidade de difundir o coñecemento do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, as entidades beneficiarias autorizan a Consellería de Traballo e Benestar para difundir as accións desenvolvidas nos proxectos de emprego con apoio, e de ser o caso, para publicar as memorias, estudos ou outros traballos derivados das accións desenvolvidas nos proxectos.

7. A comprobación do cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, previstos no artigo 3.2 puntos I e II desta orde, realizarase mediante a cesión de datos realizada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, polo Servizo Público de Emprego de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co previsto no artigo 6.2.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 10.4.c) do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro e nos artigos 14.1.b) e 20.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no capítulo II desta orde, axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

O procedemento de concesión no Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III desta orde, tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano instrutor dos expedientes será, de acordo coa competencia para coñecer e resolver as solicitudes, o Servizo de Traballo e Economía Social das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou o Servizo de Integración Laboral das Persoas con Discapacidade e Empresas de Inserción da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, que realizarán as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 9. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución no caso das solicitudes do programa do capítulo II será de cinco meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación; no caso das solicitudes do programa do capítulo III, o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, que se computarán desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase formular, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas ou entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 10. Xustificación e pagamento

1. A xustificación por parte da persoa ou entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos realizarase nos termos e condicións establecidos nos capítulos II e III desta orde.

2. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nos correspondentes anexos desta orde.

4. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberá terse realizado antes do 20 de decembro de 2015.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, antes do 20 de decembro de 2015.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

5. As empresas e entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2015. Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

6. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 11. Incompatibilidades e concorrencia

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. As subvencións establecidas para cada programa son incompatibles coas establecidas para os demais programas previstos nesta orde.

Artigo 12. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar. Neste sentido, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar, para o pagamento da subvención concedida, a xustificación do cumprimento da obriga de informar o traballador ou traballadora acerca da subvención do seu contrato, no modelo anexo X da orde.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e a normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 14. Revogación e reintegro

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 15. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante ingreso na conta de A Banca ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 16. Seguimento e control

As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Aos centros especiais de emprego que perciban as subvencións do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III desta orde, seralles de aplicación, para os efectos de seguimento e control, o disposto no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento dos centros especiais de emprego, e deberán achegar a memoria anual conforme o previsto no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

Capítulo II
Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade
na empresa ordinaria

Artigo 17. Obxecto

1. Este programa ten por obxecto incentivar a contratación de traballadores e traballadoras con discapacidade nas empresas ordinarias coa finalidade de fomentar e favorecer a súa integración laboral no sistema ordinario de traballo.

2. Neste programa recóllense os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención pola contratación indefinida.

b) Subvención pola contratación indefinida de traballadores e traballadoras con discapacidade dun enclave laboral.

c) Subvención pola contratación temporal.

d) Subvención pola contratación de persoas con discapacidade no marco de proxectos de emprego con apoio.

3. Ao abeiro da orde de convocatoria para o ano 2015, subvencionaranse contratacións que teñan data de inicio comprendida entre o 1 de outubro de 2014 e o 30 de setembro de 2015, ambas inclusive.

4. Neste programa subvencionase a contratación a tempo completo e a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo. A contía das subvencións e os incentivos adicionais, se é o caso, será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

5. Os contratos e as transformacións de contratos temporais en indefinidos para que poidan ser obxecto de subvención deberanse formalizar e comunicar á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 18. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das axudas previstas neste programa os empregadores e as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídas persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadores e traballadoras con discapacidade para prestaren servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos neste capítulo.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, nin os centros especiais de emprego.

Artigo 19. Exclusións e requisitos

1. Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

a) As contratacións realizadas con traballadores e traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido. Isto tamén será de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou traballadora con empresas ás cales a solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

b) Traballadores e traballadoras que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo cal se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou por despedimento colectivo.

Esta exclusión non será de aplicación cando a contratación indefinida se realice cun traballador ou traballadora con discapacidade procedente dun centro especial de emprego. Tampouco será de aplicación no suposto da incorporación a unha empresa ordinaria de traballadores e traballadoras con discapacidade no marco do Programa de emprego con apoio.

2. En todo caso, as exclusións das letras a) e b) do número anterior non se aplicarán cando se trate da contratación de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.

3. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013), non se poderán conceder nos seguintes casos:

a) Ás empresas que operen no sector da pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (UE) 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013 (DOUE L354, do 28 de decembro de 2013).

b) Ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta aos produtores primarios.

d) Ás empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros, cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 20. Subvención pola contratación indefinida

1. Os empregadores e as empresas que contraten con carácter indefinido a persoas con discapacidade desempregadas no momento da contratación, ou procedentes de centros especiais de emprego, poderán obter unha subvención de 3.907 euros por cada traballador con discapacidade ou de 5.107 euros por cada traballadora con discapacidade.

2. Ás contías da subvención pola contratación indefinida das persoas con discapacidade, establecidas no punto anterior, acumularanse os seguintes incentivos adicionais:

a) 1.000 euros, no caso da contratación indefinida de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.

b) 500 euros, no caso da contratación de traballadores ou traballadoras procedentes de centros especiais de emprego.

c) 500 euros, no caso de contratacións en empresas que teñan ata corenta e nove traballadores ou traballadoras, ou no caso de contratacións para prestar servizos en centros de traballo dun concello rural.

d) 902 euros, pola adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais á persoa traballadora con discapacidade contratada, ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

3. Serán obxecto destas subvencións e, se é o caso, dos incentivos adicionais establecidos nos puntos 1 e 2 anteriores, as transformacións en indefinidos de contratos formativos e de contratos temporais de fomento do emprego para persoas con discapacidade.

Artigo 21. Subvención pola contratación indefinida de traballadores e traballadoras con discapacidade dun enclave laboral

Coa finalidade de favorecer o tránsito das persoas con discapacidade desde o emprego nos centros especiais de emprego ás empresas do mercado ordinario de traballo, e en especial daquelas que polas súas características individuais presentan especiais dificultades para o acceso ao mercado ordinario de traballo, concederáselles unha subvención ás empresas colaboradoras que contraten con carácter indefinido un traballador ou traballadora con discapacidade do enclave laboral, segundo o previsto no Real decreto 290/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os enclaves laborais como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade (BOE núm. 45, do 21 de febreiro).

A contía desta subvención será de 7.814 euros por cada persoa con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral contratada a xornada completa. Esta subvención poderá ser destinada pola empresa colaboradora, total ou parcialmente, a servizos de apoio da persoa traballadora.

Esta axuda incrementarase en 902 euros pola adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais á persoa traballadora con discapacidade contratada, ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

No caso da contratación doutros traballadores ou traballadoras con discapacidade do enclave non incluídos no suposto do parágrafo segundo deste artigo, as axudas serán as establecidas no artigo 20 deste capítulo.

Para ter dereito a estas axudas á contratación deberase realizar sen solución de continuidade e transcorrido, polo menos, un prazo de tres meses desde o inicio do enclave ou desde a incorporación do traballador ou traballadora, se esta for posterior ao inicio do enclave.

Artigo 22. Subvención pola contratación temporal

1. O obxecto desta subvención é mellorar a inserción laboral das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo mediante a súa contratación temporal.

Aos empregadores e empresas que contraten temporalmente, cunha duración inicial mínima do contrato de 12 meses, a persoas desempregadas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, ou procedentes de centros especiais de emprego, concederáselles unha subvención de 2.000 euros por cada traballador con discapacidade ou de 2.600 euros por cada traballadora con discapacidade.

2. Ás contías da subvención pola contratación temporal das persoas con discapacidade, establecidas no punto anterior, acumularanse os seguintes incentivos adicionais:

a) 600 euros, no caso da contratación de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.

b) 500 euros, no caso de contratacións en empresas que teñan ata corenta e nove traballadores ou traballadoras ou no caso de contratacións para prestar servizos en centros de traballo nun concello rural.

c) 902 euros, pola adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais á persoa traballadora con discapacidade contratada, ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

O incentivo adicional establecido nesta letra será aplicable aos empregadores e ás empresas que realicen contratos temporais de fomento do emprego para persoas con discapacidade de acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego ou, sempre que a súa duración sexa igual ou superior a 12 meses, contratos en prácticas, para a formación e a aprendizaxe, ou contratos de duración determinada ao abeiro do artigo 15 do Estatuto dos traballadores.

3. Esta subvención non se aplicará no suposto das contratacións realizadas con persoas con discapacidade que prestasen servizos na mesma empresa nos últimos seis meses mediante un contrato de natureza temporal, agás os contratos de interinidade.

En todo caso, esta exclusión non se aplicará cando se trate da contratación de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral e no suposto da letra c) do número anterior.

Artigo 23. Subvención pola contratación de persoas con discapacidade no marco de proxectos de emprego con apoio

Coa finalidade de fomentar a contratación de persoas con discapacidade no marco do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III desta orde, e sempre que os proxectos de emprego con apoio estean subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar, concederáselles aos empregadores e empresas que contraten as persoas con discapacidade as seguintes axudas:

a) A subvención pola contratación indefinida prevista no artigo 20 deste capítulo incrementada nun 50 %.

b) A subvención pola contratación temporal prevista no artigo 22 deste capítulo incrementada nun 25 %.

Artigo 24. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas do orixinal, fotocopia compulsada ou debidamente cotexada da documentación que se relaciona:

a) Solicitude no modelo do anexo I-A que incluirá:

– Declaración do número de traballadores e traballadoras da empresa e, no caso de empresas que teñan cincuenta traballadores/as ou máis, declaración responsable do cumprimento da cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme o establecido no artigo 18.1 deste capítulo.

– Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante da entidade en caso de non prestar a autorización, no modelo da solicitude, á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

c) Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

d) Relación nominal dos traballadores ou traballadoras polos cales se solicita subvención, que incluirá a declaración da empresa sobre os custos salariais de dúas anualidades do traballador ou traballadora contratada (segundo o modelo do anexo II-A).

e) De ser o caso, resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que recoñeza a condición de pensionista por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do Ministerio de Defensa que recoñeza unha pensión por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, unicamente no suposto de que a persoa con incapacidade permanente non autorize expresamente, no anexo III-A desta orde, para acceder a esta información no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas do INSS.

f) Descrición detallada do posto de traballo que se vai cubrir e as súas características técnicas, segundo o modelo anexo VIII da orde, ou aquel outro que, respectando o seu contido, presente a persoa ou entidade solicitante.

g) No suposto de empresas colaboradoras en enclaves laborais, contrato realizado co centro especial de emprego, nos termos e condicións establecidos no artigo 5 do Real decreto 290/2004, do 20 de febreiro.

h) No caso do incremento das axudas pola adaptación dos postos de traballo ocupados por persoas traballadoras con discapacidade, se é o caso, memoria descritiva da necesidade de adaptación ou dotación de medios de protección persoal con indicación do seu custo e calendario de execución.

Artigo 25. Xustificación do pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación do orixinal, copia compulsada ou debidamente cotexada no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

a) Declaración comprensiva do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores (segundo o anexo IX).

b) Última nómina aboada ao traballador ou traballadora con discapacidade polo que se concedeu a subvención.

c) Declaración do cumprimento por parte da persoa ou entidade beneficiaria da obriga de informar o traballador ou traballadora acerca da subvención do seu contrato (segundo o modelo anexo X).

d) A xustificación para a percepción do incremento da subvención pola adaptación do posto de traballo requirirá a presentación da documentación xustificativa da súa realización e do seu efectivo pagamento.

e) Se é ocaso, extracto de balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números de asentos contables. Estes documentos contables poden ir xunto cunha breve descrición sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

2. No caso de que non conste no expediente, non se poderá realizar a proposta de pagamento da subvención concedida ata a incorporación dos seguintes informes que solicitará a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar na fase de instrución:

– Dos equipos multiprofesionais, sobre a adecuación do posto de traballo á discapacidade das persoas traballadoras contratadas.

– Da Inspección de Traballo, sobre a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal, para o suposto de solicitude de subvención de adaptación de postos de traballo.

No suposto de que estes informes sexan desfavorables, ditarase unha resolución revogatoria.

Artigo 26. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas establecidas á contratación neste programa serán compatibles coas bonificacións nas cotas á Seguridade Social e non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente á contratación indefinida que se subvenciona, ou o 100 % do custo salarial da contratación temporal subvencionada.

2. Para o caso de que se soliciten os incentivos pola transformación en indefinido dun contrato temporal que fose obxecto de subvención ao abeiro dos programas de fomento da contratación temporal, convocados pola Consellería de Traballo e Benestar, e a súa conversión se produza con anterioridade á súa duración mínima inicial subvencionable, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado reducindo na mesma contía os incentivos pola transformación do contrato en indefinido.

Artigo 27. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias e reintegros

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións previstas neste anexo, ademais das xerais recollidas no artigo 12 da orde, as seguintes:

1. Manter no seu cadro de persoal as persoas traballadoras contratadas ao abeiro deste programa, por un período mínimo de dous anos no suposto da contratación indefinida ou da transformación do contrato temporal en indefinido, ou polo tempo acordado no suposto de contratos temporais, non podendo despedir estas persoas traballadoras sen causa xustificada e, no caso de despedimento procedente ou baixa voluntaria, deberán substituílas por outras persoas traballadoras con discapacidade.

Para o suposto de despedimento procedente ou baixa voluntaria destas persoas traballadoras, se non se puidesen substituír por non existir una persoa candidata idónea no servizo público de emprego, procederá o reintegro parcial da subvención correspondente ao período de tempo que quedou sen cubrir o posto de traballo. No suposto de que non quede acreditada a inexistencia no Servizo Público de Emprego dunha persoa candidata idónea para realizar a substitución, procederá o reintegro total da subvención percibida.

No suposto de despedimento declarado ou recoñecido improcedente do traballador ou traballadora subvencionada procederá o reintegro das subvencións percibidas polos ditos traballadores.

Cando se produza unha baixa dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa ou entidade beneficiaria deberá realizar a substitución no prazo de tres meses desde a data da baixa. Unha vez realizada, a substitución deberá ser comunicada pola persoa ou entidade beneficiaria á correspondente xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar que concedeu a subvención.

2. Co fin de garantir o cumprimento do anterior, as empresas beneficiarias, transcorridos dous anos desde a contratación indefinida ou a transformación do contrato temporal en indefinido, ou transcorrido o tempo mínimo de 12 meses no suposto do contrato temporal, deberán presentar, dentro dos tres meses seguintes, na xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, unha relación dos traballadores ou traballadoras polos cales se lles concederon as axudas para os efectos de acreditar a súa permanencia na empresa e, no caso de despedimento procedente ou baixa voluntaria, dos traballadores ou traballadoras que os substituíron.

3. As persoas ou entidades beneficiarias do incremento da subvención pola adaptación de postos de traballo deberán manter o destino dos bens subvencionados polo mesmo tempo que están obrigados a manter o posto de traballo a cuxa adaptación aqueles bens serven, que non será inferior ao período mínimo de amortización do ben subvencionado.

4. Procederá o reintegro parcial da subvención concedida no suposto de que se realice a substitución por unha persoa traballadora con discapacidade por cuxa xornada de traballo e/ou características correspondería unha subvención inferior á concedida. A contía que se reintegrará será a diferenza entre a contía concedida e a que correspondería pola persoa traballadora substituta e calcularase polo período desde o mes en que se realiza a substitución, este incluído, e ata o cumprimento do prazo dos vinte e catro meses.

Artigo 28. Réxime de axudas de minimis

Os incentivos establecidos no Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión.

Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

Capítulo III
Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego
das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo

Artigo 29. Finalidade

A finalidade deste programa é favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral mediante a súa contratación en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 30. Obxecto

O obxecto deste programa é subvencionar as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio para financiar os custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.

Artigo 31. Definición de emprego con apoio

1. De acordo co establecido no artigo 2 do Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, enténdese por emprego con apoio o conxunto de accións de orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo, prestadas por preparadores e preparadoras laborais especializados, que teñen por obxecto facilitar a adaptación social e laboral de persoas traballadoras con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral en empresas do mercado ordinario de traballo en condicións similares ao resto das persoas traballadoras que desempeñan postos equivalentes.

2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:

a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa con discapacidade, elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.

b) Labores de achegamento e mutua axuda entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora con discapacidade.

c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar co contorno laboral nas mellores condicións.

d) Adestramento específico da persoa traballadora con discapacidade nas tarefas inherentes ao posto de traballo.

e) Seguimento da persoa traballadora e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e permanencia no emprego.

f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.

Artigo 32. Persoas destinatarias finais

1. As persoas destinatarias finais do Programa de emprego con apoio serán traballadores e traballadoras con discapacidade inscritos nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados, así como traballadores e traballadoras con discapacidade contratados por centros especiais de emprego, sempre que, en ambos os dous casos, se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

c) Persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

2. As ditas persoas traballadoras deberán ser contratadas por unha empresa do mercado ordinario de traballo para ser empregadas efectivamente na organización produtiva da empresa.

As empresas terán dereito aos beneficios previstos na normativa sobre contratación de persoas traballadoras con discapacidade nos termos establecidos nela e, en concreto, poderán solicitar as subvencións do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no capítulo II desta orde.

3. Poderán ser persoas destinatarias finais deste programa as sinaladas nas letras a), b) e c) do punto 1 deste artigo que, estando empregadas mediante un contrato de carácter indefinido, requiran o desenvolvemento das accións de emprego con apoio previstas no artigo 31 deste orde, como consecuencia dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo ou do seu contorno laboral que produzan agudos problemas de adaptación que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva.

Artigo 33. Promotores de proxectos de emprego con apoio e entidades beneficiarias das subvencións

Poderán promover proxectos de emprego con apoio e seren beneficiarias das correspondentes subvencións reguladas neste anexo as seguintes entidades:

1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade as cales se lles vai prestar o emprego con apoio e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter por obxecto social, entre outros, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade.

b) Contar no seu cadro de persoal con preparadores ou preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 36 ou comprometerse a incorporalos, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.

c) Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade.

d) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.

2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no rexistro correspondente, que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego. Estes centros especiais de emprego deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Contar no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 36 ou comprometerse a incorporalos, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.

b) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.

3. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídos os traballadores e traballadoras autónomos, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade beneficiarias das ditas accións sempre que conten no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 36 ou se comprometan a incorporalos, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.

Artigo 34. Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio

1. Os proxectos de emprego con apoio deberán facer constar, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Identificación da empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade que van recibir apoio, así como o seu compromiso de contratación das ditas persoas traballadoras.

b) Identificación da entidade promotora que vai levar a cabo as accións de emprego con apoio a través dos preparadores e das preparadoras laborais que ten contratados ou que vai contratar, neste caso deberá expresar o seu compromiso de contratación.

c) Número de persoas traballadoras con discapacidade que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, tipo e duración de contrato que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que van efectuar a prestación laboral, así como a descrición de cada un dos postos de traballo.

d) Relación dos preparadores e das preparadoras laborais que lles van prestar o apoio ás persoas traballadoras con discapacidade con indicación do tipo e duración do contrato de traballo formalizado ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio.

e) Descrición da previsión das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista nelas.

f) Nomeamento, por parte da empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade que van recibir apoio, entre o seu persoal, da figura do coordinador ou coordinadora do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores e as preparadoras laborais e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.

g) Convenio ou convenios de colaboración a que se refire ao artigo 35, no caso de que a entidade promotora sexa distinta da empresa que contrata as persoas traballadoras con discapacidade.

2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio que, para os efectos desta orde, terán unha duración máxima dun ano, prorrogable ata outro ano máis.

Non obstante, no caso de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 32, número 1.letra a), o prazo máximo de dous anos poderase ampliar ata seis meses máis, sempre e cando se detecten situacións de especial dificultade que exixan necesidades específicas de apoio.

3. As accións de emprego con apoio que teñan por persoas destinatarias finais as recollidas no suposto sinalado no artigo 32, número 3 desta orde poderanse desenvolver en proxectos de emprego con apoio cunha duración de entre un e seis meses.

Artigo 35. Convenio de colaboración entre a entidade promotora do emprego con apoio e a empresa empregadora

As entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 33 deberán subscribir un convenio de colaboración coa empresa que vaia contratar as persoas traballadoras con discapacidade destinatarias do emprego con apoio, co seguinte contido mínimo:

1. Identificación de ambas as dúas partes, facendo constar a denominación social, domicilio e o número de identificación fiscal.

2. Compromiso da entidade promotora de levar a cabo todas as accións de adaptación ao posto de traballo de cada persoa traballadora con discapacidade incluída no proxecto de emprego con apoio, para o cal a empresa tamén se deberá comprometer a permitir e facilitar a tarefa do preparador ou da preparadora laboral e a favorecer os apoios internos ao longo do proceso de inserción.

3. Compromiso de ambas as dúas partes de que as accións de emprego con apoio se prestarán de forma gratuíta.

Artigo 36. Preparadores e preparadoras laborais

1. As accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores e preparadoras laborais, que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que as capacite para a realización das funcións propias do seu posto.

2. O tempo de atención a cada persoa traballadora con discapacidade non poderá ser inferior á porcentaxe da xornada de traballo da dita persoa traballadora que se relaciona a continuación:

a) Un terzo no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

b) Un quinto no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.

c) Un oitavo no caso de persoas traballadoras con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

d) Un oitavo no caso de persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

Cando un mesmo preparador ou preparadora laboral lle preste atención a máis dunha persoa traballadora con discapacidade, o tempo de atención conxunto será a suma dos tempos de atención de cada unha das ditas persoas traballadoras. En ningún caso un preparador ou preparadora laboral poderá atender simultaneamente máis de 3, 5 ou 8 persoas traballadoras con discapacidade dos grupos a), b), c) e d) antes sinalados, respectivamente, ou os equivalentes cando as persoas traballadoras atendidas pertenzan a distintos grupos.

Artigo 37. Subvencións ás entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio

1. As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar custos laborais e de seguridade social que se xeren durante o período de desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio, derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais a que se refire o artigo anterior, polas entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas no artigo 33. A dita contratación poderase realizar tanto durante o desenvolvemento do proxecto como con anterioridade ao seu inicio.

2. A contía das ditas subvencións establécese en función do número de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 36, número 2, destinatarias das accións de emprego con apoio, contratadas para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondendo:

a) 6.600 euros anuais por cada persoa traballadora incluída na alínea a).

b) 4.000 euros anuais por cada persoas traballadora incluída na alínea b).

c) 2.500 euros anuais por cada persoa traballadora incluída nas alíneas c) e d).

Estas subvencións reduciranse proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora con discapacidade, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

3. Estas subvencións concederanse por períodos máximos dun ano, prorrogables nos termos establecidos no artigo 34, número 2, logo da solicitude por parte de entidades interesadas indicadas no artigo 33.

Para o cálculo das subvencións dos proxectos de emprego con apoio terase en conta unicamente o período en que cada persoa traballadora con discapacidade permaneza contratada e recibindo apoio durante o desenvolvemento do proxecto.

4. Non se poderán outorgar subvencións conforme o previsto nesta orde referidas a unha mesma persoa traballadora con discapacidade, aínda que correspondan a distintos proxectos de emprego con apoio, por tempo superior a dous anos ou, no suposto de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 32, número 1, letra a), e se detecten situacións de especial dificultade que exixan necesidades específicas de apoio, por tempo superior a trinta meses, agás no suposto previsto no artigo 34, número 3, desta orde.

5. Serán subvencionables os custos salariais e da seguridade social por conta da empresa correspondentes ás mensualidades desde outubro de 2014 ata setembro de 2015, ambas inclusive.

A contía da subvención en ningún caso poderá exceder o fixado no convenio colectivo de aplicación.

6. No suposto das entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 33, cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade en centros de traballo ou empresas de distintos concellos, poderase conceder unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía de 2.500 euros por entidade, ou a parte proporcional que corresponda por períodos inferiores ao ano en que se presten os apoios.

A contía da subvención en ningún caso poderá exceder o fixado no convenio colectivo de aplicación.

Artigo 38. Documentación

1. As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos á orde e deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada ou debidamente cotexada da seguinte documentación:

a) Solicitude no modelo anexo IV B que incluirá a declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante da entidade en caso de non prestar a autorización, no modelo de solicitude, á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

c) Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

d) Documento constitutivo da entidade promotora do proxecto de emprego con apoio e as súas posibles modificacións, xunto cos estatutos sociais.

e) Documentos acreditativos da inscrición da entidade no rexistro correspondente.

f) Memoria que permita valorar a competencia, experiencia e capacidade da entidade promotora, con indicación dos recursos materiais de que dispoñen para desenvolver as actuacións polas cales se solicita subvención.

g) Currículo dos preparadores ou preparadoras laborais, xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia profesional para a realización das accións de emprego con apoio. No caso de ter formalizada a contratación, contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social.

h) Certificación de gastos relativos aos custos salariais e de seguridade social por conta da entidade promotora dos preparadores e das preparadoras laborais, en función da duración do apoio e da xornada realizada, referido ao período polo que se solicita a subvención, segundo o modelo do anexo VII-B, (deberase presentar un anexo por cada preparador ou preparadora). Achegaranse copias das nóminas e dos documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento, correspondentes ás mensualidades xa aboadas na data da solicitude.

i) Documentos TC-1 e TC-2, correspondentes aos meses polos cales se solicita a subvención xa ingresados, conforme as normas da Seguridade Social, na data da solicitude.

j) Copia do proxecto de emprego con apoio, que incluirá as accións que se vaian desenvolver, segundo o previsto no artigo 31 desta orde, así como os requisitos e duración, establecidos no artigo 34, e recollerá os obxectivos, recursos, orzamento, fases de implantación e sistemas de avaliación dos resultados. Deberase indicar expresamente se se trata da solicitude de prórroga dun proxecto de emprego con apoio conforme o previsto no artigo 34, número 2.

k) Relación nominal dos traballadores e das traballadoras con discapacidade que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, do tipo, duración e xornada do contrato formalizado ou que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que efectúan ou van efectuar a prestación laboral (segundo o modelo do anexo V-B).

l) No caso de ter formalizada a contratación, contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras con discapacidade.

m) Descrición de cada un dos postos de traballo que van ocupar os traballadores ou traballadoras con discapacidade (segundo o modelo do anexo VIII), ou calquera outro que, respectando o contido mínimo, queira presentar a persoa ou entidade solicitante.

n) Relación nominal dos preparadores e preparadoras laborais que prestan ou van prestar o apoio ás persoas traballadoras con discapacidade con indicación do tipo, duración e xornada do contrato de traballo formalizado, ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio, caso en que deberá expresar o seu compromiso de contratación (segundo o modelo do anexo VI-B).

ñ) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista destas. Engadirase un cronograma cos apoios realizados ou que se van realizar no total do período que se subvencionará do 1 de outubro de 2014 ao 30 de setembro de 2015.

o) De ser o caso, acreditación das circunstancias que requiran a prestación das accións de emprego con apoio ás persoas con discapacidade no suposto dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo, ou do seu contorno laboral que produzan agudos problemas de adaptación que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva.

p) Se é o caso, acreditación do pagamento dos gastos en concepto de desprazamento nas nóminas dos preparadores ou preparadoras laborais, xunto cunha declaración asinada pola entidade e o preparador ou a preparadora laboral, relativa aos custos reais aboados, relacionando os desprazamentos aos concellos polos que se solicita a subvención.

Artigo 39. Criterios de avaliación e adxudicación de solicitudes

1. O órgano competente para emitir o informe de avaliación será a comisión de avaliación, que terá a seguinte composición:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo.

Vogais: a persoa titular da xefatura do Servizo de Integración Laboral das Persoas con Discapacidade e Empresas de Inserción e un funcionario ou unha funcionaria do servizo, designado pola persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que actuará como secretario ou secretaria.

2. A valoración das solicitudes presentadas efectuarase de acordo cos criterios e coa ponderación seguinte:

a) Calidade técnica do proxecto de emprego con apoio presentado. Ata 50 puntos de acordo coa seguinte escala:

Características e xustificación da necesidade de atención especializada das persoas con discapacidade obxecto dos apoios. Valorarase a identificación das dificultades e necesidades das persoas obxecto dos apoios. Ata 5 puntos.

Tipoloxía das accións de apoio que se levarán a cabo. Ata 5 puntos.

Implementación metodolóxica. Valorarase a metodoloxía a utilizar coas persoas con discapacidade obxecto dos apoios. Ata 5 puntos.

Sistemas de avaliación interna. Valoraranse os cronogramas, follas de verificación, indicadores de resultados ou calquera outra ferramenta que utilice a entidade para avaliar a realización e consecución dos obxectivos dos apoios. Ata 5 puntos.

Innovación. Valoraranse as innovacións en aspectos metodolóxicos, nos recursos e materiais que se utilicen e/ou en aspectos organizativos. Ata 5 puntos.

Recursos humanos. Valorarase a adecuación do currículo profesional do preparador ou preparadora laboral para a realización das accións de emprego con apoio incluídas dentro do proxecto presentado. Ata 5 puntos.

Tipoloxía da entidade solicitante. Ata 20 puntos:

– 20 puntos para as empresas do mercado ordinario de traballo.

– 15 puntos para as asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro.

– 10 puntos para os centros especiais de emprego.

b) Número de traballadores e traballadoras con discapacidade contratados no marco do proxecto de emprego con apoio. Ata 30 puntos de acordo coas seguintes escalas:

Pola modalidade de contratación:

– 5 puntos por cada persoa con discapacidade contratada por tempo indefinido.

– 2 puntos por cada persoa contratada con contrato temporal.

Polo tipo e grao de discapacidade:

– 3 puntos por cada persoa traballadora con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.

– 2 puntos por cada persoa traballadora con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.

– 1 punto por cada persoa traballadora con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%, ou por cada persoa xorda e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

c) Porcentaxe de traballadores e traballadoras co tipo e grao de discapacidade descritos no artigo 32, número 1, letra a) desta orde. Ata 20 puntos.

d) Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no destino das subvencións, nas persoas destinatarias finais e nas accións do proxecto de emprego con apoio. Ata 15 puntos.

e) Resultados cuantitativos e cualitativos de proxectos de emprego con apoio na convocatoria do ano anterior da mesma entidade promotora. Ata 15 puntos.

O limiar mínimo de puntuación exixido para adquirir a condición de beneficiario é de 55 puntos.

Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na elaboración do proxecto de emprego con apoio, e servirá como criterio auxiliar para distinguir entre as solicitudes presentadas ás cales se asignará o mesmo número total de puntos en virtude dos anteriores criterios.

3. Non obstante, non será necesario fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos e acaden a puntuación mínima exixida de 55 puntos, para o caso de que o crédito consignado nesta convocatoria fose suficiente atendendo ao número de solicitudes unha vez finalizado o prazo de presentación, conforme o previsto no artigo 55 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. O órgano instrutor elevaralle o informe da comisión de avaliación xunto coa proposta de concesión ao órgano de resolución.

En calquera caso, a concesión das subvencións estará condicionada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias para o dito fin segundo o consignado na disposición adicional sexta da orde.

Artigo 40. Pagamento e xustificación

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación do orixinal ou copia compulsada ou debidamente cotexada da documentación que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, xustificativa da realización da actividade para a cal se concedeu a subvención.

2. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2015. Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. Poderanse realizar pagamentos á conta da subvención concedida que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e serán aboados pola contía equivalente á xustificación presentada. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan non poderá ser superior a unha porcentaxe do 80 % da subvención concedida.

Para realizar pagamentos á conta, o beneficiario estará obrigado á constitución de garantías segundo o disposto no artigo 67 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Non obstante, conforme o previsto no artigo 65.4 do dito regulamento, quedan exonerados da constitución de garantía:

– As entidades sen ánimo de lucro.

– Os beneficiarios das subvencións concedidas cuxos pagamentos á conta non superen os 18.000 euros.

Para os efectos de proceder ao pagamento fraccionado, a entidade beneficiaria deberá presentar, referida ás mensualidades polas que se solicita, a seguinte documentación:

a) Certificación de gastos relativos aos custos salariais e de seguridade social dos preparadores ou preparadoras laborais polos cales se concedeu a subvención, segundo o modelo do anexo VII-B, xunto con copia das nóminas, e dos documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento.

b) Documentos TC-1 e TC-2.

c) Relación nominal das persoas traballadoras con discapacidade que recibiron as accións de emprego con apoio: certificación da permanencia ou variacións deste persoal no período, mediante o modelo anexo V-B desta orde.

Para o suposto de proxectos de emprego con apoio en que se realicen novas contratacións, contratos de traballo e descricións do posto de traballo.

d) Declaración comprensiva, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo IX).

e) Acreditación do pagamento dos gastos en concepto de desprazamento nas nóminas dos preparadores ou preparadoras laborais, xunto cunha declaración asinada pola entidade e o preparador ou a preparadora laboral, relativa aos custos reais aboados, relacionando os desprazamentos aos concellos polos que se xustifica a subvención.

4. Para efectuar o primeiro pagamento fraccionado, no caso de non se ter presentado coa solicitude, a entidade beneficiaria deberá presentar, ademais da documentación sinalada no número anterior, unha certificación do inicio das accións, os contratos e documentos de alta na Seguridade Social dos preparadores e das preparadoras laborais e dos traballadores e traballadoras con discapacidade contratados no proxecto de emprego con apoio.

5. O pagamento final da subvención concedida realizarase unha vez presentada a documentación relacionada nos números anteriores, referida a todo o período subvencionado, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa do cumprimento dos obxectivos previstos no proxecto de emprego con apoio e a avaliación dos seus resultados.

b) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora prestou a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle correspondeu atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal destas. Engadirase un cronograma cos apoios realizados no total do período subvencionado do 1 de outubro de 2014 ao 30 de setembro de 2015.

c) Declaración do cumprimento por parte da persoa ou entidade beneficiaria da obriga de informar o preparador ou preparadora laboral acerca da subvención do seu contrato (segundo modelo anexo X).

d) Coa finalidade de garantir que non se produza un dobre cofinanciamento na resolución de concesión establecerase que o pagamento final da subvención concedida quedará condicionado á presentación por parte da entidade beneficiaria dos xustificantes orixinais das nóminas dos preparadores ou preparadoras laborais subvencionados, correspondentes ás mensualidades polas cales se concedeu a subvención, para seren marcados cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe da nómina se imputa total ou parcialmente á subvención. Neste último caso indicarase, ademais, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Estes orixinais, despois de ser selados, serán devoltos á entidade beneficiaria polo órgano xestor.

e) Declaración complementaria do establecido no artigo 40 3.d), do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo IX).

f) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números de asentos contables, e a indicación específica do seu cofinanciamento parcial pola Consellería de Traballo e Benestar. Estes documentos contables poden ir xunto cunha breve descrición sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

6. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior de subvención da inicialmente concedida, emitirase a correspondente resolución revogatoria.

Artigo 41. Pagamentos anticipados

No suposto das entidades beneficiarias do artigo 33, número 1 poderán realizarse pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, no momento que a entidade subvencionada presente unha certificación do inicio das accións, os contratos e documentos de alta na Seguridade Social dos preparadores e das preparadoras laborais e das persoas traballadoras con discapacidade.

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, poderanse conceder pagamentos anticipados de ata un 80 % da subvención concedida. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros poderanse conceder, ademais, pagamentos anticipados dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

Estas entidades poderán solicitar o pagamento anticipado conxuntamente coa solicitude inicial e quedan exoneradas da constitución de garantía conforme o disposto no artigo 65.4 letras, f) e h) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 42. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións previstas neste anexo, ademais das xerais recollidas no artigo 12 da orde, as seguintes:

Manter os postos de traballo dos preparadores e das preparadoras laborais polo período subvencionado. Cando se produza unha baixa dun preparador ou preparadora laboral deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar. A substitución do preparador ou da preparadora laboral deberase realizar por outro profesional que reúna os mesmos requisitos exixidos para a concesión da subvención e terá que se realizar no prazo dun mes desde a data da baixa.

Unha vez realizada a substitución, deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, achegando a seguinte documentación:

– Currículo do preparador ou da preparadora laboral, xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia profesional para a realización das accións de emprego con apoio.

– Contrato de traballo e documento de alta na Seguridade Social.

– Descrición detallada das accións de emprego con apoio que o preparador ou a preparadora laboral vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista destas.

2. Será causa de reintegro total das subvencións percibidas pola contratación do preparador ou preparadora laboral o seu despedimento declarado ou recoñecido improcedente.

Artigo 43. Incompatibilidade e concorrencia de axudas

Estas subvencións son compatibles coas reguladas na orde da Consellería de Traballo e Benestar pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o centro especial de emprego, tanto a través da unidade de apoio á actividade profesional como do proxecto de emprego con apoio, preste as accións de apoio previstas ás persoas traballadoras con discapacidade contratadas e atendidas en cada programa, coas limitacións en canto ao tempo de atención e número de persoas traballadoras que se van atender establecidas para os ditos programas.

b) Que os custos laborais e de seguridade social xerados pola contratación laboral dos preparadores ou das preparadoras laborais a que se refiren o punto 1 do artigo 37 desta orde e os correspondentes ao período de contratación dos traballadores e traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional se imputen proporcionalmente en función da dedicación á unidade de apoio á actividade profesional ou ao proxecto de emprego con apoio, sempre que a suma total das dúas subvencións non superen tales custos.

Disposición adicional primeira. Control, avaliación e seguimento

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda. Acreditación do cumprimento das condicións exixidas

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nas persoas titulares das xefaturas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, e na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que deriven, ditadas por delegación da persoa titular da consellería. Así mesmo apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación ou, no seu defecto, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file