Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 27 de xullo de 2015 Páx. 31110

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 104/2015, do 23 de xullo, polo que se modifica o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

O Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, regula a actividade de control de acceso nos espectáculos públicos e nas actividades recreativas que dispoñan do dito servizo, así como os criterios da habilitación e as funcións do persoal de control de acceso a establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Segundo establece a norma mencionada, para desenvolver a función de control de acceso deberá contarse coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, logo da obtención do certificado acreditativo de ter superadas as probas previstas no artigo 5 do referido decreto, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Así mesmo, a norma citada tamén dispón que a validez da habilitación será de cinco anos desde a data da súa expedición e que a súa renovación requirirá a superación de novo das probas específicas e o cumprimento dos requisitos que se establecen no xa citado artigo 5.

En aplicación da devandita normativa, o vindeiro 31 de xullo de 2015 remata o prazo de cinco anos de vixencia da habilitación que lles foi expedida aos/ás integrantes da primeira promoción de persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Mediante o Decreto 75/2015, do 21 de maio, polo que se modifica o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, déuselle unha nova redacción ao mencionado artigo 7 que, en síntese, suprime a exixencia de ter superado a proba consistente na realización dun test de coñecemento sobre as materias relacionadas coas funcións propias deste persoal, xa que se considera que a superación dun test psicolóxico é suficiente para renovar a habilitación sen menoscabo de garantir o adecuado desempeño da actividade de control de acceso.

Malia que a correspondente orde de convocatoria das probas para a renovación da habilitación, adaptada á nova regulación xa referida, está en fase de tramitación neste momento, constátase a inviabilidade de cumprir os prazos inherentes ao procedemento establecido para tal fin, o que suporía que os/as profesionais que ata o de agora viñan desenvolvendo as funcións de persoal de control de acceso quedarían inhabilitados/as, a partir do 31 de xullo de 2015, para o desempeño das devanditas funcións.

En atención ao exposto, considérase necesario prorrogar o prazo de vixencia das habilitacións para o persoal de control de acceso cuxa vixencia finaliza o 31 de xullo de 2015 e, en consecuencia, ampliar o prazo para a súa renovación nun período temporal que se considera suficiente para que a Administración poida ter tramitado e resolto este primeiro procedemento de renovación.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de xullo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas

O Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, queda modificado como segue:

Un. A disposición transitoria única queda redactada como segue:

«Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio

Para exercer a actividade de control de acceso exixirase dispoñer da correspondente habilitación a partir do 1 de xaneiro de 2012».

Dous. Engádese unha disposición transitoria segunda coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria segunda. Prórroga do prazo de vixencia das habilitacións cuxa vixencia remata o 31 de xullo de 2015

Prorrógase o prazo de vixencia das habilitacións cuxa vixencia remata o 31 de xullo de 2015 ata o 31 de decembro de 2015. Este persoal deberá dispoñer da correspondente renovación a partir do 1 de xaneiro de 2016».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xullo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza